A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 21 de abril de 2012

O ESTADO ESPAÑOL Ó SERVIZO DAS MULTINACIONAIS



Carlos Dafonte

Os dous grandes partidos neoliberais do estado, PP e PSOE, atópanse moi preocupados, como non podía ser doutro xeito, pola expropiación do 51 % das accións de YPF en Arxentina e o quebranto, din eles e a empresa REPSOL, que esa acción vai representar.
A ningún dos dous tremeulles o pulso cando comezou o PSOE e pechouno o PP, o ciclo de privatizacións do patrimonio do pobo español, aquelas si que as podían chamar empresas españolas, privatizacións da que saíu a hoxe poderosa REPSOL, adquirida a baixo prezo e preferentemente polos amigos do goberno, posiblemente para que cando lles chegue a algúns a idade de xubilación da política, poder gozar dun bo salario a cambio de “traficar cas influencias” que cada un foi tecendo no desempeño da función pública.
As multinacionais españolas, REPSOL entre elas, están consideradas como das máis rapaces, posiblemente porque chegaron tarde ó reparto do pastel e hai que queimar etapas. Establecéronse preferentemente en América Latina, a competencia era moi grande en Europa, a partires dos anos 90, converténdose nos investidores máis importantes na zona e de onde sacan a maior parte dos seus beneficios, a cambio, na maioría dos casos, de malos servizos e moi caros.
Algunhas delas tivéronse que enfrontar a importantes mobilizacións da poboación en contra das súas actuacións ineficaces, accións sempre silenciadas nos medios de comunicación do estado español; non se deben tirar pedras contra o tellado do patrón.
Aproveitaron a chamada crise da débeda, cando numerosos políticos corruptos latinoamericanos, venderon a prezo de saldo patrimonio e servizos públicos, para entrar nesta zona do planeta, axudados polo goberno español, asinando acordos, acadando subvencións e toda outra serie de prebendas, que situaron a moitas delas nos primeiros lugares da listaxe mundial.
A finais dos anos 90 REPSOL mercou o 98,23% de YPF e converteuse na novena petroleira do mundo, cunha produción diaria superior a un millón de barrís, a cambio dun forte endebedamento.
REPSOL é unha empresa con moito peso nas tomas de decisións de determinadas institucións do estado; aínda están frescos na nosa memoria os percorridos que facían o señor Moratinos, ministro de asuntos exteriores, e o señor Brufau, presidente de Repsol, por repúblicas exsoviéticas e países africanos, nun xogo no que non se distinguía moi ben quen era verdadeiramente o ministro e a que intereses servía. E nunca esqueceremos o incidente, despois dunha viaxe a Guinea Ecuatorial, destes dous personaxes e a negativa do Congreso dos Deputados a entregarlle o ditador Obiang unha medalla, honores que terían pactado con máis prebendas supoño, a cambio de concesións petrolíferas.
No ano 2000, na época do goberno Aznar, 24 destas grandes empresas agrupáronse na Fundación Carolina, co respaldo do goberno. Mais tarde entrarían outras. Funciona como un verdadeiro grupo de presión sobre as sociedades latinoamericanas e española.
Pero tamén teñen moita importancia, para terxiversa-la realidade, as fundacións dos dous grandes partidos, IDEAS do PSOE e FAES do PP no obxectivo de dulcificar as actuacións das multinacionais neses países.
Un caso moi explícito de intervención, a favor das multinacionais españolas na área, foi o apoio do PSOE a Alain Garcia, presidente en varios mandatos do Perú, disposto a abrir a amazonía peruana ás multinacionais, intención que produciu enfrontamentos moi violentos cas comunidades indíxenas, que contou co apoio explícito de Filipe González, a traveso da Fundación Carolina e de Trinidad Jimenez desde a Secretaría de Internacional do propio partido. Máis tarde sería ministra de Sanidade e de Asuntos Exteriores.
Por iso non nos debe estrañar o ruído que esta a mete-lo goberno do PP, axudado polo PSOE, con ocasión de que un estado exerza o dereito a súa soberanía sobre os recursos naturais que posúe. Recursos naturais que REPSOL esta a estrar en función dos seus intereses e non nos do pobo arxentino, que ten que pagar importacións de petróleo e gas, xa que a multinacional española leva anos sen investir na Arxentina e reducindo a extracción e os stocks de reserva o que pon en perigo o desenvolvemento industrial.
Nestas circunstancias a única dúbida que teño é se non estaremos, e posto que unha crise do calado da actual agudiza as propias contradicións capitalistas, diante dunha pelexa interoligarquica para quedarse ca plusvalía arrancada @s traballador@s arxentinos, que poucos beneficios van a recibir, penso eu co risco de trabucarme, como resultado desta operación.
En calquera caso, como me comentaba hai poucos días un compañeiro arxentino, mellor é que sexa o estado arxentino quen controle YPF, por moi explotadora que sexa a clase que o domina, que este poder o teña unha empresa multinacional.
Tampouco debemos esquecer que “os Kichner”, foron partidarios da privatización; neses tempos el presidía a organización das provincias arxentinas con petróleo, era o gobernador da de Santa Cruz, e sobre os cartos que recibiu a provincia despois da privatización, hai serias dúbidas de que se teñan empregado en beneficio de tod@s.
REPSOL vai pedir unha indemnización enorme pola expropiación de YPF, espero que o estado arxentino valore e lle esixa a empresa, as indemnizacións pertinentes polos danos causados ás comunidades indíxenas, desprazamentos, espolio das súas propiedades, a aparición de numerosas enfermidades inexistentes ata que a empresa comezou a actuar; no cerro Loma da Lata os individuos da comunidade mapuche, teñen ata 17 metais pesados en sangue e aparecen enfermidades fetais. Pero tamén hai que valorar os danos ambientais, que segundo numerosas organizacións ecoloxistas son enormes, dada a impunidade con que a empresa actuou; non respectou nin espazos protexidos, parques nacionais, etc .

En Galicia no mes de abril de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario