Roberto Laxe
Existe unha tendencia inducida a considerar o
proceso soberanista catalán como unha cortina de fume para tapar os
problemas fundamentais da sociedade, e teñen parte de razón: se o
goberno central houbese deixado decidir, é dicir, con facer un
referendo como acaban de facer os escoceses quitarían moita tensión
ao proceso, situándoo na pregunta central: a soberanía dun pobo
axuda ou non a saír da crise. O réxime a través do goberno e os
seus partidos (PP, PSOE, UpyD), ao que agora súmanse sectores do
exercito, negan o máis simple dos dereitos democráticos. E aquí é
onde entra o porque “desde fóra” hai que apoiar o proceso
catalán.
1.- Desde os medios de comunicación masivos insístese en que existe un problema catalán, como antes era “o problema vasco”... ou dalgunha maneira, “o problema galego”, dos que queren que en Galiza se fale galego, que non queren as desfeitas na riqueza natural e néganse á emigración masiva, que gritan Nunca Mais cando un goberno central atenta contra unha das súas fontes de riqueza, etc. Insisten en que o Estado Español é armónico, un pouco destartalado nada máis. Co apoio das forzas progresistas e de esquerdas do estado din que o problema é que nesas nacións hai uns "iluminados" nacionalistas, que queren mudar a historia común española; que inventan unha historia distinta, din, as súas "William Wallace" ou "Robert the Bruce", agora que o escocés esta de moda, para xustificar ilusións románticas.
Estes medios admiten sen dubidar a historia
“oficial” española coma se fosen feitos obxectivos, non
“iluminados” polo romanticismo español, non ideoloxizados. Como
sempre, cando falan de “nacionalismos” refírense ás “nacións
periféricas”, non aos que defenden á nación española, estes non
son nacionalistas!. Toda esta construción ideolóxica ten un
obxectivo político, negar que o problema “catalán”, “vasco”
ou “galego” sexa un problema do Estado Español en xeral, e do
réxime do 78 no concreto; da súa conformación histórica.
O que é obxectivo, e científico, é que a
burguesía non foi capaz de conquistar a unidade nacional española a
través dunha revolución como a francesa, a inglesa ou "reformas
revolucionarias" como a alemá ou a italiana. Fracasou no seu
lexitimación fronte os pobos o Estado, tivo que pactar co
absolutismo, e deixou a unidade “nacional” nas mans do exército.
E xa sabemos como resolve o exército os problemas, esta en a súa
“natureza” de instituto armado. O franquismo foi a expresión
máis brutal desa “natureza” violenta do exército, impuxo a
unidade “nacional” sobre os cadáveres de centos de miles de
traballadores e traballadoras, de nacionalistas cataláns, galegos ou
vascos; foi unha unidade á forza. Como toda “unidade á forza”,
en realidade o que esconde é unha profunda desigualdade, o
mantemento e profundización das desigualdades.
Este é o primeiro motivo para o apoio “desde
fóra”: o rexeitamento da unidade imposta pola forza das armas, e
mantida polo réxime actual, por un principio eminentemente
democrático. A lei non está por encima da vontade popular, senón
que é emanación desa vontade popular: "democracia",
"poder do pobo". No franquismo as leis estaban por encima
da vontade popular, e non por iso era un réxime democrático.
2.- Outros, desde un punto de vista de
“clase”, oponse porque "rompe a unidade da clase obreira".
Esquécense, primeiro, que a unidade da clase obreira é
internacional, non referida exclusivamente aos marcos dun estado
concreto. Esta unida desde China até Arxentina, desde Canadá a
Sudáfrica por un fío común, a explotación capitalista, que na
época actual das multinacionais e o imperialismo ten máis sentido
que na época na que Marx escribiu o Manifesto Comunista.
A unidade da clase obreira non rompe porque
existan estados nacionais separados, se non porque hai políticas
conscientes que os dividen, que os enfrontan; e a principal división
introdúcea o propio capitalismo na procura de apoios sociais para
manter a opresión das nacións, corrompendo a un sector da clase
obreira das nacións opresoras. Lenin, no Imperialismo Fase Superior
do Capitalismo, e antes Marx na súa posición diante da opresión
irlandesa, demostraban como na nación opresora existe unha sección
da clase obreira que se beneficiaba da existencia de nacións
oprimidas, pois recollía as migallas dos beneficios das súas
multinacionais. Lenin chamoulle “aristocracia obreira”, e tanto
Marx como Lenin situábana no flanco de “esquerdas” da burguesía
da nación opresora, fronte á nación oprimida.
confunde unidade do
estado con unidade da clase obreira, como se fosen iguais. E isto
é falso. O estado español parte dunha desigualdade entre os
diversos territorios, uns achegan man de obra barata e materias
primas, mentres outros, reciben estes insumos. No medio (e no centro
xeográfico e “mental” da poboación) sitúase o recadador de
impostos, a capital, que nin produce nin exporta, só absorbe. Esta é
a condición central da opresión das nacións do estado español, o
seu centralismo ten a súa raíz nun capitalismo baseado na
construción de grandes infraestruturas ao servizo da “industria”
clave, o turismo, e por tanto totalmente dependente dos Orzamentos
Xerais do Estado. Romper esta cerrazón estrutural abre as portas a
outras opcións para saír da crise con políticas que non sexan as
neoliberais dos gobernos e a Unión Europea.
No caso español é especialmente grave a
actitude centralista da esquerda española:
Desde a perspectiva do pobo traballador
galego, é o primeiro interesado -máis se cabe que cataláns e
vascos- na ruptura desta estrutura centralizada. Os datos son para
aburrir: o pobo traballador galego non lle debe nada, absolutamente
nada, ao Estado Español, salvo emigración -mentres en cen anos a
poboación española multiplicábase por 4, a galega non chegaba nin
a dúas-, atraso industrial inducido -a prohibición expresa da UE e
o Goberno español, de construción de buques civís en ASTANO/Fene é
o caso mais claro-, e políticas territoriais que fomentan a
emigración -a inexistencia dun servizo publico de transporte
colectivo que fixe poboación concrétase cun atraso nos seus medios
de máis de 50 anos no transporte ferroviario-.
3.- Este argumento podería utilizarse para
enfrontalos con vascos e cataláns, receptores de moitos dos
emigrantes galegos, favorecidos polas políticas dos gobernos
centrais, saqueadores das súas riquezas e industrias (Iberdrola, Gas
Natural) e beneficiarias do desmantelamento do seu sistema financeiro
(Caixabank, Banco Sabadell/Banco Galego); e é certo. As burguesías
vasca e catalá benefícianse da existencia do estado. Se levantan a
bandeira da independencia é co único obxectivo de premer ao Estado
para que lles conceda máis privilexios, non porque procuren unha
mellora para as súas poboacións traballadoras. O seu
independentismo termina nos dereitos da clase traballadora, nisto son
tan burgueses como o PP ou o PSOE, e nos orzamentos estatais.
Pero dentro das súas poboacións existen
sectores da clase traballadora e das “clases medias” que
consideran que baixo o estado español é imposible o seu
desenvolvemento; que consideran que é mais fácil defender o estado
do benestar e loitar por melloras sociais baixo un estado catalán ou
vasco. E existe un argumento de peso para esta consideración: como
se entende que tendo o 18% da poboación, Madrid teña o 85% das
sedes sociais das empresas españolas, onde se sitúa o poder
económico real.
Non se corresponde a poboación que ten co
papel na estrutura das empresas. Madrid, como capital do Estado,
concentra os centros administrativos non só do propio estado, senón
tamén das grandes empresas españolas, que pola súa estrutura e
actividades (construtoras e bancos) dependen das subvencións e
concesións do estado, polo que estar "perto" del para as
"mordidas" (o chamado capital “castizo”). Pola contra,
os centros produtivos da maior parte dese 85% de empresas están
fóra, na chamada “periferia”. Esta é a base social concreta do
nacionalismo español, ese corpo de altos cargos e funcionarios, de
xerentes e administrativos que viven da existencia do Estado Español;
por iso, non poden nin tan sequera permitir calquera “veleidade”
independentista: perderían o seu medio de vida, o Estado Centralista
Español.
4.- Para restaurar a unidade é preciso
reconstruír a confianza entre os pobos, acabar co apoio de sectores
da clase traballadora española ás campañas “anticatalanas” ou
“antivascas”... de trazos xenófobos respecto de galegos,
andaluces, estremeños. Iso, tras séculos de opresión, só pode
facerse sobre a base do exercicio do dereito á autodeterminación.
Pero para reconstruír esa unidade, as poboacións traballadoras das
nacións oprimidas teñen que romper a confianza nas organizacións
independentistas que cingan calquera saída política ás súas
fronteiras nacionais. A constitución dun novo estado é un dereito
dun pobo, con todo, non pode facerse contra os traballadores /
traballadoras doutros pobos, pois se poderían o servizo das súas
clases dominantes, creando unha nova división entre a clase
traballadora. Respecto o exercicio do dereito á autodeterminación,
o exercicio efectivo do voto chegando á independencia, si; unidade
coa clase traballadora das demais nacións, non só si, senón
imprescindible para que o novo estado non sexa un novo estado
explotador e opresor.
Esta aparente contradición resolveríase a
través da convocatoria inmediata dunha Asemblea Constituínte que
decidise sobre a forma republicana do estado, garantirá o exercicio
do dereito á autodeterminación e rompese coa Unión Europea, non
para o caer no illamento nacional como propoñen algúns, senón para
superala a través dunha Federación Libre de Estados, que apunte á
saída socialista á crise.
Galiza, 23 de setembro de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario