A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 24 de agosto de 2022

ALGUNHAS REFLEXIÓNS SOBRE O PROXECTO DE "SUMAR".

Carlos Dafonte.

    Neste verán, se está a continuar, supoño, na construción dun novo proxecto político, “ó marxe dos partidos, dos egos”, que se quere alicerzar arredor da Ministra de Traballo Iolanda Díaz, que segundo o dito por ela, atópase na etapa primixenia de escoitar á sociedade; un formulismo moi electoralista pero contraditorio, por ser presentado por alguén que ocupa un posto de relevancia nun goberno do estado que ten a obriga de coñecer o que a sociedade opina.

Sospeito que Iolanda Díaz non centra ese “escoitar” en que se lle presenten problemas sociais novos, que non coñeza, senón en ver con que forzas sociais, movementos, partidos, líderes sociais, de opinión etc, pode sumar ó proxecto que está disposta a encabezar cas condicións por ela, ou por quen sexa os que o idearon, estableceron.

De verdade que me parece que se  “comeza a casa polo lousado”, pois si está disposta a encabezar un proxecto político, entendo tiña a obriga de presentar un esbozo dun programa e dun proxecto social, que é de supoñer de carácter reformista, dentro dos marcos establecidos pola Unión Europea e nunha situación de crise global, resultado do seguidismo de quen manda en Europa e das políticas, curiosamente antieuropeistas dos USA, que tenderon unha trampa co golpe de estado, seguido da guerra civil en Ucraína, que calquera que tivera a máis mínima información e intelixencia política, tería a evidencia, máis tarde ou máis cedo, dunha resposta de Rusia; presumiblemente o que os USA devecían.

Nestas circunstancias, nas que a propia economía e estabilidade política da UE se atopa en perigo, por non ser capaces de parar unha guerra civil en Ucraína que comezou no 2015, máis difícil vai ser para-la invasión rusa nun determinado territorio, o Donbass, e facer fronte ás contramedidas que Rusia tomou contra a UE; polo tanto o programa de SUMAR, se que ó final así se chama o proxecto que quere liderar Iolanda Díaz, non vai ser moi distinto do que hoxe ten o goberno encabezado polo Psoe.

Unha sospeita xorde de inmediato: si do que se trata con este novo proxecto, o obxectivo que ten o mesmo, é agrupar o que se foi desgarrando de Podemos ó longo da súa curta traxectoria, para buscarlle ó Psoe unha muleta a súa medida, para configurar si é posible no futuro un novo goberno de coalición, onde non exista ningún tipo de contradición interna, que polo que se ten observado nestes anos, que é o que analizan algúns dos medios de comunicación do capital, en vez de sumar e darlle riqueza política e programática, afirman resta votos, e pon en perigo a hexemonía do partido liderado por Sánchez.

Se por fin aparece “SUMAR”, non podemos deixarnos enganar se nos din que é un proxecto novo, de esquerdas. Hoxe a sociedade asentada no territorio do estado español, dende a primeira ata a última autonomía, non está preparada para un proxecto de esquerdas a levar a cabo por un goberno, que só avanzaría ca condición de contar cunha sociedade comprometida, organizada e mobilizada arredor do mesmo, capaz de facer fronte a toda a “artillería pesada” que os poderes económicos, ideolóxicos, institucionais, étc, dispararían contra o goberno que o tentase levar a cabo; proxecto que só se mantería vivo co apoio da maioría da sociedade. Hoxe  hai sectores do movemento obreiro moi combativos polas melloras das súas condicións de vida ou que tentan impedi-lo retroceso en determinados dereitos ou servizos básicos para a sociedade, pero non chega para darlle pulo a un novo proxecto, entendo, que sexa alternativo ó que formula o capital. Sería cuestión de facer unha análise serio desta circunstancia que poño sobre da táboa. 

Se o proxecto de Iolanda Díaz avanza, vai significar, entendo eu,  que o pouco da esquerda que hoxe continúa organizada e que só xoga á carta institucional, vai sufrir un importante retroceso.

Hai que comprender que si Unidas Podemos se retira tamén da loita electoral, despois de ter abandonado a loita social, a mobilización, vai significar que tamén o fai o PCE e IU, entramos nun proceso novo de liquidación de toda unha serie de forzas políticas, que posiblemente sexa o que se está a buscar. 

Haberá electores que pensen, que diante da posibilidade de que a alternancia no goberno e nas institucións sexa unha alianza entre o “renovado” PP de Feijoo e os neofranquistas de VOX, SUMAR pode ser xunto ó PSOE, capaces de garantir a continuidade da política actual; pero si o fan non deben pensar que se está a votar por unha opción de esquerdas, se estará a votar polo “mal menor”, por unha opción con certo carácter progresista, moi ligada ós intereses da oligarquía que goberna e constrúe a Unión Europea. Pero a alternativa d@s traballador@s seguirá a estar moi afastada no panorama político que se poda abrir.


En Galicia no mes de agosto de 2022.


No hay comentarios:

Publicar un comentario