A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 20 de agosto de 2013

REVOLUCIÓN EN EXIPTO?.


Carlos Dafonte

Unha cuestión fundamental á hora de examinar un proceso de mobilización como o que se está a producir no norte de África, é a de estudar a natureza socio-económica-política do mesmo. Se nos centramos en Exipto, onde as mobilizacións dunha parte importante da sociedade contra do goberno dos “Irmáns Musulmáns” foi a coartada para un golpe de estado do exército o 3 de xullo pasado, podémonos preguntar se nos atopamos diante dunha revolución, como afirman moitos titulares e algunhas organizacións políticas, se a mobilización de importantes sectores da sociedade exipcia ten ese carácter, e dicir, faise a favor dun cambio de estruturas no sistema produtivo, que vai tamén a transformar as relacións sociais de produción, e dar paso a unha nova hexemonía na sociedade ou pola contra as reivindicacións atinxen só ó aspecto político, quérese maior liberdade, defensa do laicismo, pero sen poñer en cuestión o sistema produtivo e a hexemonía da burguesía; se cumprida unha primeira etapa, de poñer fin a un estado de excepción permanente exercido por unha ditadura militar, avanzouse cas mobilizacións de maio e xuño cara a un estadio superior ou estase en vías de consolidación ca intervención militar, dunha seudodemocracia burguesa moi limitada, unha especie de “bonapartismo”.

É polo tanto preciso unha análise de clase do proceso, o que nos debe levar a estudar as reivindicacións que se atopan na rúa, quen dirixe o proceso e todo outro tipo de consideracións antes de falar se estase a dar un proceso revolucionario ou non.
E hai que dicir que temos certas dificultades para facer esta análise, cas informacións transmitidas polas axencias e os medios en mans das grandes empresas que configuran o poder económico mundial. Tanto desde o comezo do proceso que leva á caída da ditadura de Mubarak en febreiro do ano 2011, como na actualidade, fálase dunha mobilización dirixida pola “clase media”, concepto abstracto, que non indica absolutamente nada e que tenta, a maioría das veces, oculta-lo verdadeiro suxeito revolucionario, que clase actúa como motor do proceso.
Hai uns días lin un artigo sobre o concepto de “clase media” que teñen por exemplo no Banco Mundial e o seu organismo rexional, Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID), referíndose a América Latina, organismos dominados polo imperialismo, e consideran que pertence a ese grupo, toda persoa que teña máis de 10 dólares ó dia para vivir. Un individuo con 12 dólares, e dicir 360 ó mes xa se lle considera “clase media”, é para o imperialismo unha cuestión matemática, sen entrar a analiza-lo rol que xoga cada grupo social no sistema produtivo, e toda outra consideración. Fan desaparecer dunha plumada a clase obreira, o proletariado, que é o obxectivo último da creación do concepto por parte da socioloxía burguesa.
Analicemos previamente algunha das revolucións máis coñecidas; todas pasaron por diferentes etapas, a inglesa, a francesa a rusa, e a traveso das mesmas as clases sociais presentes, expresaron os diferentes intereses que se atopan en xogo e, como non podía ser doutro xeito, en conflito. Moi distinta sería a revolución inglesa, que lle cortou a cabeza o rei Carlos, se os “levellers”, niveladores, procedentes da pequena burguesía e os “diggers”, os cavadores, máis tarde, que agrupaba á sectores do campesiños sen terra, proletariado urbano e pobres, houberan trunfado e imposto, no caso dos segundos, o seu comunismo colectivista sen propiedade privada; ou se o trunfo fose dos “sans-culottes” ou da pequena burguesía dirixida por Robespierre, na revolución francesa; pero en ámbalas dúas estes movementos populares foron derrotados pola burguesía, unha clase social moi minoritaria que utilizou estes movementos contra a aristocracia e máis tarde as estruturas do novo estado para impoñerse sobre os antigos aliados, e facer trunfar os seus criterios e interese de clase. Por iso á revolución inglesa e francesa, considéranse revolucións burguesas; ó final de todo o proceso que se desenvolveu en diferentes etapas, foi a burguesía a que acadou a hexemonía; é dicir contaba co consenso dunha parte da sociedade e os instrumentos para exerce-la coerción sobre aquela outra que se le enfrontaba.
Na revolución rusa tamén se produciron diferentes etapas, cunha primeira, febreiro de 1917, onde as masas derrocan o tsar pero se fai a burguesía co poder por falla de dirección política revolucionaria, e unha segunda, outubro polo vello calendario ruso, novembro polo moderno, onde os soviets toman o poder e inician a construción, dirixidos polos bolxeviques, do socialismo.
Vexamos algúns conceptos que poden axudar a clarexa-la situación. Refírome a conceptos que se manexan no marxismo. En primeiro lugar o de “situación revolucionaria”, o momento no que existen condicións para o derrocamento do poder establecido e a implantación dun novo poder que faga avanza-la sociedade no camiño do socialismo.
O segundo e o de “crise revolucionaria”, cando a toma do poder pódese facer efectiva; é a culminación da “situación revolucionaria”, cando chega o estoupido final despois de numerosas loitas e diferentes procesos de loita de clases.
Entre o inicio da “situación” e a culminación en “crise”, transcorre un período que será maior ou menor, segundo as características concretas de cada país. Pero na crise revolucionaria o pobo pode toma-lo poder se previamente foi construíndo órganos de poder revolucionario que coexistan co da burguesía; se a clase revolucionaria e os seus aliados se organizan e teñen como obxectivo a creación do dobre poder
En Exipto hai dous anos o pobo, pero non un pobo amorfo, a "clase media”, un pobo no que hai diferentes clases sociais, algunha con sectores organizados e moi combativos, conseguiu poñer fin a unha ditadura ó servizo do imperialismo e dos intereses xeoestratéxicos do mesmo na zona, onde o estado de Israel xoga un importante papel. En beneficio da “estabilidade”, verba que se repite estes días de novo ata a saciedade, as masas desorganizadas e sen dirección política revolucionaria, permitiron que se impuxeran unhas eleccións que deron a vitoria, como non podía ser doutro xeito dado o grao de desorganización das masas, á coalición dirixida polos “Irmáns Musulmáns”, vella organización creada na década dos anos vinte do século pasado, case sempre actuando nunha especie de clandestinidade permitida, que soubo suplir nestas últimas décadas, grazas a financiación de monarquías reaccionarias, cunha importante rede de asistencia social nas zonas do país, case todas, onde o estado non cobre as necesidades da poboación. Organización que contou tamén ó seu favor, co proceso de oposición ó imperialismo, desde supostos moitas veces reaccionarios, que certos movementos islámicos levan a cabo. Eran os únicos que estaban estruturados organicamente e polo tanto trunfaron. Pero para dicilo todo, non participaron nas mobilizacións contra da ditadura, esperaron o seu momento.
Non debemos esquecer tampouco un dato que serve para clarexa-la situación, na primeira volta das eleccións, o presidente Mursi, agora deposto, acadou un cativo 19%, o que lle levou a enfrontarse a un representante do réxime ditatorial, o que explica que acadase o 51% na segunda; só un sistema electoral como o exipcio, a desorganización das forzas populares que forzaron a renuncia de Mubarak e a presa de determinadas embaixadas e o exército, por iniciar un “proceso democrático”, que tiña moi pouco de democrático, pero que dera “estabilidade” á zona, permitiu á coalición liderada polos “irmáns musulmáns” gaña-las eleccións e “pechar en falso” esta primeira etapa do proceso.
Outro aspecto que hai que ter en conta é que o anuncio dunha folga xeral e a paralización do canal de Suez, a principios do ano 2011, foi o acicate para que o exército esixira a renuncia ó ditador; porque nos di a importancia da clase traballadora que parou numerosas fábricas e núcleos industriais con anterioridade a febreiro de 2011 e que segue a ser, aínda que moi desorganizada e fraccionada politicamente, a única clase capaz de presentar un programa alternativo que verdadeiramente se lle poda chamar revolucionario. Non foi só a praza Tahrir, aínda que hai que recoñecer que era periodisticamente moi salientable o que dentro dela acontecía, o motor do proceso mobilizatorio. Non debemos esquecer tampouco as grandes folgas dos anos 2006 e 2008 sobre todo no sector téxtil que representa un 48% da forza laboral exipcia. Polo tanto hai que coñecer que a clase obreira exipcia é numerosa e combativa, e desde a queda de Mubarak, capaz de organizarse sindical e politicamente, aínda que con moitos problemas. Moi golpeada na ditadura pero tamén nos poucos meses da presidencia de Mursi polo seu programa neoliberal
Por outra banda atópanse os Irmáns Musulmáns, un movemento interclasista, que agrupa a sectores moi diversos da sociedade exipcia, lumpen, sectores burgueses, clase obreira con traballo e en paro, pero sobre todo o que se chama o “bazar”, pequena burguesía, artesáns. Movemento do que se atopa en discusión o carácter do seu programa, para algúns destacable só polo seu carácter “islamista”, mentres que para outros comentaristas destacaría polo contido social do mesmo. Hai que subliñar que controlan aproximadamente a redor dun 5% da economía do país e tiñan pouco peso nas institucións da ditadura.
A realidade deste ano de goberno de Mursi, foi que tentou ir facendo perder poder a tres, entre outros moitos, dos alicerces nos que se asentaba a ditadura de Mubarak, o exército, relevando a numerosas altos cargos, a xudicatura por medio dun torpe decreto que transfería poderes ó presidente, e os medios de comunicación, pero non actuou só contra os da ditadura. Nesta perspectiva non contou co apoio do imperialismo, interesado en “que todo cambiase para que todo seguise igual”, o que unido á incapacidade do seu goberno de facer aliados, só os salafistas, esquecendo ós actores da revolta de finais de 2010 e principios de 2011, a aplicación dun programa neoliberal que golpeou brutalmente a unha sociedade moi empobrecida, o boicot de países do entorno que levou o racionamento dos combustibles e algunhas medidas contra o laicismo dunha parte da sociedade, poden ser algunhas das claves do golpe militar que pode levar a Exipto a unha guerra civil de consecuencias imprevistas.
E falando de golpe militar hai que falar do exército, que en Exipto é algo mais que un instrumento represor ó servizo da clase no poder; o cumio do mesmo é unha capa, e moi poderosa da burguesía no poder; controla preto do 50 % da economía do país, fábricas, cooperativas de todo tipo e recibe mais de mil millóns de dólares ó ano dos EEUU que van directamente ás arcas do exército sen pasar polo ministerio correspondente. Moitos dos actuais xerais foron formados nesa nación.
É quen controla o poder desde hai moitas ducias de anos, dun xeito implacable, o que fai máis incomprensible que os “mozos e mozas “ e a “clase media” que conforman o movemento Tamarrod, expresións utilizadas polos medios para referirse a quen din dirixiron as mobilizacións de xuño, e dixeron recoller preto de 20 millóns de sinaturas contra o goberno dos Irmáns Musulmáns, cifra imposible de acadar que non pasa de ser unha manipulación propagandista, pactaran cun exército ditatorial e acepten que un “xuíz de Mubarak” ocupe o posto de primeiro ministro e Al Baradei un axente do imperialismo, apareza como o “xefe da oposición” ó anterior goberno dos Irmáns Musulmáns e cun cargo importante no novo goberno imposto polos militares. Esa é a realidade, o exército e toda unha serie de magnates, como o das comunicacións, montaron un golpe militar para recupera-lo poder total que se atopaba afectado polo trunfo de Mursi nas presidenciais.
Pódese falar nestas circunstancias que os acontecementos de xuño de 2013 son un avance no proceso da revolución en Exipto?. Considero que é un paso atrás respecto o proceso que levou ós Irmáns Musulmáns ó goberno; o sector militar da burguesía volve a controlar todos os resortes do poder, disfrazando a antiga ditadura militar dunha “seudodemocracia bonapartista” máis vendible entre os que queren a toda costa a “estabilidade” na zona, os EEUU, a Unión Europea e Israel, como principais actores e beneficiarios. Pero xa coñecemos a que tipo de estabilidade se refiren: a dos cemiterios.
A xogada non lles saíu ben; o bonapartismo, que é a intervención do exército cun carácter “neutral” cando a sociedade atópase nun estado de efervescencia que non permite a estabilidade, perdeu o seu disfrace pola mobilización de masas posterior ó golpe. Os acontecementos destes últimos días cos centos ou miles de mortos, feridos e detidos, confirman esta apreciación. Atopámonos nunha situación de ditadura militar e o goberno civil é responsable da masacre, así como os que apoiaron a intervención militar contra o goberno de Mursi.
Sería un erro ver nas vítimas só islamistas radicais, e terroristas como di a propaganda dos golpistas, estanse a matar traballadores, mozas e mozos golpeados polo paro e a crise, estase a disparar contra a sociedade exipcia no seu conxunto que hoxe, algúns, seguro que non todos, son seguidores de Mursi e a súa organización, pero que había que gañar para a loita contra a burguesía non para impoñe-la lei islámica, senón para avanzar cara a unha sociedade sen clases onde a relixión formara parte, o que queira crer, da esfera íntima.
O proceso en Exipto é moi aberto; o exército tenta que non se consolide unha situación revolucionaria e que non se transforme en crise, pero estou convencido que o enfrontamento final, como sempre ocorre no capitalismo, será entre a clase traballadora asalariada e a burguesía. Todo depende que a primeira acade o grado de organización e conciencia necesario para organizarse e dotarse da teoría revolucionaria para resultar vencedora. De non constituír axiña unha dirección revolucionaria, e coñecemos as dificultades que iso entraña, que canalice as reivindicacións das masas cara a unha acción transformadora do existente, de non ser así, as perspectivas pódense mover entre dúas xa coñecidas: a iraniana e a alxerina. A primeira amosou a dificultade, ata para a ditadura máis sanguinaria, con numerosos resortes represivos e o apoio do imperialismo, para enfrontarse a unha mobilización popular masiva con importantes aspectos fanático-relixiosos, dirixida por aiatolás chiitas, ata a súa derrota e a instauración do réxime do aiatolá supremo Jomeini. Pero o resultado para as forzas de esquerda non debe ser esquecido, foron masacradas polo novo poder. A sociedade exipcia non é, como a iraniana, maioritariamente chiita nin os ulemas xogan o papel que xogaban en Irán.
A experiencia de Alxeria onde non se lle permitiu ó Fronte Islámico de Salvación (FIS) entrar a gobernar, unha vez que gañara as eleccións democraticamente, desembocou nunha guerra civil cuxas vítimas están por enriba das 250.000, moitas delas “colaterais” ó propio enfrontamento entre o estado e os seus aparellos represivos e o FIS, e ten deixado un forte trauma na sociedade do que tardará moitos anos en recuperarse.
En calquera destes dous casos o exército exipcio sairía reforzado. Quizais ese sexa o obxectivo do imperialismo e a razón da brutalidade manifestada a partires do 14 de de agosto para con quen se manifestaba, baseándose no dereito constitucional vixente, contra os autores do golpe do 3 de xullo

En Galicia no mes de agosto de 2013

2 comentarios:

  1. o artigo gustame porque fai unha analise de clase, fora do que fan os periodistas e tertulianos que so falan dos irmans musulmans.
    Considero que dende a distancia é moi dificil profundizar sobre os que se movilizan contra o golpe que non son da organización dos irmans, porque coñecer esos datos estaría moi ben para ver si realmente a clase obreira avanza na súa organización e cun programa propio.
    un saludo
    xulia

    ResponderEliminar
  2. Ainda que o artigo profundiza moito mais que moitas das posicions que se din "marxistas leninista", que reducen todos os acontecimentos sociais na "conspiracion" dos poderes imperialistas, e tenta ir ás verdadeiras causas deses acontecementos, penso que ten duas lagoas
    unha, cando din que hai que facer un analise de clase, o que é certo, limitase aos aspectos subxectivos -reivindicacions na rua, quen dirixe, etc.-; mas umha revolución ten, primeiro uns aspectos obxectivos para definir o seu contido: cales son as tarefas que a sociedade se impon para se liberar da opresión. Dous, as libertades democráticas, a superación da pobreza e a explotación é posible facelo baixo os sistema capitalista actual. Non é mais que traducir a vella frase de Marx de que o tempo da revolucion social comeza cando "o desenvolvimento das forzas productivas chocan coa relacions sociais de producción".
    O segundo aspecto é, e aquí si, subxectivo e concreto no proceso Exipcio, como árabe en xeral: as reivindicacions da clase traballadora e os pobos do mundo árabe, de liberdade, laicismo, e xustiza social, collen dentro das estructuras políticas dos reximes actuais; ou pola contra, só co seu derrubamento revolucionario é posible avanzar nese camiño. Un camiño que os enfrenta co imperialismo, contento ate fai dous anos co status quo no mundo árabe, ao que agora ten que estabilizar.
    Enton, a pregunta ten unha contestación, si no mundo árabe, e en Exipto no concreto, ha umha revolución de mil caras, mas unha revolución que enfrenta o status quo que o imperialismo tiña imposto a través dos reximes concretos nesos países e que as masas populares nalgun caso tiraron pola borda.
    Mas este é o comezo (a fase de "revolucion politica", onde as masas actúan baixo a dirección de politicos burgueses que buscan un acomodo na nova situacion). Onde esta o final.... a loita de clases, como ben din o artigo, decidira. As fase economica -cando as masas poen sobre a mesa con forza as súas reivindicacions- é na que estamos en Exipto (en Siria ainda non chegaron á primeira fase), e a que provocou a queda do goberno Mursi e o golpe de estado. A terceira fase, a revolución social ainda ten que madurar na conciencia da clase traballadora e o pobo.

    ResponderEliminar