A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 26 de febrero de 2022

CRISE NO PP. UN CHANZO MÁIS NA CRISE DO RÉXIME.

Carlos Dafonte


O que está a acontecer no PP ademais de se-lo resultado, entendo, da pouca madurez persoal e a falla de preparación política de moit@s d@s dirixentes, así como ausencia dun xeito de pensar coherente asentado no tempo, capaz de configurarse como a alternancia fronte a quen goberna, forma parte, que ninguén se leve a engano, do deterioro do réxime nado en 1978. Aqueles alicerces nos que se asentaba sufriron un desgaste moi importante, atópanse en cuestión: a monarquía, o bipartidismo imperfecto, o nacionlismo catalán hoxe moi deteriorado e ata as propias organizacións novas que axudaron a poñer fin ó bipartidismo sofren un grao de deterioro importante, todo se atopa en crise, como o PP un dos restos daqueles alicerces que parecían firmes.

Tamén parecía que eiquí estabamos vacinados contra o pulo da extrema dereita, que noutros países da UE estaban a sufrir; e falamos de países onde os movementos nazi-fascistas foran derrotados en 1945. En España nunca foi derrotado o sucedáneo, o franquismo, durou trinta anos máis. E si despois de 1945 e da importante limpeza que se levou a cabo nas institucións e na sociedade e do combate ideolóxico que se lle deu a ese xeito de pensar, leva dende hai anos avanzando, cas modificacións teóricas que os tempos impoñen, en Francia, Italia, Alemaña, Austria, Grecia, en algúns países nórdicos e en outros nos que en tempos estiveron baixo o control da URSS, como podíamos pensar que non acontecera no estado español onde non foi derrotado o réxime franquista? O novo réxime tivo que ser produto dun acordo, pulado por un movemento social importante, non había forza para a creba democrática, entre unha oposición dividida con grande pluralidade política e ideolóxica, así como diferentes intereses, e os que abandonaron o franquismo para “situarse”, entre eles a monarquía, no espazo “politicamente correcto” que os amos do mundo esixían para a súa integración.

Quen pensara como se fixo nestes dous últimos anos por parte do PP e C's, que aseguraban ocupar o “centro político”, que quitándolle lexitimidade ás institucións como Cortes e Goberno, ou apropia xudicatura importantes na democracia burguesa e volver a unha actitude “cainita” de escribir de novo a historia, de abandonar a defensa de determinados dereitos humanos, ían acadar réditos electorais e políticos, teñen fracasado dun xeito estrepitoso e amosan a inmadurez dos dirixentes políticos que pensan que na súa actividade calquera discurso vale, que se pode cambiar de discurso constantemente e que esa actitude non vai danar ó país que din defender. 

E cando as eivas da transición se poñen en evidencia ca aparición de Vox con moita forza, que coido podemos cualificar como neofranquismo, estes dirixentes políticos se dividen internamente por como actuar fronte a aparición desta nova forza, cambian de discurso e o que onte era malo hoxe é bo, se lle branquea ademais, dándolle postos nas estruturas de determinadas administracións do estado e iso é, por moito que se queira dicir o contrario, o que lle está a pasar ó PP, incubou o ovo da serpe e agora a serpe está disposta a comelo. 

Iso é o que a nova dirección do PP, ó marxe dos problemas orgánicos, ten que solucionar nese congreso extraordinario, o que o novo presidente ten que decidir; posiblemente calquera das posicións que tome o van levar á división dentro do partido. Pois é moi difícil conxugar á presidenta da Comunidade de Madrid, a nova estrela rutilante no panorama político, que afirmou na súa campaña electoral dúas opinións moi importantes, a primeira que había que escoller entre “comunismo ou liberdade” e a segunda que diante de que lle chamaran fascista, sentíase orgullosa por estar “no lado bo da historia”, dun simplismo e dunha iñorancia supina; consecuentemente goberna na Comunidade co apoio de VOX, xa que non ten maioría absoluta e proclama a todo quen a queira escoitar, que en caso de necesidade os “neofranquistas” deben entrar nos gobernos, de calquera administración.

O grave da conxuntura política actual é que VOX aparece como vencedor deste deterioro constante de organizacións e institucións, polo que é necesario analizar con fondura as razóns desta circunstancia, ó tempo que o “neofranquismo” aparece como unha ameaza para a errática sociedade democrática burguesa española, que si hoxe ou nun prazo curto se celebrasen eleccións xerais, se convertería no primeiro partido da oposición, partido que quere poñer fin á vixencia de partes importantes da propia Constitución, relativas ós dereitos humáns, estrutura territorial, dereito de opinión, etc., cuestión que nos debe facer reflexionar, ó tempo que ven a amosar dun xeito nidio que o proceso da transición non foi tan exemplar como nos queren facer crer. 

Na transición non se resolveu o tema da necesidade da democratización de determinados aparellos do estado, poder xudicial, exército, forzas e corpos de seguridade, onde se atopa o “neofranquismo” moi ben asentado. Se a isa situación lle engadimos que chegan “catro” discursos demagóxicos e populistas para que unha parte da sociedade, que apoiou durante corenta anos todo o que o bipartidismo levou a cabo, sen dar a razón ós que facían advertencias sobre o que ían significa-los procesos de desindustrialización, a entrada na UE, a liberalización dos mercados de combustibles, electricidade, privatización de servizos públicos, etc., sexa convencida polos mesmos e busque solucións onde non as hai. Deixouse ó marxe durante todos estes anos a necesidade de afondar na democracia, na convicción de que moitos dos problemas que hoxe arrastramos, se tiveran solucionado con maior grao de democracia e non como se fixo ca “Lei Corcuera” ou a “Lei Mordaza”, quero dicir dun xeito gráfico,  con restricións a todo tipo de dereitos. 


Si Feijoo acepta dirixi-lo rumbo da nave do PP, que vai facer co seu “mascarón de proa”?, que ata o de agora respecto a VOX, ten un discurso oposto ó do propio Feijoo, aísda que a iste nunca se lle coñeza ben o que quere, que vai facer en Castela e León o PP? Vai tentar producir un cambio de rumbo, ou seguir co discurso cainita? No primeiro caso está por ver que lle sigan a maior parte d@s afiliad@s e dirixentes locais moi cómod@s estes anos ca simpleza do discurso de Casado e o nó de dirección: dici-las máximas barbaridades cun obxectivo, facer caer ó goberno. Hoxe coñecen que conduce a ningures, só a súa propia destrución.


Hai un segundo aspecto que o próximo presidente ten que solucionar, a elaboración dun programa que hoxe non consta que teñan. A dirección actual, a punto de desaparecer, substituíu o programa que todo partido que aspira a alternancia debe ter, por toda unha seria de insultos dirixidos a acabar co goberno, pero o que se necesita é un programa que dea resposta, dende unha perspectiva da dereita conservadora.


Cando xa tiña finalizada esta reflexión, escoito a nova que a C A de Madrid, despois de que a sucesión do Pablo Casado parece que está acordada e Feijoo como o “sinalado”, fai coñecer un documento segundo o que o afirmado por Casado de haber cobrado o irmán da presidenta 283.000 é certo. Paréceme un xeito de que o novo presidente, reciba unha herdanza envelenadaa.  


En Galicia no mes de febreiro de 2022.

No hay comentarios:

Publicar un comentario