Roberto
Laxe
A
orde de extradición emitida pola xuíza arxentina Servini contra 20
ex-altos cargos do franquismo, a instancias de descendentes de
represaliados do franquismo, é un torpedo á liña de flotación do
réxime do 78. Cuestiona unha das súas columnas vertebrais, a lei de
amnistía / Punto Final que permitiu reconverterse en demócratas aos
que participaran activamente da ditadura.
O
franquismo en 1970 viuse na obriga, pola mobilización social interna
e externa, a conmutar as penas de morte do Xuízo de Burgos contra
militantes de ETA. A partir dese momento dá comezo realmente a
Transición; pois é cando a burguesía española busca un recambio a
un réxime agónico, para salvar os mobles. Non quería aventuras que
conducisen a situacións irreversibles nunha década, os 70,
caracterizada polas explosións revolucionarias. Nesa década
prodúcese a vitoria do Vietnam, a revolución portuguesa, a caída
da ditadura grega, a revolución nicaraguana, ... todo como resaca do
maio do 68 francés.
No interno, o estado español vive un auxe das mobilizacións obreiras e populares sen precedentes en décadas, con picos como a folga xeral de Ferrol do 72, as folgas no “cinto vermello” de Madrid, etc., e en 1976 a folga xeral de Vitoria.
Utrera
Molina, ministro de Franco no seu momento, é acusado de asinar en
1973 a sentenza de morte de Salvador Puig Antic, militante
libertario, e do cidadán polaco Heinz Chec para “xustificar” a
morte de Antic. Era un intento do réxime de demostrar a súa
fortaleza ante unha poboación cada vez máis insubmisa, de que non
cedía como tivo que facer nos Xuízos de Burgos. Foi un crime
político en toda regra.
O
caso de Martín Vila é máis grave, se cabe. En 1976 era ministro de
Relacións Sindicais (sic), e Fraga o ministro da Gobernación
(actual Interior). Cando miles de obreiros vascos concéntranse na
Igrexa de San Francisco de Vitoria, a policía recibe a orde de
disparar. O resultado son cinco mortos e decenas de feridos. Martín
Villa, como Fraga, quen nun alarde de chulería afirmou, “a rúa é
miña” e fai tres anos ratificouse, “volvería actuar como o
fixen”, foron os responsables políticos daquela carnicería.
A
aprobación da Lei de Amnistía no 77 librounos de ter que responder,
como sucedeu con todos os cargos do franquismo, que daquela moitos
vivían. Perdoáronse e quixeron que se esquecesen as
responsabilidades dos que aínda mantiñan 120 mil mortos en cunetas
e tapias de cemiterios, onde seguen grazas aos pactos da Transición.
A
burguesía non podía prescindir deles porque moitos se converteron
en burgueses grazas á cobertura da represión e a ditadura, a través
do roubo e o saqueo, estraperlo / contrabando, etc.; por iso negociou
coa oposición democrática a amnistía dos presos políticos que non
cometesen delitos de sangue, mentres perdoaban os crimes dos
franquistas que si cometeran delitos de sangue.
O
réxime do 78 nacía cunha flagrante dobre moral: baixo o manto da
reconciliación nacional, os franquistas librábanse do que non se
libraron os seus “admirados” nazis e fascistas italianos.
A lei
de fraca memoria histórica
No 2004
chega ao goberno Zapatero; un dos motores que o impulsa é a
reivindicación cada vez máis forte da reparación dos crimes do
franquismo. Son os fillos e os netos das vítimas da represión os
que a pesar de todas as trabas burocráticas e políticas, van
recuperando o pasado. ZP comprométese a aprobar unha lei da memoria
histórica que de resposta á reivindicación, pero queda no saúdo á
bandeira da Lei que hoxe coñecemos.
O
franquismo segue vivo nas institucións fundamentais do réxime, nos
consellos de administración das grandes empresas, que non poden
admitir que se reivindique a memoria dos represaliados porque é
acusalos de beneficiarse de delitos de lesa humanidade.
Non
é neutral esa reivindicación, tras cada morto hai un “quen deu a
orde”, “quen disparou”,... Moitos din que xa desapareceran e
por tanto é un exercicio van, posto que os seus descendentes non son
responsables dos seus crimes. Sería certo se eses descendentes
rexeitasen as prebendas, as propiedades e o capital que os seus
antepasados acumularon grazas ao franquismo. “Na herdanza levan a
responsabilidade”, e só renunciando a ela poderían demostrar que
si rompen co pasado.
Pero
hai outro motivo máis prosaico, como Villar Mir -ministro do 1er
goberno da Monarquía e hoxe un dos grandes do capitalismo español-,
os duques de Alba ou calquera outro capitalista cuxa familia acumulou
a súa riqueza baixo o franquismo vai renunciar á súa herdanza?. O
franquismo vive no presente porque o capitalismo español forxouse ao
longo de 40 anos baixo o seu manto, as súas leis antiobreiras, da
súa represión como en Vitoria, de crimes políticos como a
execución de Puig Antich.
Por
este motivo a Lei da Memoria histórica só podía chegar a bo porto
derrogando a lei de amnistía que os ampara. A única maneira de
conseguir a reparación e a xustiza polo sucedido pasa pola súa
derrogación e, polo tanto, a desaparición do réxime que sustenta.
A
orde de extradición debe servir para achandar o camiño nesta loita;
unha sociedade que vive no esquecemento de 120 mil das súas xentes
que deixaron a vida por unha sociedade mellor, é unha sociedade
enferma e atemorizada incapaz de enfrontarse ás súas propias
pantasmas. O silencio clamoroso de todas as forzas políticas da
esquerda ante o órdago que supón a orde da xuíza Servini,
convérteos en cómplices do mantemento dun réxime que apoia-se en
crimes de lesa humanidade.
O
principio de xustiza universal e os delitos de lesa humanidade
As
ditaduras nazis e fascistas foron derrotadas na II Guerra Mundial non
só polos exércitos “aliados”, senón polas poboacións
traballadoras das nacións ocupadas e oprimidas. O fin de Hitler e
Mussolini,... foi un berro de liberdade que obrigou ás potencias
vencedoras ir máis aló do que realmente lles gustaría, tiveron que
xulgar e en casos executar aos responsables dos terribles crimes
cometidos.
Para
evitar que a situación en Alemaña tomase o camiño de Italia ou
Francia, onde a poboación fai xustiza contra os ditadores,
executando a Mussolini, a súa amante Clara Petaci, ou Francia contra
os colaboracionistas, as potencias vencedoras buscan a maneira de dar
unha canle ó odio popular, e realízanse os Procesos de Nuremberg,
xulgando e condenando á plana maior do nazismo.
Son uns xuízos onde se aplica o principio de “xustiza
universal”, por cima do de territorialidade da xustiza. Aos
criminais nazis xúlganos tribunais non alemáns, senón
norteamericanos, rusos, británicos, etc.; xunto con este “novo”
principio xurídico, créanse “novos” delitos, e incumprindo un
dos principios da xustiza burguesa, faise con efectos retroactivos.
Eses novos delitos son os de “lesa humanidade”, como o xenocidio,
etc., etc., que son imprescritibles, é dicir, son perseguibles
sempre.
Tanto
o principio de xustiza universal como os novos delitos que se crean,
son unha gran conquista democrática da poboación que non chegaron
ao Estado Español, aínda que hipocritamente subscriba todos os
tratados que os garanten.
Galiza,
no mes de decembro de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario