A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 11 de diciembre de 2022

SOBRE A COMPLEXA SITUACIÓN INTERNACIONAL (I)

Carlos Dafonte

Ao meu entender a situación internacional está dominada por dúas circunstancias de carácter xeral que se fan patentes dende hai anos e outras moitas que poden variar co paso do tempo, que analizaremos na segunda parte deste traballo.

Por unha banda a fondura da crise no sistema capitalista que se agravou a partir do ano 2007 cando, como no crac da bolsa mundial do ano 1987, deixou de ser unha crise na periferia, como foron a “crise da débeda”, a do “tequila”, a do “reis”, a do “rublo” ou a dos países ata o momento da súa creba, coñecidos como “tigres asiáticos”, que tiveron todas elas repercusións no centro do sistema capitalista, pero ningunha como a que lle afectou aos países centrais a partir de 2007, da que non deu saído, pero  agochou a pandemia. Esa era a realidade, as medidas de todo tipo que se tomaron non foron eficaces, só lle deron ao enfermo un curto tempo de tregua; a pandemia serviu para enganar á maioría das sociedades podendo asegurar, institucións, economistas, a maioría dos políticos, etc, sen poñerse vermellos, “agora que estábamos no bo camiño...” pero non, esa non era a realidade.

Os grupos de economistas e técnicos de todo tipo de CLACSO, fixeron unha análise, entendo que bastante axeitada, da situación dos USA meses antes da pandemia, contraria ao aseverado pola señora Lagarde naquel momento directora xerente do FMI, cando na súa conferencia sobre a revisión anual da economía dos USA celebrada o 6 de xuño de 2019, amosábase moi satisfeita co comportamento da economía da primeira potencia mundial, contradicindo o informe do organismo da que ela era xerente, de xaneiro de 2019 titulado “Debilitamento da Expansión Mundial”.

CLACSO partindo de que o Pib=Consumo familias+ Investimento empresas+ Gasto Goberno+ (Exportacións-Importacións) chegaba á conclusión de que a economía dos USA nos primeiros trimestres do ano 2019 atopábase a punto de entrar en recesión.

No primeiro trimestre do ano 2019 minguara a taxa de crecemento do consumo de bens e sobre todo os duradeiros nun -4,6 %. O investimento que estaba nun 8 % no primeiro trimestre do ano 2018, pasara a ser o 1 % no mesmo do ano seguinte. No mesmo período o das empresas do 11,5% ao 2,3%. Máis en concreto o das empresas en oficinas e infraestruturas, do 11,9 % ao 1%.

Analizada a queda de ganancias na Industria Manufactureira comprobábase que dende o último trimestre de 2014 ata o último de 2018, a queda producíase tanto en bens duradeiros como non duradeiros; en maquinaria de 36,3 de miles de millóns de dólares a 18,3; Computadoras e produtos electrónicos de 70,9 miles de millóns de dólares a 39,3; na produción de equipos eléctricos e electrodomésticos, de 27,4 miles de millóns de dólares a 2,5; na automotriz, de 36,4 miles de millóns de dólares a 8,9.

A pandemia serviulle á “locomotora económica do capital” e a algúns dos seus vagóns mais importantes, para o que dixen, para agochar a realidade

Controlada a epidemia, os USA saían da mesma a punto de entrar en recesión. As cifras da economía da maior potencia do mundo, subministradas por organismos propios así o indicaban. Ademais neste período pandémico, aconteceu outro proceso moi importante sobre o que debíase reflexionar, a primeira potencia do mundo, pechado en parte o comercio internacional, acostumada a que traballaran para ela coa axuda dos organismos internacionais que foi creando antes de finalizar a II ª Guerra Mundial, atopouse sen subministros moi importantes para manter a un bo ritmo a súa economía, mentres o seu inimigo, China, traballando para ela e os demais, non se enfrontou aos problemas da potencia competidora.

No fondo o “America primeiro” que formulou Trump na súa campaña, e unha vez acadada a presidencia, tentaba iniciar co obxectivo dun rexurdir do que eles chaman “América”, estaba baseado en tres piares;  “reindustrialización”, sendo como é un país altamente industrializado, tentábase atraer de novo ás empresas que saíran a producir en países que lles permitira acadar maiores beneficios, acompañando o proceso dunha guerra comercial contra de China. Tentaba, tiña como obxectivo solucionar esta deficiente situación que a pandemia máis tarde deixou patente, pero que xa tiñan analizado, de perda constante de poder de todo tipo, fronte a China.

No programa “trumpista” había, e supoño que haberá se volve a presentarse as eleccións, outros dous elementos a cada cal máis perigoso para a estabilidade dos USA que os pode poñe-lo borde dunha guerra civil; a desistitucionalización do país, é dicir, a loita sen ningunha consideración contra  determinadas institucións e as súas regras, que consideran un atranco para poñer aos USA no primeiro lugar no mundo. Como o proxecto trumpista precisa de varios anos para poñerse en practica e obter resultados, tampouco consideraría fora de lugar, que tentasen ampliar o número de anos para exerce-la presidencia.

O asalto ao Congreso, totalmente desprotexido cando estaba claro que se ía levar adiante, indica ata que punto unha parte do Partido Republicano e da sociedade americana, unha parte importante da maioría branca, apoiada  polos supremacistas, está disposta a chegar. Hai dous días, cando levaba varios escribindo este artigo, a nova proposta de Trump de deixar sen efecto a Constitución, vai tamén nesa liña.

A terceira pata deste proxecto baséase no racismo e a xenofobia, poñendo como únicos beneficiarios do mesmo, a “américa branca”, tentando excluír a latinoamericanos, negros, asiáticos e calquera outro tipo de minoría non branca. Os datos que se recollen por parte dalgúns estudos levados a cabo nos USA son preocupantes, un rearme importante por parte das minorías non brancas e a súa posible resistencia, ata coas armas na man a acepta-lo proxecto.

Apreciamos que a cadea imperialista co seu elo forte á cabeza, esta disposta a todo con tal de recupera-la fortaleza que hoxe esta perdendo, ata a de chegar a provocar e impor unha guerra na Europa do leste, co obxectivo de acadar que a U.E. rache a súa alianza con Rusia e obrigala a unha sumisión completa aos seus intereses.

A ausencia dunha alternativa ao dominio do capital.

É dende o meu punto de vista, a segunda circunstancia xeral das dúas das que falaba ao principio, e dada a crise económica que percorre o planeta, que inflúe sobre a forza de traballo, sobre os que a teñen que vender a cambio dun salario, as traballadoras e traballadores, as/os únicas que crean riqueza, repito, dada a crise económica do capitalismo, incapaz de superala e que o único que fai é agochala, paréceme moi difícil de aceptar que non se teña levantado a nivel mundial, unha alternativa que só pode ser a das clases traballadoras, capaz de agrupar ao seu redor a todas as demais clases e fraccións de clase que se ven afectadas pola crise do sistema capitalista e comezan a comprender que non ten solución, pero ao mesmo tempo que o capitalismo non vai desaparecer senón é pola acción das forzas dispostas a dar unha alternativa distinta.

A alternativa das traballadoras e traballadores, non pode existir outra que sexa capaz de levar adiante as transformacións necesarias, en primeiro lugar pola forza que se necesita e en segundo pola fondura que os/as explotados poden dar as transformacións estruturais, que debe ser global, debe abranguer, unificar baixo unha única alternativa a todos os movementos que loitan polos seus dereitos non recoñecidos, en momento nos que o capital tende máis a exclusión e se reafirma, fai máis violento o seu proceso, sempre latente, de concentración e centralización.

Que razóns hai para que o proceso de levantar unha alternativa dos traballadores e traballadoras fronte a crise do capitalismo non se teña iniciado?.

En primeiro lugar a causa da “derrota histórica” que para as forzas da esquerda, significou a volta ao capitalismo naqueles países onde a burguesía tiña sido expropiada, comezando pola antiga Unión Soviética, os países que se separaron da mesma, así como aqueles outros que despois da IIª G.M. ficaron baixo a súa influenza. Derrota cuxas consecuencias teño analizado, aínda que parcialmente, nalgúns artigos de hai un tempo no blog.

En segundo lugar o sectarismo que embarga ás organizacións de esquerda, entendendo como tais só as que loitan pola desaparición do dominio do capital nas súas respectivas sociedades; entendo fora do concepto de esquerda aquelas que tentan só reformar ao capitalismo, lavarlle a cara, pero sen modificar aqueles elementos que o caracterizan, a explotación da forza de traballo, a carencia de planificación, a loita polo beneficio e o consumo desbordado, a falla de consideración pola natureza, etc.

Sectarismo que impide un reagrupamento das forzas de esquerda a nivel mundial, e formular esa alternativa que é necesaria, diante da agresión constante do capital, na súa crise permanente, contra as sociedades planetarias.  

Neste senso a resolución saída do XX Congreso do Partido Comunista de China, delimitando os campos entre un socialista e outro capitalista, aínda ata que non o vexa con feitos contrastados non vou abandonar a miña posición dos últimos anos, da existencia de dúas cadeas imperialistas en loita, con moi diferentes xeitos de exerce-lo imperialismo, a encabezada polos USA e por China. De ser certo ese intento de construír un campo socialista, aínda coas prevencións que moit@s podamos ter sobre o mesmo, podería axudar ao agrupamento necesario para facer fronte ao dominio actual do capital. Sendo conscientes que a dinámica de bloques, de consolidarse co tempo, vai ser máis fluída, susceptible de cambios internos que a que xurdiu após a IIª G.M., e non vai a estar baseada en dúas estruturas militares que non permiten modificacións algunha; a OTAN con toda seguridade vai actuar así, obrigando a pertencer, baixo ameaza de intervención militar a todo o que decida cambiar de campo ou de bloque ou como se lle queira chamar, pero o outro campo debe formarse arredor dun programa social e das políticas económicas que benefician máis á poboación. Aínda que os países que podan pertencer ao mesmo son moi distintos, teñen problemas diferentes, sempre hai algún denominador común contra o que loitar, a fracción da clase hexemónica no poder, e proxectos como a sanidade pública eficiente, a defensa da natureza, poñer fin á discriminación da muller ou unha ensinanza que acade a toda a sociedade, que deben aparecer en calquera programa transformador.

Paréceme unha boa medida, e salientable, o que fixo China en África cando anunciou a cancelación das débedas de préstamos sen interese con dezasete países do continente, o apoio dado á entrada da Unión Africana no Grupo dos 20 e redución dos aranceis a produtos de 16 países que se atopan entre os máis pobres do mundo.

Ademais como sinala Higinio Polo nun artigo publicado en “Rebelión”, levan construído en Africa máis de 10.000 quilómetros en camiños de ferro,  100.000 en estradas, máis de 100 portos e preto de 1.000 pontes e un grande número de escolas e hospitais, logros que contrastan ca actividade dos USA centrada en operacións militares e a inxerencia nos asuntos internos de numerosos países africanos, onde contan ca “axuda militar” da Unión Europea, entre eles coa do estado español.

En Galicia no mes de decembro de 2022


2 comentarios: