A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 10 de octubre de 2014

O ISLAMISMO RADICAL Ó SERVIZO DOS INTERESES DO IMPERIALISMO DOS USA


Carlos Dafonte

O islamismo máis radical, que popularmente coñécese como “yihadismo”, practican a “yihad”, e tamén como “muxadíns”, os homes que están dispostos a morrer por Alá, non é un proceso endóxeno das sociedades musulmáns, responde o seu pulo case sempre, a uns determinados intereses hexemónicos mundiais.
Hai xa moitos anos que Samir Amín o coñecido economista, escritor e politólogo exipcio, contou como estando en presencia de Gamal Abdel Nasser presidente de Exipto, diante da nova que lle comunicaron da celebración dun evento que xuntaba a un numeroso grupo de musulmáns moi radicais, o analizou como a resposta dos EEUU ós acontecementos que se estaban a dar naquel momento.

O principio deste movemento, que hoxe se materializa no que chaman os medios de comunicación o “Estado Islámico”, que ocupa territorios de Iraq e Siria, aínda que un antecedente coñecido pódese considerar a fundación dos “Irmáns Musulmáns” en 1928, hai que establecelo na chamada “guerra de Afganistán”, a maior operación encuberta na historia da CIA, programada como resposta á entrada do exército soviético no país ó ser solicitado por parte do goberno lexítimo, presidido polo comunista Babrak Karmal.
Hoxe coñécese que a CIA, utilizando como estrutura intermedia o ISI (Interservizos de Intelixencia) paquistaní, potenciaron unha “yihad”, unha guerra total dos estados musulmáns, contra a URSS. Dáse a cifra de aproximadamente 50.000 individuos dos máis radicais dentro do islamismo, procedentes de corenta países, os que loitaron nos dez anos que durou a guerra, pero valórase en máis de 100.000 os que foron influenciados pola “Yihad” afgana. EEUU e Arabia Saudita foron os principais financiadores da guerra mediante, hoxe coñécese perfectamente, o comercio do opio producido na “Media Lúa Dourada”, zona montañosa entre Irán, Afganistán e Paquistán, onde prodúcese dende hai centos de anos.
En 1985 o presidente dos EEUU Ronald Reagan amosou claramente o apoio ós “muxadíns” ó asinar a Decisión de Seguridade Nacional 166, autorizando o apoio co obxectivo de derrota-lo exército soviético. Subministróuselles grande cantidade de armamento, só no ano 1987, 65.080 toneladas, así como a participación de numerosos “especialistas” da CIA e do Pentágono.
Ó actuar como intermediario o ISI paquistaní, se afirma por parte de analistas do evento, posiblemente para lava-la cara, que Osama ben Laden nunca pensou que os EEUU estiveran detrás do apoio que recibían; pero é moi dubidoso que así fora, a súa familia tiña numerosos negocios nos EEUU e sobre todo ca familia Bush en negocios relacionados co petróleo. Esta relación é a que lle permitiu xoga-lo papel que se fixo ver que xogaba, en todo o movemento radical.
En calquera caso, como xa teño aseverado noutros artigos, a retirada dos soviéticos e a caída do goberno procomunista, foi posible grazas a intervención decisiva dos EEUU e permitiulles ós islamitas máis radicais do mundo, valorar positivamente a súa capacidade de enfrontarse a unha grande potencia, ó tempo que as decenas de miles de participantes directos nas operacións militares chegados de diversas partes do planeta, e todos aqueles outros que sen participar directamente foron unha importante axuda loxística desde os seus países, crearon as redes que se teñen estendido por todo o planeta e que como un novo Frankenstein, enfróntase cos EEUU e os seus aliados imperialistas. Pero creo que é axeitado facernos unha pregunta, si a CIA axudou e financiou a rede perdeu todo o control sobre ela? Non seguirá a manipulala a favor dos intereses dos EEUU?
Non contentos ca súa creación en Afganistán, seguiron a potencia-la rede islamita na guerra de Iugoslavia, permitindo a chegada de “muxadíns” a loitar a Bosnia contra Serbia.

Os EEUU levan moitos anos fabricando Frankensteins.

Os EEUU son uns grandes especialistas en crear monstros no mundo; non debemos esquecer a familia Somoza en Nicaragüa, Trujillo en Santo Domingo, as ditaduras en Cuba anteriores á revolución, Stroessner en Paraguai, Mobutu no Congo, Suharto en Indonesia, Duvalier en Haití, Barrientos e todos os demáis en Bolivia e todos que nacen da mente diabólica e xenocida dun personaxe como Henry Kissinguer, que se concretan no “Plano Condor”, con Pinochet e Vilela como elementos centrais. Eran ditadores submisos á potencia hexemónica, necesitaban dos EEUU para manterse no poder, para que as empresas norteamericanas lles alimentaran cos dólares que os facían ricos; EEUU era ademais unha potencia poderosa que impuña os seus criterios intervindo militarmente cando algún dos “seus ditadores”, un presidente norteamericano chegou a dicir dun deles “si, é un fillo de puta, pero é un fillo de puta noso”, como no caso de Noriega en Panamá, saíase do guión.
Os EEUU impuñan a “pax americana”, aínda que fora a paz dos cemiterios; pero hoxe é unha potencia en decadencia e as súas intervencións, sobre todo na área dominada polo islam e os sectores máis radicais do mesmo, só levan ó caos e facer un mundo completamente desestabilizado do que tampouco poden sacar un grande beneficio, como non sexa vendendo armas.
A utilización do islamismo radical para desestabilizar gobernos ben de carácter socialista ou que tentaban estar fora da órbita do imperialismo ianqui, que non lles permitían ó acceso e explotación neocolonial das riquezas, nin a plusvalía xerada polos traballadores autóctonos, aínda que tenten tapar as súas intencións baixo a propaganda de implantar réximes democráticos, foi un elemento cotiá durante decenas de anos despois da descolonización. En Afganistán está moi claro que dun goberno laico, que defendía a igualdade entre homes e mulleres, pasouse o goberno dos talibáns; o apoio ós Irmáns Musulmáns na época de Nasser en Exipto para desestabiliza-lo seu goberno, ou a creación do propio Hamás en Palestina, para opoñelo á OLP, na súa fundación considerada de carácter filocomunista e laica.
Iraq, Libia e Siria eran países con estados que se podían considerar estables; despois do ataque contra os edificios de Nova Iorque, os EEUU facéndose pasar por vítima, cando era responsable do pulo do islamismo máis radical, considerou que debía dar unha imaxe de Iraq fora da realidade; recordemos as verbas dos voceiros imperiais no senso de que era a terceira potencia militar do mundo, rexida por un novo Hitler, e ademais tiña armas de destrución masiva. Foron argumentos falsos, pero suficientes para provocar a intervención e esnaquizar un país que funcionaba bastante mellor que o actual, para matar impunemente a cerca dun millón dos seus habitantes, desestabilizalo por moitos anos pola introdución do sectarismo e a loita relixiosa, desmembra-lo seu territorio e darlle pulo e argumentos moi sólidos ó islamismo máis radical, desexoso de amosar como a intervención da “cultura cristiá”, só leva ó caos e a destrución, cuxo único xeito de superalo é a implantación da saharía. Se querían debilitar a un inimigo de Israel é posible que o conseguiran, pero fortaleceron a outro.
O caso de Libia é moi parecido, despois da intervención da OTAN, co PSOE no Goberno e Carme Chacón de Ministra de Defensa, non o esquezamos, hoxe non existe nin como país nin como estado e os EEUU viron como se asasinaba ó seu embaixador e a outros membros da delegación diplomática; o territorio atópase desmembrado e repartido entre diferentes milicias, algunhas islamitas moi radicais, e este caos reflíctese tamén alén da fronteira sur, no Sahel, pois desde o territorio de Libia subminístrase armas, cartos e loitadores para determinadas accións armadas ó sur da súa fronteira.
A situación creada en Libia pola OTAN, colocada estratexicamente na fronteira sur da UE, debe ser hoxe un grande motivo de preocupación cousa que non debía ocorrer nos tempos de Gadafi, enfrontado e moitas veces actuando ó marxe da lei e os dereitos humanos, contra o islamismo radical, como aconteceu na rexión da Cirenaica.
A guerra en Siria parece que vai por mellor camiño para os EEUU e os seus aliados; unha sublevación popular contra o poder dunha familia, que como no caso de Iraq, fora creando certos aspectos do chamado “estado de benestar”, con ocasión da crise económica os recortes levados a cabo, e a falla de democracia, hai eleccións é partidos, pero a grande maioría representan os intereses do réxime, sectores dicía, marxinados da sociedade, levántanse contra o réxime e inmediatamente desde a OTAN, apoiase ó máis reaccionario e retrógrado da sociedade, a determinados sectores islamitas que reciben armas e apoio a traveso de Arabia e emiratos árabes. Unha revolta popular lexítima convértese en guerra civil, onde os sectores islamitas, adícanse a masacrar ós sectores populares e destruír as súas conquistas naquelas cidades onde acadaran o poder.
Ca aparición súbita dun exército de “muxadíns” que constitúen o Estado Islámico, que ocupa territorios de Iraq e Siria, sobre o que se nos inducen a prestar toda a atención e téntase crear unha nova situación de inseguridade no que coñecemos como Occidente, sobre todo despois de que mataran a tres individuos pertencentes a países desta área do planeta; non importaron nada os bombardeos sobre Gaza e a morte de civís, nin a destrución de escolas da ONU ca morte de nenos e todos cantos alí estaban refuxiados, nin os civís mortos e desmembrados polos bombardeos da OTAN sobre Iraq, que aparecían en numerosas fotografías nos medios de comunicación, eses son danos colaterais, producidos polas boas xentes do “imperio”; pero tres occidentais asasinados por uns fanáticos a quen o imperio apoia, ese é un crime tal, que nos obriga a unha nova intervención militar na zona, con obxectivos nada claros. Supoño que tamén se tenta desvia-la atención sobre a terceira recesión que se nos ven enriba.
Mentres os Frankenstein que fabrica o imperio se manteñen baixo as súas ordes, non hai problema con que mozos europeos e doutros países se alisten nas súas fileiras para combater ós “xentís”, pero tan pronto como actúa con autonomía todo ese proceso é condenable e merecen ser perseguidos. Neste punto podíamos facer unha pregunta moi, creo eu, pertinente, por que non se persegue ós centos de miles de mozos e mozas xudeus, procedentes dos EEUU, Gran Bretaña, Australia, Francia, Alemaña e calquera país do planeta, que se alistan no exército de Israel e matan impunemente sobre todo a civís palestinos, pero tamén libaneses e en todos cantos países interveñen os sionistas?

O Estado Islámico ou como se queira chamar, unha nova invención do imperialismo dos EEUU.

Hai fotografías que se publicaron en determinados medios, onde o senador McCain, quen lle disputou a presidencia a Obama e un dos máis ligados ó complexo industrial-militar dos EEUU, aparece en xuntanzas con diferentes persoas pola zona de Oriente Próximo, entre elas ó nomeado “califa”, sucesor de Mahoma, no chamado Estado Islámico (EI), Ibrahim al-Badri, cuxo nome de guerra é Abu Bakr al-Bagdadi; McCain confirmou a entrevista. Despois xuntouse con Obama e pediu a intervención do seu país na zona para frear o EI. Actuaba Mc Cain como enviado de Obama? Que pactou cos grupos cos que se xuntou?.
Tamén hai toda unha serie de cabos soltos que é necesario unir como nun puzzle para ver si somos capaces de entender todo o que esta a pasar nunha zona tan importante do planeta. Tendo moi presente que o que está en xogo é o problema do gas como alternativa ó petróleo, os dous grandes gasodutos que constrúe Rusia-Gazprom e o Nabucco que atraveso de Turquía quere ser unha alternativa ós anteriores.
O día dez do mes pasado o presidente Obama anuncia continuar o plano aprobado na época de Bush fillo, consiste en redeseñar toda a zona de Oriente Medio e Próximo, dividindo os grandes estados en pequenos de base étnica homoxénea, como explicou nun artigo hai certo tempo o coronel Ralph Peters, publicado na revista “Parameters”, das forzas terrestres; nel, ademais de sinalar que os EEUU non debían temer o terrorismo e utilizalo no seu beneficio, afirmaba que o caos xerado no mundo árabe por esta reestruturación, non debía preocupar, pois unha vez creados os pequenos estados, só os EEUU serían capaces de protexelos fronte as apetencias de Israel, converteríanse así en estados dependentes, da grande potencia mundial.
Segundo parece, este Plano tivo o seu comezo ca entrada de Israel no Líbano, pero abandonouse cando o seu exército foi derrotado por Hizbuláh e as forzas populares libanesas e tivo que retirarse. Pero non debemos esquecer que naqueles momentos a Secretaria de Estado norteamericana, Condolezza Rice declarou: “O que vemos aquí -referíndose o que estaba a acontecer no Líbano-, é, nun senso, o crecemento, os dolores do parto, dun “Novo Oriente Próximo”, e todo o que nós facemos, é empurrar para non volver ó anterior”. “Novo Oriente Próximo” do que xa falara a señora Rice un tempo antes en Tel Aviv nunha roda de prensa co primeiro ministro Olmert.
Neste plano de construción dun “Novo Oriente Próximo”, Gaza vai ser un territorio conquistado por Israel e a maioría dos palestinos deben pasar a Exipto, e afirma Thyerry Meyssan, a negativa a aceptar esta cuestión e a que provocou a queda de Mubarak e a chegada dos Irmáns Musulmáns ó poder, con Mursi que ten pasaporte estadounidense, como presidente, que sí estaba disposto a abrir a fronteira, polo que o exército deu un golpe de estado e o xulga por “alta traizón”.
O segundo intento tampouco deu un grande resultado, a invasión recente de Gaza, e aínda que preto do corenta por cento da súa poboación foi desprazada, o exército sionista tívose que retirar e a fronteira exipcia seguiu pechada para a grande maioría dos palestinos.
O Estado Islámico, este novo grupo xurdido da nada é moi posible que leve adiante toda unha serie de obxectivos do plano dos EEUU, aínda que estes cinicamente o neguen e ata condenen as accións do EI; crear nunha parte de Iraq un estado homoxéneo sunnita, para o que necesitan desprazar a cristiáns e outra crenzas relixiosas e que as forzas iraquís non combatan, consolidar o estado kurdo iraquí, que como é coñecido, atópase baixo protección de Israel, sufocar a rebelión en Siria, dobregar a resistencia dos kurdos nese territorio, que son acusados por Turquía de pertencer o PKK o inimigo principal do estado turco, polo que permite o paso constante de “muxadíns” chegados de todas partes do mundo, por Ceylanpinar e por último dividir Siria segundo o mapa do coronel Ralph Peters, creando no nordeste un pequeno estado.
Hai denuncias de determinados medios de comunicación que traballan en Siria, no senso de que os supostos bombardeos sobre concentracións de grupos do EI, non se realizaron, e si se fixeron sobre refinerías destruíndo preto dunha decena.
Outro aspecto importante a considerar é o de establecer a relación entre o que esta a pasar en Ucraína, o golpe de estado contra o presidente constitucional levado a cabo por forzas pronazis, co apoio dos EEUU e a UE, e os acontecementos que se están a producir e que poden levar á creación do “Novo Oriente Próximo”, non só respecto á que podíamos chamar “guerra do gas”; hai que dicir que as alianzas asinadas por Rusia con subministradores de gas, deixan obsoleto o proxecto Nabucco, do mesmo xeito que a Ucraína que nace do golpe pronazi, crea dificultades para o abastecemento das dúas redes construídas por Rusia cara á UE.
Pero tampouco é desdeñable a influenza que pode ter o EI sobre as importantes minorías musulmáns de Rusia e China; se teñen detectado a presencia de iugures, da rexión de china de Xianjiang, que como é coñecido están enfrontados co goberno chino e practican o terrorismo, colocan bombas en lugares públicos non só na súa rexión, senón tamén no resto do territorio, no exército do EI e sobre todo a influenza en Chechenia, que xa librou unha dura guerra con Rusia que a ocupa desde tempo inmemorial.
De ser certas todas estas análises, os diferentes problemas que se presentan, non van a ser solucionados dentro dun prazo inmediato, pola resistencia dos diferentes pobos afectados, polo que é necesario pensar que a desestabilización desa rexión á que tanta importancia lle prestan as análises de Zbigniew Brzezinski, o home que segue a ter unha enorme influenza na política exterior norteamericana, vai durar moitos anos. As forzas de esquerda débenlle prestar especial atención sobre todo no senso da solidariedade cos pobos que van a sufrir a aplicación deste novo proxecto imperialista.

En Galicia no mes de outono de 2014


No hay comentarios:

Publicar un comentario