A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 10 de agosto de 2011

A ECONOMÍA MUNDIAL UN ANO DESPOIS DO RESCATE DE GRECIA

Carlos Dafonte

 


Transcurrido máis dun ano do chamado “rescate de Grecia” e uns meses do de Portugal e Irlanda, pódese ca perspectiva que da o paso do tempo, analizar se as medidas anunciadas, impostas por organismos internacionais ás clases explotadas de estes países, cumpriron cos obxectivos de revitaliza- la economía. No caso grego hai que dicir que non; a situación empeorou respecto a hai un ano, tanto a nivel de cifras macro como na microeconomía, no conxunto da sociedade; @s greg@s son hoxe máis pobres que no momento do rescate e perderon toda unha serie de dereitos; en xullo deste ano, os mesmos organismos internacionais, tiveron que “diseñar” un novo plan de rescate para facer fronte a incapacidade de cumprir cos compromisos da débeda. É preciso lembrar nestes momentos que en marzo de 2010 Strauss Khan, naquel momento director do FMI dixo que Grecia non necesitaba ningún plano de rescate e que non habería ningunha outra economía que fora afectada. O FMI nunca destacou polas súas previsións e non pasa de ser un grupo de economistas encargados de drenar riqueza da maioría dos países cara ós imperialistas.
E falando de declaracións, hai que destacar as da vicepresidenta Elena Salgado, que o 27 de xuño “quitáballe ferro” o tema da escalada da prima de riscos e amosábase confiada “en que a calma volva ós mercados”; o sucedido estes días de agosto debíanlle indicar que debe ser máis prudente nas súas declaracións e xa que non entende nada do que esta a pasar, non facer o ridículo como o ministro de Fomento, que “tiña previsto” que o diferencial co bono alemán superase o 400. Se xa estaba previsto, como se explica as xuntanzas de urxencia, as consultas ó resto dos partidos, e a interrupción das vacacións?.
Pouco tempo despois do “rescate portugués”, rebaixouse a cualificación da débeda pública, quedando coa consideración de lixo; analistas do Banco de Basilea falaron da banca española, en particular BBVA, Santander e Popular como os máis expostos por máis de 113.000 millóns de dólares.
Quen poden estar en mellor situación, despois do “rescate grego” son os bancos franceses e alemáns, principais obxectivos do rescate, e seguro que tamén numerosos especuladores que controlan importantes fondos e grandes empresarios e banqueiros gregos, que ademais de pagar mínimas cantidades en concepto de impostos, no 2010 só 15.000 gregos declararon ingresos superiores a 100.000 euros, o “rescate” representa unha táboa de salvación para saír a flote.
Escribín hai máis dun ano que Grecia ía se-lo laboratorio para ensaiar medidas conducentes a paliar as consecuencias de aplicar medidas neoliberais durante as tres últimas décadas; isto é algo que non debemos esquecer: son as políticas neoliberais, sobre as que se edifica por exemplo, a Unión Europea, as que conducen a unha crise como a actual; outras políticas dentro do marco capitalista, tamén conducirían á crise, o capitalismo necesita da crise, pero con outras características; crise que sempre a pagan os asalariad@s en primeiro lugar e sectores da pequena burguesía e do campesiñado, en segundo.
Grecia foi o laboratorio, e aínda que o experimento non saíu moi ben, no estado español, non nos enganemos, aplícanse por parte do presidente Rodríguez e do PSOE, co apoio do PP, medidas similares ás gregas, como se nos tiveran “rescatado” e organismos internacionais incitan ós poderes públicos, a seguir por esa senda, continuar con novas medidas, que traerán máis paro, menos dereitos e maior depresión ás economías familiares.
Grecia, un ano despois do rescate ten unha economía que se contraeu un 4'5%, as pensións foron rebaixadas nun 20% e os salarios un 15 %; a débeda pública que antes do rescate se estimaba entre o 85 e o 110% do PIB, hoxe supera o 160%. E no ano pasado retiráronse dos seus bancos máis de 30.000 millóns de euros, o 12 % do total dos aforros. Deben chegar a conclusión, os dirixentes da UE e do FMI, que non deu resultado o seu plano. Pois ben, polo que coñecemos deste segundo plano de rescate, van seguir afondando nas medidas establecidas no primeiro o que garante o seu fracaso; parece que o máis lóxico, se marcas un camiño e non conduce ó fin que tes previsto é cambiar de camiño, pero na economía non funciona a lóxica, se as medidas neoliberais son as que conducen á crise, non se decatan estes políticos que seguindo coa receita neoliberal afondan máis nela?; que é o que lles impide un cambio de rumbo? .Pois moi claro, que non están o servizo de quen lles vota, gobernan para as grandes empresas transnacionais, os grandes bancos e pouco máis.

Se hai paraísos fiscais, se hai liberdade de movementos para os capitais, se os organismos da U.E., como o Banco Central ten unhas competencias e non outras, é resultado de determinadas políticas e no estado español PSOE, PP, CiU, PNV, C.C., entre outros, pero sobre todo PSOE e PP, son os responsables máximos de aprobar e pular estas políticas, tanto na UE, como desde a administración central e as autonomías.
Parece que se nos esquece o célebre Informe Delors, para transformar a CE na Unión Económica e Monetaria, onde se aprobaba entre outras cousas, liberaliza-los movementos de capital, é dicir, non regula-las transaccións de diñeiro entre distintos países e que estas teñan lugar segundo os mercados. Nin o dano que fixo na economía española, o mercado único, permitindo que os países máis potentes puideran operar sen atrancos en todo o territorio.
Agora estamos a constatar e a sufrir as consecuencias de todas estas medidas, de como se construíu Europa; pero non só son culpables determinados políticos e os seus partidos, tamén a grande maioría dos medios de comunicación do estado español e os seus “periodistas estrela”, que aplaudiron esta construción europea e a globalización capitalista, o imperialismo, e condenaban constantemente á marxinación, chegando moitas veces ó insulto, ás poucas organizacións políticas que se opoñían á mesma. Os políticos non estiveron ó servizo dos electores e da maioría do pobo, pero a grande maioría dos periodistas, tampouco; en vez de informar fixeron apoloxía do que as empresas propietarias dos medios querían; hoxe atopámonos cunha cidadanía desinformada e así haberá calquera cousa, pero non democracia.
Nun artigo publicado na revista “Socialismo21”, Pedro Montes, co que coincidín na dirección de Izquierda Unida, hai xa moitos anos, concreta toda unha serie de cuestións que paréceme importante resaltar sobre a situación da economía española; antes de aparece-lo euro, a débeda española, a que podíamos considerar histórica, cifrábase en 540.000 millóns de euros; nos doce anos seguintes desde a aparición do euro, esa débeda incrementouse en 748.000 millóns; ademais na década dos 90, os habitantes do estado, as administracións públicas, bancos, caixas, empresas, etc endebedáronse en outros 995.000 millóns.
Polo tanto no 2010 os pasivos exteriores da economía española elevábanse a 2,28 billóns de euros, o equivalente ó 215 % do PIB dese mesmo ano. Ata aquí un resumo do que Pedro Montes afirma. Como podemos aprecia-la catástrofe económica que estamos a padecer é inabarcable, ó tempo que dous sectores básicos sobre os que se alicerzou, o “milagre español” dos anos 90, a nosa participación na “champión” do presidente Rodríguez, e o célebre “España vai ben” do seu antecesor Aznar, o consumo interno e a construción, atópanse en franco retroceso, e o turismo, por moitos máis turistas que veñan, se consumen menos, que é a realidade incontestable, presaxian como escribín neste blog en 2006, dificultades enormes.
Só con confianza imos poder saír desta situación? A convocatoria electoral vai se-lo “bálsamo de fierabrás” que todo o cura? Debémoslles facer caso a eses dous patéticos personaxes da política estatal, Rajoi e Rubalcaba, que queren dar a entender que o seu trunfo solucionaría todos os problemas?
Os sacrificios para remontar esta situación van ser enormes, a clase traballadora do estado debe asumir esta situación, que é de emerxencia e decatarse de que sobre as súas costas se esta facendo recaer, proceso que cada vez máis vai ser evidente, o peso da crise. Polo tanto como clase maioritaria do estado, e a única que crea a riqueza que os demais malgastan, debe ter un protagonismo fundamental; en primeiro lugar creando un instrumento político propio e en segundo recuperando a soberanía económica, que a temos transferida á Unión Europea en grande parte; sen ela as clases populares do estado non poderán artellar unha alternativa desde unha perspectiva de clase.
Para finalizar algunhas consideracións sobre os EEUU e China; do primeiro dicir que os que esperaban que se convertera no motor para saír da actual recesión , que non sigan esperando, acudir o rescate dos especuladores os custos da guerra e o militarismo a redución dos impostos ás grandes fortunas e os costos “fora de control” que representa o pago a compañías farmacéuticas e aseguradoras, imposibilitan esa posibilidade.
O Presuposto militar para 2011 representa o monto de máis de 708.000 millóns de dólares, o 42, 8 % do gasto militar do mundo e algo máis de 4 millóns diarios representa o ataque a Libia; o endebedamento superou os 14 billóns de dólares sendo a débeda pública o 99% do PIB do presente ano e representará o 103% para o ano que ven.; o paro ronda o 10%, aínda que de utilizar os mesmos parámetros que na U.E., sería máis alto; no que vai de ano afundiuse a demanda interna, a liña de creto dos bancos caeu en máis de 400.000 millóns de dólares e tamén o índice de produción industrial; unha axencia de cualificación fixo perder a EEUU a tripla A e o día 8 do presente mes o prezo das accións do Bank of América derrubáronse un 20,32 %; as perdas no segundo semestre son as maiores na historia do banco.
Pois ben nesta situación o 21 de xullo pasado, coñeceuse o resultado da auditoría realizada ó organismo privado da Reserva Federal e descubriuse que fixo préstamos secretos por valor de 16 billóns de dólares para “rescatar” bancos e negocios dos EEUU pero tamén de Europa e Asia; o texto da auditoría pódese consultar en www.gao.gov/new.items/d11696.pdf Mentres se carga sobre as costas dos traballadores a crise, se expulsa a decenas de miles de funcionarios, son moitos os millóns de persoas que perderon o seu fogar, que pasan fame, que viven no albor da pobreza, unha minoría reparte os cartos xerados pola sociedade, secretamente e entre quen xerou a crise e...nin se informa nos medios nin se abre un debate nacional e a economía da primeira potencia mundial esta estancada.
Para finalizar unha pincelada sobre China, o fondo de inversións de Singapur, Temasek, o maior inversor institucional no Banco de China, vendeu o 49% das súas accións e o 8% das que posúe no China Construction Bank; ámbolos dous parece teñen problemas cas débedas das administracións locais. O que é verificable e que as accións dos dous bancos caeron no mes de xuño por enriba do 13 e o 14 %.
Desde 2008 0 goberno chino leva a cabo unha política de investimentos e creto fácil que trouxo consigo inversións non rendibles e moitos cretos impagables.
Hai posibilidade dunha crise financeira en China? Iso parece que é o que os inversores detectan. Se verá afectada a demanda mundial?. Cando EEUU e a U.E., non tiran, China era unha alternativa....

En Galicia no mes de agosto de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario