A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 4 de enero de 2011

A REFORMA DAS PENSIÓNS E OS INTERESES DA OLIGARQUÍA

Carlos Dafonte

Escrebeu non hai moito o periodista, antigo membro do parlamento europeo e pensador comunista portugués Miguel Urbano: “para que os povos se mobilicen na luta contra o sistema que os oprime...é indispensavel a compreensáo do funcionamento do monstruoso engrenagem que deforma o real”.....”essa compreensäo e extraordinariamente dificultada pela máquina de deseinformaçao mediática controlada polas grandes multinacionais”. Estas dúas citas, a realidade que denuncian, debémolas ter moi en conta a hora de falar do tema das pensións no estado español e sobre todo cando o fagamos da campaña emprendida polo presidente e o goberno, para modificar aspectos substanciais das mesmas, coincidentes cos intereses da banca.
Os medios de comunicación, como non pode ser de outro xeito, pertencendo como pertencen a grandes empresas, súmanse a campaña de rebaixar as pensións sen deixar ningún resquicio para a crítica; dun xeito unánime todos afirman que son imprescindibles, para salvar no futuro o sistema e para amansa-los mercados, ese sector da burguesía que exerce unha ditadura en numerosos países do mundo, as modificacións propostas polo goberno e apoiadas polos principais partidos burgueses que din estar na oposición.
As dúas medidas estrela, hai outras das que non se fala tanto, son as de aumentar ós 67 anos a idade para xubilarse e ampliar o período co que se calcula a cuantía da pensión; fálase de establecelo en 20 ou 23 dos 15 actuais; xa foi outro goberno que se dicía socialista, presidido por Felipe González, quen os aumentou de 8 a 15. Ademais endurécese o requisito para cobrar unha pensión contributiva e auméntanse os anos necesarios para cobra-lo 100 % da pensión contributiva.
Xustifican estas medidas con diferentes argumentos, pero hai un que destaca sobre os demais, o que augura que dentro de 40 anos o descenso da poboación vai ser tal, que o sistema quebrará polo grande número de xubilados e unha cativa poboación activa e aínda menor, con posto de traballo. Agora, se non me trabuco, catro persoas que traballan “financian” a unha que esta xubilada. Hai uns anos cando eran sete traballando os que “financiaban” a unha persoa xubilada, tamén comezaron coa cantinela de que a cousa ía ir moi mal, e a realidade é que hoxe o sistema público de pensións ten superávit. Polo tanto a saúde do sistema actual non depende, como nos queren facer entende-lo goberno, os medios de comunicación, e comités de sabios dependentes da banca, do número de persoas con traballo por xubilado, senón da produtividade de cada traballador, e se esta aumenta como é de esperar para dentro de trinta anos pódese dar o paradoxo que un só traballador ou traballadora, poda soster a un pensionista e inclusive a máis de un.
Outro argumento que empregan é o da suba, inxusta din eles, que dentro de 30-40 anos vai representar o adicado a pensións, sobre o PIB. Hoxe é un 8%; pontifican que nese horizonte dos 30-40 anos vai subir a un 15% o que consideran inxusto, que por culpa dos pensionistas cada vez se gaste menos nos que non son pensionistas. Pero as contas non se fan así se hai un aumento da produtividade, cousa normal, que é o que desarma todos os argumentos da dereita; se a produtividade fora, como establecen determinados estudos dentro de 30-40 anos superior ó dobre da actual, o adicado ós non xubilados sería moi superior ó adicado hoxe.
Ademais, no caso de que o actual sistema tivera deficit, a Seguridade Social como parte do estado podería financiarse con cargo ós Orzamentos Xerais do estado, como se fai co Exército, a Universidade ou a Casa Real.
Polo tanto o alarmismo e as medidas que o goberno quere tomar, responden a outras razóns, non a facer un sistema máis eficaz que xa o é na actualidade. Son froito dunha política que ten como obxectivo entregar a mans privadas o importante pastel das pensións públicas en momentos que a grande maioría dos fondos privados teñen perdas; en conxunto os planos de pensións privados teñen unha ganancia do 0'09% no último ano, período no que a inflación sitúase no 2'1 %, o que en realidade resulta unha perda de todos estes produtos de algo máis do 2%.
Dificultando o acceso a unha pensión e empeorando as condición do sistema de reparto público, que son os obxectivos destas medidas do goberno, inducirá a numeros@s asalariad@s a estudar a necesidade de contratar un fondo privado.
Alguén é tan inxenuo que pensa que con estas medidas e as xa tomadas coñecidas como “reforma laboral”, se vai poñer fin á especulación dos chamados mercados? Estes son insaciables e ningunha medida lles vai a frear se poden sacar importantes beneficios. Os mercados xogan o mesmo papel que o “coco” c@s nen@s, facer que se acepten determinadas medidas con resignación pois existe un ente ó que ninguén pode poñer atrancos, situado por enriba de calquera decisión política, capaz de de traernos todo tipo de males, se non aceptamos as súas premisas.
Hai anos que falamos da derrota da esquerda e como ía repercutir na loita de crases e no mantemento das conquistas conseguidas pol@s asalariad@s desde a finalización da segunda grande guerra; todas estas medidas que toma o goberno, poñendo a crise económica como escusa, tentan afondar nesta derrota e deixar sen efecto estas conquistas sociais. O PSOE, controlando aparellos do estado os pon a disposición da burguesía e non toma medida algunha conducente a aliviar a situación dos traballador@s asalariad@s. Todas as medidas que aproba e tenta aprobar, reforma laboral, reforma das pensións, privatizacións, entrega das caixas de aforros á banca, reformas fiscais, etc., teñen o obxectivo de beneficiar á oligarquía española, entregándolle, como xa sentenciei noutro artigo, ós traballador@s do estado atados de pes e mans, para iniciar un novo ciclo de acumulación.
Ningún asalariad@ debe dubidar hoxe que o PSOE leva moitos anos defendendo unha opción de clase moi determinada, a mesma que o PP e os partidos das burguesías periféricas, e a súa actuación estes anos, deixa moi claro que é verdadeiramente a “democracia burguesa” e a falla de respecto pola xente do común, polos electores. Non é aceptable que presentándose cun programa que falaba de pleno emprego, de aumento das prestacións sociais, e de toda unha serie de propostas que permitirían acadar maior renda que Alemaña, os dirixentes socialistas non pisaban terra, non permita que os electores sancionen o novo programa, o que leva hoxe adiante, que non votou ninguén, contrario ós intereses de moit@s que lles votaron. Sen explicación algunha lévase adiante o programa dos “mercados”, o que satisfai os intereses dos capitalistas e non o que se votou.
O programa que se vota é o contrato que une a un partido cos seus electores, e unha vez elixido non é democrático alterar ese contrato unilateralmente dun xeito tan rotundo como se fai na actualidade. O correcto, para seguirse chamando demócratas é presentar este novo programa á sociedade, solicitando o seu apoio e o seu voto.

En Galicia no mes de xaneiro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario