A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 3 de diciembre de 2014

O TRATADO DE LIBRE COMERCIO UE-EEUU CADA VEZ MÁIS CERCA E O SILENCIO SOBRE O MESMO, CADA VEZ MÁIS CÓMPLICE

Carlos Dafonte

Polo seu nome en inglés, o Trasatlantic Trade and Investment Partnership (TTIP) que eu denominarei “Tratado de Libre Comercio UE-EEUU”, supoño segue a negociarse entre a máis absoluta desinformación. Por parte da Unión Europea, negocia un chamado “Grupo de Traballo de Alto Nivel para o Emprego e o Crecemento” (HLWG), creado en 2011. Cando o “Observatorio da Empresa Corporativa”, preguntoulle á Comisión Europea quen formaba parte do mesmo, contestoulle despois dun tempo que o grupo “non ten membros identificables” e que “non hai ningún documento que conteña a listaxe dos autores dos informes”. Tampouco houbo resposta cando se lle preguntou polos “expertos externos” nin cando solicitaron listaxe das xuntanzas cos grupos empresariais, que segundo parece, son os que están a marcar a axenda.

O nove de setembro do ano 2013, escribín un artigo neste blog analizando algunhas das posibles consecuencias de asinarse o Tratado de Libre Comercio entre a Unión Europea e os EEUU de Norteamérica e denunciando que as conversas fosen secretas, que descoñeceramos todo o que se esta a pactar, conculcando un dos principios dun sistema democrático como é que a cidadanía conte ca información necesaria para poder decidir. O grave do caso é que a cidadanía non esta previsto que decida nada; cando este finalizado o tratado, se vai aprobar por determinadas institucións e os que vivimos na Unión Europea, sufriremos as consecuencias, pero non teremos dereito algún a dicir se estamos de acordo ou non con este Tratado. Este xeito de actuar non é novo, as institucións da UE, o servizo das oligarquías, o utilizan con frecuencia, pero é propio de ditaduras que é no que se esta a converter o marco xurídico- institucional baixo o que vivimos.
Desde o meu anterior artigo hai máis dun ano, imos coñecendo algunhas cuestións novas relacionadas co tratado, por exemplo que hai unha maioría no Congreso dos Deputados, formada por PP, PSOE, UPyD e CiU, é dicir por Rajoy, Pedro Sánchez, Rosa Díez e Artur Mas, que cando un deputado de IU formulou diversas cuestións sobre o mesmo en maio deste ano, estas catro organizacións saíron en bloque a defendelo e a que seguira a ser secreta a súa negociación. Negáronse terminantemente a que se fixera un referendo antes de que entrara en vigor. Teñen medo que o pobo, unha vez coñecidas as súas cláusulas, decida libremente que non esta de acordo e xa se sabe, se un país négase, non pode entrar en vigor na UE; polo tanto canto maior sexa o segredo mellor para os intereses dos máis poderosos.
Pero sabemos tamén que hai un pacto de silencio entre os grandes medios de comunicación, aqueles que son propiedade do capital financeiro e grandes empresarios, para os que o devandito Tratado de Libre Comercio non é un tema interesante como para saír nos seus medios, o cal e moi sospeitoso. Moi de cando en vez, se di por parte de algún político que vai ser moi beneficioso para a poboación, pero si así fose debían estar dispostos a informar a fondo para que esa poboación que é a que despois vota, lles puidera recoñecer o beneficio. Cando non o fan, cando non se informa, cando se actúa respecto ó Tratado dun xeito ditatorial, quere dicir que a súa sinatura vai beneficiar a moi poucos, as grandes empresas transnacionais, o capital financeiro e sobre o resto da poboación as consecuencias van ser, como xa se coñece en EEUU, Canada e México que levan con un asinado desde hai moitos anos, en absoluto beneficioso, trouxo máis pobreza, paro e destrución da pequena empresa. A grande empresa é a única que se beneficiou.
Unha cuestión tan importante como este Tratado, por moito que tenten manter en secreto as súas negociacións, sempre terá filtracións, sempre haberá algunha persoa que ten coñecementos sobre o mesmo que fala, da a coñecer algún dato, non quere cargar sobre a súa conciencia cun acto perverso como é que nada se coñeza sobre o mesmo, polo tanto aínda que dun xeito parcial coñecemos algúns aspectos do Tratado que nos reafirman na nosa posición contraria ó mesmo e nos axudan a comprender mellor as razóns de que non se de información sobre o mesmo.
Este acordo non é novo, é unha revisión do “Acordo Multilateral sobre Investimentos” (AMI), negociado en segredo entre os anos 1995-97 polos membros da OCDE e que coñecidos os seus contidos por unha filtración, levantou tal grao de protestas, que obrigou ós seus promotores a esquecelo.
O novo Tratado modifica algúns aspectos do anterior e unha das cuestións máis graves, é que considera que as lexislacións de ámbolos dous lados do Atlántico se deben someter ás normas do libre comercio establecidas para beneficiar ós grandes emporios empresariais e ameaza, ós países que non cumpran o Tratado, con reparacións moi cuantiosas ás empresas que se consideren afectadas. En definitiva os países asinantes terán que garantir que “as súas leis, os seus regulamentos e os seus procedementos son conformes” o establecido no futuro Tratado. Como vai funcionar isto na práctica? Pois dun xeito moi sinxelo; se un país ten lexislación que defende o medio ambiente, ou laboral que garanta determinados dereitos @s traballador@s ou que non permite o uso de transxénicos ou trata-las carnes de porcino e polo dun xeito determinado, etc, as empresas que se sintan prexudicadas por esa lexislación, no caso de que non se modifique, poden reclamar enormes indemnizacións, que serán decididas non por un tribunal do país, senón por un que se vai crear encargado de sentencia-los litixios entre investidores e estados e de cuxa composición nada se coñece, pero seguro que as grandes empresas terán moitas posibilidades de colocar no mesmo a persoas favorables ós seus intereses. No fondo sitúa ó capital transnacional nun “status” equiparable o dun estado-nación, co que este feito significa de ataque ós sistemas democráticos. Xa hai casos en Perú, Australia, Canadá e Exipto, países que teñen asinados tratados e existen tribunais por eles establecidos, que sentenciaron no caso de que se considere que se actúa contra os investidores; en Exipto o fixeron pola suba do salario mínimo; Ecuador foi condenado a pagarlle máis de 2.000 millóns de dólares a unha compañía petroleira e Australia tamén o foi como consecuencia dunha denuncia pola razón de que a unha marca de tabaco norteamericana, non lle gustaba o deseño do novo paquete aprobado polo Parlamento.
Como vemos PP, PSOE e UPyD din defende-la soberanía do estado español fronte ó dereito a decidir que quere exercer unha parte do pobo catalá, pero non teñen problema algún en cedela ós intereses espurios das multinacionais. E non hai que esquecer que operan na UE máis de 14.000 empresas dos EEUU, cunha rede de máis de 50.000 filiais.
Como se ten falado, é un dos elementos de propaganda esgrimido polos seus defensores, de que vai beneficiar dun xeito moi importante á cidadanía, un grupo de estudos, chegou a concreción de que é certo, de entrar en vigor o Tratado no ano 2017, a partires do 2029 cada cidadán sacaría un beneficio de aproximadamente 3 céntimos de euro ó día e o PIB subiría un 0,65%; como se pode apreciar unha miseria en relación a cantidade de dereitos de todo tipo que se van perder.
Para finalizar unhas verbas de John Hilary, director executivo de War of Want e profesor honorario da School of Politics and International Relations da Universidade de Nottingham:”Non vai ser un acordo comercial tradicional que reduza os aranceis sobre as importacións entre dous socios comerciais, pois os aranceis entre a UE e os EEUU son tan baixos que apenas se poden reducir xa”. “O verdadeiro e principal obxectivo do Tratado é elimina-las barreiras regulamentarias que limitan os beneficios potenciais das corporacións transnacionais nos mercados europeos e estadounidenses”. “O acordo tamén busca crear novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos e a adxudicación de contratos por parte da administración ás corporacións transnacionais, o que ameaza con provocar máis ondas de privatizacións en sectores moi importantes como a sanidade e a educación”.
O capital tenta dar unha nova volta de torca e eliminar toda unha serie de dereitos acadados pol@s traballador@s despois de moitos anos de loita. O único xeito de enfrontarse á situación é loitando, e facéndoo dun xeito organizado. En cada cidade, en cada vila de Galicia hai que formar Comités contra o Tratado e levantar unha mobilización de masas, capaz de frea-la súa aprobación.

En Galicia no mes de decembro de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario