A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 31 de marzo de 2012

ÉXITO DA FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO


Carlos Dafonte

Hai que dicilo sen paliativos, a pesares das circunstancias que a rodearon , a resposta á convocatoria do día 29 foi un trunfo d@s traballador@s asalariad@s e da clase obreira en particular, pois unha vez mais, nas industrias foi onde máis incidencia tivo.
E as circunstancias que rodearon a convocatoria non axudaban ó seu éxito. Un maior número de parados respecto, por exemplo, ó ano 2010; unha maior capacidade de coerción e presión da patronal que agora conta cos elementos da reforma laboral do PP, para exercer maior violencia e brutalidade contra d@s traballador@s; a enorme presión exercida por unha grande parte dos medios que repetían ata a saciedade o argumento mentireiro do PP, de que a reforma laboral beneficia ós parados e permitirá á economía española supera-la situación na que se atopa, e que a folga daba unha “mala imaxe” á Unión Europea e ós “mercados” sobre o estado español e a súa capacidade para cumpli-los seus compromisos; a campaña de desprestixio dos sindicatos orquestrada por numerosos medios, desde hai meses, que ten como finalidade deixar á clase sen un elemento decisivo para defende-los seus dereitos laborais, que son recollidos por sectores de asalariad@s, desclasados e sen conciencia, os que se autodenominan “clases medias”; a isto hai que engadir, e nótase moito en certo sectores de asalariad@s, a derrota ideolóxica da esquerda e polo tanto do movemento obreiro no seu conxunto, que lle fai permeable a toda unha serie de teorías liberais, permeabilidade á que o PSOE ten contribuído dun xeito moi importante; en determinadas comunidades, Galicia e Euskadi, por exemplo, a carencia de unidade entre as forzas sindicais que nun momento tan importante como é unha convocatoria de folga xeral, non foron capaces de acercar posicións; pódense manter as diferencias estratéxicas e polo tanto as tácticas que as leven adiante, pero en momentos como os do día 29, a clase debe aparecer amosando a súa forza tamén coa unidade e non facelo así, amosa unha incompetencia grande para comprende-la situación.
Pois ben a pesares de todos estes atrancos, e algúns máis que non subliño, os paros e as mobilizacións superaron á folga xeral do ano 2010 e amosan unha firme vontade de loitar.
Agora hai que conseguir que esa marea humana que conquistou as rúas do estado, non se paralice, non se vexa frustrada por posicións burocráticas de determinadas cúpulas sindicais e por negociacións que leven a rebaixar dereitos que hoxe temos. Todas as mobilizacións destes días e a do día 29, deben ter como obxectivo paralizar a reforma do PP e obrigar a rectificar os acordos do consello de ministros do día 30, que significan máis impostos para a maioría da sociedade, recortes en servizos sociais básicos, sanidade, educación, dependencia, emprego, etc e amnistía fiscal para os “delincuentes- defraudadores”, permitíndolles “branquear” o seu diñeiro negro pagando un 10% mentres os demais pagamos moi por enriba dese tanto por cento.
Alguén segue aínda sen decatarse que os gobernos son os comités centrais da burguesía?

En Galicia no mes de marzo de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario