A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 22 de mayo de 2011

SOBRE O CHAMADO MOVEMENTO DO 15 DE MAIO, OU POR UNHA VERDADEIRA DEMOCRACIA XA!


Carlos Dafonte

Hai máis dunha ducia de anos, apareceron toda unha serie de movementos, o redor do debate sobre o proceso que se deu en chamar globalización, que non era outra cousa máis que unha nova etapa do imperialismo, unha vez desaparecida a URSS e o inicio da reconstrución do capitalismo naqueles países que tentaran avanzar cara a superación dese sistema. Foron moi activos nas loitas contra a globalización, contra a guerra de Iraq, na súa participación en diversos Foros Sociais, e animaron unha etapa de retroceso das loitas sociais, como resultado da derrota momentánea, da chamada esquerda tradicional, aquela que se basea no marxismo e considera á clase traballadora asalariada, como o suxeito revolucionario.
Podémolo definir como un movemento interclasista que se alimenta dunha situación de crise xeneralizada e da baixa consideración, que a sociedade ten de aqueles que a propia cidadanía elixe para representalos: @s polític@s.
A partires do 15 de maio toda esta amalgama de grupos e ideas, lánzanse a unha mobilización de grande calado, esixir DEMOCRACIA REAL, na antesala dunhas eleccións municipais e autonómicas, ocupando espazos públicos, monopolizando a información e converténdose no centro do debate no final da campaña electoral. Momento moi ben elixido pois a proximidade das urnas non permite unha dura represión que é ó que nos ten acostumado o autoritarismo do estado español.
Axiña, este movemento que no principio tiña un carácter xuvenil, comeza a nutrirse de xentes de todas as idades e pertenzas diversas, o que lle da o actual carácter.
Dicía que era un movemento interclasista , engado agora, dominado por unha mentalidade pequeno burguesa, idealista, que abrangue a diferentes capas da sociedade. Esta caracterízase en principio polo medo ós cambios no seu “status”, pola carencia de alternativas claras como clase, excepto nos períodos revolucionarios, polos postulados contraditorios, sempre mirando cara a burguesía e receosa da clase obreira. E os cambios que se producen nesa clase, son fondos nesta situación de crise: está abocada á proletarización.
Nas circunstancias actuais vén cubri-lo valeiro diante da ausencia de organizacións obreiras que lle dean pulo á loita de clases, polo que é preciso sinalar que pode ter unha influenza considerable, aínda que momentánea, neste proceso, chegando a ser un freo e mesmo suplantando, os culpables de que isto sexa así están claros, o papel dos traballadores asalariados e a clase obreira, na contradición entre capital e traballo, o que pode producir un parón no proceso de loita e toma de conciencia.
Critican con dureza as actuacións d@s polític@s, pero esíxenlles toda unha serie de cambios, parece que aínda confían nel@s para que estes se produzan; condenan a actuación dos banqueiros, dos especuladores, dos mercados e das institucións do capitalismo, pero non piden claramente que o obxectivo fundamental sexa poñer fin a este sistema explotador das persoas e dos recursos; uns din ser conservadores, outr@s liberais, outros progresistas, algúns de esquerdas, outr@s de dereitas, apolíticos uns, apartidari@s outr@s. Nada de isto o invento, aparece nos seus manifestos, está escrito, escoiteino nas numerosas entrevistas que estes días se lle fan a numerosos voceiros, nos diversos lugares de encontro. Estamos diante da “multitude” sobre a que teoriza Toni Negri?


As revoltas no norte de África e en oriente próximo e medio, amosaron nos casos de Tunisia e Exipto, o poder dun pobo que se mobiliza pacífica pero masivamente; estes días moitos tertulianos sen moitos argumentos, se escandalizaban cando aparecía o nome da praza Tahir, unido ó proceso actual; a situación é distinta pero o método o mesmo; aquí, do que se trata é de amosar o rexeite a un sistema democrático e as consecuencias dunha situación económica, que comezando polo “rendemento do voto”, e seguindo por todo o demais, esta deturpado, corrompido, e onde non se respecta o programa que se somete á consideración da cidadanía, onde non hai control dos elixidos, nin participación entre votación e votación; se lles entrega un “cheque en branco” a quen se elixe, e fan con el o que queren
As súas reivindicacións son xustas, podémolas asumir calquera, pero, son asumibles polo capitalismo? Están os centros do poder económico dispostos a facer concesións en momentos de recesión?.
O importante, entendo, para unha saída deste movemento que o permita avanzar e confluír cos traballadores asalariados, é a concreción de propostas, organizalo, e unha política de alianzas. Comezar, en suma, a edificar xunto cas organizacións da clase obreira, o “dobre poder”.
E preciso establecer un obxectivo estratéxico nidio, que non pode ser outro, que poñer fin ó sistema capitalista. Porque por moito que se lle queira lava-la faciana ó capitalismo, as principais medidas deste movemento van neste senso, non hai saída progresista nin socialdemócrata á crise. Non hai posibilidades de reformalo; e as únicas medidas efectivas, que verdadeiramente poden facernos avanzar son aquelas que poden inicia-lo camiño cara ó socialismo.

Vallan estas consideracións, como unha primeira aproximación do que esta acontecendo neste mes de maio de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario