A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 26 de marzo de 2012

AS ELECIÓNS EN ASTURIAS E ANDALUCÍA E A FOLGA XERAL DO DÍA 29


Carlos Dafonte

Celebradas as eleccións autonómicas nestas dúas comunidades, hai varios elementos na análise dos resultados que destacan sobre todos os demais. En primeiro lugar o fracaso do PP en acada-los obxectivos establecidos para ámbalas dúas autonomías, que non eran outros que ter a capacidade de formar goberno, co PP como elemento central.
En Andalucía, a pesares da perda de votos e deputados do PSOE, máis de 600.0000 con relación ás anteriores autonómicas e 9 deputados, o PP queda moi lonxe da maioría absoluta, perde ademais cerca de 200.000 votos e só consegue atraer cara o seu grupo 3 deputados; os seis restantes foron para IU que dobra o seu número.
En Asturias, Foro que retrocede e PP que non avanza, aínda que xuntándose poden formar goberno, a espera do escrutinio do voto emigrante, son os grande perdedores da xornada no “principado”.
No conxunto o PP sae da xornada electoral do día 25 de marzo, por moito que o disimulen, e sempre se poden atopar argumentos favorables, co sabor amargo da derrota.
En segundo lugar débese destacar a enorme abstención; aumentou en máis de dez puntos en ámbalas dúas comunidades, o que amosa o esgotamento dun electorado farto de enganos, corrupción e o afastamento das institucións respecto do cidadán. Tamén é preciso destacar o amplo número de votos en branco en Asturias.
En terceiro, que o panorama que se debulla despois do 25 de marzo, non muda en beneficio dos traballadores. Excepto IU, cuxo programa e claramente socialdemócrata, o resto das forzas políticas que acadaron escano, son partidarias dunha “saída da crise” neoliberal; de aplica-las receitas da Unión Europea, Fondo Monetario Internacional e Banco Mundial. Polo tanto nin desde Andalucía nin Asturias se vai producir un proceso de enfrontamento contra este tipo de políticas.
En cuarto lugar, hai que destacar os bos resultados de IU en Andalucía, dobrar o número de deputados non é fácil, e a modesta suba de Asturias. A pesar de todo na primeira IU, atópase lonxe do número de deputados acadados nos anos 86 e 94 que foron 19 e 20 respectivamente.
IU atópase diante dunha situación, que debe resolver ben para non comezar de novo a sentalos alicerces da súa próxima derrota; os militantes e non a dirección, algunhas veces ansiosos de ocupar postos, é a miña opinión, deben decidir sobre tres posicións.
Facilitar que o PSOE forme goberno e pasar á oposición, terá como consecuencia ser inmediatamente acusada por todo un sector dos medios de comunicación de “facela pinza” co PP. Formar goberno co PSOE, un partido neoliberal, trufado de corrupción, estou convencido que o que se coñece é unha parte pequena da realidade, sen autonomía para levar adiante un programa distinto ó que aplicou, durante oito anos desde o goberno do presidente Rodríguez Zapatero. As experiencias deste tipo se converteron sempre nun “abrazo do oso” para quen entrou nesa dinámica, e ata o de agora, só beneficiou ó partido máis forte. Non debemos esquecer tampouco que moitos votantes que o fixeron por IU, son antigos votantes PSOE e non entenderán que o seu voto “premie” ó PSOE e non sirva para castigalo; estou seguro que esta opción posiblemente creará problemas internos cos sectores máis a esquerda.
Outra opción é que diante de dous partidos, un liberal conservador e outro liberal progresista, IU se absteña e goberne o que acadou a maioría simple. Non fai falla ser moi intelixente para comprender, despois da experiencia de Estremadura, que os afíns ó PSOE denunciarían esta situación como de “pacto secreto” entre IU e o PP. Estes sectores de “palmeiros” do PSOE, nunca aceptarán unha IU que non sexa un apéndice subordinado ó mesmo.
En último termo, hai que interpreta-los resultados do PP, insatisfactorios para os conservadores, como de castigo ás políticas que desde que asumiu o goberno do estado leva aprobando; suba dos impostos, reforma laboral e medidas orzamentarias que pronto imos coñecer, son un ataque contra os asalariad@s que merecen unha resposta contundente. Os resultados das eleccións autonómicas son parte desa resposta; o día 29, convocatoria da folga xeral, debe ser aínda máis contundente. A preparación da mesma debe servir de camiño para a construción da alternativa cun programa de avance cara o socialismo que unifique ós sectores máis combativos da clase obreira e asalariad@s, único xeito de derrota-lo capital e abrir unha perspectiva de loita que se poida manter no tempo.

En Galicia no mes de marzo de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario