A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 17 de noviembre de 2014

ALGUNHAS REFLEXIÓNS SOBRE O ESTADO, O DOBRE PODER E A HEXEMONÍA (PARTE II)

Carlos Dafonte

OS ELEMENTOS CONSTITUTIVOS DA HEXEMONÍA
Gramsci foi abrindo perspectivas diversas, algunhas poden parecer contraditorias ó longo da súa reflexión, difícil reflexión na cárcere, sobre aspectos fundamentais do seu concepto de hexemonía e das relacións entre estado e sociedade civil.
Reflexións moi valiosas para axudarnos a comprender hoxe o xeito en que se produce o dominio dunhas clases sobre outras e que Anderson estudiou no seu libro “As antinomias de Gamsci”, destacando as contradicións que algunhas veces parecen existir no seu pensamento.
Por exemplo, noutro pasaxe dos “Cadernos” formula o problema da hexemonía non como  unicamente unha cuestión de consenso e centrada na sociedade civil, senón como unha suma de consenso máis coerción compartida entre a sociedade civil e o estado: O estado exerce a coerción e a sociedade civil o consenso. Formulación que pode inducir a equívocos e non permite comprende-la realidade.
Tamén, e posiblemente resultado da análise sobre o que acontecía na súa patria, do poder exercido polo totalitarismo fascista, da identificación estado- partido, da existencia de bandas de paramilitares, que acosaban e destruían as organizacións obreiras e partidarias, formula en determinado momento, a identificación total entre sociedade civil e estado, chegando case a negar a existencia da primeira, o que pode levar a interpretacións de carácter ultraesquerdistas, como  aquelas que consideran que toda democracia burguesa é fascismo. Di Gramsci: “ Por estado debe entenderse non só o aparello gobernamental, senón tamén o aparello privado da hexemonía ou sociedade civil” e sentencia “en realidade, sociedade civil e estado son unha e a mesma cousa”. “A sociedade civil é tamén parte do estado, en realidade é o estado mesmo”. Quen non distinga un réxime democrático-burgués do fascismo, aínda que ambas las dúas son formas da ditadura do capital, esta a caer nunha política sectaria como a do “terceiro período”, onde identificábase, mediante a teoría do social-fascismo, á socialdemocracia cos nazis e fascistas, de onde xurdiu a negativa da fronte obreiro para combater cos primeiros ós segundos. Na actualidade esta posición dificulta a comprensión das especificidades da democracia nas sociedades do noso entorno.

Dende o meu punto de vista, tan erro é considerar hoxe que non hai límites entre sociedade civil e Estado, como aseverar a supremacía da primeira sobre o segundo que leva, como xa dixemos á concepción da “vía parlamentar ó socialismo”, construída esta, sobre dúas ideas erróneas: a primeira, que no centro do sistema o capitalismo só require do aspecto cultural, consensual, da hexemonía, para manterse no poder e a segunda, que fronte ó principio marxista de “unidade política do estado burgués” que precisa dunha revolución para esnaquizalo, considerar posible despeza-lo estado e ir “neutralizando”, por parte dos traballadores, pezas esenciais do mesmo, mediante o exercicio da hexemonía cultural da clase obreira e os seus aliados, entendida só como consenso; hexemonía que se pode incluso exercer sobre sectores das clases antagónicas.
Este é outro dos argumentos que os partidos reformistas sacan dunha determinada lectura de Gramsci: que a crase obreira é capaz de chegar a consegui-lo consenso incluso de sectores da propia burguesía, unha clase antagónica, sobre moitos aspectos da súa política, en determinadas conxunturas, e neutralizar así ás forzas de oposición ó socialismo.
Pero creo que Gramsci tiña moi clara esta cuestión; nunha pasaxe que moitos queren esquecer di textualmente: “Un grupo social é dominante sobre os grupos inimigos ós que tenta “liquidar” ou  someter mediante a forza armada, e é dirixente respecto dos grupos “afíns” ou aliados. Un grupo social pode, e de feito debe, ser dirixente antes de conquista-lo poder do goberno (esta é unha das principias condicións para a conquista do poder mesmo); despois, cando exerce o poder e o mantén firmemente no seu puño, se convirte en dominante, pero tamén segue a ser dirixente”.
A conclusión á que debemos chegar despois de analiza-las achegas que fixo Gramsci á análise de como domina a clase dominante e o camiño para a consecución do poder por parte da clase obreira, é que posiblemente pola súa difícil situación na cadea, só esbozou toda unha serie de cuestións vitais para o proceso revolucionario, sobre os que posiblemente tentaría afondar máis adiante. Afondamento que nunca se produciu pola súa temperá morte e que todos os que se consideren marxistas deben levar adiante, xa que teñen nos seus escritos unha fonte inesgotable de cuestións básicas para entender o dominio na sociedade capitalista e a forma de toma-lo poder.
Creo que a interpretación xusta sobre o concepto de hexemonía, que é a suma de consenso máis coerción, e polo tanto explica a dominación burguesa, é a que elabora Perry Anderson,  cando establece o exercicio do consenso en ámbolos dous termos, sociedade civil e sociedade política, ou estado, e o da coerción neste último. Só comprendendo esta asimetría estaremos en condicións para establece-lo proxecto estratéxico adecuado para a toma do poder.
Como xa dixen o dominio burgués baséase na aceptación por parte da maioría da sociedade, do consenso das masas, cunha situación determinada;  pola crenza de que elas exercen o seu propio goberno no “estado representativo”. Pero para que as masas cheguen a esta conclusión errada, necesítase tanto a práctica diaria do exercicio da propia democracia burguesa, como doutros elementos creadores da propia crenza: escola, medios de comunicación etc.
Os revolucionarios nunca deben esquecer, que aínda que na vida cotiá o estado parece que non existe, e que os neoliberais de toda caste falen da “necesidade de adelgaza-lo estado”, este si existe co seu monopolio da violencia “lexítima”, que é quen lle da, repito, aínda que na cotianeidade da vida non se aprecie, a robustez ó sistema e apórtalle valores culturais, ideolóxicos, etc. “Adelgaza-lo estado” non significa para eles eliminar os instrumentos da violencia. É a existencia dese estado “invisible” o que fai poderoso ó sistema, porque no  caso de xurdir unha situación de crise, que poña en cuestión ó capitalismo, a coerción vai desprazar axiña ó consenso, a violencia convertese en dominante e determinante, e os instrumentos coercitivos do estado pasan a situarse no lugar de vangarda. Iníciase o proceso máis extremo ó que Alba Rico denomina “pedagoxía do voto”. O voto popular foi unha conquista que custou arrancalo ás clases dominantes que gobernaban, sangue, suor e lágrimas. Os capitalistas “manexan” a democracia aplicando unha pedagoxía que non exclúe ningún método, manipulación legal, o señor Herrero de Miñón fixo hai anos unhas declaracións sobre a lei electoral española e o seu obxectivo de marxina-los comunistas, que establece unha realidade que aínda que sospeitada non deixa de ser sorprendente, propaganda, suborno e chegado o caso fascismo. Se un pobo non vota segundo os intereses dos grupos económicos aplícaselles esa “pedagoxía”. Nos casos máis extremos se suprime e neutraliza a unha parte da poboación e despois duns anos permíteselles votar ós superviventes. España 1936, Chile 1973, Venezuela 2002, son tres exemplos da súa aplicación, no último caso falida.
A experiencia da revolución rusa e outras posteriores ensínanos que coa desaparición do estado, esborrállase toda a “arquitectura” social, económica, etc, construída arredor do esqueleto estatal.
Sería posible hoxe nun país do centro do sistema, que as forzas que queren construír unha alternativa ó capitalismo, tomaran baixo o seu control valéndose da “democracia representativa” parcelas do estado capitalista que pretenden destruír?. Pero, existen verdadeiramente esas forzas políticas hoxe?. Salvo minorías que se atopan moi lonxe dese obxectivo, as forzas que teñen posibilidades de conquistar parcelas de poder dentro do estado capitalista, están integradas dentro do sistema e é imposible un cambio na súa estratexia de transformación da realidade.


A NECESIDADE DUNHA ESTRATEXIA REVOLUCIONARIA PARA O SÉCULO XXI, NO CENTRO DO SISTEMA CAPITALISTA E DE CONSTRUCCIÓN DA FORZA POLÍTICA QUE A LEVE ADIANTE.
Analizado aínda que dun xeito superficial, como as clases dominantes exercen a súa hexemonía, o poder en definitiva, como someten ás clases antagónicas, ás explotadas, compre contestar a dúas preguntas. Que estratexia poden levar ás forzas revolucionarias no centro do sistema capitalista á toma-lo poder e inicia-lo avance cara o socialismo? Cales son os elementos tácticos que fan posible esta estratexia?

Creo que non é posible dada a fortaleza do estado e os grandes sectores da sociedade civil sobre os que as clases dominantes exercen hoxe a súa hexemonía, a toma do poder por medio dunha “guerra de manobras”; intentalo sería un erro político que custaría moi caro e significaría un retroceso no proceso de loita de clases; pero tampouco creo posible, o logro do poder por medio dunha “guerra de posicións”, é dicir, gaña-la hexemonía na sociedade civil, conseguir gañar e polo tanto neutralizar institucións e aparellos do estado democrático-burgués ata comezar a aprobar medidas de carácter transicional e socialista que permitan inicia-la modificación das estruturas sobre as que se asenta a actual sociedade de explotador@s e explotad@s. O caso de Chile é paradigmático e ensina tamén, que un proceso revolucionario se ten que resolver en pouco tempo, non se pode manter a indefinición por un longo período, pois sempre beneficiará a quen verdadeiramente controla os aparellos coercitivos do estado.
Os procesos revolucionarios nos países do centro do sistema teñen que ser resultado dunha mestura de ámbalas dúas estratexias, cunha activa participación de masas.

Só desde as institucións non se avanzará cara o socialismo xa que o estado burgués está concibido para que no caso de que institucións e aparellos do mesmo non sexan administrados de acordo ós intereses da burguesía, sexan bloqueados por outros compoñentes do mesmo estado…e o final sempre fica o recurso de utiliza-los aparellos da coerción.
En segundo lugar para avanzar cara a unha sociedade socialista, necesítase algo máis que a participación electoral da cidadanía, necesítase da agudización da loita de clase e a creación e articulación de numerosas estruturas de base con representación directa, verdadeiros embrións do que permitirá a constitución  do “dobre poder”
En terceiro lugar a utilización por parte dos explotadores dos instrumentos de coacción sempre é unha posibilidade, polo que a consigna leninista de “gaña-las tropas”, adecuada a nosa realidade é tempo, ten que ser estudada, teorizada e concretada en tácticas moi precisas. É necesario un traballo moi concreto para conseguir que o aparello represivo chegue ós momentos máis importantes do proceso o máis feble posible ou dividido. O proceso revolucionario avanzará máis axiña canto máis afastada  sexa a ameaza de contrarrevolución armada, golpe de estado, etc. O mesmo estudo precisase respecto ás ameazas do exterior.
En cuarto lugar a necesidade de avanzar cara á creación do dobre poder. Produciuse en todas as revolucións, desde a francesa de 1789 ata a soviética de 1917, pasando pola española de 1868, onde os sectores populares manifestaron a vontade non só de crear unha alternativa ó poder instituído, senón ó novo poder que se estaba a configurar pero que non respondía ás súas necesidades e devezos. @s traballador@s crean as súas estruturas políticas. É o núcleo central de toda revolución; parte da percepción por parte do pobo, do desfrute, incluso antes da caida do vello sistema, de como vai ser a democracia popular, participativa, que vai substitui-la imperante. O dobre poder, o d@s traballador@s, antes e nos próximos períodos ten que construírse sobre a participación e apoio das masas, pero como dixo Lenin é inestable, e non pode coexistir durante moito tempo con outro poder no mesmo estado; un deles ten que desaparecer e case sempre é a determinación e a unidade quen vai decanta-la balanza cara a un deles.
Este dobre poder, a existencia dunha nova democracia dentro da vella democracia burguesa, pode tamén, se as circunstancias o permiten, ter asento en certas institucións do estado burgués, os concellos por exemplo, se as forzas revolucionarias son capaces, unha vez que as dirixen, de abrilas ó pobo.
Hoxe debémonos preguntar e dar unha resposta axeitada, sobre cal debe se-la estrutura do dobre poder no século XXI. Mobilizacións como as dos chamados países da Europa do leste, onde se abolira o capitalismo de mercado despois da segunda guerra mundial, non serven de ensinanza. O aparello estatal foise “disolvendo” sen utiliza-lo aparello coercitivo, xa que non estaba en xogo as estruturas de poder de clase; cambiouse unha sociedade que non era nin capitalista nin socialista, por outra con capitalismo de mercado. A loita polo poder produciuse entre os que usufrutuaban as riquezas do país controlando o estado e os que querían restaura-lo capitalismo; pero todos pertencentes a un mesmo grupo social, non houbo confrontación de clase. Moitos dos membros da nomenclatura do réxime anterior, son hoxe propietarios de grandes empresas roubadas ó pobo, coa complicidade dos que sen pertencer a ese grupo “dirixente” do antigo réxime, eran partidarios da restauración capitalista.
A experiencia máis próxima de dobre poder atopámola en Bolivia e Ecuador, onde as masas mobilizadas, organizadas, paralizan os seus respectivos países, as estradas, a produción, etc., e obrigan a dimisión de varios presidentes do poder executivo. Asembleas de barrios, sindicatos pero de distinta natureza ós existentes en Europa, etc., fusionados con organizacións tradicionais dos pobos orixinarios, constitúen o dobre poder nestes dous países.
Distinto é o caso arxentino e venezolano; no primeiro unha medida de carácter económico, o peche da banca, produce un balbordo dos pequenos aforradores ó que se suman outros sectores sociais golpeados pola crise económica. Non é resultado dun proceso político que leva a unha organización das masas; é máis ben un movemento espontáneo de sectores da pequena burguesía que recúan cando se incorporan ó mesmo sectores obreiros e populares; non existía nin organización nin obxectivos de carácter estratéxico.
Pero estas experiencias de dobre poder son moi diferentes ás de Rusia de 1917, fundamentada nos soviets, que tiñan unha base fabril moi importante aínda que segundo avanzaba o proceso estendeuse por toda a sociedade. Ademais en Rusia existía un partido revolucionario, o bolxevique.
O dobre poder na Comuna de París de 1871, tiña unha base nas organizacións dos barrios e non fabril.
Todo o anterior nos debe levar a afirmar que non hai modelos e cada sociedade ten que ir construíndo as organizacións que van ser a base do dobre poder e cuxa natureza será expresión e resultado da loita de clases.
En quinto lugar, salientar que o dominio dalgunhas institucións do estado burgués por parte das forzas revolucionarias, aínda que fora dun xeito conxuntural, axudaría ó proceso. Cando as masas se mobilicen, cando teñan un obxectivo común de conseguir un cambio na sociedade, cando funcionen os instrumentos de coerción do pobo, cando chegue ese momento que se considera fundamental no proceso, será importante, facilitaría aglutinar a máis sectores da sociedade non antagónicos se algunha institución, elixida mediante o voto, acordara apoia-las posicións da gran maioría do país. Facilitaría un dos obxectivos mais importantes que xa está sinalado e que se ten que resolver nos primeiros momentos de iniciado o proceso, a “loita polas tropas”.
En sexto lugar, o tema fundamental, o do suxeito revolucionario; que clase social vai leva-la hexemonía en todo o proceso. Tema hoxe moi cuestionado pero que desde a miña perspectiva, ningún proceso de cambio de estruturas chegará a acada-lo obxectivo final de derrota-lo capitalismo e iniciar un proceso de avance cara a un novo modelo que chamamos socialismo, pola razón de que non vai estar en función dos intereses do capital, senón en función dos intereses da sociedade, sen que se solucione. Por moito que se poña de actualidade e se queira meter con calzador que a confrontación política e social hoxe é entre os “de baixo contra os de arriba”, os de abaixo teñen intereses moi diversos, que hoxe ante a presión dos de arriba, a oligarquía, poden ter algunhas coincidencias, pero apartados os de arriba do control das institucións básicas do estado, esas coincidencias de hoxe, volveranse contradicións mañá, e contradicións antagónicas, polo tanto a clase maioritaria da sociedade, as xentes que viven do seu salario, a grande maioría da sociedade, o que se chama vulgarmente a clase traballadora, a única que crea riqueza, debe solucionar o problema de non ser capaz en todos estes anos desde a desaparición da ditadura, de construír para as batallas que se teñen dado e as que se aveciñan, da agudización da loita de clases, a organización propia que lle permita xogar o papel hexemónico en todo o proceso, a única garantía de que se vai avanzar polo camiño que leve cara a unha nova sociedade sen explotadores nin explotados. É a única clase que está interesada obxectivamente, na construción dunha sociedade socialista. E cando afirmo o anterior aclaro, que desde o meu punto de vista, non hai modelo algún que poda ser copiado na súa integridade. Se esta é a situación a nivel organizativo no estado español, hai que recoñecer que se parte dunha debilidade extrema dos axentes políticos que debían capitaliza-lo cambio.

A expresión non organizada do dobre poder, foi a “marcha pola dignidade” que xuntou en Madrid a máis dun millón de persoas. Non tiña un obxectivo de carácter sindical, eran moito máis amplos os que se barallaban, defensa de todo tipo de dereitos, servizos públicos, xeitos distintos de entender a democracia, de exerce-lo poder...
Podemos a nova forza política que aparece no panorama do estado, con moita forza segundo a última enquisa do CIS, entendo tenta converter a súa organización na hexemónica nese dobre poder que se está a organizar, ser a expresión máis xenuina do mesmo; as marchas, as mareas e todos os organismos que están a xurdir poden comezar a ser unha expresión organizada do dobre poder, onde os Círculos de Podemos xoguen o papel hexemónico; e paréceme lóxico ese devezo, sobre todo se o novo partido sae reforzado do panorama electoral do ano 2015; pero o voto a Podemos vai ser en parte un voto de castigo, non un voto para a construción, constituído por unha grande parte de voto de PP e PSOE, é dicir voto en certa medida conservador, todo o máis progresista, que volverá ós partidos do bipartidismo tan pronto Podemos empece, si é que o fai, a tomar algunha medida que se poidan considerar de esquerdas. Leva ademais como organización unha contradición no seu seo, a de ser interclasista, polo que o problema de non eixstir un partido de clase, xenuinamente dos traballadores, atópase sen resolver.
IU tiña un campo moi importante para, nesta crise, aparecer como a forza política capaz de dar alternativas e aglutinar a todos os sectores golpeados pola mesma. Pero este movemento atópase prisioneiro da súa concepción do que é o “pacto de esquerdas”, que non foi máis aló que do pacto co PSOE, o que o sitúa neste momento de crítica xeneralizada contra un sistema que favorece ás minorías máis poderosas e explotadoras da forza de traballo, como un dos promotores desta políticas polo apoio, por exemplo, que prestaron ós orzamentos antisociais da época da presidencia de Rodríguez Z e toda outra serie de medidas tomadas polo PSOE nos últimos oito anos do seu goberno e o pacto en Andalucía. Ademais se foi convertendo co paso do tempo, agás algunha federación, nunha organización para o traballo institucional, pero non para traballar nas rúas, situación que lle permitiu a Podemos deixala, de momento sen discurso e a remolque das súas decisións, aínda que o programa de Podemos en moitos aspectos, non vai máis aló que o de IU; por outro lado IU non soubo ter lazos, despois dunha análise científica do que representou o movemento, co 15 M movemento transversal que foi un bo termómetro da situación política, social e económica na que se atopaban sectores moi importantes da sociedade española. Polo tanto a situación de IU, a súa queda, ten explicacións políticas e organizativas que vai ser moi difícil corrixir; non se conseguirá só cun cambio de imaxe, necesítase algo máis. Pero ó mesmo tempo, a Podemos converténdose nun partido moi parecido ós que actúan no estado español, é posible que se lle acurte o seu percorrido, que perda parte do apoio que lle chega do 15 M.
En Galicia no mes de novembro de 2014.




2 comentarios:

  1. Nos artigos sobre a Hexemonia en Gramsci fanse umha afirmación correcta, non é igual a revolución na Rusia autocrática, a China do Kuomintang, o Vietnam ou a Cuba "colonia" da mafia, que no Occidente con democracias consolidadas. Tamen é certo que non temos moitos exemplos de cales serían as formas desa revolución... e procura esos exemplos no Ecuador, na Bolivia, etc...

    E certo que son exemplos que valen... mas na Europa si temos exemplos de cómo poden ser os organos de poder alternativo, de loita da clase obreira en estados imperialistas. Por orde cronoloxico, podemos falar de Outubro do 69 no norte de Italia e a ocupacion de fábricas que se deu, coa criación de consellos obreiros; mais recentemente, a revolución portuguesa, onde xurdiron organos como as Comisions Operarias, as Comisións de Moradores ou o Soldados Unidos Venceran, ou as cooperativas rurais no Alentejo, como organos que ían adoptando medidas de loita e de poder da clase traballadora. E voltando para atrás, os consellos obreiros da revolución alemá, que tomaron o poder en Baviera, ou a republica Hungara, falannos de revolucións en sociedades mais semellantes á nosa que a rusa de 1917; son experiencias moi estudiadas polo marxismo, desde os chamados "consejistas" como Pannekoek ou o mesmo Bordiga, ate Rosa Luxemburgo, que foi parte o seu comezo, ou Trotski e os escritos sobre Alemaña. Penso que, ainda derrotados, si temos experiencias revolucionarias en estados industrializados, onde a clase obreira xa é a maioria social, con democracias mais ou menos asentadas; e ese é do fio que temos que tirar para desenvolver o programa da revolución nuns estados desas características.... Sen esquecer que o momento mais alto de poder obreiro constituenno os Soviets... O que non serve da revolución rusa, e non é pecata minuta, son os ritmos da revolución: en 9 meses pasan do estado mais atrasado de Europa á sua vangarda. Eses ritmos só poden darse cun estado moi debil, cumha minima capacidade de integracion (e cooptación) dos movimientos opositores. En 1919, na Alemaña, producese un movimento semellante ao Ruso, e termina integrado e reprimido nas mesmas proporcions: integran a uns (a maioria do SPD) na republica e asesenan a Rosa Luxemburgo e Karl Liebhnecht, xunto con eles a centos de obreiros e obreiras.

    ResponderEliminar
  2. Na Alemaña o proceso revolucionario comeza en 1919, mas prolongase ao longo de máis duna decada, ate 1933, que remata coa vitoria do nazismo. O longo de todos este anos, Alemaña vive unha longa situacion revolucionaria, con momentos agudos da loita de clases, como o 19, 23/24 ou comezos da decada do 30,... ate o seu traxico final.

    ResponderEliminar