A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 20 de enero de 2014

NO MES DE MAIO ELECCIÓNS Ó PARLAMENTO EUROPEO. UNHA PRIMEIRA APROXIMACIÓN.


Carlos Dafonte

A maquinaria de propaganda das oligarquías nacionais estase a poñer en marcha para convencernos de que as próximas eleccións ó Parlamento Europeo, a celebrar a finais de maio do presente ano, van ser moi importantes para tod@s nós. Aducirán entre outras razóns, que nos atopamos nun momento histórico, que vai ser o primeiro que asuma as modificacións introducidas no chamado “Acordo de Lisboa”, que outorga maiores competencias a esta institución, e un longo etc de argumentos. Pero no fondo o que se está a xogar nestas eleccións e si a cidadanía recupera certa confianza nas institucións europeas, pequena antes da crise, ou si continuou o proceso de deterioro das mesmas.
Polo tanto vamos presenciar nos próximos meses como monarcas e raíñas, xefes de estado e de goberno, primeiros ministros, chanceleres, presidentes de partidos que se autodenominan de esquerdas, por suposto os de dereitas, algúns sindicalistas, intelectuais...medios de comunicación falados, escritos, televisións, en resumo, todos os aparellos ó servizo dos que mandan, vanse poñer en movemento para convencernos da importancia do evento.

E claro que son importantes sobre todo pola posibilidade de abrir, ca nosa actitude fronte o proceso electoral, dous camiños ben diferenciados, sobre os que teremos que escoller por cal vamos transitar ca nosa actitude, co noso voto.
Un primeiro é o que nos conducirá a seguir atrapados e en certa medida “paralizados”, polo institucionalismo burgués, o camiño de continuar a amosar unha ilimitada confianza de que por medio do funcionamento destas institucións podamos resolve-los problemas que acosan a maioría das sociedades da U.E. Concrétase este camiño en dúas posturas: os que teñen confianza na actual UE e os que non a teñen pero pensan que “desde dentro se poden cambia-las cousas”.
Estes últimos concretan máis a súa posición e nos venderán, como aconteceu nos últimos anos, o “slogan” de loitar desde dentro por “unha Europa máis social”. Como si iso fose posible. Ó longo do último século e medio, desde que a burguesía fíxose co poder e creou un estado a súa medida, desprazando a aristocracia e destruíndo o que lle servía, nunca, a pesares da forza que nalgúns momentos amosou o movemento obreiro representado pola socialdemocracia, púidose avanzar cara a un cambio de sociedade pola vía institucional. O estado burgués o concepto que resume o funcionamento dun conxunto de institucións e aparellos está artellado desde unha posición de clase, representa os intereses da mesma e no caso hipotético que nalgún momento unha clase social antagónica domine a institución lexislativa, ou a executiva, todas as outras bloquearán a súa actividade e en última instancia, recorrerán a utiliza-la forza, da violencia, para poñer fin a experiencia. O caso de Chile a partires de 1970, cando a Unidade Popular conseguiu nomear como presidente do país a Salvador Allende, e ter unha maioría minoritaria na Cámara de Deputados, pode servir de exemplo.
E se falamos das institucións europeas, ás que nestes seis anos de crise, aínda sen pretendelo, non lles quedou máis remedio que amosa-la súa verdadeira faciana, podémolas cualificar como antidemocráticas, contrarias ós intereses das grandes maiorías sociais que poboan a U.E., que lexislan e toman acordos ó servizo das súas oligarquías máis poderosas; a de Alemaña fundamentalmente, que a traveso do seu goberno e da chanceler Merkel, situou como prioridade fundamental para unha saída da crise, a salvagarda dos seus intereses bancarios. As institucións e os gobernos nacionais, aceptaron dun xeito vergoñoso esta imposición.
No caso do estado español, PP e PSOE, do mesmo xeito que actuaran unidos para que se aprobara unha Constitución Europea antidemocrática e imperialista, dobregáronse submisos ós intereses de Alemaña e modificaron a Constitución de 1978, impoñendo o pago da débeda como prioritario por enriba dos gastos en servizos sociais fundamentais, ensinanza, sanidade, dependencia, pensións, seguro de paro, etc.
Algunha institucións como a Comisión, foron a vangarda das políticas contra os asalariados, esixindo medidas para o aumento da plusvalía, das horas de traballo, da imposición dos contratos lixo, da ofensiva contra dos funcionarios e sindicatos; das esixencias de recortes nas pensións e a privatización dos servizos públicos, das políticas de austeridade que afundiron o consumo das familias e levou ó peche a centos de miles de pequenas empresas e comercios e todas aquelas outras medidas que permitan a recuperación da taxa de ganancia para os grandes emporios industriais e financeiros; a concentración e a centralización do capital.
Pero tamén quedou clara a actitude, que merece unha condena unánime nestes anos de crise, do Parlamento Europeo, a institución que din representa @s cidadáns, que non foi capaz de enfrontarse, podemos dicir sen medo a trabucarnos, que foi cómplice das políticas que mandaron a millóns de europe@s ó paro, a marxinación e a unha parte á miseria, sen posibilidade algunha de recuperar o seu nivel de vida anterior ó comezo da crise. E que fixo dentro dese parlamento o grupo do Partido da Esquerda Europea?. Pois ou nada, ou como nada se pode facer, aparecer tamén ós ollos das grandes maiorías como cómplice, aínda que non fora a súa intención.
Dixen antidemocráticas pois se algo deixaron en claro os acontecementos destes anos, e que quen goberna na UE non o fai ó servizo da cidadanía, senón de intereses ocultos, espurios a maioría das veces, que non pasan polas urnas pero que son os que indican as políticas que lles favorecen e a quen eufemisticamente se lles coñece como “os mercados”.
Este tipo de propostas, de cambio desde dentro, deben ser rexeitadas por todo@s os que se consideren de esquerdas e pola maior parte dos traballador@s asalariad@s que amosarían ca súa actitude que aprenderon algo do acontecido nestes anos.
O segundo camiño tamén ten dúas alternativas salientables, dentro da idea de non manter confianza algunha nas institucións actuais e a imposibilidade de cambialas a elas e a política que levan adiante.
Nun primeiro grupo articularíanse os que teñen unha idea revolucionaria da participación nas institucións burguesas, pois consideran que participando desde dentro das mesmas accédese a unha situación privilexiada para facer propaganda contra o sistema, presentar un proxecto alternativo, socialista, denunciar a ineficacia das mesmas para soluciona-los problemas das maiorías e dos traballador@s asalariad@s e as corruptelas e os vínculos cos poderes na sombra. Séguese en certa medida aquela frase de Lenin de que o “parlamento burgués e como un montón de esterco, súbete a el para que te vexan e te escoiten, pero non caias nel”.
Postura que poderíamos aceptar se os que teñen esa mentalidade e quizais se presenten ás eleccións, constituíran unha forza revolucionaria que tivese fortes alicerces na sociedade, unha capacidade de loita e de proposta acreditada e un programa alternativo ó capitalismo para espallar na sociedade capaz de aglutinar ós numerosos sectores sociais que hoxe desorientados, observan a agresión constante que sofren, e cando se mobilizan, fano dun xeito defensivo.
Pero polo que coñezo das forzas do estado español, de presentarse algunha candidatura cunha proposta parecida á aquí debullada, é dubidoso que conseguira representación, e de facelo sería tan cativa que a súa presencia non deixaría de ser anecdótica.
Se esa forza existise, significaría que unha parte da clase traballadora emprendera, o labor de organiza-la súa propia forza política e a traveso dela e das alianzas necesarias, estar disposta a xogar o papel que lle corresponde na sociedade, habería transformado a conciencia en sí, en conciencia para sí. E estaría disposta a loitar pola hexemonía, é dicir, preocuparse tamén polos problemas do resto das clase explotadas e ser capaz de enfrontarse a clase ou fracción de clase burguesa hoxe dominante, para desprazala do poder político, derrotala no campo ideolóxico e organiza-la sociedade para acadar ese fin.
Nesas circunstancias podíase dicir que nos atopábamos inmersos nun enfrontamento entre as dúas clases antagónicas da sociedade capitalista: a burguesía e a clase traballadora asalariada. Desde o meu punto de vista sería apropiado darlle o voto a esa forza política o próximo mes de maio.
Pero esa non é a realidade actual e non a debemos confundir cos nosos devezos. Polo tanto a maior derrota que se lle pode infrinxir hoxe os explotadores, que crearon e dominan a UE e amosarlles que vamos aprendendo a lección do que significan a súa democracia e as institucións que a representan, é participar activamente na campaña e pedir para o día da votación, voto en branco, creo que é o que mellor traduce o rexeite ou o nulo. Ámbolos dous, ó contrario da abstención que podes absterte xa que pensas que as cousas van ben, son votos de activista. Pero sobre esta cuestión do voto escribiremos de novo máis adiante.

En Galicia no mes de xaneiro de 2014.


No hay comentarios:

Publicar un comentario