A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 10 de noviembre de 2011

DESPOIS DO 20 DE NOVEMBRO, NADA CAMBIARÁ EN BENEFICIO DOS ASALARIADOS



Carlos Dafonte

A próxima consulta electoral se vai dar nun marco caracterizado polo pulo da mobilización no estado español e na Unión Europea, como resposta ás medidas aprobadas polas diferentes oligarquías para recupera-la taxa de ganancia, cuxa caída é a xénese da crise actual.
As loitas sociais teñen polo de agora, carácter defensivo, non hai aínda, non apareceu, unha alternativa clara ó actual sistema; hai confusión e desorganización no movemento obreiro e nos sectores da pequena burguesía que se teñen mobilizado neste tempo e que se coñece xenericamente como “movemento dos indignados”. O primeiro pola postura de cesión constante dos sindicatos maioritarios, o desarme ideolóxico e político das organizacións reformistas que centran exclusivamente a súa actividade no campo institucional e non foron capaces, de encabezar a loita contra todas as medidas tomadas polo goberno, establecendo así claramente os límites da súa actuación; pero tamén a causa do fraccionamento e a incapacidade para levantar unha proposta alternativa, dos sectores anticapitalistas.

Hai aspectos que é preciso salientar e que van a estar presentes na campaña e nos resultados do 20 de novembro.
En primeiro lugar a conciencia entra amplas masas de asalariados da falla de lexitimidade, se o podemos dicir así, dunha grande parte dos políticos e do propio sistema de dominación burgués, que abrangue tanto a aspectos formais do “sistema democrático”, “lle chaman democracia pero non o é”, repetíase en moitas mobilizacións dos meses pasados, como o que representa o capitalismo no eido económico; despois destes anos esta máis claro para sectores moi amplos da poboación, que non é un sistema neutral, por enriba das clases sociais, que tenta busca-lo benestar da grande maioría da poboación, senón un sistema que baseado na explotación da forza de traballo, tenta sacar beneficios a calquera prezo, e funciona ó servizo dos máis poderosos.
Falla de lexitimidade á que tamén axudan os constantes casos de corrupción co obxectivo moitas veces do enriquecemento individual e de facilita-lo financiamento dos partidos políticos outras, que nos últimos anos fóronse destapando e que afectan fundamentalmente ós dous partidos que se disputan o poder, PP e PSOE, que se benefician ademais dun sistema electoral que prima o bipartidismo, a alternancia no poder, e dun sistema xudicial sometido ós outros poderes. Bipartidismo que se converte no elemento central, co reparto de papeis entrambos, un considerado de “esquerdas” e outro de “dereitas”, para acada-lo consenso, como parte do exercicio da hexemonía que a burguesía exerce como clase.
Os partidos do sistema, pero en especial os dous grandes, PSOE e PP, que o son tamén polo apoio constante da oligarquía española que lles brinda medios de información e cartos para o seu financiamento, nos dirán, referíndose ó 20-N, que nos atopamos diante da “grande festa da democracia”, e polo tanto que debemos cumprir co noso deber como cidadáns, e votar.
Pero os feitos acaecidos nestes anos, indican o contrario, que elixamos a quen elixamos, van seguir tomando as decisións, no fondo gobernando na sombra, os de sempre, os que xestionan o “capital ficticio”, os grandes emporios económicos, aqueles a quen eufemisticamente denominan “mercados”, é dicir, especuladores financeiros, banqueiros, e todos aqueles grupos, Bilderberg, Comisión Trilateral, etc., ás ordes de quen actúan e toman decisións, a maioría dos políticos do estado español. Chegando incluso, á modificación da Constitución dun xeito antidemocrático, para garantir o pago ós especuladores.
Un segundo aspecto que converte a estas eleccións nun fraude, e que os partidos con posibilidades de gobernar, preséntanse a estas eleccións, como ocorreu nas de 2008, coa intención manifesta de engana-los seus votantes e ó conxunto do electorado. Os seus programas ou non reflicten as medidas que desde a súa óptica son necesarias aprobar para saír da crise, que van a aprobar a partires da súa toma de posesión como goberno, ou están cheos de vaguidades, declaracións de intencións sen concretar medida algunha, que lles permitan facer calquera cousa unha vez no goberno.
Este 20 de novembro como nunca ata o de agora sería necesario esixirlle ós que se presentan, concreción e non esquece-lo que cada un fixo ata hoxe, ben no goberno ou na oposición, pois non é posible, como no caso do candidato do PSOE, levar tantos anos gobernando, ser corresponsable de todo o que se fixo contra os traballadores asalariados neste tempo, levar adiante nestes últimos catro anos un programa distinto ó presentado nas anteriores eleccións, e agora na campaña, manter unha actitude crítica con aspectos aprobados polo goberno no que participaba ata hai poucos días; dicir, como fai sen avergoñarse, que coñece as medidas que hai que tomar para saír da crise. Se as coñece como non as presentou cando era vicepresidente e tiña poder e influenza dentro do goberno e do grupo parlamentar maioritario?.
E no caso do PP e Rajoy, van a continuar, non teño a menor dúbida, no caso de gañar, polo camiño iniciado polo PSOE, de ataque contra os dereitos da maioría, afondando nas reformas laborais, na suba dos impostos indirectos, IVE, na conxelación das pensións, no ataque contra os funcionarios, dando cartos a bancos e caixas de aforros, agora xa privatizadas, aumentando gastos militares nun mundo cada vez máis dominado pola agresividade imperialista, recortando dereitos políticos e servizos básicos como a sanidade e o ensino, etc. Que ningún traballador asalariad@ pense que lle vai mellora-lo PP a súa situación; as medidas do seu goberno van ser unha nova “volta de torca”, que tamén levaría a cabo o PSOE, en caso de que os votos lle foran favorables.
Pero neste marco electoral tamén destacan dous elementos que non se discuten na campaña e que é preciso sinalar. En primeiro lugar o derrube da construción neoliberal europea, tanto política como economicamente, coa maioría das economías afectadas moi gravemente e Francia e Alemaña tomando medidas que non lles corresponden, e substituíndo os órganos establecidos, nunha demostración máis da carencia de democracia e o que esta representa para “os estados maiores” da oligarquía.
En segundo, os gastos militares, nin unha verba nos debates, e deben ser numerosos coa cantidade de intervencións, que en diferentes países, o estado español participa.
O que debe estar claro a estas alturas do proceso é que só a loita organizada, tenaz, con obxectivos nidios, pode frea-lo ataque contra da maioría da poboación; as posturas de mirar para outro lado, de aceptar sen loita todo o que consideren necesario os sectores máis poderosos da sociedade, só vai favorecer que se cargue sobre as nosas costas todo o peso da crise.
Como conclusión, considero non se debe dar un voto a ningún destes dous partidos e hai que castigar todo o que goberno e oposición levaron a cabo nestes anos; expresar con forza o día 20, que non se cre nun sistema , que como observamos nestes tempos non conta coa xente, a despreza, que non lle consulta ningunha das medidas que foron tomando nestes anos e que non estaban en programa algún; que deturpan o propio concepto que tiñan da súa propia democracia, moi limitada e pouco participativa.
O mellor modo de amosar esta actitude o día 20 de novembro, é votar en branco, enche-las urnas con este tipo de votos que amosan neste eido, a vontade de loitar. O voto en branco é un voto de castigo e non se suma, como no caso do voto nulo, co da xente que por descoñecemento aínda que queira votar, trabúcase ó facelo, nin como no caso da abstención, cos que se atopan satisfeitos do que hai, e non consideran necesario participar.

En Galicia no mes de novembro do 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario