A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 22 de enero de 2011

SOBRE A FOLGA XERAL CONVOCADA PARA O DÍA 27

Carlos Dafonte

Para o día 27 de xaneiro, coordinada cos sindicatos vascos ELA e LAB, a CIG convoca en Galicia folga xeral.
A primeira reflexión cando coñecín o feito, foi que esa decisión era incorrecta, oportunista, torpedeaba a unidade necesaria dos traballadores do estado cara a unha nova acción conxunta, unha nova folga xeral, e que era un acto sectario e vangardista, decidido sen pensar nas consecuencias para o movemento obreiro no seu conxunto.
Pero os acontecementos, que se van producindo desde a convocatoria de folga xeral, fan que esta adquira un novo valor. Refírome á modificación no discurso dos dirixentes dos sindicatos maioritarios que pasan de afirmar que nunca van a aceptar a reforma das pensións proposta polo goberno e que de non modificar esta pretensión sería convocada unha nova folga xeral no presente mes, a propor un pacto de estado onde se traten todos os temas nun contexto máis amplo e ca participación tamén de partidos políticos. Trátase de facer algo parecido o que foron no seu tempo os Pactos da Moncloa do ano 1977. Parece que esquecen as súas anteriores ameazas e atoparse dispostos a avalar a política do goberno. Por que iso e non outra cousa, vai ser un novo acordo como o que se propón.
Dos chamados Pactos da Moncloa lembramos que se cumpriron en todo o que concernía a renuncias dos asalariados e moi pouco por non dicir nada, dos “sacrificios” que tiña que asumir a burguesía española...e ademais serviron para desmobilizar a unha cidadanía que estaba a ser protagonista dun xeito inequívoco, do proceso de transición dunha ditadura á democracia.
Propor un pacto como o que lle escoitei a Toxo, secretario xeral de CCOO, nas circunstancias actuais, cun goberno que pon prazos para aceptar a súa proposta, finais de mes, ou a leva adiante sen consenso; unha clase traballadora que a pesares da xornada do 29 de setembro, esta maioritariamente desmobilizada; sen a existencia dunha esquerda poderosa nas institucións e na rúa, esta negociación levará ós traballador@s a unha fonda derrota, no caso de firmarse ó non estar os sindicatos en condicións de impoñer nada á burguesía e o seu goberno, sen o pulo da mobilización, e de non ser asinado, por estar a atrasar unhas mobilizacións imprescindibles para facer fronte á ofensiva neoliberal, á ofensiva do capital. Só ca mobilización se poderá poñer freo a esta brutal acometida dos inimigos de clase.
Os dous sindicatos maioritarios despois da xornada do 29 de setembro non quixeron darlle continuidade; convocaron varios meses máis tarde, cando o pulo da folga xeral decaera, manifestacións e concentracións dun xeito moi burocrático, desde os despachos, sen facer esforzos para que aumentara a conciencia d@s traballador@s, eludindo as asembleas, onde est@s se poden armar política e ideoloxicamente, ante o descaro dun goberno que actúa como monicreque en mans dos máis poderosos da sociedade.
O goberno, diante da pasividade sindical deu outra “volta de torca” e propón a reforma das pensións; pero entre a folga xeral e esta nova proposta, tomou medidas moi graves contra d@s asalariad@s sen que houbera resposta sindical algunha. Refírome á eliminación da axuda ós parados sen prestacións de 426 euros, a conxelación do gasto social, a suba da tarifa eléctrica, a proposta de privatizacións, etc.; medidas que xunto ó aumento da inflación, fan que a vida diaria dunha grande parte da poboación, se converta nunha verdadeira carreira de obstáculos pola supervivencia.
Como a agresión continúa, a folga xeral convocada en Galicia e no País Vasco, xunto con mobilizacións en numerosas zonas do estado convocadas por outros sindicatos e plataformas, debe ser unha ocasión para illar as direccións dos dous sindicatos maioritarios a nivel de estado e levar a cabo un proceso asembleario, que pese ás dificultades, reforce a unidade d@s traballador@s na loita e lles faga avanzar na súa toma de conciencia.
Estas son razóns polas que eu, que non pertenzo á CIG, nin son nacionalista, vou participar na folga xeral do día 27.

En Galicia no mes de xaneiro de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario