A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 29 de abril de 2012

ANDALUCÍA: SOBRE ALIANZAS E PACTOS DE GOBERNO




Carlos Dafonte.

A cuestión das alianzas é desde hai moito tempo unha das máis debatidas no seo da esquerda. Cando facelas? Con quen?.A posibilidade de alianzas interclasistas, foron por exemplo, obxecto de debates na IIª e na IIIª Internacionais.
Un partido da Iiª Internacional, o PSItaliano, unha vez creado o PCI, fixo intentos de illalo contando co partido de Mussolini, antigo dirixente socialista da súa á esquerda.
Non esquezamos as posicións do propio Lenin , a favor, en determinadas circunstancias, por exemplo para frea-lo fascismo, de aliarse ca socialdemocracia ou con anterioridade en 1901 facendo un pacto conxuntural con Struve, un burgués liberal, ou as posicións, unha vez tomado o poder, en relación ós “socialistas revolucionarios”, con grande incidencia no campesiñado.
E unha vez morto Lenin , na cuestión de alianzas a IIIª Internacional, deu bandazos, pasando das posicións do chamado “terceiro período” no que se identificaba a socialdemocracia co nazi-fascismo, pola súa posición contraria á revolución, para a continuación no VI Congreso da Internacional, unha vez asentados en moitos países os seguidores de Hitler e Mussolini, pula-los frontes populares cos sectores burgueses progresistas.
No estado español, en 1910 prodúcese a primeira conxunción republicano socialista, que se volverá a repetir, dun xeito salientable, despois das eleccións de xuño de 1931, para culminar en febreiro de 1936 ca formación da Fronte Popular, unha ampla alianza.
Nos anos 50 en plena ditadura, o PCE lanzou a política de “reconciliación nacional”, que tentaba uni-los sectores populares, partindo da certeza de que independentemente do bando en que loitaran na guerra civil, eran as vítimas dun réxime ó servizo da oligarquía e sectores burgueses. Un segundo chanzo foi o chamado “pacto pola liberdade”, onde se produce un acercamento a sectores burgueses, proceso que culmina, na democracia da transición, no Pacto da Moncloa, que establece, aínda que posiblemente esa non fora a intención, a hexemonía da burguesía e dos antigos franquistas.
Fago todas estas consideración con motivo do “pacto de goberno” que PSOE e IU van a asinar en Andalucía. A estes pactos sempre se lles pon un apelido, “de esquerdas”, e se así se fai hai que amosar desconfianza, pois si se nomea dun xeito que non é, algo tentarán ocultar; tentan vender unha mercadoría adulterada. E o afirmo dun xeito categórico, porque non pode ser un pacto de esquerdas cando unha das partes que o asina, o PSOE, non o é.
Esta mercadoría adulterada xa tentaron vendela en Galicia con ocasión das eleccións autonómicas do ano 1997, unha operación perfectamente instrumentalizada, para abate-la IU que dirixía Julio Anguita. Pois ben, o pacto dun reducido número de militantes de Esquerda Unida co PSOE que dirixía Francisco Vazquez, si, si, o Paco Vazquez alcalde da Coruña, tamén se consideraba non só polos asinantes, tamén pola prensa interesada, como un pacto de esquerdas.
Sei que é difícil hoxe, pero moi necesario, redefini-la esquerda. Moita xente esixe moi pouco para considerar a unha organización, ou persoa, como de esquerdas; basta ser progresista para que sexas así considerado. Pero debemos ser máis precisos e definir as posicións de esquerda e dereitas, en momentos nos que se necesita unha clarificación, en función das posicións que se teñan con relación ó sistema capitalista. Hoxe despois de anos de crise e das medidas que se foron tomando a favor dos sectores burgueses, a cidadanía ten moitos máis datos para opinar sobre o capitalismo e coñecer quen o defende e quen tenta superalo.
Podemos dicir, copiando a Marcelo Colussi, que as xentes e organizacións de esquerda son as que se enfrontan a quen tenta soster o sistema capitalista; sistema que para tod@s debe estar claro que é un sistema explotador da forza de traballo, da natureza, corrupto, patriarcal, sexista e clasista, cuxas institucións funcionan ó servizo dunha minoría da sociedade, a quen lle pagamos, cos cartos de tod@s, as falcatruadas e ladroadas que a cotío comete.
Despois de máis de 22 anos co PSOE no goberno, ninguén, creo, é capaz de defender que o PSOE sexa unha organización de esquerdas; pola contra podemos afirmar que é un firme defensor do sistema capitalista por moito empeño que teña por parece-lo contrario.
Tamén sei que para que a sociedade acepte a afirmación máis arriba expresada, existe toda unha serie de atrancos. En primeiro lugar, o propio sistema, utilizando os medios de comunicación que lle son afins, machacan constantemente á poboación establecendo unha división que non é real, asignando papeis de dereita e de esquerdas, nun intento, ata o de agora con éxito, de que o descontento co sistema e as críticas ó mesmo, se canalicen cara a organizacións que nunca van cuestiona-lo propio sistema.
Esta artimaña xa a descubriu hai moitos anos Antonio Cánovas del Castillo xefe do chamado Partido Conservador, que contou coa inestimables colaboración de Práxedes Mateo Sagasta, xefe do chamado popularmente Partido Liberal, para manter durante moitos anos a ficción de dous partidos, un á dereita e outro a esquerda, cando ámbolos dous tiñan o acordo de non aprobar ningunha lei que o outro tivera que rexeitar no período no que gobernase.
Volvendo á realidade andaluza; o PSOE recibe un forte correctivo e IU recolle un importante número de votos e escanos. Moitos dos votantes de IU proveñen do PSOE e se cambian o carácter do seu voto cara a IU é pola razón de que tampouco querían vota-lo PP, nin absterse ou votar en branco; votaron a IU para castiga-lo PSOE e sacalo do poder. Abandonaron ó PSOE aínda a risco de que perdera; coñecían a posibilidade de que cambiando o voto o PP gañara e a pesares desa posibilidade o fixeron; reforzaron á esquerda para que desde unha posición máis forte, levase adiante unha política nidia de oposición fronte a posibilidade de que gañara o PP. Oposición tanto nas institucións como na rúa.
Hai un tema que é ineludible citar sobre o goberno do PSOE en Andalucía durante todos estes anos: a constitución dun réxime o que posibilita a corrupción xeneralizada. O primeiro elemento é de carácter político e hai que desmontalo para que avance a democracia, como debe querer IU; sobre o segundo hai que investigar, sacar a luz todos os casos con nomes e apelidos e levar diante da xustiza e se é posible á cárcere, a tod@s @s culpables.
Os dous elementos estenden as súas ramificacións polas sociedades civil e política e as forzas cas que conta IU son cativas, máxime para enfrontarse desde un goberno cando se conta cun socio, poderoso a todos os niveis, que vai poñer serios atrancos tanto, para que se coñeza a realidade, como para que se lle desmonte “o chiringuito”.
Penso polo tanto que é un erro que vai pagar moi caro, que entre a formar goberno cun partido corrupto e neoliberal, por moito que o cualifiquen de “esquerdas”; ese goberno co PSOE non o vai ser. IU comeza a cava-lo seu propio sartego polo devezo de poder dos seus dirixentes.
A posición política máis axeitada para unha forza de esquerdas e polo tanto anticapitalista, que sobre todo lle debe interesar a defensa d@s asalariad@s, modifica-las estruturas da sociedade e desenmascara-las falsas posicións de esquerda, sería vota-lo PSOE na investidura e pasar a continuación a oposición defendendo o programa propio.
Esta posición podería dar lugar a dúas saídas: unha colaboración PSOE e PP, sería o lóxico pois os dous son neoliberais, de dereitas e con programas moi parecidos, ou en pouco tempo a convocatoria de novas eleccións, cun forte deterioro institucional, circunstancia que a IU non lle debía importar, pois se é de esquerdas, o deterioro das institucións do estado burgués é un avance importante. Ademais, como vimos en Grecia e Italia, as institucións e o parlamentarismo, non o respectan nin as propias clases dominantes.

En Galicia no mes de abril de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario