A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 24 de abril de 2012

ALGUMHAS REFLEXIÓNS SOBRE A "EXPROPIACIÓN" DE YPF NA ARXENTINA




Roberto Laxe

1.- O goberno arxentino tomou o control do 51% de YPF, con esta medida faise coa maioría das accións do que até agora era a “xoia da coroa” da multinacional española, REPSOL, da que supón o 50% da súa produción total de hidrocarburos e ao redor do 40% dos seus reservas.
2.- O goberno español e as forzas institucionais, cúpulas de CCOO e UXT incluídas, reaccionaron histéricamente ante unha medida que supón a recuperación para Arxentina do control dunha das súas principais riquezas, os hidrocarburos, privatizados e vendidos a Repsol polo presidente Menem, no que foi a orxia privatizadora dos anos 90, e que terminou no “Corralito”.
3.- Non é certo que defender a Repsol, e ás multinacionais españolas, sexa defender os intereses de “España”; é defender á “España” imperialista e capitalista. Mentres estes declaran beneficios multimillonarios (1200 millóns declaro Repsol no 2011), repartindo dividendos en bolsas de medio mundo, a clase traballadora do Estado Español afronta uns plans de empobrecimiento, privatización de servizos públicos e reformas laborais que apuntan no mesmo camiño que a Arxentina de Menem.
4.-Entre 1999 e o 2011 Repsol IPF investiu na Arxentina 8 mil millóns de dólares, mentres obtivo unhas ganancias netas de 16 .500 millóns de dólares, dos cales repartiu entre os seus accionistas 13 mil millóns. Estas son as contas do saqueo que Repsol someteu á Arxentina ao longo de todos estes anos.
5.- A explotación dos traballadores e as traballadoras do estado español por empresas como Repsol e a patronal en xeral, ponos ao lado do pobo arxentino, que viu como se saquearon impunemente as súas riquezas para beneficiar aos mesmos responsables da explotación da clase traballadora.
6.- O goberno arxentino, que di “expropiar” YPF, en realidade o que esta facendo é se converter en socio do seu grupo industrial Petersen, propietaria do 25% de IPF, e que non ve tocadas as súas participacións. O obxectivo real do goberno arxentino non é nacionalizar IPF de conxunto, para pola ao servizo do pobo traballador, senón facerse coa maioría das accións para explotar os recursos aparecidos nas provincias de Neuquen e Mendoza.
7.- O pobo arxentino, como calquera pobo traballador do mundo, ten todo o dereito a controlar e gozar das suas riquezas naturais, pero a medida non apunta neste sentido, senón no de promover unha industria nacional arxentina ao servizo dos intereses da súa burguesía.
8.- Os traballadores e as traballadoras do Estado Español debemos apoiar toda medida que vaia no sentido de romper as cadeas de dependencia entre as potencias imperialistas, así sexa en crises como a española, e os países dependentes, posto que a súa loita esta inexorablemente unida á loita de todos os pobos do mundo contra o capitalismo imperialista.
9.- O imperialismo español e as súas multinacionais (Repsol, Telefónica, BBVA, BSCH, Inditex, Acciona,...), como calquera outro, é sinónimo de saqueo das riquezas dos pobos e explotación da clase traballadora. O exemplo de Repsol, apoiando a ditadores como Obiang en Guinea Ecuatorial até as republicas seudo democráticas de Kazajastán ou Peru, onde foi denunciada pola organización Survival Internacional, é un exemplo de que non existe un imperialismo “humanitario e civilizatório”, o europeo, e outro “militarista e ditatorial”, o ianqui.
10.- Ante a crise do capitalismo e a resposta obreira e popular vai pór á sociedade ante procesos similares, ou moito máis agudos. A soa mención dunha  “expropiación”, así sexa tan descafeinada como esta, levanta todas as alarmas nos gobernos do mundo, lanzados a unha orxía privatizadora sen parangón.
11.- Baixo a xustificación do pago da débeda -como foi nos 90 en Arxentina- estamos a asistir en Europa a unha verdadeira ofensiva de todos os grupos aseguradores e financeiros  a través dos seus gobernos por facerse co control de sectores públicos como a sanidade, as pensións e a educación. En Grecia “alugan” até a policía, en Italia, o Estado Español, Portugal, etc., a privatización da sanidade e as pensións é o gran obxectivo.
12.- Neste marco, un xiro “expropiador” como o dado desde Buenos Aires é un verdadeiro berro de guerra: A PRIVATIZACION NON É A UNICA ALTERNATIVA, existen outras vías para enfrontar a crise que non pasa a pola venda ao capital privado de todo o que é rendible.
Coas súas ameazas contra o pobo arxentino, o goberno de Rajoy non só defende os intereses de “España” no estranxeiro, senón tamén busca evitar que no Estado Español creza a idea de que é posible enfrontar as súas políticas de axustes e austeridade, de privatización e reformas laborais.
13.- Pero non nos confundamos, a única expropiación que pode favorecer á clase traballadora e o pobo é aquela que pon os recursos naturais, a industria e os servizos baixo control da poboación traballadora na súa loita por unha saída obreira e popular á crise, a través da planificación democrática da economía.
É dicir, só avanzando no camiño da transformación socialista da sociedade unha expropiación non se converte nunha ferramenta ao servizo do capital nacional ou de competidores imperialistas.
14.- A única garantía para avanzar é a mobilización, tanto na Arxentina como no Estado Español, contra os que son os inimigos comúns dos pobos do mundo e a clase traballadora, as potencias imperialistas, o capitalismo e os seus estados que os defenden, e a construccion dunha organizacion politica que conscientemente levante no seu programa a loita pola Transformacion Socialista da Sociedade.
19 de abril do 2012



No hay comentarios:

Publicar un comentario