A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 20 de marzo de 2012

UNHA FOLGA XERAL NECESARIA


Carlos Dafonte.


Os sindicatos convocan para o día 29 do presente mes, unha folga xeral contra as medidas do goberno do PP. E creo interpretar ben o que pensan moit@s dos que van participar, que o van facer non só pola reforma laboral, un atentado contra os dereitos da maioría da poboación, senón tamén contra outras medidas como a suba dos impostos e sobre todo pola necesidade de amosarlle ó goberno, a vontade de loita para frea-las medidas que seguirá a tomar, despois das eleccións asturianas e andaluzas. Medidas que se van reflectir nos orzamentos para este ano, que contan co beneplácito da U.E., aínda que no estado non os coñezamos, que con toda seguridade conteñen toda unha serie de recortes orzamentarios en servizos, novas subas de impostos, máis recortes ós soldos dos funcionarios, etc.. Cada vez debe estar para tod@s máis claro que todas estas medidas de axuste, nos levan a recesións máis fondas e a aumentar por conseguinte o número de parad@s. A oligarquía española tenta por enriba de todo recupera-la taxa de ganancia.
Na campaña de desinformación que algúns medios afíns ó goberno, case todos o son e os que non, son firmes defensores do capitalismo e das políticas neoliberais, levan a cabo contra a folga e os convocantes, acúsanlles entre outras cousas, de non permitirlle ó partido do goberno gozar dos “cen días “ que por cortesía se lle conceden, no parlamentarismo burgués, antes de comezar a facer política de oposición e lanzarse a unha campaña de mobilizacións, un de cuxos elementos fundamentais é a folga xeral do día 29.
O PP, como era previsible continúa pola senda iniciada polo PSOE cas reformas de 2006 e 2010, de, falando dun xeito sinxelo, trasfegar das rendas do traballo ás do capital mediante toda unha serie de reformas que posibiliten este proceso; téntase cargar sobre as costas dos que hoxe traballan, os xubilados e os parados o peso da crise, para favorecer a quen a provocou e que saian sen perdas, da mesma.
E nesta dinámica modifican toda unha serie de dereitos dos asalariados, acadados despois de numerosas loitas, que ca súa desaparición van reforza-la patronal e permitirán eleva-la taxa de explotación, nun estado onde se traballan máis horas, se cobran salarios máis baixos e se teñen menos dereitos e as prestacións sociais son moi inferiores, as da Unión Europea do euro.
Entre burgueses poden ter “cortesía” aínda que as guerras mundiais do século XX, guerras intercapitalistas, indican que as burguesías, cando esta en xogo acapara-la plusvalía e a explotación de territorios teñen pouca. Na loita de clases, e estamos nun momento álxido da mesma, os asalariados desde o momento que se lles agrede, e no capitalismo sempre se lles agrede, a pesares de que escoitei con certo rubor a un sindicalista dicir nunha das mobilizacións destes días que a reforma laboral do PP rachaba co equilibrio existente entre patronal e traballadores, nunca no capitalismo existirá ese equilibrio, os asalariad@s deben utilizar, con intelixencia, todos os instrumentos que teñan na súa man para frear a agresión; neste caso as medidas acordadas polo PP, incluída entre estes instrumentos, a folga xeral. Se o fixeran con contundencia contra as políticas do PSOE, o goberno actual posiblemente faría o mesmo, pero atoparíase cunha clase obreira máis organizada e combativa.
E se falamos de cortesía, o goberno non tivo ningunha ó non explicar na campaña electoral do mes de novembro, as medidas que ía tomar. E se non explica ós cidadáns cal é o seu programa no período electoral, o único que o pode lexitimar, estas medidas son ilexítimas e, nunha sociedade organizada e con conciencia, debíase levantar un gran movemento civil en contra da súa imposición. Polo tanto deixémonos de falar de cortesía, que de iso a loita de clases non entende, e fagamos tod@s un esforzo para organizar ben a mobilización, non deixando só nas mans das cúpulas sindicais, convertidas en aparellos burocráticos, a preparación da mesma; debémonos implicar tod@s para que sexa un éxito.
Neste camiño atoparémonos con numeros@s derrotistas que nos argumentarán, que non se conseguirá nada; que nos fixemos en Grecia, que levan varias folgas xerais e as cousas para os asalariados cada día están peor; algúns o farán de boa fe, ou por ignorancia, outros non, tentan dobregar a vontade de loita; en calquera caso debemos lembrarlles ese vello aforismo de que “sempre se perden as loitas que non se dan”. De seguir aceptando sen loitar, todas as medidas que a oligarquía española, hoxe por medio de PP quere impor, despois destas virán outras e despois das próximas outras novas, ata rematar ca maioría dos dereitos que despois de anos e anos de loita, conquistamos @s traballador@s asalariad@s.
Pero en Grecia as mobilizacións da grande maioría da sociedade conseguiron transformar unha situación de hexemonía absoluta das forzas neoliberais, nunha situación “prerrevolucionaria”, onde as forzas populares atópanse á ofensiva e os capitalistas só exercen a hexemonía grazas a coerción, perderon o consenso da maioría da poboación. Para que este proceso avance, fai falla que as clases populares gregas se mobilicen co obxectivo dunha nova sociedade, da sociedade socialista. A condición necesaria é que da mobilización tamén ten que saír a organización que abra esa perspectiva. Porque unha situación prerrevolucionaria, en xeral, se transformará en revolucionaria na medida na que o sexan os partidos d@s traballador@s.
Se as forzas produtivas seguen en mans privadas avanzaremos cada vez máis cara a barbarie; é necesario poñelas ó servizo da sociedade.
E esta é a situación que temos no estado español, avanzamos cara a barbarie cando o desenvolvemento das forzas produtivas, de estar ó servizo da sociedade e non en mans privadas, debe levarnos en dirección contraria, avanzar cara a unha sociedade do benestar. Hoxe é mais manifesta a contradición entre forzas produtivas e formas de propiedade e nestas circunstancias o normal é o que ocorre, que retrocedamos, o sistema capitalista fainos retroceder; nas crises é cando apréciase dun xeito máis nidio. O sistema capitalista nos fai retroceder como sociedade, como seres humanos, condena a grandes áreas do planeta á pobreza, incluso no centro do sistema.
Todas estas cuestións débense formular nas mobilizacións de cara o día 29 e as posteriores a esa data. Porque hai que continuar cas mobilizacións despois do 29 e conseguir que todas elas sirvan para acadar un grado maior de conciencia e de organización, que nos leve a non permitir que sirvan de moeda de cambio para negociacións cuxos obxectivos descoñecemos.
Mobilizarnos para paraliza-la reforma laboral, para botala abaixo, non para negociar retrocesos nos nosos dereitos, nas nosas condicións de vida e de traballo.

En Galicia no mes de marzo de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario