Roberto Laxe
Para entender umha guerra é preciso analizar, antes de nada, o contexto xeo político no que se produce, que forzas entran en loita, e o contexto histórico que levou o conflito baixo a pregunta de “porqué agora” é que desatouse a guerra de alta intensidade?.
O terceiro elemento, e decisivo para o desenvolvemento da guerra, é o interno, tanto na potencia agresora como na nazón agredida. Mas, se non ha forzas no terreo calquera afirmación que fagamos hai que colle-la con moito coidado. Son isos elementos da realidade interna, a loita de clases dentro do estado en cuestión, a que determina a orde do noso programa. Desde fóra é imposible medir “(…) as condicións actuais e a conciencia actual das amplas capas da clase obreira (...)”, que permita precisar o sistema de consignas transitorias que leven a “conquista do poder polo proletariado”, como marcaba Trotski para a elaboración do programa de transición.
Aquí voume centrar no contexto histórico que permite comprender porque agora o imperialismo estadounidense desatou a guerra de agresión contra Iran.
Unhas cuestións teóricas para comprender a concatenación cos feitos. Parmenides de Elea dixo ha mais de 2000 anos, “a política é a guerra con palabras”, von Clausewitz dixo no século XIX, “a guerra é a política con outros medios”, e Lenin rematou, “a política é economía concentrada”; se poñemos en relación as tres máximas, pódese entender moito do que pasa.
“Deixen de xogar co dólar” (Trump dixit)
Cando os EEUU nos anos 70 romperon o acordo de Bretton Woods, onde acordarase o patrón dólar – ouro, que significaba a certificación do domino absolto do imperialismo estadounidense tras a II Guerra, a súa decadencia estaba comezando. A guerra do Vietnam non so foi umha derrota política e militar, senón que supuxo un golpe as finanzas dos EEUU, incrementando o avultado déficit publico e precipitou a ruptura dos “privilexios exorbitantes” do dólar, como dixera Giscard d'Estaing Uns privilexios que lle permitían financiar a súa débeda emitindo moeda.
Aquí comezaron os problemas para os EEUU, que vivían por riba das súas posibilidades.
Para resolver o buraco aberto pola ruptura de Bretton Woods, Kissinger deseñou o “petrodólar”. O analista Marin Katusa escribiu o seguinte na revista Oroyfinanzas, do 28 de febreiro do 2015:
“En 1975, todos os membros da OPEP acordaron vender o seu petróleo só en dólares estadounidenses. Cada nación importadora de petróleo no mundo comezou a aforrar os seus excedentes en dólares estadounidenses co fin de poder comprar petróleo; coa alta demanda de dólares fortaleceuse a moeda. Ademais diso, moitos países exportadores de petróleo como Arabia Saudita pasaron a investir os seus excedentes de dólares en bonos do Tesouro americano, con isto Estados Unidos conseguiu unha fonte profunda e permanente para financiar os seus gastos. O sistema do petrodólar [xa que chegou a ser chamado así] foi un movemento político e económico brillante. Obrigou ao diñeiro do petróleo do mundo para fluír a través da Reserva Federal de Estados Unidos, creando cada vez unha maior demanda internacional, tanto en dólares como de débeda pública dos Estados Unidos, mentres que en esencia Estados Unidos obtén o petróleo do mundo practicamente de forma gratuíta, xa que o valor do petróleo está denominado nunha moeda que os Estados Unidos controla e imprime. O sistema do petrodólar esténdese máis aló do petróleo, a maior parte do comercio internacional realízase en dólares estadounidenses.”
O longo dos anos 80, para garantir este mecanismo de saqueo e baixo a contrarrevolución neoliberal de Reagan e Thtacher (a City londiniense), estableceuse umha nova norma chamada a través da cal os bancos centrais do mundo só poderían financiarse a través da emisión de débeda publica nos mercados financeiros, prohibindo a emisión de moeda propria. Se os pagos había que facelos en dólares, e os bancos eran os que actuaban de prestamistas dos estados, o final, o único estado que podía emitir moeda libremente eran os EEUU. O Tratado de Maastricht (a verdadeira “constitución” da UE) ratificou este mecanismo de converter a débeda publica no gran negocio do sistema bancario e financeiro.
A aparición do Euro foi un golpe a este sistema que privilexiaba o dólar como moeda de reserva mundial; de feito hoxe é a segunda moeda no comercio mundial. Por iso, Trump chegou a dicir que “Europa estáfanos”.
No 2016 apareceu outro competidor, aínda non moi significativo no repartición onde o dólar mantén 53% do comercio mundial, mas supón un novo recorte nos “privilexios exorbitantes” do imperialismo estadounidense, o yuan/remimbi chinés, quen, coa súa fortaleza industrial e financeira, sumase á “cesta de moedas de reserva” xunto co ien xaponés, a libra esterlina e o franco suízo, alén dos mencionados dólar e euro.
O mundo asomase a un novo repartimento do poder financeiro en detrimento da capacidade dos EEUU para financiar a súa incalculable débeda publica (oficialmente recoñecese que é de 38 billóns de dólares), que fai que hoxe teñan que pagar mais dos xuros da débeda que de gastos militares.
Os BRICS e a desdolarización do comercio mundial
O mundo occidental, euronortamericano, estivo ollando para outro lado mentres ao redor dos BRICS agrupábanse o “sindicato de cabreados” co imperialismo occidental. Todo mudou cando no 2023 impulsaron a desdolarización da economía mundial con Venezuela, Irán, Pakistan, Birmania (tres dos catro en guerra, por certo) como vangarda desta desdolarización
Este proceso sumaron-se timidamente estados aliados dos USA, como Arabia Saudí, que rompeu o acordo dos “petrodólares” ao comezar a vender o seu petróleo a China en yuanes. Xunto con Arabia Saudí, outras monarquías do Golfo fixeron o mesmo. O exemplo de foi seguida por estados europeos, que comezaron a facer negocios en moedas que non era o dólar.
Isto foi o que levou a Trump a berrar: deixen de xogar co dólar!, pois é conscente de que a súa moeda, xunto co seu potencial militar, son as bases do mantemento da súa hexemonía. E sen o control do dólar todo o seu edificio cae como un castelo de naipes. Toda política de guerra comercial arancelaria, alén do aumento do 5% do gasto militar na OTAN, ou o saqueo sistemático das riquezas vai dirixido a manter o dólar como moeda hexemónica.
A guerra híbrida en Oriente Próximo
Estamos nun período con moitas semellanzas coa situación prebélica de 1914, onde asistimos a un novo repartimento do mundo entre as potencias en decadencia, os europeos de comezos do Século XX (os EEUU), e as potencias emerxentes, os BRICS.
Mas non podemos esperar unha declaración de guerra formal como foi na II Guerra, cando tras a ocupación de Polonia por Alemaña, levou a Gran Bretaña e Franza a facelo, ou cando tras Pearl Harbour os EEUU declararon formalmente a guerra a Xapón. O século XXI non funciona así, co formalismo decimononico, “clausewitziano”; senón co mecanismo da guerra do Vietnam, que nunca foi declarada e os bombardeos sobre Laos, pais neutral teoricamente, foron mais duros que na II Guerra.
Levan anos facendo “xogos de guerra” a través dos vídeo xogos ou dos filmes pos apocalípticos, preparando á sociedade para a guerra mentres “educan para a paz”, desarmando ideoloxicamente ás poboacións diante do que é umha guerra, da violencia que iso supón.
Na “longa noite de pedra” que foron os anos que van desde 1914 ate 1945, dúas xeracións educaron-se no uso das armas como ferramenta de resolución dos conflitos sociais; as insurreccións e guerras civís sucederonse, principalmente en Europa. Tras a II Guerra, e baixo a “pax americana” que fortaleceuse co colapso da URSS, xeracións enteiras educaronse co “voto” como ferramenta de cambio.
Hoxe, a guerra que estamos a comezar a viver ten moitos elementos das vellas guerras -lembremos a utilización do Imperio romano en decadencia dos “foederati”, pobos vasalos que facían a guerra no nome dun imperio incapaz xa de enviar as súas lexións-, mas novos instrumentos de guerra que a “socializan”.
A guerra de Irán, como a de Ucrania, demonstra que un estado dependente (Iran dos imperialistas chineses e rusos, Ucrania dos euro norteamericanos), cun baixo custo en armamento poden se defender de estados cualitativamente mais poderosos. Un pirata informático cun ordenador pode ser unha arma que levase por diante o sistema eléctrico do inimigo.
De sempre a tecnoloxía foi parte do armamento -os romanos estableceron 70 mil km de estradas no seu Imperio para garantir o traslado rápido da información e das súas lexións-, mas hoxe, polo desenvolvemento das forzas produtivas, a capacidade destrutiva non necesita de balas de canóns, cun simple virus informático, pódese acabar con moitas armas convencionais. Isto é o que se chama “guerra hibrida”, que evita declaracións de guerra e choques frontais entre as potencias, e permite o seu debilitamento.
A Guerra en Oriente Próximo reúne todas as condicións para dicer que é umha guerra internacional onde están implicados moitos estados, non só os tres que aparecen nos medios, EEUU, Israel e Iran. Tras deles, e de forma decisiva, están Rusia e China, achegando tecnoloxía via satelite a Irán, alén de armamento e apoio financeiro (Iran seguen vendendo petróleo a China). Todo iso, baixo uns conflitos prebélicos ou bélicos que atinxen catro continentes, e onde se profundaramos un pouco, áchanse os mesmos actores que en Iran ou Ucrania.
E no fondo, escoitase o berro de Trump: deixen de xogar co Dolar!, que iso significaría a ruína da primeira potencia mundial, abrindo a porta a un novo reparto do mundo. O fin do “petrodólar” é o fin da hexemonía norteamericana, e por iso os EEUU desataron o ataque a Iran, para debilitar aos seus grandes competidores polo mercado mundial, Rusia e maiormente, China.
Galiza mes de abril 2026