A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 18 de febrero de 2022

UCRAÍNA, TAIWAN...EN DERIVA DUNHA GUERRA MUNDIAL?


Roberto Laxe

Ten unha lóxica esmagadora que ante os acontecementos da actualidade formulen-se máis preguntas que certezas, posto que o mundo que está a saír da pandemia é unha pregunta en si mesmo. O Covid puxo en dúbida o papel do capital para resolver as necesidades sociais diante dunha crise sanitaria que matou a millóns de persoas en todo o mundo, sen que este vexa unha alternativa.


Un sistema, o capitalismo, que converteu nun “mercado persa” todos os sistemas de prevención e loita contra a pandemia, desde a “crise das máscaras” até a fabricación das vacinas, que resultou no negocio do século das farmacéuticas sobre a base da “ditadura” dos técnicos e epidemiólogos. Nos países imperialistas, que pagan relixiosamente, levan xa tres vacúas, mentres se negan a liberar as patentes para que se poida vacinar todo o mundo.


Pois ben, neste mundo descolocado ante a pandemia as contradicións que viñan anunciado desde da crise do 2007/8 están a piques de explotar, e a principal de todas elas, por encima da loita contra o cambio climático, é a que opón ás dúas “cadeas imperialistas”, a que se agrupa ao redor do eixo anglonorteamericano -a alianza AUKUS- e os seus corifeus europeos (a OTAN), e a que vira ao redor de China e o seu “brazo armado”, Rusia (a máis recente Organización de Cooperación de Xangai, OCS).


A nova guerra fría, ou “guerra hibrida”


Os expertos en xeo política chámanlle a “guerra hibrida”, con todo como demostrou un coronel de exército nun faladoiro da Sexta, non é ningún descubrimento que antes de calquera choque bélico produza-se unha guerra de información/desinformación (agora coñecidos como "fake news" ou bulos), campañas diplomáticas, presións comerciais e guerra sicolóxica, á que agora hai que engadir a guerra “cibernética”, os “hackeos” e demais medios informáticos. Todo iso unido a unha demostración de forza dos contendentes.


Até agora os dous bloques só están a facer esas demostracións ou ben en países semicoloniales (Siria!), ou ben a través de manobras militares; aínda non toca pasar das demostracións de forza aos feitos.


Esta é a diferenza fundamental entre o que hoxe chaman a “guerra hibrida” da vella “guerra fría”; esta non era o preludio de ningunha guerra mundial, por moito que os imperialistas quixesen atemorizar ás súas poboacións coa súa ameaza: eles ben sabían que nin a burocracia soviética nin a chinesa tiñan a menor intención de pór en perigo a fonte o seu poder, o control do aparello do estado obreiro.


A política no caso da URSS era a de “coexistencia pacifica” co imperialismo, mentres a de China, baixo a caracterización de que a URSS era social imperialista, buscaba o acordo cos EEUU a través do que se chamou “diplomacia do ping-pong” e os acordos coa administración Nixon.


Os acordos de Yalta e Potsdam, a disolución da III Internacional, a traizón á revolución grega ou o illamento da iugoslava, a freada aos procesos revolucionarios en Italia e Francia tras o esborralle do fascismo e o nazismo foron os principais exemplos de que esa “guerra fría” nunca pasaría ao grao de “quente”.


Só “versos soltos” como Cuba ou Vietnam rompían este acordo entre todos eles, e toda a súa política foi, sempre, tranquilizar as contradicións que podían provocar os cubanos ou os vietnamitas coas súas revolucións. A burocracia era profundamente conservadora (e politicamente contrarrevolucionaria) porque tiña que defender as bases da súa poder e non as ía a cuestionar por entrar nunha guerra que, sabía, non podía gañar.


As condicións actuais


As datas nos acontecementos históricos son claves para entender os xiros que dan os procesos sociais, e é, ademais, a maneira de chegar a un entendemento ante unha polémica. Son os momentos “nodales” en termos hegelianos, nos que un proceso dá un salto de calidade; cando a acumulación cuantitativa de cambios sociais que o determina e move provoca un cambio na esencia da realidade. O que os economistas burgueses chaman un “cisne negro”; un acontecemento aparentemente máis da realidade que é a pinga que desborda o vaso.


Neste sentido, as condicións actuais veñen determinadas por dúas deses momentos, a represión do pobo chinés en Tiananmén en 1989, e a caída do Muro do Berlín dous anos despois.


As políticas das burocracias rusa e chinesa, cada unha coas súas especificidades nacionais, de buscar acordos co imperialismo, de renuncia á extensión da revolución no nome da “coexistencia pacífica” e as mesmas medias internas de control burocrático da economía, conducían, á súa pesar, a sentar as bases para o colapso de ambos os estados e á restauración do capitalismo.


Digo “ao seu pesar”, porque a base da súa poder como sector social era o control da economía planificada, e acabar con ese control supuña dinamitar a fonte dos seus privilexios. Cando o colapso era inevitable no caso da URSS os burocratas, con Yeltsin á cabeza, convertéronse facilmente ao capitalismo. A burocracia chinesa, que evitara ese colapso, tomou coletivamente como partido comunista ese mesmo camiño, dirixindo eles con man de ferro a restauración definitiva do capitalismo.


As burocracias rusa e chinesa eran conservadoras porque os seus privilexios dependían dese papel que non podían transmitir de maneira legal aos seus descendentes, posto que, ao revés que baixo o capitalismo, non eran proprietários das empresas que xestionaban. O seu uso estaba limitado polo seu papel no aparello do estado, non pola propiedade privada dos medios de produción e distribución.


Se este fenómeno dera-se nun marco de revolución mundial, coas nacións máis desenvolvidas avanzando cara ao socialismo, a burocracia teria unha función efémera. O crecemento da riqueza social (non confundir coa riqueza capitalista, que non teñen nada que ver, é a apropiación privada da riqueza xerada pola sociedade) iría disolvendo as contradicións sociais e o peso das leis do mercado sobre a sociedade.


Pero a realidade foi a oposta; estes países, que naceron en condicións de fames negras e escaso desenvolvemento, tiveron que enfrontar a un mundo capitalista, con toda a forza corrosiva que este sistema ten. Da mesma maneira que o “vello réxime” feudal foi sendo corroído pola burguesía nacente, que en 1789 “só” tivo que desfacerse deses estados putrefatos, as políticas contrarrevolucionarias das burocracias foi a porta aberta á restauración capitalista que atopou os seus momentos nodales en Tiananmén e en Berlín. Tanto un como outro eran como cando unha mosca cae nunha tea de araña, a cada movemento para soltarse, pégase máis a ela.


Tras eses procesos, o mundo hoxe é capitalista, réxense todos polas mesmas leis económicas que de maneira automática determina os destinos da humanidade: poden cambiar os ritmos, poden aceleralos ou frealos, pero non cambiar o curso profundo dos acontecementos. Pola traizón da Social democracia e o estalinismo, que impediron á clase obreira aparecer como alternativa á crise capitalista, a I e a II Guerra Mundial eran inevitables; poderían cambiar os actores, como cambiaron as alianzas dunha a outra guerra, pero o seu carácter interimperialista era consecuencia da decadencia dos imperialismos dominantes (Gran Bretaña e Francia), e a entrada en escena dos que hoxe chamariamos “emerxentes” (EE UU e Alemaña, principalmente).


“Entre dous dereitos iguais, o que decide é a forza” (Marx)


O que define a actualidade mundial non é o conflito entre unha potencia imperialista e un estado obreiro, por moi dexenerado que estivese, senón entre potencias imperialistas en pugna pola hexemonía no mercado mundial; ou o que é o mesmo, quen se apropia da parte do león da mais valía xerada pola explotación da clase obreira a nivel mundial, que até agora está en mans da cadea imperialista encabezada polos EEUU.


Neste sentido é decisivo comprender que as leis internas que impulsan un sistema ou outro son radicalmente distintas. Así, mentres na economía capitalista o “mercado” e a “política” teñen ritmos distintos, a primeira actúa de maneira automática, “equilibra-se” nas leis que o moven, a segunda só pode cambiar os ritmos aínda que as súas tendencias máis profundas (tendencia decreciente taxa de ganancia, centralización e concentración de capitais, etc.) son inmutables por decisións políticas: as crises económicas explotan queiran ou non os políticos burgueses. Se non fóra así, os políticos e os propietarios da economía serían as mesmas persoas e habería que darlle a razón aos reformistas, cando din que todo é un problema de xestión.


No caso dunha economía non capitalista e planificada, así sexa burocráticamente, “economia” e “política” non só van da man, senón que son as mesmas persoas as que se benefician coas súas decisións políticas sobre a economía.


O que opuña á URSS e os estados obreiros ao mundo capitalista non era esa pugna polo mercado mundial, senón algo de máis calado, que clase arrogaba-se o dereito a dirixir á humanidade, ou a clase obreira ou o capital. Por isto é máis profunda a traizón que supuxeron as políticas contrarrevolucionarias das burocracias, posto que falando en nome da clase obreira e o seu proxecto social, o socialismo, abriron as portas de pao a pao á restauración do capitalismo.


Non eran dous “dereitos iguais” en sentido abstracto, eran dúas alternativas sociais opostas polo vértice, unhas rexidas pola planificación da economía, así fose burocrática e a conservación dos privilexios da burocracia, mentres aos outros a procura do beneficio privado, a acumulación de capital e a súa centralización e concentración, á conta do saqueo e a explotación das maiorías sociais: “camiña ou rebenta” é a súa lema.


Pola contra, hoxe si podemos falar de “dous dereitos iguais”, o que ten a cadea hexemónica a conservar o que conquistara nas guerras mundiais, o dominio sobre o mercado mundial, e o que teñen as potencias emerxentes a arrebatarllo. Só a “forza” poderá decidir quen é o poder hexemónico no mercado mundial.


Son estas forzas sociais que nacen nas entrañas do sistema capitalista as que a diferenza da “guerra fría”, pon ao mundo nunha deriva suicida. Non falamos de potencias con armamento convencional, senón cunha capacidade destrutiva que é un pesadelo mesmo para os “falcóns” da OTAN, que son ben conscientes de que unha dinámica de guerra aberta entre as dúas cadeas imperialistas ao redor dos seus puntos de conflito (Ucraína e Taiwan) pode non ter vencedor.


Se na Conferencia de Zimmerwald os internacionalistas que alí se reuniron declararon “guerra á guerra”, ante a carnicería que as potencias imperialistas organizaran en 1914, que non temos que dicir agora, cando o perigo ante o que nos pon as potencias imperialistas é o do “suicidio colectivo”.


Galiza, febreiro de 2022


No hay comentarios:

Publicar un comentario