A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 26 de septiembre de 2011

UN NOVO 11 DE SETEMBRO


Carlos Dafonte
O pasado 11 de setembro converteuse nunha nova conmemoración da aflición do estado imperial norteamericano, polo derrubo das “torres xemelgas” en Nova Iorque no ano 2001. Aquel acontecemento serve hoxe para reafirmar a política imperialista de intervención constante contra todos aqueles estados, partidos, movementos, etc, que non acatan a hexemonía e a supremacía da primeira potencia militar do mundo.
Un capitalismo en bancarrota busca un “peche de filas” arredor dos seus cuestionados principios para acada-los seus obxectivos, e nada mellor que utilizar algúns centenares de vítimas sufridas pola grande potencia hexemónica mundial, as primeiras habidas no seu territorio, despois de máis de douscentos anos de constantes agresións contra os pobos do mundo, que produciron millóns de cadáveres.
O importante é reafirmar nas conciencias dos explotados que fora deste sistema non hai solución, para a grave situación na que viven miles de millóns de seres humanos deste planeta; que fora do sistema todo é “barbarie” e que enfrontarse ó sistema trae aparellado sufrir o “merecido castigo” que os cultos países do centro do mesmo, impoñen a quen non acepte as súas regras. E exemplos non faltan, Iraq, Palestina, Afganistán, Iugoslavia, Líbano, Libia ...e outro “merecido castigo” tamén comezado outro 11 de setembro, en Chile en 1973, levado a cabo coa sublevación do exército contra o goberno constitucional do presidente Allende, cun terrible balanzo de mortos, desaparecidos e exiliados. Un elo máis na interminable cadea de sanguentas ditaduras que os EEUU de Norteamérica impuxeron en América Latina.
Falar dos acontecementos do 2001, sen analiza-lo que representan os EEUU no mundo é un engano. O atentado contra as torres xemelgas e o Pentágono, aínda rodeado dunha nebulosa, permitiu e facilitoulle á potencia hexemónica, en plena decadencia, iniciar un proceso de recolonización de importantes áreas do planeta, de difícil aceptación a non ser polo atentado; pasou de ser verdugo a vítima, xogou ese papel a fondo e conseguiu un amplo consenso para actuar. Ademais, a nivel interno, por medio das chamadas Actas Patrióticas I e II, a oligarquía gobernante, conseguiu un férreo control da poboación, permitíndose a tortura, pódese deter a unha persoa e “facela desaparecer” durante un tempo ilimitado e toda outra serie de medidas que atentan contra a propia democracia burguesa e que de non ser polo atentado, serían contestadas con forza.

 A imposición da ditadura do exército en Chile, permitiulles ensaiar e ampliar a numerosos países as políticas, que coñecemos como neoliberais máis descarnadas, explotadoras, na sanidade, educación, pensións, etc.; Chile foi o laboratorio onde experimentar aquelas políticas que necesitaba o capitalismo polo inicio da queda da taxa de ganancia, unha vez finalizado o pulo que a segunda guerra mundial significou para a economía, e o inicio das protestas que a fin do ciclo trouxo consigo nos anos 68/69 do século pasado. A etapa expansiva chegara ó seu fin e con ela, no centro do sistema capitalista, o pacto que permitiu a “paz social” a cambio das concesións que coñecemos como o estado de benestar. Concesións, hai que aclarar, que foron arrancadas pola mobilización obreira e popular.



É difícil entender como sectores da esquerda deixan pasar o 11 de setembro e os acontecementos de Chile, sen tentar sacarlle as vergonzas ó imperialismo xenocida e permite que o recordo das “torres xemelgas” sexa hexemónico; que o caso de Chile non sexa utilizado para facer pedagoxía, en momentos en que tanto se necesita, pois permite poñer en evidencia algo que nesta etapa tamén é evidente: que o capitalismo non é democrático, que utiliza determinadas verbas para lograr consensos, pero se os pobos xogan a fondo coa democracia e elixen a quen os pode representar, a quen defende os seus intereses, a quen está contra da explotación do traballo e os beneficios empresariais por enriba de calquera outro obxectivo, o sistema capitalista recorre á violencia e o terror sistematicamente; só defenden a democracia se é aceptado o seu programa. Polo tanto democracia e explotación, asoballamento, no sistema capitalista están intimamente ligados e polo tanto a democracia capitalista, a democracia burguesa, non é liberadora.
Na actualidade, nesta época de derrotas para o movemento obreiro e popular, para a esquerda, xa non tenta o capitalismo tapa-la realidade; os votos non importan, os programas electorais tampouco, quen goberna son “os mercados”, ós que algúns inxenuos acusan de non presentarse ás eleccións, e se lles considera algo evanescente, inconcreto. Como que non se presentan ás eleccións? No estado español chámanse entre outros Rodriguez Zapatero, Mariano Rajoi, Rubalcaba, Aznar, Filipe Gonzalez e un longo etc., entre outr@s; os que durante todos estes anos facilitaron ós especuladores, ós ladróns de “pescozo duro” o marco político-xurídico para que exerzan o seu poder.

En Galicia no mes de setembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario