A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 16 de septiembre de 2014

O "XENE" FRANQUISTA DAS REFORMAS ELECTORAIS


 Robero Laxe
Podería parecer que todo o rebumbio levantado polas reformas electorais propostas polo goberno e a Xunta é unha cortina de fume, coa que tratarían de evitar o importante, as consecuencias sociais e económicas das súas políticas para a poboación... Nada máis lonxe da realidade, o PP con estas reformas electorais -elección directa de alcaldes, redución de parlamentarios autonómicos, etc.- esta remodelando o réxime do 78, blindando as institucións fronte a cambios de calado que se anuncian.
 Mesturando a Lenin con von Clausewitz, “a política é a economía por outros medios”, e todos os recortes, axustes e rescates só poden garantise a través dun retroceso tremendo nas conquistas políticas, democráticas. É de caixón, de aí por exemplo a disolución das brigadas antirroubos da Policía Nacional e o reforzo dos antidisturbios para previr levantamentos sociais.
 Pero vaiamos por partes: primeiro, a reforma electoral de face ás municipais -elección directa dos alcaldes- arguméntana sobre a base de que é máis democrático unha lei electoral como a que eles propoñen, que a actual, e ademais garante a “gobernabilidade” dos concellos. Esta claro que o primeiro argumento se é unha cortina de fume, o máis democrático non é que se elixa directamente ao alcalde, é dicir, quen vai a mangonear catro anos, senón que o pobo decida sobre todos os aspectos do seu futuro: nun estado democrático a lei non está por encima da decisión do pobo, senón ao seu servizo, porque a lei é emanación do pobo. Mentres, nos estados non democráticos, absolutistas ou ditaduras, é a lei, arbitraria ou non, a que se sitúa por encima da vontade popular, encorsetándola.

O “xene” franquista asoma o seu nariz por esta vía de que a lei sitúa-se por cima do pobo: as leis do franquismo xa se situaban por cima do pobo, e non por iso era democrático. Pero ese “xene” saca todo o seu corpo co segundo argumento: garantir a “gobernabilidade”.
 Por favor, que se deixen de monsergas, o que realmente queren é o goberno dunha persoa e “brazos de Madeira” (parlamentarios, concelleiros, etc.) como os do franquismo, que a cambio dunhas prebendas e patentes de corso, votaban todo o que a “autoridade competente” propuña. Son uns nostálxicos da ditadura, na que os “políticos” non tiñan que pasar “o grolo” dunhas eleccións cada catro anos, de enfrontar programas, para logo incumprilos; e sobre todo arriscarse a perder o poder, é dicir o control das subvencións estatais, desde o goberno central até o ultimo concello. Garantir este control é o que esconden tras a palabra “gobernabilidade”, porque a burguesía española caracterízase pola súa dependencia total desas subvenciones / concesións.
 Se realmente queren achegar “a política” e as institucións ao pobo, que establezan a revocabilidade de todos os cargos electos, derroguen a antidemocrática lei D’Hont, que a través da “enxeñaría” electoral favorece aos partidos maioritarios, e os límites do 5% dos votos para ser elixido, poñan os medios de comunicación desas institucións ao servizo das organizacións obreiras e populares, das asembleas populares, de maneira que todos poidan concorrer en termos de igualdade; neste momento os únicos que teñen acceso a eses medios, públicos e privados, son as organizacións burguesas e as que se lles concede graciosamente ese “privilexio”.
 Estas e outras medidas son os oposto polo vértice á proposta polo PP neofranquista, polo que só a través da loita vanse a conseguir.
 Unidos a estes argumentos “políticos”, explican que as medidas de reforma electoral que propoñen, supoñen un “aforro” en custos parlamentarios ou nos concellos. Novamente sae o “xene” franquista, presupondo que o goberno dunha persoa é máis barato que unha democracia. Falso até a medula, porque ese goberno supón un alto grao de arbitrariedade á hora da utilización, sen control, dos orzamentos públicos.

 Se realmente queren abaratar a administración publica que non paguen a débeda nin os seus intereses, unha débeda que cando chegou o PP ao goberno estaba no 60% do PIB e agora está case no 100%, á vez que recortaron en todos os servizos. Onde han ir eses case 400 mil millóns que supoñen ese 40%? Se queren unha administración máis barata que reduzan os salarios de parlamentarios e concelleiros ao dun asalariado / a medio. Se queren abaratar as administracións que renacionalicen todos os servizos privatizados, revogar concesións e derivacións á privada, subvencións aos empresarios para a contratación, e, por encima, que nacionalicen a banca e esixan a devolución do regalado nos rescates.
 Pero o PP é parte activa e orgánica desa clase capitalista que se está beneficiando do saqueo sistemático das contas publicas, polo que para seguir utilizando os recursos sacados á poboación traballadora, necesitan a “gobernabilidade”; e apoiándose na evidente corrupción dos xestores actuais (dos que eles son maioría), sacan o “xene” franquista do goberno dun só, “o alcalde”.
 Este “xene” franquista sae a relucir, tamén, cando enfrontan un proceso como o catalán, que é o realmente democrático, o dereito dun pobo a decidir. O PP rexéitao baixo o argumento de que “viola a lei”, e polo método moi español de que “polos meus c... que aquí decido eu quen é español e quen non”.
 A lóxica de que a lei está por encima da vontade popular e non ao revés enraíza non só coa ditadura, senón cos métodos do absolutismo; era Hegel na súa Filosofía do Dereito, cando defendía o carácter central do monarca nun réxime, que o expuña como plasmación abstracta da Idea; e enraíza neses métodos porque a burguesía española foi incapaz de facer nin tan sequera unha “reforma revolucionaria” do réxime absolutista, senón que pactou con el para garantir o poder: a II Republica foi a súa última gran oportunidade para facelo e renunciou coa guerra civil. Este atraso político sitúaa a anos luz doutras burguesías que se fixeron as revolucións democráticas (Francia, Gran Bretaña, EE UU), ou reformas tan profundas do sistema feudal que acabaron con el até a raíz (Alemaña, Italia).

Vexamos o exemplo de como dous gobernos iguais pola súa raíz de clase, o de Cameron e o de Rajoy, encararon dous “retos” parecidos de maneira oposta, o referendo escocés e o catalán.
 A burguesía británica, imperialista onde as haxa, saqueadora de pobos (Irlanda do Norte!), explotadora da clase obreira de medio mundo,... ten nos seus xenes a revolución democrática, e encarou o proceso escocés baixo eses criterios. O goberno británico negociou e acordou os ritmos e as preguntas. Non se entregaron a unha campaña apocalíptica como fan aquí, de mentres “eu goberne non se viola a lei” (Rajoy dixit), de sectores da burguesía ameazando co exercito (a TDT Party), etc., etc. Non é que o réxime británico non sexa brutal cando o necesita, que o é -Irlanda do Norte, de novo-, senón que ante procesos que sabe pode reconducir coa negociación, non se entrega ao vitimismo da teoría do desastre. Ten nos seus “xenes” que a democracia burguesa e os seus métodos da votación, son a mellor maneira de desactivar e reconducir procesos sociais: de feito, tras decenios de guerra, é o que fixo en Irlanda do Norte, cos acordos de Stormont, e hoxe as provincias do norte seguen sendo británicas.
 Unha contrarreforma do réxime do 78
 A burguesía española, a través do PP, con todas as reformas electorais que esta levando a cabo, está a adecuar o estado ás novas condicións dunha burguesía en crise, unha burguesía crápula que vive do estado, incapaz de xerar un tecido industrial que non dependa das súas subvencións / concesións.
 O PSOE comezou coa reforma express da constitución para o pago da débeda, pactada co PP; pero a “audacia” destes nas súas reformas, colleu desprevido e sen armas a toda a oposición, comezando polo PSOE e terminando pola esquerda institucional e institucionalizable (Podemos).
 A inconsistencia destes enfróntase ao programa claro do PP, que baixo as formas da constitución do 78, pretende volver á “ditadura democrática” da Reforma Política do 76 (o “xene” franquista), na que facían certas concesións a certos partidos, o PSOE; pero nin de lonxe legalizábase ao PCE nin, por suposto, a toda a extrema esquerda (PT, ORT, MC, LCR,...), e non se negociaba coa burguesía vasca e catalá (Estatutos de Autonomía). Só a loita obreira e popular impuxo esas legalizacións e os dereitos das nacións (Galiza, Euskadi e Catalunya) foron disoltos nun “café para todos” autonómico. O proxecto inicial da burguesía, a Reforma Política votada no referendo do 76,  tras a morte do ditador foi ampliado pola loita.
 Agora, baixo os golpes dunha crise de gran calibre, superior á que rodeou a Transición nos anos 70, a burguesía retoma ese “vello” proxecto de recortar o máis posible os marcos democráticos; xa ten a Lei de Partidos para ilegalizar ao seu arbitrio, xa ten a reforma constitucional para o pago da débeda, xa ten grazas a esa esquerda institucional e institucionalizable a ideoloxía que cala no activismo de que estamos nun réxime democrático pleno pero con defectos, que o problema é a “caste” que o dirixe. Desta maneira, a oposición esta desarmada e desarma á poboación, porque non entende que a raíz do problema esta en o “xene” franquista do réxime do 78 que o fai irreformable, non rexenerable.
 O PP, co desconcerto ou o silencio da esquerda institucional e institucionalizable, esta levando a cabo unha profunda contrarreforma do réxime, a fin de salvalo da crise. A tarefa dos revolucionarios é denunciar esta “contarreforma”, e fronte ás propostas de “rexeneración” democrática, levantar a única alternativa realmente democrática, a convocatoria inmediata dunha Asemblea Constituínte, na que se resolva o carácter do estado e todo o que iso leva.
 As asembleas e grupos do 15M e as propostas cidadás, as candidaturas locais cidadás, a esquerda que non é esquerda, e especialmente o sindicalismo de clase e combativo, deben forxar a unidade fronte a este réxime, que rompa coa Unión Europa, poña no centro a loita pola federación de repúblicas ibéricas e europeas, o dereito á autodeterminación e a transformación nun sentido socialista da sociedade.
 En Galiza no mes de setembro de 2014




No hay comentarios:

Publicar un comentario