A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 3 de enero de 2014

GALICIA NO SEU LABIRINTO


Carlos Dafonte

Recoñezo non terlle pedido permiso a García Márquez por utilizar un título dunha das súas novelas para inicia-lo presente artigo; pero pareceume adecuado sitúa-lo noso país nun labirinto de difícil saída a pesares dos “mantras”, consignas ou quizais é mellor chamalas fantasías, que acotío repiten tanto o presidente da comunidade, como conselleiros e militantes do PP, anunciándonos a “boa nova” de que a economía galega atópase, grazas as medidas por eles tomadas, no bo camiño para a saída da crise, o que vai acontecer denantes e en mellores condicións que no resto do estado.
Habería que preguntarlles en primeiro lugar, que entenden eles “por saír da crise” no sistema capitalista. Posiblemente non nos poñeríamos de acordo, do mesmo xeito que non nos poñemos nas medidas que se están a tomar; en particular opino que para os traballadores asalariados, a grande maioría da sociedade galega, como veño repetindo desde hai tempo, só se sairá da crise se cambiamos de modo de produción e o capitalista deixa de ser hexemónico na formación social galega.

Quizais os que anuncian “xermolos verdes e a luz ó final do túnel”, dirán que saír da crise é comezar a crear postos de traballo. Para esa posible contestación era bo replicarlles con algunhas outras preguntas. Por exemplo sobre, canto consideran ten que crece-lo PIB para que se comece a crear postos de traballo?, en que sectores se van crear estes postos de traballo? e por último, que condicións económicas, sociais e laborais van corresponder a cada un dos postos de traballo creados?, no caso hipotético de que se creasen.
Ata hai poucos anos, curiosamente correspóndense cos de comezos da crise, os economistas aseguraban e os políticos confirmaban, que comézase a crear emprego cun crecemento económico superior ó 3% do PIB; nembargantes no estado español con crecementos superiores nun determinado período, tiñamos un paro moi superior que outros países que medraban menos e os postos de traballo que se creaban eran propios dun país subdesenvolvido, cunha grande precariedade; hai pois un paro estrutural, co que supoño, terán que contar tamén os que falan de que xa estamos a remonta-la crise, e que pode indicar que só se vai crear emprego con crecementos superiores ó % anterior.
Máis a propaganda que o PP realiza desde todas as instancias que domina, está orientada a facer crer @s galeg@s que se vai crear emprego case de inmediato, polo que as súas afirmacións non as debemos considerar máis que iso, propaganda sen ningún valor científico, resultado da proximidade de eventos electorais. Polo tanto, tendo en conta as premisas expostas, de seguir por este camiño, poderíamos comezar a crear emprego cara ó ano 2025, e con moita lentitude, polo que falar hoxe que xa nos atopamos preto da saída da crise, paréceme un pouco arriscado e unha ofensa para os millóns de parados.
Hai que ter en conta ademais que a recuperación da economía no estado, e Galicia non vai ser unha excepción, ten unha forte dependencia do que aconteza na eurozona, na que a recuperación parece que aínda vai tardar. Sobre todo se hai confirmación de que Francia atópase nunha difícil situación e a marcha da súa economía, a segunda da UE, ten unha repercusión moi importante na resolución da crise. Por iso a chanceler Merkel dixo o día que tomou posesión, “ó longo prazo, a crise pódese vencer”. Se iso é o que pensan na “locomotora económica”europea, como poden os dos vagóns de cola ser tan optimistas?
Creo polo tanto, que ós militantes do PP, con Feijoo a súa cabeza, os traizoa cando falan da saída da crise, o confundir a maioría da sociedade galega, cos intereses de aqueles para quen traballan e se poñen ó servizo, independentemente da clase social da que cada militante proceda.
As medidas deseñadas pola chamada “troika” (Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional e Unión Europea), que aplica con todo rigor o goberno do PP, tanto desde a administración central do estado como desde a autonómica, teñen como obxectivo o freo a tendencia decrecente da taxa de ganancia, para o que se precisa, rebaixar salarios e dereitos de todo tipo e apoiar a concentración e centralización do capital. Hai que recoñecer, que este proceso, iniciado polo PSOE denantes do 2011, o PP o esta a culminar con grande satisfacción de bancos e grandes empresas e en Galicia, o PP acepta todo canto teña que aceptar, desde a desaparición da banca autóctona, Pastor, Galego e Nova Galicia Banco, se podemos utilizar esta expresión, ata o afundimento no país das estruturas de empresas multinacionais, caso de Pescanova, ou a venda de os estaleiros Barreras, e todos cantos ERES se producen. Cantas máis forzas produtivas se destrúan ou máis baixen os salarios, ou as dúas cousas á vez, máis ganancia obterán os que queden en pé, que serán os máis poderosos e se farán cos mercados dos que desaparecen. Porque a realidade da saída da crise, como cando dicimos que a economía vai ben, é preciso matizar quen sae da crise e para quen vai ben a economía, pois repetir como facían os norteamericanos que “si a General Motors vai ben, os EEUU vai ben” é unha falacia. Hai que esixirlle ó PP e os que ven “xermolos verdes”, que digan quen os vai recoller. A realidade é que só unha minoría.
Todos estes procesos de venda e desaparición da “galeguidade” de importantes empresas, tamén pon en evidencia a febleza da burguesía nacional galega, incapaz de mercar a prezo de saldo empresas cas que se fixo o capital foráneo.
Como Feijoo e o PP están ó servizo da “troika”, das medidas por ela ditadas, creo que os sectores produtivos galegos atópanse en serio perigo, e a decadencia da pesca, do agro, tanto no sector leiteiro como no de carne, o peche de miles de pequenas empresas e comercios, a desaparición dunha banca e caixas de aforros galegos, as enormes dificultades de sectores punteiros noutras épocas como o naval, as caídas dos índices de produción industrial e formación bruta de capital no 2013, a perda de máis de 67.000 empregos no sector industrial desde o comezo da crise, etc, así o testemuñan.
Tamén hai que dicir que Feijoo que situou como obxectivo prioritario a loita contra o déficit público, ten fracasado rotundamente, o déficit orzamentario para 2013 era de 496 millóns de euros e o do orzamento para 2014 de 636. E se observamos a débeda, pasou do 6,8 % do PIB en 2008, ó 18,2 % do PIB en 2014.
Só quen ten interese en concentrar e centraliza-lo capital se vai ver beneficiado; a xente do común, a grande maioría da sociedade galega, ten en interdito o seu futuro. A emigración vai ser cada vez máis o obxectivo da parte máis nova e mellor preparada da sociedade.
En que sectores produtivos se van crea-los postos de traballo para os centos de miles de galeg@s en paro e dos que se incorporan anualmente ó mercado laboral?. Sen creto da banca para a pequena, mediana empresa e o comercio, o que unido á baixa no consumo, a causa do paro, da rebaixa dos salarios e pensións e o medo lóxico dos que poden consumir, a que cheguen tempos peores, explica a crise dos sectores que sempre ofertaron a maioría dos postos de traballo; se a isto lle engadimos a paralización do investimento público, no orzamento da Xunta para o ano vindeiro mingua en máis de cen millóns de euros, podemos afirmar que o panorama que se debulla para a maioría da sociedade galega, nada ten que ver cas previsión da Xunta e do PP. A sociedade galega atópase fronte ó ataque do PP indefensa e o que é peor, desorientada.
Posiblemente o PP, e para iso modificou a lei de costas, pensa que o tirón económico vai vir polo sector da construción e a edificación da maior parte do noso litoral, estragando aínda máis un espazo natural, hoxe con moitos problemas, ou vendendo o noso subsolo a empresas mineiras. Sempre lle quedará o recurso de engaiolar ós incrédulos falando do I+D+I e da posibilidade que temos en Galicia de promocionar ese sector.
Pero a realidade é testana. Como aseverei máis arriba, a crise como a economía non son neutrais; cando se di a economía vai ben, case sempre é así para uns poucos e non o é para a maioría; pois ben, sobre a saída da crise tamén vai ser do mesmo xeito; se algunha vez, cousa que dubido, se comezase a crear verdadeiramente un número importante de postos de traballo en Galicia, van ser tan precarios, con xornadas laborais de grande número de horas, cun salario tan baixo, con tan poucos dereitos laborais, cuns sindicatos tan minguados na súa capacidade de loita, que sen dúbida nos atoparemos cun novo patrón social, o do “asalariad@ pobre, aínda que con traballo”. Xa o dixo Díaz Ferrán o máximo dirixente dos empresarios e hoxe na cadea, “vai haber que traballar máis gañando menos”. Afirmación que define claramente o que a dereita conservadora quere para todos nós.
A crise importante na estrutura económica de Galicia, os datos dos últimos días din que o estado español e Galicia afástanse cada vez máis da converxencia ca Unión Europea-15, produce tensións, crises e conflitos na superestrutura política, situación que se reflicte na crise institucional que abrangue desde a monarquía ata o máis modesto sindicato.
A crise económica e a corrupción que se manifesta en todos os aspectos da vida política e social, esta a facer modificar a confianza que se tiña nas institucións, como elementos fundamentais para soluciona- los problemas da sociedade, ata convertelas no problema máis importante co que se atopa a cidadanía, que as comeza a considerar tamén, como os instrumentos fundamentais ó servizo da clase dominante; dos máis ricos, dos máis poderosos, dos que gobernan sen presentarse ás eleccións, pero que configuran o verdadeiro poder.
É a comprensión desta nova forma de ver a realidade, a que leva a importantes sectores da sociedade a poñer en cuestión o sistema político, que ata o presente só concretouse nun “non nos representades”, pero que significa un paso adiante na crítica ó réxime que se configurou no período coñecido como transición política; o tránsito da ditadura a un sistema democrático, cuxas eivas a crise económica e a corrupción política poñen de relevo.
En Galicia, pero pódese estender a todo o estado a seguinte afirmación, a incapacidade para establecer un programa de loita capaz de dar unha resposta de clase á situación e unha estrutura organizativa que facilitase levalo a cabo, por parte das forzas que se reclaman da esquerda e polo tanto anticapitalistas, ó longo destes anos de fonda crise, programa que había que darlle pulo tanto desde as institucións onde os votos os colocaron, pero sobre todo desde a rúa, deixa translucir a crise da dirección política, que segue a valorar máis, a pesares de declaración como “o parlamento non vale para nada”, o traballo que se realiza nas institucións aínda que se coñeza ben que funcionan, pola súa propia concepción, ó servizo da clase dominante
Esta actitude pode “pasarlle recibo” a AGE, que apareceu no escenario galego e estatal como algo novidoso que indicaba un camiño para estimula-la loita contra as medidas neoliberais para saír da crise e que co paso do tempo se vai desinchando respecto a súa proposta inicial, ata caer na desorientación cas crises internas que padecen os dous compoñentes máis importantes da mesma.
Crise que é resultado de non ser capaces de converter a AGE no referente político que a sociedade galega reclamaba e deixalo só, e pódese sacar a conclusión que é o que consideran máis importante, nun instrumento para a loita institucional que non sempre serviu, polo labor que exerceron os seus representantes, para clarexa-los campos no que a sociedade divídese e a crise afonda. Tamén froito das contradicións que aniñan no seu interior que só a participación institucional non permite ir soldando.
Durante todo este tempo moitas das intervencións levadas por AGE no Parlamento contra o PP, pode que parezan a moit@s galeg@s máis froito de liortas de carácter persoal, que un ataque desde unha perspectiva política, económica e social contra o sistema capitalista e a conseguinte exposición dunha alternativa. Non é o mesmo dicir vostede é un corrupto que dicir o capitalismo é un sistema corruptor, que necesita da corrupción, o narcotráfico, os paraísos fiscais e toda outra serie de cuestións para sobrevivir, e vostede coñecendo isto atópase o seu servizo, e beneficiase da corrupción que xera. Sabemos que moitas veces quen ten que recoller as intervencións nas institucións, os medios de comunicación, por estar ó servizo do capital non o van facer; para suplir este baleiro, a acción da organización na rúa e fundamental para explicar, levar a xente un programa de loita e tamén para mobilizar, organizar e facer pedagoxía...
Polo tanto se AGE non foi capaz de cubrir na rúa todas as expectativas que xerou, non actúa como a vangarda, as outras tres organizacións políticas presentes no Parlamento, tentan cubrir este baleiro modificando moi pouco o que fixeron ata hoxe; seguen a xogar o papel de sempre...con matices..
O PSOE tentando que de novo se recompoña o sistema do “bipartidismo imperfecto”, que no caso de que o PP perda a maioría absoluta, poda contar cos apoios necesarios para seguir a facer as políticas económicas que establece “a troika” que someten á poboación traballadora á perda de dereitos de todo tipo. Pero ten numerosos militantes atrapados en casos de corrupción que non lle permite neste campo, un dos máis sensibles para a cidadanía, facer unha oposición frontal.
A baixada electoral e a corrupción, pero sobre todo non ser unha clara alternativa ó PP, a súa participación no goberno central pero tamén no autonómico, na época do bipartito, deixaron claro os seus límites, non lle permite avanzar en momentos propicios nos que o PP atópase en horas baixas
O PP con Feijoo a fronte, prevendo a caída electoral do seu partido a nivel de estado, fai algúns xestos de “indisciplina controlada”; pero non debe enganar a ninguén; o PP de Galicia é copartícipe de todas cantas medidas antisociais se tomaron e se van tomar, desde a reforma laboral con maiúsculas, ata a lei do aborto, a de seguridade cidadá, pasando polas pequenas reformas laborais que pasan as veces inadvertidas, e ademais ten as “bodegas do seu barco” anegadas pola corrupción da trama Gürtel, Bárcenas e os contactos co narcotráfico e os innumerables casos como “pokemon” e moitos outros que afectan a todas as forzas políticas institucionais galegas, agás AGE.
O PP traballa tamén desde Galicia pola recentralización do estado, en favor dun sector da oligarquía, e mentres o ministro Fernández elabora unha Lei de Seguridade cidadá, que nada ten que ver ca seguridade da cidadanía e non é outra cousa que unha lei contra quen se queira manifestar, dereito constitucional, contra as agresións do poder, Feijoo e o PP de Galicia, queren conservar a maioría absoluta ou como mal menor restablecer o bipartidismo, minguando o número de deputados no Parlamento Galego, para facelo menos plural e máis favorable ás maiorías aínda que non acaden a maioría absoluta. Esa manobra escóndena baixo o obxectivo do aforro, como se fose o único lugar onde se pode aforrar. Que mire ó seu redor, que poña fin á corrupción ó clientelismo, ó caciquismo no seu partido e verá como se poden aforrar cantidades importantes de cartos, pero non rebaixando os contidos desta minguada democracia ó servizo do capital.
Para, digo eu, tentar superar a derrota electoral das últimas eleccións autonómicas, o BNG fai dúas propostas simultáneas, “máis soberanía” e volver á rúa e axudar ós afectados polas medidas dos grupos económicos e os gobernos, tanto central como autonómico.
A primeira das propostas, é similar e igual de oportunista que a levada a cabo polos nacionalistas de dereita cataláns para desvia-la mobilización social contra as medidas da Generalitat, evita-lo seu desgaste e reconduci-las protestas a un estadío máis asimilable por CiU e ERC, o do enfrontamento Cataluña-Madrid en vez do burguesía-clase traballadora, que é a que debe estar no centro do debate, que apoiado nun sentimento catalanista importante, estalles a saír ben, polo momento. Entre outras razóns porque enfronte teñen a unha esquerda feble no político e no ideolóxico, que tivera un protagonismo moi salientable na mobilización da “diada” de 2012 contra os recortes sociais, e que agora conseguírona levar cara a unhas perspectivas na que a dereita nacionalista, ten todas as de gañar.
En Galicia a proposta do BNG neste eido, ten dous obxectivos fundamentais desde o meu punto de vista, conectar e desactivar en certa medida todo o movemento independentista galego que o abeiro da crise do BNG collera un pulo inusitado. O segundo, producir problemas internos e contradicións entre as dúas correntes máis importantes de AGE, a quen o BNG considera un adversario moi perigoso para o seu desenvolvemento futuro. Hai sectores de ANOVA máis proclives á nova formulación política do BNG, que a idea de que o que debe situarse nun primeiro plano é a contradición capitalismo-socialismo
Esta proposta soberanista significa hoxe, cando non hai saída para a crise dentro do sistema capitalista para a maioría da sociedade galega, que ninguén se faga falsas ilusións socialdemócratas, eludir como fixo con toda lóxica en Cataluña a dereita, a burguesía e a pequena burguesía, o debate capitalismo-socialismo, o cambio do modelo produtivo.
E aínda máis, establece fondas divisións entre a clase obreira no conxunto do estado español, a única clase que pode loitar por unha nova sociedade a partires dunha visión global dos problemas, dunha visión de conxunto. O avance cara ó socialismo ou se produce a nivel de todo o estado ou non se produce, e a clase traballadora ten que ser a vangarda, a única interesada en soterra-lo sistema capitalista.
A segunda das propostas, volver ás rúas, todos debemos estar de acordo, sempre que non se trate de manipula-los movementos e poñelos ó servizo da primeira das propostas
A sociedade galega encara o cambio de ano, cos sectores da súa economía en difícil situación e a maioría das organizacións políticas que operan no seu territorio, ou ben ó servizo dunha minoría que non representa os intereses da sociedade por moitos votos que obteña, ou facendo propostas trabucadas que non levan a soluciona-los problemas, ou mergulladas nunha crise cuxa solución non é fácil albiscar. Alguén pode atreverse a negar que Galicia atópase nun labirinto de difícil saída?

En Galicia no mes de xaneiro de 2014


No hay comentarios:

Publicar un comentario