A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 1 de noviembre de 2011

O ANUNCIO DE ETA


Carlos Dafonte

Ós sectores da dereita máis conservadora, parécelles pouco o acontecido, critican a quen di que o comunicado de ETA é positivo; segundo eles esquécense das vítimas, de arrepentirse, de entrega-las armas, de disolverse, de entregarse para ser xulgados polos tribunais especiais que sobran en calquera democracia. Esta dereita queda descolocada e de seguir por ese camiño de manipula-las vítimas, se converterá en parte do problema

Lástima que cando morreu Franco non se lles esixiran, os que pensan como eles, a mesma consideración, a mesma actitude para con as vítimas do franquismo, decenas de miles, ou das da transición, tan limpa, tan exemplar, pero que en cinco anos deixou máis de trescentos mortos e máis de dous milleiros de feridos polas “forzas de seguridade” e grupos de “incontrolados” dependentes do estado fascista. Podíase esixir daquela, como din agora, que se contara cas vítimas, e ilegalizar a toda candidatura que levara políticos franquistas; as vítimas de corenta anos de ditadura tiveron que soportar convivir con políticos do franquismo, do Movemento Nacional, da Falanxe, compoñentes da “brigadas do amencer” que nos anos máis duros despois da derrota da república, deixaban as cunetas cheas de cadáveres, policías torturadores da Brigada Político Social, xuíces do Tribunal do Orde Público e toda outra serie de colaboradores, que se cruzaban decotío cos perseguidos, cos torturados, coas familias dos asasinados, dos condenados dun xeito ilexítimo, e nunca pediron perdón, entre eles moitos dos que agora consideran pouco satisfactorio a nova perspectiva que se abre no estado. Parece que lles molesta o paso dado por ETA, que van perde-lo seu discurso, que fican sen obxectivos políticos, que xa non poderán falar máis de tregua trampa e de todas outras sandeces.
O comunicado de ETA anunciando o cese definitivo da actividade armada é un comezo, os primeiros pasos para solucionar un conflito político que existe desde hai moito tempo e que desde hai 50 anos ten o perfil actual; que enfronta a unha parte do Pais Vasco, penso que maioritaria, coas estruturas do estado español centralista, que non foi modificado pola constitución, no aspecto de chegar a recoñece-lo dereito de autodeterminación para Cataluña, Euskadi e Galicia. Non esquezamos aquela frase dada en sede parlamentaria nos tempos da segunda república, “prefiero una España roja a una España rota”.
Non queren escoitar falar do dereito de autodeterminación de Euskadi, pero non lles importa que manden, gobernen, os mercados, ou ceder soberanía á Unión Europea. No fondo é unha posición de clase, temen non controlar unha parte do territorio do Estado; que se avance no mesmo cara outro tipo de organización social, que debilite o sistema capitalista imperante; están contra todo o que debilite o bipartidismo desde o que controlan e traballan a favor dos sectores burgueses.
Pero nega-la existencia dun conflito político, é pechar os ollos á realidade; como se pode considerar entón, que nun territorio como Euskadi, con toda unha serie de particularidades, non votara afirmativamente a constitución en 1978? Por moito “café para todos”, Euskadi non é Murcia ou a Rioxa, son cousas distintas, e pensar que o único problema é a existencia dun grupo que se servía da violencia para acada-lo seus obxectivos, e que este se solucionaría ca acción da Policía ou da Garda Civil, ou utilizando ó terrorismo de estado, foi un camiño equivocado. ETA non é o grupo Baader- Meinhof alemán; un sector moi importante da poboación prestáballe apoio, aínda que non estiveran de acordo cos seus métodos; é así como o entenden en moitos lugares do mundo e en moitos países da propia Unión Europea: como un conflito político; por iso a conferencia internacional e a súa resolución.
Sobre ese tema, sempre amosei o meu apoio á solución baseada en tres aspectos, mobilización popular, negociación e acción policial contra os que cometeran actos de violencia. E penso hoxe, que o fundamental, o que leva a ETA a abandona-la loita armada é a presión popular e como parte da mesma, o debate aberto no seu entorno; fixéronlles comprender que ca violencia non hai saída, que é un atraso para a clase traballadora vasca e serve de xustificante para o fortalecemento do estado represivo burgués; dálle pulo a toda unha serie de medidas, lei de partidos, doutrina Parot que impón a cadea perpetua, etc., que non só se utilizan contra ETA, senón contra toda a sociedade.
Non sei se están convencidos os de ETA, pero os cambios na sociedade vasca, o mesmo que no resto do estado virán pola acción das masas organizadas conscientes, e non por accións violentas illadas das mesmas.
O debate interno, desde o meu punto de vista, foi fundamental para a súa renuncia, sen o que é imposible comprender a determinación tomada; por iso a detención e condena de algúns dos que máis fincapé fixeron en levalo adiante e en manter con firmeza a súa postura ata o final, parecen feitos destinados a entorpecelo. Porque aínda que sexa un proceso de varios anos, agora se necesita a todos os que mantiveron posicións máis claras para entrar na segunda fase do mesmo, a construción da alternativa á sociedade capitalista en Euskadi, algo que algúns din ter moi claro no resto do estado pero que eu non comparto. É socialista e revolucionaria a aposta do independentismo, de Bildu, de Sortu, ou de Amaiur?. Non o teño claro. Se así fora, o panorama político estatal pode iniciar, con dificultades, modificacións importantes.

En Galicia no mes de Novembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario