A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 14 de diciembre de 2011

ALGUNHAS ENSINANZAS DA CRISE SISTÉMICA


Carlos Dafonte

Hai xa varios anos, ó comezo da crise actual, cando se afundiu parte da estrutura bancaria dos EEUU e da U.E., discutiuse en círculos de activistas sociais, nos partidos e medios de información, sobre as características da mesma, as causas, elemento fundamental cavilábamos algúns, que permitiría coñecer con anterioridade, que medidas ían tomar os grandes emporios económico financeiros a traveso dos políticos que os representan, para tentar saír da mesma. A solución á mesma está moi cinguida ás causas que a orixinaron. E a discusión foi ardua e as veces non se chegou a acordos ou se pensaba que era un debate inútil.
Apareceron varios tipos de argumentacións. Unha primeira defendía que a xénese da crise era a sobreprodución; un enorme desenvolvemento das forzas produtivas que levaba a producir moito máis do que se podía consumir o que traía consigo que moitas pequenas e medianas empresas fosen desprazadas do mercado e polo tanto ó peche de fábricas e ó aumento do paro, a pauperización da clase obreira, a caída do consumo e a rebaixa de salarios. Na maioría dos países con anterioridade a entrar na nova situación, nos momentos de euforia, se xeraba unha burbulla no sector inmobiliario que afectaba a sectores moi diversos da poboación, pois os encadeaba a créditos hipotecarios de moitos anos de duración Era polo tanto unha crise tipicamente cíclica do sistema capitalista que estalaba nunha economía moi globalizada e se resolvería sen o recurso a unha grande guerra, como se fixo en épocas anteriores.

Unha segunda posición era a que aceptaba que o inicio da crise estaba no aumento da explotación dos traballadores, a causa das políticas neoliberais iniciadas na época de Regan, acrecentadas máis tarde pola desaparición da URSS, a restauración do capitalismo na Europa do leste e China, a aceptación por parte da socialdemocracia do neoliberalismo, pero tamén pola transformación dunha grande parte parte dos partidos comunistas as veces nin en socialdemócratas e a súa aceptación do sistema. Neste marco se producían a rebaixa de salarios, perda de dereitos d@s asalariad@s, co obxectivo por parte dos capitalistas de gañar máis e restrinxi-los dereitos de todo tipo, sindicais, laborais, etc., d@s traballador@s o que levaba a unha caída do consumo interno, e polo tanto á sobreprodución e a crise. É unha causalidade defendida por partidos socialdemócratas.
Máis tarde, segundo se desenvolvía a crise, apareceron outras “causas”, ás que unha gran parte da poboación, por ser fácil de aceptar, e algúns dos grandes medios, se sumaron axiña. Unha primeira atribuída “á cobiza” dos banqueiros; as actuacións destes capitalistas avariciosos, dispostos a calquera cousa con tal de gañar cartos, fronte ós capitalistas bos que investían e creaban postos de traballo, era o que levaba á crise, ou a variante de que unhas cantas “hipotecas suprime” concedidas nos EEUU, convertidas en “produtos financeiros” que se venden por todo o mundo, leva a quebra bancaria e a situación actual, unido ó rebentar da burbulla inmobiliaria en numerosos países.
Pero segundo vai pasando o tempo, e xa se lles esqueceu ós sectores máis conservadores aquel “hai que refunda-lo capitalismo”, cando o medo e a súa ignorancia os atenazaban, unha nova causa é lanzada por numerosos propagandistas, para consumo da sociedade; a causa din, é o déficit público producido por un estado de benestar que non se pode soster, e a débeda xerada. Pero a realidade do estado español é que a débeda pública, un 60 % do PIB, é asumible e moito menor que a privada, das familias e empresas que ronda o 189 % do PIB. O noso estado ten o gasto público social máis baixo da Europa dos 15. Polo tanto cando escoitamos a personaxes como Rajoy asegurar que hai que recorta-lo gasto público, o que esconde e o intento de reducir aínda máis o gasto público social, para privatizar en boa parte toda unha serie de servizos que deixarán de ser universais, funcionarán peor, pero deixará bos beneficios a sectores empresariais; como cando se terminou de privatizar grandes empresas, na anterior etapa de goberno do PP, que lle permitiu falar de “haber saneado as finanzas”, pero a costa de deixa-lo estado sen importantes beneficios.
Agora, nestes últimos meses hai outra causa, a crise da débeda, moi relacionada co malgasto que se atribúen ós chamados estados de benestar, á necesidade de buscar cartos para financia-lo déficit e paga-los intereses e amortizacións de prestamos anteriores e nesta nova situación aparecen novos actores, os mercados, as axencias de cualificación, as primas de risco e ...os gobernos de tecnócratas, sempre con xente de Goldman Sach, tanto Papademos o grego, como Monti o italiano. Todos elementos tácticos dunha mesma estratexia, derrota-los traballadores e apropiarse, por parte dunha minoría, da plusvalía xerada polos mesmos. Débeda que na maioría dos casos é resultado de salva-la banca privada, verdade que esconden interesadamente a totalidade dos gobernantes.
Todas as anteriores, son causalidades que expresan, polo tanto, os intereses da clase dominante, dalgunhas das súas fraccións ou que reflicten as contradicións que agroman dentro desta clase, en momentos de fonda crise económica. A postura do británico Cameron, na última xuntanza da U.E., evidencian estas contradicións. Pero as causas que aparecen como xeradoras da crise, son sempre conxunturais.
Ou lle botan a culpa ós traballadores ou ás políticas económicas que benefician ás maiorías, pero nunca aparece o sistema capitalista como xerador da crise, cando esa é a realidade e así amosouse perante toda a historia desde que este modo de produción é dominante. O capitalismo xera crise, que cada vez serán máis fondas, e con recuperacións cada vez máis curtas, deixando na pobreza e na marxinación a un número cada vez maior dos habitantes do planeta.
A explicación que creo máis razoable para entende-la actual crise, que é complexa e ten fases diferentes, que non é unha máis das crises cíclicas do capitalismo, senón que nos atopamos no inicio dunha fase moi fonda e duradeira, a explicación repito, que nos axuda mellor a entende-lo que esta a pasar, ten os seus alicerces no “O Capital”, a obra marxiana por excelencia. Marx ó explicar as crises do capitalismo, sinala en primeiro lugar que é un sistema económico caracterizado por producir mercadorías, é dicir, valores destinados a ser vendidos no mercado; estas mercadorías, ó seren producidas, só a forza de traballo crea novo valor, as máquinas e as materias primas que se utilizan, limítanse a restitui-lo valor aportado, amortízanse. Marx fai unha distinción entre o tipo de investimento que realizan os capitalistas por unha parte o capital variable, para merca-la forza de traballo e o capital constante, destinado a merca-los outros factores, máquinas e materias primas.
Seguindo a Marx, os capitalistas aprópianse dunha parte do valor producido, pois non pagan todas as horas traballadas, a traveso do salario; á parte da que se apropian, Marx chamoulle “plusvalía”. Polo tanto esta xérase na produción, pero realízase no mercado, cando venden as mercadorías producidas, o que permite aumenta-lo capital inicial, capitalizando a “plusvalía”.
Os capitalistas valoran o resultado dos seus investimentos a traveso da “taxa de ganancia”, e dicir do crecemento do capital investido despois de todo o proceso completo de produción-venda-capitalización da “plusvalía”, pero a existencia da competencia intercapitalista, lévalles a investir de modo crecente en maquinaria e tecnoloxía para abaratar custos e producir máis, o que reduce o investimento en capital variable, merca da forza de traballo.
A proporción entre capital constante “c” e capital variable “v”, e o que Marx chama composición orgánica do capital, e canto máis medre esta, segundo Marx, prodúcese unha tendencia á caída da taxa de ganancia, xa que mingua a produción de “plusvalía”, ó cae-la taxa de ganancia prodúcese unha retracción no investimento, comezando unha crise. Polo tanto os que pensamos que esta é verdadeiramente a xénese da crise actual, consideramos que non se produce dun día para outro, se vai xestando ó longo de varios anos.
Aparece así un panorama novo, a tendencia á especulación dun xeito desorbitado, aínda que no capitalismo sempre hai especuladores, xa que a mingua de investimentos xera a existencia dunha masa enorme de “capital circulante” que necesitan revalorizarse e polo tanto entrar en disputa, para apropiarse por diversos medios, da “plusvalía” producida.
Marx explica este excedente de diñeiro líquido, afirmando que segundo avanza o progreso técnico incorporado ós medios de produción, o tempo de plustraballo creador de plusvalía aumenta, en todo o que a produtividade do traballo consegue que diminúa a parte da xornada laboral que os asalariados empregan en produci-lo equivalente o seus medios de vida. Pero como unha xornada laboral non pode exceder de 24 horas, segundo se fai máis cativo o tempo en que os asalariados producen o equivalente ós seus salarios, o diñeiro que a burguesía obtén pola venda das mercadorías, aumenta, para cada vez menos, mentres o capital que debe investir para producilo aumenta cada vez máis. Así ata un momento en que o incremento do capital produce a mesma masa de plusvalía ou menos que antes do seu incremento, polo que retirará partes alícuotas de plusvalía, obtida na produción baixo forma de diñeiro que non compensa a cantidade de capital que debe investir para producilo. Por iso se produce o “excedente de liquidez” que se inviste en mercados especulativos de materias primas, accións, solo, obras de arte, alimentos, etc Aparecendo así as temidas burbullas, na construción, nas “punto.com”, nos mercados de alimentos que producen o aumento destes para beneficio de poucos, dun xeito ficticio, pero que sume na desesperacións a millóns de habitantes da terra...
Marx tamén estableceu determinados procesos mediante os que podían os capitalistas impedir a caída da taxa de ganancia, por exemplo a rebaixa dos dereitos dos traballadores, a conquista de novos territorios ou a concentración de capital, entre outros.
Con posterioridade á época de Marx, a fusión do capital bancario e industrial, o que se chama capital financeiro, estudado por Lenin, tamén tiña ese obxectivo.
As veces leo comentarios ou os escoito, nos que se acusa ós partidos que gobernan, de non “decatarse de que a política económica que están a levar adiante, de austeridade, reducindo o gasto público, a masa salarial, conxelando as pensións, conduce á recesión” e que polo tanto, aconsellase, debéranse aplicar outro tipo de políticas económicas de tipo socialdemócrata, ou keynesiana, e teñen razón, podían levar adiante outro tipo de política económica, pero como afirmou un dos homes máis ricos do mundo, o señor Warren Buffet, grande especulador e bo coñecedor da banca e da economía mundial, ó comezo da crise, “Hai clases e loita de clases, e a miña clase, a dos ricos esta ganando esta loita”.
Ese é o grande problema dos asalariados da U.E.; que os partidos que gobernan e a quen votan, por existir a loita de clases, por non ser unha cuestión de fe, teñen que tomar postura e a grande maioría, por non dici-la totalidade dos que gobernan hoxe na Unión Europea, traballan, lexislan toman decisións, acordos, aproban constitucións, modifícanas, aproban directivas e todo o que lle queiramos engadir, ó servizo, como teño repetido moitas veces, nestes momentos de crise, dos sectores oligárquicos dos diferentes estados; e a estes sectores non lles interesa “unha saída socialdemócrata” ou mesmo keynesiana, non lles interesa a “recuperación” económica pois ese tipo de saídas non permite frea-la tendencia á caída da taxa de ganancia, que é o obxectivo fundamental de todas as medidas que se están a tomar.
Necesitan entre outras cousas, un enorme exército de reserva, de parados, tanto nos países propios como a nivel mundial, en definitiva, a derrota d@s traballador@s, o que significa perda das condicións de traballo nos países do centro do sistema, precariedade, baixos salarios, perda de dereitos laborais e todos aqueles dereitos que lles permitan loitar en mellores condicións contra as constantes agresións que se teñen producido e que se van seguir producindo, nos próximos anos.
Polo tanto a saída da crise que se está a instrumentar, desde o meu punto de vista, non é nin burguesa, pois hai sectores da media e pequena burguesía que sofren a crise e están abocados á ruína, é unha saída oligárquica, é dicir, beneficia a un sector da burguesía, banca, eléctricas, algunhas construtoras, sobre todo transnacionais, e pouco máis. A saída a crise se carga sobre as costas d@s asalariad@s pero tamén agudiza as contradicións interburguesas e os máis febles en todos os sectores produtivos e de servizos van desaparecer e con elo liberan importantes cotas de mercado. Así podemos entender o de que “as crises serven para limpar” ou “son unha oportunidade”.
Polo tanto non haberá outro tipo de saída, no estado español mentres os partidos oligárquicos PP e PSOE sigan a ganar. E que non ganen ningún destes dous partidos, pasa pola construción do partido dos traballadores, pero tamén de avanzar na construción do dobre poder na sociedade, da derrota das cúpulas sindicais burocratizadas, etc. Ë dicir, inicia-la ofensiva contra o capital.
E para face-lo anterior é preciso que os traballadores asalariados aprendan desta crise, porque é un libro aberto do que verdadeiramente é o capitalismo e dos instrumentos dos que se serve unha fracción da clase dominante, para exerce-la súa hexemonía sobre o resto da sociedade.
En primeiro lugar esta crise pon en evidencia a debilidade do pensamento neoliberal e a fortaleza do marxismo, do que debemos estar orgullosos os asalariados; o marxismo, como conxunto de elaboracións de Marx e os seus seguidor@s, foi concibido para a liberación da clase obreira e é un instrumento excepcional en mans d@s traballador@s, do que se deduce a necesidade de coñecelo, estudalo e de intervir constantemente no debate ideolóxico, parte fundamental da loita de clases. Ata esta crise parecíalles a algúns que o pensamento neoliberal, o que chamamos “pensamento único”, era moi forte e ben estruturado; esa idea contra a que sempre debemos loitar desde a esquerda, a crise situouna no seu xusto termo e deixou espidos ós que fan apoloxía da hexemonía cultural da clase dominante.
En segundo lugar debemos aprender que a democracia que existe ten apelidos, é burguesa, e polo tanto que os asalariados consideremos que por medio da mesma podemos solucionar os nosos problemas actuais, de explotación, de perda de dereitos, para conseguir melloras na nosa condición de explotados, lévanos a unha situación sen saída: a darlle o voto a quen máis interesado está en que a crise recaia sobre as nosas costas, a paguemos @s asalariad@s. Porque esta crise deixou tamén claro que @s polític@s que eliximos están ás ordes do que eufemisticamente se lles chama mercados, que son un conxunto de bancos, especuladores, practicantes do axiotaxe, atracadores ben vestidos, capaces de cambiar gobernos sen que haxa eleccións, como no caso de Grecia e Italia. Esta crise deixou claro os límites da democracia burguesa e a quen serve.
Moi unido ó anterior, é o papel do estado, ese concepto que resume a actuación dun conxunto de aparellos e institucións, que a partires de agora ninguén poderá dicir que é neutral; nas democracias burguesas actúa ó servizo da clase burguesa ou dunha fracción da mesma, pero nunca o servizo da grande maioría da poboación.
Por último todo traballador e traballadora asalariad@ debe constatar día a dia, debe ser capaz de comprender, pola súa practica cotiá, que os partidos representan intereses de clase e que na totalidade do arco parlamentario elixido o día 20 de novembro, non hai ningún que represente os intereses da clase obreira, d@s traballador@s asalariad@s do estado español. Non están representados. Algunhas organizacións políticas que poden considerarse próximos a este colectivo, nos programas electorais presentados pode que definan “outro capitalismo”, pero para a grande maioría da clase iso non soluciona problema algún, só un programa socialista pode poñe-los alicerces para inicia-lo camiño da liberación. E coa afirmación anterior non estou a negar que se leven adiante reformas.
Só presentará un programa destas características un partido d@s traballador@s, un partido revolucionario, marxista e polo tanto anticapitalista, para quen as confrontacións electorais non sexan o “obxectivo estratéxico”, senón un obxectivo táctico, na estratexia de loita polo socialismo.

En Galicia no mes de decembro de 2011

1 comentario:

  1. A contradiccion entre "reforma e revolucion" non é umha contradiccion abstracta, senon que ven concreta, resolvese na loita de clases.
    Nun sistema como o capitalista, no que as reformas son conquistas da clase traballadora en salarios, condicions laborais, direitos sociais, etc., teñen o nome de conquistas obreiras e populares; e pola mesma dinamica da crise explicitada no artigo, son efimeras.
    O unico xeito de garantir as reformas e o de avanzar na loita polo socialismo; se non é asi, calquer reforma/conquista esta abocada o fracaso. Mais cedo que tarde o capital, na sua fame insatisfeita de lucros, procura a maneira de destrui-la.
    So a loita da clase traballadora e os oprimidos e a conquista do poder politico por eles, son que de garantir as reformas/conquistas da loita cotia.

    ResponderEliminar