A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 22 de septiembre de 2014

O CAPITALISMO NON CONSEGUE REMONTA-LA CRISE E A ECONOMÍA DO ESTADO ESPAÑOL TAMPOUCO


Carlos Dafonte

Todas as institucións de carácter mundial, tanto económicas como políticas, amosan estes días a grave preocupación que lles produce a esterilidade de todas cantas medidas foron tomadas para saír da crise. Admítense os curtos avances e os retrocesos importantes que se producen desde hai anos. Só no estado español o Partido Popular practica un avestrucismo suicida.
A pesares de todos os seus esforzos e recorrendo a todo tipo de argumentos, a mentira o máis cotiá, para enganar ós distintos pobos que configuran o estado español nesta precampaña electoral longa, que desembocará nas eleccións municipais, autonómicas e xerais do ano 2015, sobre a bondade da súa política económica, as cifras son testanas e quítanlle a razón ó PP; todo indica que a situación económica vai a peor e a maioría da sociedade a sofre nas súas carnes.
Como pode o PP tentar convencernos de que España vai ben nun contexto europeo de Italia entrando en recesión, a posibilidade de que Francia o faga nun período curto e o estancamento da economía de Alemaña?. Unha economía subordinada como a nosa, baseada nos servizos, co sector industrial maioritariamente en mans foráneas, o automóbil, non pode ir nunca ben cando no noso entorno, as potencias industriais de Europa, non van ben. E Francia a quen toda unha serie de comentaristas consideraban desde hai anos, o “enfermo da UE”, non vai nada ben. No primeiro semestre do presente ano, o noso veciño tivo un crecemento do PIB cero, o déficit público atópase polas nubes, superando con moito o 3'8 prognosticado, o desemprego supera os 3.500.000 e sumándolle os que teñen traballo temporal, sitúase por enriba dos cinco millóns; pois ben en vez de estimula-lo consumo, medida máis na liña dun partido que se chame socialista, aínda que igualmente ineficaz, optou Hollande polo chamado “Pacto de Responsabilidade” que lle outorga ó sector privado privilexios fiscais por máis de 30.000 millóns de euros, para cuxo financiamento reducirase o gasto público en máis de 50.000 millóns de euro ata o ano 2017; falando claro, se carga sobre a maioría dos franceses, os custes deste plano, reducindo orzamentos en servizos públicos, salarios, prestacións sociais, etc. É polo tanto lóxico que a popularidade de Hollande atópese polo chan.

No mes de agosto deste ano o índice de confianza na UE baixou ó seu nivel inferior en oito meses e os 18 países do euro asisten estes días á confirmación do estancamento na esperada recuperación económica.
Os números no estado español tampouco son bos; desde que o PP entrou no goberno producíronse 700.000 parados máis e reducíronse en 600.000 o número de afiliados á SS; e un grande número de parados, así como a redución da masa salarial e a transferencia cada vez maior das renda do traballo ás do capital, teñen unha influenza decisiva sobre o consumo o que trae aparellado a queda do IPC e a posibilidade de deflación, un dos perigos entre outros moitos, que debe sortea-la economía española.
Ó anterior hai que unirlle as malas novas sobre o que Rajoy o seu goberno e partido, consideraban o exemplo máis claro da boa marcha da economía, da vitalidade da mesma: o aumento das exportacións; pois ben, nos últimos meses están a caer ata aumentar en 11.000 millóns de euros o déficit comercial exterior e seguirán a caer de entrar Francia en recesión, o principal país receptor das mesmas e tamén cas medidas tomadas por Rusia sobre unha parte importante de produtos alimenticios, froitas, verduras e hortalizas, que non sempre se exportaban directamente, tamén facíase a países que servían de intermediarios e que si non os poden revender a Rusia tampouco terán interese en continua-las mercando. O tema da fortaleza do euro, que a Alemaña non lle importaba, as súas exportacións aumentaron no segundo trimestre do ano nun 3%, parece que cas medidas tomadas polo Banco Central Europeo de rebaixar tipos e mercar débeda pódese solucionar polo momento; polo tanto imos ver, nos próximos meses, se era o factor determinante para a queda das nosas exportacións ou hai outros parámetros que si o son.
A débeda pública española supera por primeira vez, no mes de agosto, o 100% do PIB, un billón de euros; ó inicio da crise atopábase no 36%. Imposible de pagar por moito que baixe a prima de risco. Este espectacular aumento é resultado das políticas fiscais que desde 2006, tiveron como obxectivo rebaixar as cargas ós máis ricos e as grandes empresas, a dilapidación do estado e a corrupción, o fraude fiscal apenas perseguido, a economía mergullada e a asunción das débedas dos bancos e caixas.
Esta situación de estancamento xeneralizado da economía española, reflíctese nas cifras de paro do mes de agosto en que aumentou o número de parados en 8.070 segundo os datos oficiais, cando o ano pasado todo eran parabéns pois creáranse no mesmo mes 37 novos postos de traballo, e para o goberno era indicativo de que nos atopábamos no bo camiño grazas á reforma laboral..
A UE e o Estado Español, polo tanto, non van moi ben, e a en outros momentos chamada “locomotora mundial”, a economía estadounidense tampouco, a pesares da capacidade que teñen para maquillar malas cifras e aprobar hai seis anos as medidas que o BCE toma agora, principios de setembro, como as que nos van a salvar da catástrofe, e que eran reclamadas sobre todo polos que se seguen a denominar “socialistas”.
Ós preto de 50 millóns de norteamericanos que viven na pobreza máis absoluta, 13,4 millóns de nen@s, hai que unir os 110 millóns, son as últimas cifras publicadas, de persoas que reciben axudas para alimentos. O 4 '3 % de familias con nenos/as viven con dous dólares ou menos ó día.
Un dos homes de negocios máis coñecido dos EEUU afirmaba nun medio de comunicación, que EEUU deixara de ser un país rico, pois un país que ten a enorme débeda, 16 billóns de euros e ten que saír a pedir prestado fora, non o é; que ten ademais unhas cifras manipuladas sobre o paro, as cifras oficiais do paro as considera mentira, e afirma que as reais están entre un 18-21 % e cunha máis que inevitable redución da cualificación crediticia non pode considerarse rico. Remataba as súas afirmacións dicindo que EEUU atopábase en recesión e dentro de pouco, penso que é un pouco esaxerado, será como Grecia ou España.
A máquina de facer dólares segue a traballar sen descanso, sen estar apoiadas estas emisións pola creación de riqueza ou como en tempos, polo ouro da Reserva Federal, o que a curto e medio prazo vai complicar aínda máis a saída da crise..
O profesor de economía Paul Craig Roberts escribía no portal financeiro “Zero Hedge” que a economía dos EEUU baséase, entre outros parámetros, na manipulación dos prezos, o control especulativo dos produtos básicos, o apoio do dólar por parte dos estados monicreques de Washington e estatísticas oficiais manipuladas e falsificadas.
Algo non debe marchar moi ben, a pesares da constante propaganda que os neoliberais fan da economía dos EEUU, cando na xuntanza celebrada en Jackson Hole, Wyoming, no mes de agosto pasado de Bancos Centrais, xuntanza á que non acudiu o de China, entre os informes estudados atopábanse os de dous economistas laborais, Steven Davis da Universidade de Chicago e Jhon Haltiwarger da de Maryland, nos que se afirma que o mercado laboral norteamericano é cada vez menos dinámico, menos fluído, o que se traduce nun maior desemprego, menor produtividade e descenso dos salarios. Alertan de que os EEUU van camiño de perder unha das súas “fortalezas económicas”, o sólido fluxo de traballadores entre postos laborais e a rotación do emprego. A taxa de fluidez do mercado laboral dos EEUU caeu un 25% desde 1990, o que se traduce en menores niveis de emprego.
A propia presidenta da Reserva Federal na mesma xuntanza, a señora Yellen afirmou “que os mercados laborais dos EEUUU seguen freados polos efectos da grande recesión e a FED debería moverse con cautela a hora de determinar cando a economía estará suficientemente forte como para eleva-las taxas de interese”
Polo tanto as dificultades son grandes para supera-la situación de crise na que se segue a considerar, aínda que non sexa certo, primeira economía mundial.
Do mesmo xeito que no estado español un índice claro de que a situación económica non mellora é o aumento do gasto en material antidisturbios, nos EEUU acontece algo parecido. Nese país existe un programa de transferencia de equipamento militar, avións, vehículos blindados, grandes ametralladoras, blindados antiminas, etc, ás policías locais e estatais, aprobado desde hai anos polo Congreso; pois ben, se no ano 1990 estas transferencias foron por un valor de 1 millón de dólares, no 2013 esta cifra ascendeu a 450 millóns, o que pode querer dicir que as forzas represivas prepáranse para reprimi-lo pobo norteamericano con armamento de guerra, no caso de que a crise siga a avanzar e aumente cada vez máis a mobilización social. Algúns sociólogos xa apuntaron hai tempo, que a brutalidade practicada polas forzas represivas nas rúas dos EEUU, e maior que a utilizada en algúns países ocupados.
E nos BRICS tampouco as economías poden ir moi ben, por estar inseridas no mercado mundial e a principal economía dos mesmos, China, se nos atemos ó índice adiantado de “Xerentes de Compra”, composto a súa vez por doce subíndices, referido ó sector manufactureiro, caeu ó nivel máis baixo dos últimos tres meses, ata o 50'3, caída que se ven producindo desde hai preto dun ano, aínda que en xullo acadara o 51'7. Hai que dicir que de chegar a 50 estaríamos nunha situación de claro estancamento.
Caeu tamén o crecemento no investimento en infraestruturas e o inmobiliario nun 11'9 %, así como desacelerouse o de produción de aceiro, un 4'4 % respecto o mesmo mes do ano anterior e o industrial no seu conxunto. Outro subíndice o de novos pedidos, que no mes de maio atopábase no 52'8, tamén descendeu.
E si a economía de China non vai ben, tampouco marchará ben a dos BRICS nin a mundial, a non ser que a de España faga de “locomotora mundial” co Rajoy de “fogueiro maior” e Montoro e Guindos de axudantes; non esquezamos as verbas do segundo, moi parecidas ás do presidente Rodríguez Z., nos momentos de delirio, “a economía española é o asombro do mundo”.
Existe polo tanto un risco inminente dunha nova recesión a nivel mundial, tan brutal como a que comezou nos anos 2007-08 e a pregunta pertinente desde o meu punto de vista é, que esta a fallar se todo indica que a taxa de ganancia se ten recuperado?
Eu sempre fun partidario de analizar o proceso capitalista como un proceso contrario ós ciclos, teoría exposta xa hai moitos anos por Kondratieff, que afirmaba que, mecanicamente, cada 20 ou 30 anos producíanse fases expansivas e recesivas. Creo que a historia nunca se repite. Considero que as elaboracións de Mandel no capítulo cuarto da súa obra “O Capitalismo serodio” no que fala das ondas longa, corrixiu estas afirmacións e sinalou que esta alternancia non é mecánica, que se producen fases expansivas e represivas, marcadas por características moi específicas. O paso da fase expansiva á depresiva é endóxeno, é dicir resultado dos mecanismos internos do sistema, pero o paso da fase depresiva á expansiva é esóxeno, non automático, e debe supor unha reconfiguración do entorno social e institucional. Pasar á fase expansiva require pois, reconstituír unha nova orde produtiva. Non se pode asociar ó tempo de vida do capital fixo. Polo tanto o enfoque de Mandel non atribúe moita importancia ás innovacións tecnolóxicas na definición desa nova orde produtiva, o papel esencial o van xoga-las transformacións sociais.
Mandel consideraba, e mantívose firme na súa posición ata finais da súa vida, a existencia de “ondas longas do desenvolvemento capitalista, que implican ondas longas de produción, emprego, ingresos, investimentos, acumulación capitalista e da taxa de beneficio”.
Pois ben, como afirma Husson, unha das características da fase neoliberal na que nos atopamos é precisamente a de desconectar as diferentes variables que Mandel utilizaba; cuestión que queda moi clara se analizamos os datos e gráficos da Comisión Europea referidos á Triada, UE, Xapón e EEUU, onde se pode apreciar como Taxa de Beneficio e Acumulación se desaxustan a partires de mediados da década dos anos oitenta e o mesmo acontece o analizar conxuntamente a de Beneficio e a de Produtividade, desaxustes que coinciden xusto cando as políticas de corte neoliberal para recupera-la queda da taxa de beneficio, son máis agresivas.
Saíremos da crise cando axusten o ritmo estas tres taxas? É posible cas deslocalizacións e a competencia intercapitalista baseada na baixada dos salarios e o aumento das horas traballadas, aumenta-la produtividade? Unha nova perspectiva tecnolóxica e o aumento da composición orgánica do capital, non levaría de novo á queda da taxa de ganancia e reinicia-lo proceso de crise?. No capitalismo non hai saída.
Os traballadores, ademais de cavilar sobre todas estas cuestións para non deixarse enganar pola propaganda cotiá do poder e dos seus representante nas institucións, que ó tempo que falan de estar no camiño de saída da crise seguen dispostos a tomar máis medidas contra d@s asalariad@s, deben tamén preocuparse por abrir dunha vez por todas a perspectiva do socialismo, do cambio de sociedade e de modo de produción.

En Galicia no mes de setembro de 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario