A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 17 de diciembre de 2014

2015 UN ANO MARCADO POLO CALENDARIO ELECTORAL


 Carlos Dafonte

O calendario electoral vai marcar dun xeito determinante os procesos políticos do ano próximo; en primeiro lugar vai despexar se o réxime xurdido ca aprobación da constitución séguese a cambalear, afectado polo retroceso  dos dous máis firmes alicerces sobre o que se asenta, o PP e o PSOE, pola corrupción, o desprestixio da institución monárquica e a fonda crise económica que esta a beneficiar ós sectores oligárquicos, a consecuencia das medidas aprobadas nestes once últimos anos, polos dous partidos que monopolizan o control das institucións; en segundo se comézase a albiscar unha alternativa, dentro do propio sistema, que abra como mínimo un proceso constituínte que sen grandes traumas, poña remedio dun xeito máis democrático a algunhas chatas do réxime xurdido despois da desaparición da ditadura.

Traducir en resultados electorais as realidades que expresan as últimas enquisas, non vai ser fácil. Máxime se o peso da recomposición política do estado se vai facer en función dunha forza como Podemos, que presenta unha grande debilidade ideolóxica, cun programa que non vai máis aló do keynesianismo de Paul Krugman e un proxecto de sociedade descoñecido para a grande maioría da clase traballadora; só coñecemos que “hai que bota-la casta das institucións” e deixar o verdadeiro poder, o económico, cos seus fieis servidores nunha clara minoría; aspecto importante pero como dixen máis complexo do que parece.
O poder económico vai poñer todos os medios ó seu alcance para que, co desgaste predicible, o bipartidismo e a alternancia no control institucional siga a ser unha realidade; é certo que Podemos xorde con tanta forza electoral e social, tamén pola constante presencia do seu dirixente Pablo Iglesias, en varias televisións que son propiedade de sectores oligárquicos, onde expresou un discurso que podíamos cualificar como rupturista, que contacta co que moita xente pensa e é capaz de crear unha corrente de opinión favorable, que da os seus froitos nas eleccións ó Parlamento Europeo, pero ata as eleccións xerais o camiño vai ser moi longo, e todas aquelas forzas políticas que queren rachar co bipartidismo e configurar unha alternancia desde posicións non neoliberais, van sufrir non só a crítica constante e as trapalladas que contra elas dirixan os dous grandes partidos, tamén a dos medios de comunicación e periodistas a soldo das grandes empresas. E pódese afirmar que a cacería comezou; Pablo Iglesias, Iñigo Errejón e a candidata de IU á Comunidade de Madrid, Tania Sánchez, son obxecto dun acoso de periodistas e sectores do PP, ca anuencia do PSOE, que o financiamento irregular do PP e o caso Bárcenas, a Pokemon, a Gürtel, a Campeón, o caso Noos, todo os temas de corrupción da Comunidade Valenciana, o caso Palau, os supostos fraudes da familia Pujol, os ERES en Andalucía, a Púnica, que leva ó que actuaba como man dereita de Esperanza Aguirre á cadea, parecen xogos de nenos fronte o que estas tres persoas teñen feito; a realidade é que cando xogas desde a esquerda, en posicións próximas a ser contrarios ó corrupto sistema capitalista, non debes cometer nin a máis cativa das irregularidades administrativas, pois en caso contrario, os poderes teñen a capacidade para darlle unha dimensión que pode danar o proxecto que representas; xa se coñece desde hai moito tempo, repite unha mentira ou unha “media verdade” teimudamente, todos os días en diferentes medios e se converterá nunha verdade para a grande maioría da xente que a escoita.
O PP ten unha clara liña de actuación diante do panorama electoral próximo. Iniciou a súa campaña na que destacan como elementos fundamentais, en primeiro lugar xogar co medo, creando unhas expectativas catastróficas de perder eles as eleccións, sobre todo as xerais, pero tamén de sacar o PSOE uns resultados tan malos que non lles permitiran facer a “grande coalición”, PP-POSE, que agora consideran froito da defensa dos “intereses de España” cando o único que vai significar de concretarse, sería seguir aumentando as desigualdades en beneficio dun reducido número de oligarcas. E para meter medo, utilizan diferentes argumentos; empezaron por dicir que Podemos era populista, que como contestou o presidente do Ecuador, Correa, entrevistado nunha televisión, “utilizan o termo populismo cando non entenden o que esta a pasar”. E moitas veces tentan os dirixentes do PP e o PSOE matizar algo o termo, engadindo que ser populista é “dicirlle a xente o que quere escoitar, pero que non se pode levar a cabo”. É dicir, a lista dos populistas deste país a encabezaría Filipe González cando prometeu crear 800.000 postos de traballo e conseguiu millóns de parados, ou Rodríguez, por boca de seu ministro Solbes, cando na campaña para a segunda lexislatura, afirmou que de revalida-la maioría, habería pleno emprego e ó país non se vería afectado pola crise; e que debemos pensar de Rajoy ofrecendo tamén o pleno emprego, rebaixas de impostos, aumenta-los orzamentos en sanidade e educación e todo o resto de programa que se pode consultar nas hemerotecas. Como poden esta xente falar de populismo, nos termos en que eles o entenden?.
Xogan co medo cando din que os que substitúan a PP ou ó PSOE no control das institucións, van impoñer o “modelo bolivariano”; o afirman ou por ignorancia ou porque mentir e o seu costume; parecen descoñecer que un modelo económico é froito da historia dun pais, da loita de clases, de cuestións como si houbo unha verdadeira revolución burguesa, si existen restos de propiedade feudal e toda outra serie de parámetros, que polo tanto é imposible impoñer un modelo doutro país moi distinto; aplicando políticas parecidas os resultados serían moi diferentes. Ademais minten cando dan unha visión de Venezuela totalmente distorsionada, desde que é unha ditadura ata que estes anos de bolivarianismo levou á maioría da poboación á pobreza. Antes da chegada de Chávez si era unha ditadura que mataba a miles de venezolan@s, como no “caracazo”, onde @s mort@s os enterraban en fosas comúns ou os tiraban ó mar; cando o 79% da poboación atopábase na pobreza, sendo un país dos maiores produtores de petróleo; hoxe Venezuela é unha democracia burguesa, con maiores controles dos que hai en moitos países que se poñen como exemplo e onde, segundo organismos internacionais, a pobreza minguou ata un 28 % e os avances en educación e sanidade son enormes. E temos que escoitar ós dirixentes do PP e PSOE dicindo estas cousas, cando ós primeiros si que se lles podía acusar de aplica-lo “modelo Pinochet”, de privatización de todo o privatizable nun marco político-xurídico de perda constante de dereitos e liberdades, que se vai acrecentar cando, sexa aprobada a Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida popularmente como “lei mordaza”.
O PP tentará impoñer nestes meses ata as eleccións xerais un clima de medo ante a súa previsible derrota, cando a realidade é que a xente debe estar temerosa de que continúen,  e tentarán convencer á grande masa de votantes, en segundo lugar de, entre outras, tres mentiras: a primeira que grazas a eles a crise xa pasou, que a traveso da “Lei Mordaza” o país vai ser máis seguro e en terceiro lugar, que aprobada a chamada Lei de Transparencia imos ser un país con “paredes de cristal”.
Analicemos aínda que sexa dun xeito moi superficial estas propostas. Nestes anos o estado español converteuse nun dos países máis desiguais do centro do sistema capitalista, onde os ricos son cada vez máis ricos e sectores importantes da poboación caeron no albor da pobreza. Dos máis de 17 millóns de ocupad@s cerca de 8 millóns cobran menos de 1000 euros mensuais e dos 5 millóns e medios de parados, máis de 3 millóns e medio non cobran prestacións, resultado das políticas de redución orzamentaria do PP que o fixo en 5.000 millóns de euros nesas partidas; agora dun xeito electoralista, aínda que os que van a recibir os cartos o agradezan, vai implementar 1000 millóns para dar unha paga de pouco máis de 400 euros. Desde a aprobación da Reforma Laboral polo PP, @s traballador@s son cada vez máis precarios, temporais e peor pagados; minguou o número de ocupados en cerca dun millón e o 20% da poboación atópase no albor da pobreza ó tempo que o número de nenos nesa situación é dos maiores da UE. Atopámonos cun fenómeno novo, ser pobre traballando. É o cuarto país da UE en “pobreza enerxética”. Temos un dos paros de moz@s máis altos, o 53 %. O PIB e hoxe igual que no 2012 e un terzo dos asalariados cobra menos de 645 euros mes, o salario mínimo. A pesares desta situación da clase traballadora o presidente da patronal declara solemnemente que os traballadores debían aceptar calquera salario que se lles ofreza: a escravitude. Segundo un informe da Organización Internacional do Traballo, desde o ano 2009 a produtividade subiu a redor de 8 puntos e os salarios baixaron 6'5 puntos, diferencia que non se corresponde ca evolución nos países máis desenvolvidos. Segundo o mesmo informe, o poder adquisitivo do conxunto dos habitantes do estado descendeu un 17 % dende o ano 2006. A débeda pública acadou o 100 % do PIB; a loita contra o déficit público é un fracaso, o centro de toda a política do PP, e si o paro baixa algo e pola razón de que preto de 700.000 traballador@s abandonaron o país. Recortouse, no conxunto das autonomías, un 20 % en educación e hoxe no estado hai 50.000 sanitarios menos. Miles de familias seguen a perde-la súa vivenda; por exemplo, no terceiro trimestre do presente ano, aumentaron os desafiuzamentos un 7'3 % respecto a mesmo trimestre do ano anterior. Segundo ADICAE o 40'2 % dos españois non teñen capacidade de aforro.
Pois ben, coñecida a situación e estes son datos obxectivos, algúns dos propios ministerios, o PP tenta convencernos de que a crise terminou e que de aquí en diante co crecemento da economía propiciado polas súas medidas, se van poder resolver os inxentes problemas que a crise xerou. En primeiro lugar, a economía de medrar non o fará polas medidas tomadas polo PP, máis ben a pesares das medidas que eles tomaron; como explicou un economista nunha televisión, pero son datos coñecidos por todo o mundo, en primeiro lugar, pola razón de que no ano 2015 seguirá baixo o prezo do petróleo, no mes de decembro é a metade que a principios de ano o que permitirá medrar unhas décimas e esta caída ten moito que ver ca caída da actividade económica nas grandes metrópoles mundiais; tamén pola desvalorización do euro respecto o dólar, o que permitirá exportar máis e en terceiro pola intervención do Banco Central Europeo na compra de débeda pública, que ten como resultado a caída da prima de risco e os intereses a pagar polos cartos que nos presten. Eses tres procesos poden facer medra a economía preto do 0'8 % no 2015 e pouco máis vai medrar. E medrando pouco máis do 1% non haberá solución ós nosos problemas, pois as familias e as empresas teñen sobre si unha enorme débeda, máis de 2 billóns de euros, que frea toda posibilidade de actividade. Proba de que esta afirmación é certa, é que os últimos datos afirman unha nova caída do IPC, atopándonos nun claro proceso deflacionario.
Polo tanto, a situación económica do conxunto da sociedade española, o seu nivel de vida dos anos anteriores a 2007, non se recuperará nunca, nin tampouco o nivel de prestacións dos servizos como sanidade, educación e outros que sufriron un deterioro enorme cos recortes nos seus orzamentos e cos procesos de privatizacións.
En Galicia a situación social pódese fotografar co informe da Fundación de Fomento ós Estudos Sociais, que resumidamente afirma que o incremento da desigualdade foi maior aquí que no resto do estado.
O segundo aspecto e igual do tramposo; a Lei de Transparencia aprobada hai un ano, da que entraron estes días en vigor aqueles artigos relativos ó acceso á información, sitúa o estado español, segundo os organismos que estudan estes elementos país por país, nunha posición moi parecida á de Ruanda, o estado español 76 puntos de 150, Ruanda 77, pero moi lonxe de países como Gran Bretaña, onde se pode consulta-la axenda de calquera ministro e aquí, de preto de 250 altos cargos non se coñece dato algún ou o tribunal da transparencia para solventar litixios é elixido polo goberno. No “Global Right to Information Rating” elaborado polas organizacións pro transparencia “Center four Low and Democracy” e “Acces Info”, o estado español ocupa o posto 64 de 100 países. Pois ben, na súa torpeza política característica, o PP nos quere vender que nos atopamos á cabeza do mundo nesta cuestión e a señora Cospedal vai máis aló, e di que “España e o país, despois de aproba-la lei, ca mellor administración pública mundial”; non se decata que pouco ten que ver unha cousa con outra, pode haber unha boa administración pouco transparente e unha moi transparente e que non funcione. Ruanda por exemplo que é máis transparente que o estado español, non creo que teña mellor administración pública que a que temos nós.
E moito coidado ca chamada “lei mordaza”, que tenta poñer fin á mobilización popular deixando en mans da policía e non dos xuíces, que xulgue a actuación da cidadanía e tendo a capacidade de impoñer multas enormes, por actos nos que os xulgados nunca viron delito algún. Non é unha lei para a defensa da sociedade, é unha lei para defende-la minoría privilexiada dunha sociedade que esta farta. Pero aínda paréceme máis grave que algunhas unidades militares, como a Unidade Militar de Emerxencias e outras, estean a recibir instrución para reprimir manifestacións cidadás. Explica o Ministerio que son unidades que se lles envía o exterior, pero algunhas fontes desmenten esta afirmación.
Unhas breves liñas sobre o PSOE. A aparición de Podemos obrígalle a un discurso máis radical, ca intención de recuperar un certo espacio político-electoral, que non o converta nun monicreque do PP e lle permita presentarse ante os “poderes fácticos” como unha verdadeira alternativa fiable desde a esquerda para, unha vez no control das institucións, seguir a facer a política neoliberal de sempre que lle garanta á oligarquía o seu control. Non se pode crer que cada vez que chega ó cumio do partido un novo secretario xeral, vaia cambia-la súa política respecto ó período anterior. Que é o que intenta, cando formula rectificar respecto á modificación do artigo 135 da Constitución no que se establece que a prioridade é o pago da débeda ós mercados, e non a satisfacción das necesidades da xente.
O réxime vai poñer toda a “carne no asador” para non permitir que os devezos da xente se cumpran, que o bipartidismo que levou a este país á situación de deterioro económico e indefensión na que vive unha parte importante dos seus traballadores asalariados, sexa derrotado. Fará todo o posible para seguir como ata hoxe, por iso os traballadores deben participar dando os primeiros pasos para que esa derrota sexa posible. Non se poden quedar ó marxe da organización dos instrumentos que permitan abrir unha vía distinta á que todos estes anos de democracia formal, foi consolidando.
En Galicia no mes de decembro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario