A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 18 de mayo de 2011

A CRISE MOTOR DUNHA SITUACIÓN POLÍTICA MOI COMPLEXA


Carlos Dafonte

Desde Carlos Marx coñecemos que a estrutura económica determina a superestrutura política, ideolóxica, etc. Por iso non nos pode estrañar que a actual crise económica sexa determinante en calquera análise que fagamos da situación política, tanto nun análise global, como individualizado para diferentes países, e que a ela fagamos referencia constantemente; ela da explicación a feitos que doutro xeito non terían explicación algunha.
Ata o crime de estado cometido na persoa de Osama ben Laden, de ser certo, estou convencido que ten relación ca deplorable situación económica que viven os EEUU, e utilizar estes días esta baza, que quizais os servizos segredos norteamericanos podían utilizar desde hai moito tempo; ó marxe da incidencia que poda ter nos países onde se producen mobilizacións das masas traballadoras, de maioría musulmá, era unha carta do presidente Obama, que xusto utiliza cando a débeda do seu país acaba de ser rebaixada por algunha axencia de cualificación; coñécense datos do déficit fiscal e fálase de que os EEUU de Norteamérica poden tamén ter necesidade, nun futuro próximo, de ser rescatados. Tarefa imposible; seguirá como ata o de agora financiando a súa débeda con fondos procedentes do narcotráfico e da venda ilegal de armas. Ponse en evidencia dun xeito dramático, a incapacidade da “gran potencia” de xoga-lo papel de locomotora da economía mundial; de se-lo espazo capaz, co seu dinamismo, de “tirar” do resto dos países cara a unha recuperación das taxas de crecemento; esa saída parece polo de agora pechada . Pero falemos dun xeito mais sistemático e máis adiante volveremos “cos USA”

Desde o meu punto de vista a crise xera varios procesos:

Agudiza as contradicións entre os EEUU e China; non se debe descartar o comezo de novo dunha especie de “guerra fría”, cas consecuencias que esta situación xera. Moitos dos procesos de recolonización que levan a cabo as potencias imperialistas, sobre todo en África, teñen moito que ver ca entrada de China nese continente, na busca de materias primas e dun xeito prioritario petróleo; penso na división de Sudán e na actual agresión a Libia, onde traballaban cerca de 30.000 técnicos chinos. China e o principal sostén do déficit norteamericano, o que máis débeda ten mercado, e hai poucos días, voceiros chinos sinalaban, que esta situación podía estar chegando o seu fin.

Tamén as crea entre as potencias imperialistas da U.E., e entre estas e os EEUU, en torno as moedas, por exemplo; os EEUU tentando baixar o dólar para aumenta-las exportacións e o “leader” da U.E, Alemaña, síntese ameazada por esta política monetaria.

Proletariza ás capas medias das sociedades do centro do sistema capitalista, o que dificulta a saída da crise, pois reduce o consumo interno na maioría dos países, entre outros aspectos, lanzando ó paro a sectores que ata a crise actual, mantiñan un status social e unhas perspectivas de traballo saudables. Hai pouco tempo recollíase nos medios de comunicación que cerca de 12.000 enxineros, no estado español, perderan o seu posto de traballo.

Pon en evidencia a incapacidade da burguesía de edificar a U. E.; que o capitalismo, un sistema baseado na competencia feroz entre capitalistas e a explotación d@s asalariados, nunca levará a cabo esta construción, que serve para facer máis opacos os centros de poder, para aumenta-la explotación e facer máis complexa a loita de clases. Non é posible no sistema capitalista, crear unha U.E., sen unha política fiscal común, tendo política monetaria común. Só os traballadores poden potenciar unha verdadeira U.E. alicerzada na solidariedade e nun novo modelo, que supere a actual etapa capitalista, o socialismo.

Amosa en toda a súa crueza a situación económica da que se considera a primeira potencia mundial. É certo que esta se veu deteriorada pola crise, salvar bancos e empresas con fondos públicos por valor de varios billóns de dólares se ten que notar, máxime se non tes unha política fiscal adecuada; pero tamén é resultado das políticas armamentísticas e de rebaixar impostos ós máis ricos, iniciada polo presidente Reagan e continuada, por todos os demais, o que leva ó que se chama a “crise fiscal”.
O déficit do goberno federal é de 1,4 billóns, un 10 % do PIB; pero a débeda acumulada está por enriba dos 14 billóns de dólares, e dicir, o total do PIB do país. Se a este enorme déficit engadímoslle a queda da recadación por efectos da crise, é lóxico, aínda que non sexa o normal, que unha axencia de cualificación de riscos, Standard & Poor's rebaixara a “negativa” a perspectiva dos bonos do goberno federal; ven a dicir que dubida da capacidade dos EEUU para paga-las súas débedas. E pagalas, é desviar parte do que recada e debe utilizar en prestar servizos, en darlle beneficios ós acredores. Tamén serve de escusa para facer recortes sociais nos programas para a xente máis desfavorecida.

É alicerce das mobilizacións do norte de África e Oriente Próximo e Medio. En numerosos países dese ámbito xeográfico, a crise agudizou as condicións de miseria da clase traballadora que protagoniza estes días importantes revoltas, misturando reivindicacións sindicais con obxectivos democráticos burgueses, intentos de superar aspectos feudais de determinados réximes, con intereses xeoestratéxicos do imperialismo, que ademais tenta aproveitar a posibilidade de derrubar ditaduras, ó marxe do seu control.

Sitúa á economía do estado español diante da realidade. Como dixo un compañeiro nunha xuntanza recente, “situou ó capitalismo español no lugar que lle corresponde”, como un dos “elos febles” da cadea imperialista, sucado por numerosas contradicións. A crise deixou en evidencia a febleza do modelo de explotación español, resultado do xeito en que se negociou a nosa entrada na U.E., obrigando a unha reconversión industrial salvaxe, ó desguace dunha grande parte da nosa flota pesqueira, etc., e o papel que a U.E. reserva para nós, un país de servizos baratos, modelo que o PSOE e PP levan adiante con enorme disciplina. Pero resultado tamén da herdanza do franquismo.
Este modelo, que rachou, asentábase en tres piares fundamentais, a construción, nos últimos anos antes de que pinchara a burbulla, edificábamos nun ano máis que Alemaña, Francia e Reino Unido xuntos, o turismo de masas, pero que non gasta moito, e o consumo interno partindo do creto con baixo interese e non como resultado do aforro, pois os salarios son moi baixos respecto por exemplo, á media da Europa do euro.
A estes tres piares temos que engadirlle, a venda a baixo prezo do patrimonio común de tod@s @s traballador@, levado a cabo polo PP e o PSOE nun proceso de privatizacións, que creou unha nova casta de empresarios submisos ó poder e non permitiu o ingreso de importantes beneficios.
Na actualidade a economía española arrastra o problema do enorme volume dos pasivos financeiros exteriores, que segundo o Banco de España, en 2010 acada a cifra de 2'3 billóns, que representa o 214'9 % do PIB, e esixe toda unha serie de novos préstamos e pago de amortizacións e intereses nun contexto de crise desconfianza xeneralizada dos especuladores, os chamados mercados, que elevan os intereses a pagar e as primas de risco.
Rescata-la economía española e todo un problema, con repercusións moi importantes sobre todo en Alemaña e Francia, polo que o presidente Rodríguez, “colocou o carro diante dos bois” e tomou as medidas que nos serían esixida en caso de rescate, coa complicidade do PP, e que virán acompañadas das que se tomen despois do día 22 de maio, data das eleccións municipais e autonómicas. Pero se os países “rescatados” cada vez están peor, as medidas tomadas no estado español, van producir unha maior depresión interna, pois penalizan o consumo, meténdonos nunha espiral de difícil solución. Debemos iniciar as reflexións sobre a necesidade de saír da U.E. e as consecuencias traumáticas que tería? Máis que a de continuar por esta senda sen saída?

E si no económico as dificultades para supera-la crise son moi grandes, no institucional, o réxime saído da transición amosa as súas chatas decotío. En primeiro lugar porque a xefatura do estado ó ser herdeira do franquismo e non pasa-la súa lexitimación polas urnas, cun referendo como en Grecia, por exemplo, e non é aceptable dicir que o sistema monárquico xa pasou un referendo cando se aprobou a constitución; daquela someteuse á poboación a unha chantaxe: ou monarquía ou non hai constitución. É polo tanto politicamente feble e quizais por iso, non cumpre estritamente coa súa función, por exemplo no caso da OTAN, deixou serias dúbidas ca súa actuación o 23 de febreiro de 1981, e por coñecer que como institución non esta asentada nun proceso democrático, busca constantemente o consenso social e político, todo elo unido con certas formas de actuar impropias dun sistema democrático, máis parecida ás do réxime anterior, como aceptar un barco dos empresarios.
Noutros campos institucionais, o dominio do poder executivo sobre os outros poderes, crea friccións, por exemplo co nomeamento dos xuíces para os tribunais Supremo e Constitucional; e o máis importante, que as sentencias dos mesmos se consideran, non como o resultado da aplicación da lei e de velar polo mandato constitucional, senón como resultado da correlación de forzas entre os diferentes partidos, o que desprestixia a estas institucións e crea alarma entre os defensores do sistema.
Pero a pesares de todo, o sistema, penso, esta firme, polo de agora ben asentado e só unha clase social, a que máis loitou contra a ditadura, maioritaria na sociedade, e a que máis sofre o réxime da transición, pode poñelo en cuestión: a dos asalariados ca clase obreira á cabeza. Pero mentres non tome conciencia de que é unha clase, actúe como tal e constrúa organizacións propias, o réxime nacido da transición, sobrevivirá con maior ou menor consenso, co emprego de máis ou menos violencia contra os disidentes, con recortes máis superficiais ou máis fondos na democracia que temos, que é un sistema de dominación, bastante perfeccionado pero de dominación, por medio do cal a burguesía impón os seus criterios ó resto da sociedade.

En Galicia no mes de Maio de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario