A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 10 de noviembre de 2014

CORRUPCIÓN, A ESENCIA DO RÉXIME?



Roberto Laxe

Non hai día en que a poboación non esperte cun novo caso de corrupción, aos xa “históricos” Barcenas, Gurtel, EREs,... agora aparecen os cartóns “opacos” de Bankia, ou a operación Punica... Isto polo que fai ao Estado Español, pero cada nación ou rexión do estado ten os seus asuntos, como na Galicia a Pikachu, a Pokemon, e ducias de alcaldes e concelleiros “pringados” en subornos, prevaricacións, etc., etc.

A corrupción é parte estrutural dun réxime, o do 78, que se basea no esquecemento e perdón dos que ao longo de 40 anos de ditadura fixeron de “España” o seu casarío persoal; e así seguen considerándoa. É consustancial, estrutural ao tipo de capitalismo que se desenvolveu, o “capitalismo castizo” que nasce, cresce e desenvólvese nas proximidades do aparello do estado, das concesións en infraestruturas ou servizos privatizados, nas recualificacións do chan, nas subvencións para cursos ou para a venda de automóbiles (plan Prive).


Son uns capitalistas subvencionados que precisan de xestores, de alcaldes e “representantes” públicos, corrompibles. Por iso é tan difícil loitar contra a corrupción no Estado Español, porque esta loita tradúcese directamente nunha loita contra o capitalismo español e as súas institucións, das que dependen.

Diante desta desfeita asistimos a unha verdadeira operación de maquillaxe política para suavizar o que está a acontecer. Primeiro retiraron ao “vello” rei Juan Carlos, acosado por un gran desprestixio, e agora os xuíces, os que ao longo de 35 anos de réxime non dixeron nada, lanzan unha campaña de detencións de corruptos que lembra ao proceso “Mans Limpas” que a comezos dos anos 90 desenvolveuse en Italia contra a Mafia e as súas ligazóns cos partidos, especialmente a Democracia Cristiá e o Partido Socialista.

Con novas caras na institución monárquica, nos partidos institucionais  e “novas” forzas políticas, tentan unha rexeneración do réxime do 78, sen chamar á poboación a decidir sobre o seu futuro... Tanto negan este dereito, que prohiben o voto en Catalunya no nome da “democracia”; o “franquismo” conxénito dos do PP lévalles a afirmacións tan “democráticas” como que “triunfou a democracia, (o 9N) non se pode votar”. Non se decataron que o voto é a esencia da democracia. A corrupción é un cancro que ameaza con todo derrubar este edificio que tanto lles custo levantar, por iso teñen que “cambiar todo para non cambiar nada”.

O 15M gritou, “chámanlle democracia e non o é”, “non nos representan”, e fíxoo desde as prazas e as rúas, con centos de miles nas mobilizacións... Catro anos despois parece que ese sentido asembleario téñase reconducido nuns procesos electorais onde todos e todas pon as súas esperanzas: mudando as persoas das institucións, faremos que estas funcionen. “O problema non son as institucións, son as persoas”, é a mensaxe dos máis radicais, investindo nun sentido reaccionario a lema do 15M, "o problema non son as persoas, é o sistema".

Dentro deste "sistema" xenérico do 15M, o problema son as institucións que están regulamentadas, estruturadas pola lexislación, para favorecer a corrupción, para que o capitalismo castizo teña acceso directo ás subvencións, ás obras publicas, aos servizos privatizados... As institucións, este quen estea, teñen este obxectivo e non outro. En palabras de Carlos Lesmes, Pte do Tribunal Supremo, a lexislación esta feita para castigar ao “robagallinas”, non ao corrupto.

A presenza nelas de persoas honestas, que existen, só pode paliar o problema de fondo, pero mesmo en concellos ou institucións rexidas por eles, as privatizacións tamén se producen, só que “legalmente”, as concesións de obras á empresa privada, tamén, só que co “regulamento” na man. Con todo o fondo da cuestión, a entrega de servizos á empresa privada -ao beneficio privado que é de ultimas o que sucede, máis caro por definición que un servizo publico xestionado publicamente mantense e é igual que nos casos das persoas corruptas. A diferenza, as formas nas que se fan.

A corrupción esta desmoronando todo o réxime non porque exista, que existe sexa coñecida ou non, senón porque pon branco sobre negro o seu verdadeiro carácter, demostra diante da poboación o seu sentido: favorecer aos mais ricos, aos empresarios e banqueiros, mesmo cando estes son xulgados; e que só derrubando este réxime poderemos dar pasos na loita contra a corrupción que alcanza a todas as institucións.

Nestas condicións é imposible ter a menor confianza en que desde as institucións actuais sexa posible o cambio; a limpeza do estado español só será posible baixo a mobilización autoorganizada da clase traballadora e os pobos do estado, desde os seus centros de traballo ou estudo, barrios e aldeas.

Antes de chegar ás máis radicais -no seu sentido etimolóxico, ir á raíz das cousas- existen medidas a tomar, que evitarían o choque de trens. A primeira dela, é a “berlanguiana” de “todos a prisión”, os “políticos” corruptos e os empresarios corruptores. A segunda é unha derivación dun dos resultados máis nefastos para a poboación da existencia da corrupción, a privatización de servizos públicos, entregados aos empresarios “amigos”; ante un saqueo como o que se está dando, imponse a recuperación inmediata destes servizos; é un principio básico de “saúde publica” no sentido “Robespierre” da palabra. Por último, que non a última, é a expropiación inmediata dos bens e das empresas implicadas na corrupción, beneficiarias desde hai anos da corrupción dos “políticos”.

É obvio que estas medidas, dado as características do réxime español e do capitalismo no que se sostén, non son posibles se non se dá unha fortísima mobilización social. O capitalismo “castizo” é o núcleo duro do capitalismo “español”, a loita contra a corrupción vai contra un dos alicerces fundamentais do seu enriquecemento e poder.

Non hai tanto tempo, a comezos de anos tras a dimisión de JC, deu os seus primeiros pasos un movemento espontáneo de esixencia dun referendo “monarquía ou republica” que foi freado por todos. O pesadelo da derrota do 36 e dunha transición que mantivo as esencias desa derrota -os mesmos que non creran na democracia, impuxeron as súas limites- vívese hoxe ese medo das forzas políticas, incluso as máis de “esquerdas” a esixir a convocatoria dunha Asemblea Constituínte que rompa co réxime do 78, resolva o carácter republicano do estado, o dereito á autodeterminación das nacións e a recuperación de todos os dereitos sociais e laborais destruídos polo PPSOE.

No fondo de todo esta a Política con maiúscula; tras saída da crise esta un réxime feito á medida dos rescates bancarios, tras a corrupción esta un réxime que é herdeiro dun en que a corrupción era o goberno, tras os partidos institucionais esta o mantemento dunhas institucións que lles dan para comer. Esta é a realidade da corrupción....


Galicia, 3 de novembro de 2014


No hay comentarios:

Publicar un comentario