A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 15 de abril de 2026

A CLASE TRABALLADORA E A ACTUAL SITUACIÓN POLÍTICA MUNDIAL.

Carlos Dafonte.

Se algo debe preocupar aos sectores da esquerda, e cando digo esquerda non identificar cos sectores progresistas a quen os medios de comunicación dominados polas grandes empresas, cualifican de “esquerda” nun intento de confundir aos sectores populares e a propia clase traballadora, é que nunha situación tan complexa como a actual, derivada dun cambio na hexemonía e dunha guerra de agresión máis dos USA e os sionistas, no complexo taboleiro de oriente próximo e medio, a actitude da clase traballadora sexa non ter unha posición propia, non xa a nivel internacional, senón a niveis nacionais onde aparece completamente desdibullada  e apoiando aos sectores da pequena e media burguesías nacionais, que por moi progresistas que sexan, nunca defenderán os intereses estratéxicos d@s traballador@s.

As xentes de esquerda nunca deben esquecer o que esquecen a maioría dos progresistas, que atopámonos en sociedades capitalistas que non van durar para sempre, divididas en clases sociais onde o papel da clase traballadora que non é propietaria de medios de produción, que vende a súa forza de traballo a cambio dun salario no que non percibe o que lle correspondería polo producido, acción que permite o beneficio de quen a explota; clase traballadora que é mediante o seu traballo a única que crea a riqueza da que outros se apropian e debe  producir para soster a toda a sociedade nas súas necesidades materiais, culturais, de protección, etc.

No capitalismo a situación é a que é, uns sen traballar acumulan ganancias e os que traballan non necesitan de quen os explotan pero o Estado, coas súas forzas represivas é quen garante que a inxusta situación se manteña.

A clase traballadora, neste amplo período onde as burguesías e oligarquías levan programando políticas de desmantelamento do chamado “estado de benestar”, que tivo en gran medida a súa xénese na existencia da URSS e cuxa desaparición e os estertores previos a ese feito, foron o disparo de saída para o seu desmantelamento, aparece  como a clase derrotada no taboleiro mundial, a consecuencia do que se denomina “derrota histórica” que significou a queda e desmantelamento da URSS e os países  onde a burguesía fora expropiada e substituída a etapa de transición, pola volta ao capitalismo na súa etapa máis ultraliberal.

Entre outras, as consecuencias desta derrota nos países agrupados na UE, foi a desaparición dos partidos de clase e no mellor dos casos, a perda dunha grande parte das súas bases sociais e electorais, organizacións a grande maioría denominados “comunistas”, e as repercusións nacionais e internacionais que este feito tivo a nivel planetario,  tendo en conta  que a socialdemocracia asumira dende había anos como propias, as teses económicas do liberalismo. 

A desaparición ou transformación dos partidos de clase ten unha importante repercusión no movemento obreiro, na faceta política e tamén na faceta sindical; agás en moi poucos países, os partidos da clase obreira non participan en procesos electorais cuxos programas recollían reivindicacións de clase e ao tempo que transforma o que antes eran sindicatos de clase, combativos, socio-políticos, cun proxecto estratéxico de cambios estruturais, en sindicatos de servizos, cada vez menos dispostos a loitar que teñen só o pacto social como obxectivo.

Polo tanto nesta etapa de derrota da clase traballadora tamén a nivel ideolóxico e desmantelamento do chamado “estado de benestar”, pero tamén de crise estrutural do sistema imperialista existente, as oligarquías capitalistas planetarias tentan reforzar a súa posición hexemónica diante da aparición do reto que supón China e os BRICS que é o intento de avanzar cara a un mundo multipolar superando o unipolar consolidado despois da caída da URSS, onde o “grande hexemón” os USA impuñan aos demais a súa vontade, que nunca tivo como obxectivo avances democráticos, implantar maiores dereitos sociais e políticos para as sociedades, senón dominar, explotar, roubar e someter ata chegar a implantar sanguentas ditaduras a todas as sociedades que non lle sigan o xogo

Deben @s traballador@s intervir como clase coas súas organizacións políticas e sindicais en todo o proceso que está en marcha a nivel planetario?. Considero que é imprescindible, aínda que en moitos países o fundamental é reconstruír as organizacións, pois este proceso de chegar ao final e seguir o sistema unipolar como dominante, vai golpear con dureza á clase, entrando en procesos inflacionarios, de crises económicas e incluso recesións e lles vai permitir ás clases dominantes continuar a demolición do pouco que queda do “estado de benestar” e sobre todo, que nos lugares onde os sectores de esquerda podan aproximarse ao poder, na dinámica na que o occidente ten entrado, non van ter dificultades para volver á dinámica dos golpes de estado e implantación de ditaduras. Non hai máis que mirar o que acontece nos USA onde o seu presidente no discurso do estado da nación dixo con toda claridade, “estamos en guerra e non podemos atender os chamados que a sociedade fai”. É dicir gastos sociais non, todos os gastos concentrados no armamento. Coñecendo quen goberna a UE é de esperar que sigan o mesmo camiño, meténdonos medo cunha inminente guerra con Rusia.

A loita por conservar a súa hexemonía planetaria levou aos USA-Israel a atacar a Irán, na idea dun golpe de decapitación que permitira modificar a estrutura do país que xoga un papel moi importante dentro dos BRICS, e o proxecto chino da “Franxa e o Roteiro”. Pensaron que en poucos días poderían acadar os seus obxectivos, pero a resistencia iraniana, o peche do estreito de Ormúz e a destrución de importantes estruturas enerxéticas, vai producir modificacións no comercio de enerxía e outras materias, que esta agresión xenocida vai ter como consecuencias. Tampouco debemos esquecer a importancia da destrución completa de algunhas e a incapacidade para actuar de outras, das numerosas bases que os USA tiñan na zona.

Vai producir, como sinalabamos máis arriba importantes modificacións na economía planetaria, que @s traballador@s van sufrir dun xeito moi salientable. Non esperemos que as burguesías diante da crise vaian preocuparse polas necesidades d@s traballador@s; ao contrario, tentarán que o peso da crise a paguen maioritariamente quen vende a súa forza de traballo a cambio dun salario e elas conseguir nesta situación o aumento dos beneficios.

@s traballador@s deben iniciar en Galicia a explicación da situación actual e a loita contra  a mesma, tendo como obxectivo prioritario a reconstrución das organizacións de clase, para crear unha alternativa que axude a avanzar cara un planeta multipolar.


Galicia abril 2026.

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario