A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 23 de noviembre de 2011

AS ELECCIÓNS DO 20-N, BALANZO E PERSPECTIVAS


Carlos Dafonte

Como estaba previsto o PSOE é derrotado e o PP acada a maioría absoluta. Certifícase nas urnas o que as enquisas dicían antes da campaña, e se pon en evidencia que cada vez menos estas teñen influenza na opinión dos futuros votantes.
Pensaba que visto que nestes últimos anos quedou claro que quen goberna, sobre todo no referente ós temas económicos son os mercados, os burócratas da Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional e Alemaña e Francia, que a abstención e o voto en branco ou nulo subirían bastante; pero non foi así; a suba da abstención en dous puntos e dos votos en branco e nulos, non reflicten as verdadeiras circunstancias de crise e deslixitimación das organizacións políticas, que hai poucos meses afirmábase nas rúas. Os resultados indican que para unha parte importante do corpo electoral, dos votantes, o exercicio do voto aínda o seguen a vincular a soluciona-los seus problemas. Neste senso, un dos aspectos do xeito de exerce-la hexemonía a clase dominante, o consenso e neste campo, o dereito a voto, a pesares da crise e das evidencias que esta descubriu, aínda non sufriu unha degradación importante.

Pero o que considero máis grave, é a ausencia de programa dos dous partidos que configuran o bipartidismo, este feito parece indicar que están a gaña-la batalla de conseguir que se vote a “un liderado”, alguén que ofreza confianza, independentemente do que queira facer, das medidas que vaia tomar; esta é unha característica moi propia da dereita no seu conxunto e das democracias enfermas. Fronte a un programa e o compromiso de cumprilo, programa e cumprimento que lexitima a quen o presenta, a postura da dereita de que se vote a un líder, que xa resolverá os problemas como lle pareza; e claro sempre o fai en contra dos intereses da maioría. Este feito, que se pon en evidencia nestas eleccións, amosa a perda de madurez do corpo electoral quizais pola situación de necesidade, de “perda da esperanza”, que lles leva a buscar máis un “salvador”, que a utiliza-la razón, que a esixir e discutir un programa, bastante máis custoso a nivel intelectual.
Outro aspecto que quero salientar é que o día 20-N, non se produce unha derrota da esquerda fronte á dereita; só unha dereita, maioritariamente conservadora, substitúe a outra dereita con certos aspectos de progresismo. O PSOE non é máis que iso, como outras organizacións que existen en Europa, unha organización que levou adiante estes anos no interior, unha política económica neoliberal e a nivel internacional, de comparsa do imperialismo norteamericano. Un partido que desde antes de 1982, pero sobre todo a partires desa data, foi depurando todo o que ulise no seu seo a esquerda ou socialdemócrata e se converteu no factor principal de, entre outros, dous obxectivos estratéxicos moi importantes para o sistema da transición: cooptar para as políticas neoliberais a sectores populares que se enfrontaran ó franquismo e tiñan unha perspectiva de cambio de sociedade, e ser un freo, mellor, un atranco, contra calquera organización que presentase un programa alternativo, de cambio de sociedade, que puidera poñer en cuestión o sistema capitalista.
E hai que recoñecer que para acadalos, aplicouse moito, coa colaboración inestimable do grande emporio mediático de PRISA e todas as súas ramificacións internacionais. Unha enorme máquina de desinformación que dirixiu durante anos a política do PSOE, e a puxo o servizo dos seus intereses. Pero tamén co da IIª Internacional e a súa poderosa máquina, pois como dixo un representante da fundación alemá Ebert, no Congreso dos Deputados, “había que facer todo o posible para que a transición española non fose como a portuguesa, cun importante partido comunista”. Cartos abundantes, medios de información e a lei electoral, hoxe tan deostada, configuraron o actual sistema “de bipartidismo imperfecto”, que temos no estado español.
O PP é a dereita maioritariamente conservadora, na que cohabitan tamén sectores neoliberais, reaccionarios, progresistas, moi cativo e sen peso político, e franquistas. Todos conviven dentro do PP e as veces non moi perfilados, porque por enriba de todo o fundamental para este conxunto é que o sistema sexa unha máquina de explotación de man de obra, posta ó servizo nestes momentos de forte crise económica, non do conxunto da clase burguesa, senón dun reducido grupo que aproveita o período de crise para eliminar competidores, conseguir novos mercados e as migallas que por se-lo estado español un elo feble dentro da cadea imperialista, lle corresponden no concerto internacional.
Polo tanto cando se di que PP e PSOE non son iguais, é certo, hai algunhas diferencias entre eles, pero os obxectivos dos dous, a nivel económico, que é o que diferencia a unha organización de dereitas de outra de esquerdas, son os mesmos: acada-la recuperación da taxa de ganancia para oligarquía española e iso só se consegue, en primeiro lugar, cargando a crise sobre as costas dos asalariados, algo que ninguén pode negar foi o obxectivo do PSOE nestes anos. Conseguindo, en segundo, novos mercados, por iso a participación das forzas armadas en numerosas aventuras imperialistas e o novo papel que xogan as institucións do estado postas ó servizo dos intereses das grandes empresas; hai uns anos cando se visitaba un país se asinaban concertos culturais e acordos polo estilo; hoxe unha visita institucional representa a presencia na delegación, de decenas de empresarios que negocian como deslocaliza-las súas empresas e polo tanto como deixar @s traballador@s do estado sen emprego, ou premelos para que acepten rebaixa-los seus salarios e perder dereitos laborais. En terceiro termo, estimulando a concentración do capital, cuestión que non é moi difícil aceptar, se vemos o que se esta a facer coas caixas de aforros.
Outro aspecto salientable é o avance nacionalista en Cataluña e País Vasco; na primeira vai ser sen dúbida un apoio aínda que non o precise, das políticas antisociais do PP e no segundo, o avance de Amaiur, se algunha vez se deciden a loitar por unha sociedade distinta, aínda que non esquezan as súas reivindicacións independentistas, un atranco a esas políticas.
Tamén é salientable o retroceso en número de votos do BNG en Galicia, cando se produce unha importante sangría dos do PSOE. Espero que o análise que leve a cabo esa organización, sexa a fondo, pero penso que as causas teñen bastante que ver co abandono do espazo da esquerda e o traballo na sociedade, centrando todo o seu quefacer na vida institucional e ademais dun xeito moi burocrático, administrativista.
Sempre dixen, aínda que a moit@s lles parecía excesivo, que a reconstrución da esquerda no estado español, se cimentaría sobre a derrota do PSOE. IU que estivo a punto de desaparecer despois de anos de actuar como o seu “monaguillo”, recupera agora unha parte dos votos e espero que os utilice para axudar á recomposición da esquerda, xunto con outras organizacións que se reclaman do socialismo.
Pero para que este obxectivo chegue a bo porto é necesario que as organizacións de esquerdas máis beneficiados pola derrota electoral do PSOE, agora na época na que se mellora, reflexionen e sexan capaces de analizar en profundidade as razóns da febleza da esquerda no estado español.
Creo que estamos nun momento de reflexión e de tentar abandonar o sectarismo estéril, cuestión que non debemos confundir co abandono dos principios. A hora actual esixe organización e unir aquelo que sexa posible. A guerra non se perdeu, só algunhas batallas.

En Galicia no mes de novembro de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario