A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 5 de noviembre de 2019

UNHA SITUACIÓN POLÍTICA REACCIONARIA QUE VAI CONSOLIDAR UN NOVO CICLO ELECTORAL E POLÍTICO.


Carlos Dafonte

A situación política de estabilidade da que gozaba o réxime, quebrou e os trazos máis importantes que a indican, as causas desta quebra, son a crise económica, e sobre todo a resposta á mesma que se deu dende as institucións, que fixo apreciar a moit@s que os Estados non son neutrais; o problema sen solución polo de agora, da configuración territorial do propio Estado, o tema de Cataluña, cuxo proceso de independencia comenzou como unha mobilización contra os recortes sociais levados a cabo polos partidos que hoxe encabezan o “procés”; as mobilizacións de sectores de traballadores contra a súa perda de dereitos de todo tipo e a defensa dos servizos públicos, que se poden exemplificar nas chamadas “marchas da dignidade”, mobilizacións que neste período foron moi numerosas; a consciencia por parte de millóns de traballadores da corrupción institucional e o enriquecemento ilícito dunha parte de polític@s dos dous grandes partidos; o movemento coñecido como 15 M ca ocupación de prazas públicas e a crítica aceda ó propio réxime e o sistema de partidos. Todos estes elementos e algúns máis, levaron á quebra do bipartidismo, a dimisión do anterior Xefe do Estado e conseguiu, que o réxime entrase nunha fonda crise cuxa resposta á mesma foi no transcurso destes anos, non hai que esquecer que ocupou o Goberno o Pp por un período de catro anos con maioría absoluta, de carácter eminentemente reaccionario, apoiado en determinadas circunstancias, polo Psoe.

A resposta a esta situación foi como dixen, de carácter reaccionario, represión, a chamada “lei mordaza”, o cambio no discurso dos principais partidos políticos, etc, o que permitiu a aparición no Parlamento de Andalucía e nas Cortes da forza política que agrupa ó neofranquismo, cuxa chegada ás institucións con certa forza, é froito desta nova situación reaccionaria, que se palpa, á que nos levaron as políticas tanto do PP como do PSOE que son os que tiñan capacidade, dende as institucións de dar unha resposta distinta á crise económica e social e do réxime. Si a resposta fronte os problemas fose diálogo e ”máis democracia”, a situación política hoxe sería moi distinta á que estamos a vivir, pero elixiuse, o levan nos seus xenes, e ademais son políticas que se pulan dende a U.Europea, cernar dereitos, liberdades, creando o “caldo de cultivo”, tamén dende os medios de comunicación, para que na sociedade avanzasen posicións ideolóxicas que configuran esta nova situación política.

As novas eleccións do día 10 de novembro verificarán o cambio de ciclo electoral.
Que vai acontecer o día dez de novembro?, non me gusta lanzar agoiros, pero penso que vai ser un chanzo máis neste proceso que denuncio. E hai moitos máis responsables que Psoe e Pp; tamén os que recolleron unha parte moi importante do voto progresista e de esquerdas, Podemos nun principio, que en pouco tempo dilapidaron ese capital, entrando no xogo do Psoe e dos medios de comunicación, abandonando a rúa único lugar onde combate-la marea reaccionaria, e abrindo unha estratexia de goberno co Psoe, que os levou nas seguintes eleccións como Unidas Podemos a perder parte do seu electorado e, non teño medo a trabucarme, a seguir a perder votos e deputados nas próximas eleccións do día 10.
Non se pode ilusionar a un electorado falando de derrotar definitivamente ó bipartidismo e despois establecer toda unha estratexia política baseada en gobernar cunha das patas do mesmo e afianzar un dos argumentos que se teñen usado con máis descaro nestes anos de transición, que o Psoe é un partido da esquerda, cando neste período de máis de corenta anos, o que fixo foi tentar de destruír todo o que pode aparecer na esquerda e si non pode destruílo, facer, grazas a unha cantidade enorme de medios, que fique reducida a unha expresión que non altere o bipartidismo; tendo o Psoe a idea clara de que aínda que a necesitase para gobernar, nunca o fará con ese sector e escollerá a sectores da dereita nacionalista ou na fractura actual do sistema do sistema partidista, a calquera outro partido.
Esta estratexia trabucada de Podemos, que non foi capaz de decatarse que se estaba a dar un cambio importante a nivel electoral e seguiu ca mesma estratexia de pacto co Psoe, despois da novas eleccións xerais, europeas, autonómicas e municipais, levou neste caso, a Unidas Podemos a unha calexa sen saída e a necesidade para superar esta situación, de levar a cabo unha autocrítica e unha reflexión fonda de cal debe ser a nova estratexia para a nova situación.
A crise de Unidas Podemos, que se afondará cos resultados das eleccións do día 10, fíxolle perde-lo rumbo tanto a nivel programático como orgánico, pois hoxe é complicado coñecer cal é o seu programa e tamén levou a unha parte dos militantes, non son capaz de valorar en tanto por cento, a abandona-la organización; caso aparte é o de Errejón e compañía, que utilizaron as vacilacións de Unidas Podemos, diante das trampas tendidas polo Psoe na negociación que nunca se ía culminar, para crea-lo seu propio partido e engadir de acordo co Psoe un tema máis, a desunión e a fragmentación da suposta esquerda, para que Unidas Podemos saia o día 10 ca sensación de seguir a afondar na súa derrota. Tampouco hai que esquecer que hoxe Unidas Podemos xa non é o aglutinante de forzas rexionalistas, o caso de “Compromís” é o exemplo máis nidio, que escolle o partido de Errejón, Máis País, como o seu referente.
Co Psoe no goberno, nunca se poderá levar adiante un enfrontamento cas políticas neoliberais, as que pula o “cartel da troika”, e agora en plena campaña vai ser difícil, para Unidas Podemos, un cambio de discurso, do que se facía para que o aceptara o Psoe, ó que hai que facer para recuperar a unha parte importante do electorado, un discurso e un programa que amose que hai un proxecto alternativo ás políticas neoliberais e a estrutura actual do propio Estado.

O Psoe se pode decatar que a convocatoria electoral non lle favoreceu.
Actuou con oportunismo, e en política moitas veces se paga; consciente de que o ciclo electoral lle favorecía, rexeitou todas as propostas de Unidas Podemos e coñecendo a data da sentencia do Tribunal Supremo sobre o acontecido en Cataluña nestes tempos, referendo masivo e enfrontamentos das forzas represivas contra quen quería votar, declaración de independencia e da República Catala, etc, pensou que era o momento, e pulado polas enquisas que dicían que a súa subida era factible, convocou eleccións. Pero non contaba en primeiro lugar que a sentencia fora tan desproporcionada e brutal, inmersa neste proceso reaccionario, nin que a resposta fose tan contundente por parte do pobo catalá, aínda que a mesma se mesturara cun proceso de explosión social resposta ás condicións materiais na que vive unha parte da sociedade, sobre todo mozas e mozos, que dende a miña opinión, pouco ten que ver co proceso independentista e bastante co movemento coñecido en toda Europa e EEUU como “Black Bloc”, aínda que os medios de comunicación o vinculen a Qim Torra e os CDR; segundo as noticias que teño, estes comités atópanse en “horas baixas” e polo tanto sen moita capacidade de mobilización.
A realidade, a coñeceremos o día 10 e é posible que o Psoe pode non saca-lo rédito que pensaba ca convocatoria electoral.
Sexan cales sexan os resultados do día 10 hai varias evidencias que teño claras van perdurar:
En primeiro lugar, que o réxime vai seguir mergullado nunha fonda crise; o descrédito da política como xeito de solucionar problemas e da maioría dos políticos, das institucións e dos medios de comunicación é moi importante e iso non se soluciona cuns resultados electorais, aínda que estes reforcen o modelo bipartidista; os casos pendentes de ser sancionados por corrupción nos que se atopan inmersos os dous partidos aínda está por chegar. Tampouco vai beneficia-lo réxime a nova crise e posible recesión económica, cas súas consecuencias sociais a causa das medidas que con toda seguridade se van tomar, cando non foron solucionadas as feridas moi graves producidas pola iniciada en 2007. Esta perspectiva económica vai con toda seguridade a afondar no enfrontamento traballadores asalariados e institucións.
En segundo lugar, a situación reaccionaria que vivimos non vai retroceder, posiblemente siga a avanzar si o neofranquismo se consolida nas Cortes; e tamén debemos ser conscientes que a devandita Sentencia do Supremo, nos di dúas cousas, que todo o acontecido non foi rebelión, o que clarifica algúns aspectos, pero no preámbulo hai algo moi preocupante e que non sei o alcance que pode ter, cando tentando clarificar o tema da desobediencia civil, a equipara ó delito de sedición, polo que foron condenados os dirixentes políticos e sociais catalás. O que se pode traducir, que me corrixan se me trabuco, que toda mobilización social pode ser considerada sedición e condenados os seus convocantes, a 13 anos de privación de liberdade.
En terceiro lugar, vai ser necesario a nivel de Estado e tamén de Galicia, un reagrupamento de todo o que “anda disperso” nun movemento político e social que rache con esa idea da posibilidade dun goberno co Psoe. E nesa perspectiva Unidas Podemos ten que ser un elemento nuclear, en Galicia xunto con sectores do nacionalismo non sectario, sempre que se produzan cambios no seu proxecto, programa e discurso; que dun programa de goberno asimilable polo réxime, despois dunha ampla discusión se articule un programa que formule unha alternativa ó mesmo, e loite pola recuperación da organización e mobilización da clase traballadora e a maioría social, abrindo unha perspectiva estratéxica de superación do sistema capitalista.

En cuarto lugar, que @s traballador@s asalariad@s e o resto das clases populares, non deben esperar nada do Goberno que se constitúa; nunha situación con predominio ideolóxico da extrema dereita e entrando a maioría dos países do entorno nunha situación de crise económica e recesión, participando na U.E. e pertencendo o espazo euro, se van aplicar medidas de austeridade, que van facer máis difícil a vida cotiá da maioría da poboación.

En Galicia no mes de novembro de 2019.




No hay comentarios:

Publicar un comentario