A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 13 de abril de 2012

ORZAMENTOS 2012: AS "BÁGOAS DE CROCODILO" DO PARTIDO POPULAR


Carlos Dafonte

Escoitando hai uns días ó presidente do goberno, Mariano Rajoy, presentando, cun atraso moi calculado, os orzamentos para o ano 2012, lembreime da expresión que fala de que os crocodilos choran cando se comen as súas vítimas. O Presidente do Goberno, despois de falar de recortes e austeridade, de defende-la reforma laboral imposta a tod@s @s traballador@s, afirmou que, ós do PP, tampouco lles gustaban os presupostos e toda outra sarta de frases impregnadas de cinismo, pero que eran os únicos que podían facer, dada a situación de extrema gravidade na que se atopa a economía española.
Os orzamentos que van aprobar condenan á grande maioría dos habitantes deste estado a sufrir unha longa recesión económica, róubannos dereitos custosamente conquistados, continúan polo camiño de destruír servizos públicos básicos como a sanidade ou a educación, ben pola vía da redución orzamentaria afectando a súa calidade, ou pola da privatización para que a oligarquía faga enormes negocios a costa da saúde e do futuro dos habitantes do estado e di, ca mesma expresión que cando falaba dos “hilillos de plastilina” que saían do petroleiro Prestige, que sente facer todo o que fai, pero é o único xeito de “salvar España”. Neste senso a proposta do ministro de economía De Guindos, sobre a sanidade, e unha trampa tendente a copia-lo modelo norteamericano de unha pública, propia de países subdesenvolvidos, para pobres e o resto, @s que teñan maior capacidade económica, na privada. Pero España non se salvaba só con elixir por maioría absoluta ó PP, señor Rajoy?.
Que ironía, identificar os intereses dos habitantes dun estado cos dunha minoría moi cativa, que leva apropiándose ó longo dos séculos da riqueza producida pol@s traballador@s, privatizando o que debe ser de toda a sociedade; minoría que non tivo o menor reparo en provocar unha sublevación militar cando albiscou que a democracia republicana dos anos trinta, do século pasado, podíalle afastar do poder, que deu apoio a unha brutal ditadura e manobrou no período da transición para acadala hexemonía e agora aposta polo bipartidismo PP-PSOE, como mellor xeito de defende-los seus intereses como clase.
Os orzamentos para o ano 2012 expresan con claridade a posición e os intereses dunha fracción da clase burguesa, negan toda posibilidade de que a economía mellore, parece que os seus redactores se regodean dándolle pulo á recesión, provocando a queda do consumo interno e aumentando o “exército de reserva”, o número de parados, nunha cifra que o propio goberno estima en 600.000 ó longo do ano; reflicten importantes recortes nos ministerios máis vinculados á economía produtiva e son, como non podía ser doutro xeito claramente tendentes á privatización de servizos básicos pola vía de brutais recortes en transferencias a sanidade e educación, servizo de emprego, etc.
Dicía que son uns presupostos feitos o servizo dunha clase, pois non intentan nin propoñen asentalos alicerces para un novo modelo produtivo, que supere os tres pes nos que se asentou o vixente, construción, turismo e consumo interno, en plena bancarrota, o único que queren é seguir afondando na derrota d@s traballador@s, soluciona-las contradicións intercapitalistas, tamén neste eido vai haber vencedores e vencidos, e recuperar para a oligarquía a taxa de ganancia; e como non podía ser doutro xeito, no apartado de ingresos, ós delincuentes defraudadores, se lles permite pagar pouco, menos que ós traballadores e volver cos seus cartos sen penalización algunha.
E só estamos a falar dos orzamentos da administración central, pero os recortes en servizos básicos tamén se están a producir na administración autonómica, con moitas transferencias, e na local, onde tamén os procesos de privatización levados a cabo polo PP e o PSOE son moi importantes.
Por último subliñar que cando o goberno PP, como antes o do PSOE, din que “non hai diñeiro”, menten, haino, o problema é no que se emprega, é unha decisión que ten que ver cos intereses de clase, e desde o comezo da crise emprégase en pagar a débeda de particulares, en concreto do sistema financeiro español, un dos máis saqueadores do mundo.
@s asalariad@s nada debemos esperar deste goberno ó servizo, como pula a UE e toda outra serie de organizacións internacionais, dunha minoría explotadora; só continuando polo camiño da loita, cuxa nova etapa tivo como fito máis importante a folga xeral do mes pasado, e da organización dos traballadores arredor dun programa, se poderán facer retroceder os planos do goberno e da forza política que permite a alternancia das mesmas políticas.
Os científicos descubriron que as “bágoas de crocodilo” non son tales, son os efluvios das glándulas salibares, sobreexcitadas pola comida, o que lle sae polos ollos. Non teñen pois ningún remorso polo que lle fan a súa vítima, o PP tampouco.

En Galicia no mes de abril de 2012

1 comentario: