A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 11 de enero de 2015

CUBA: O DIFÍCIL CAMIÑO DUNHA REVOLUCIÓN ACOSADA




 Carlos Dafonte

O día 1 de xaneiro pasado, cumpríronse 56 anos da entrada dos revolucionarios cubanos na cidade da Habana. Pero tamén 56 anos de loita contra o imperialismo, que nunca aceptou  que a poucos quilómetros das súas costas se consolidara unha revolución que tentou, e en certa medida conseguiu, avanzar nun modelo produtivo e social distinto do capitalismo; avanzar na procura do que se chama socialismo.
Pero a entrada na capital non significou o trunfo da revolución; o imperialismo e a ditadura durante tantos anos por el defendida, quixéronlle roubar a vitoria ó pobo cubano despois dos enormes sacrificios que tivo que sufrir e impoñer un goberno de monicreques que o pobo cubano derrubou por medio da convocatoria dunha folga xeral que acadou una resposta masiva, para impor a Fidel Castro como presidente dun goberno revolucionario.

Desde aqueles afastados tempos, Cuba tivo que soportar a brutal agresión dos EEUU que se concretou en varios milleiros de asasinatos por actos terroristas, non só de cidadás cubanos, tamén de estranxeiros que estaban na illa, cometidos por organizacións terroristas cubanas do exilio, financiadas  pola grande potencia, barcos atacados, avións derrubados, ataques biolóxicos contra as colleitas e toda outra serie de atentados contra a independencia do país, así como os máis de douscentos  intentos de asasinato de Fidel, segundo os papeis da CIA. A actitude e a actividade dos EEUU é a normal nun estado terrorista que emprega eses métodos con todo país que se lle opoña e as veces ata cos que considera amigos, o que non é aceptable e o silencio durante todos estes anos dunha parte importante de comunidade internacional, xusto de aqueles países que din defender a democracia e os dereitos humanos.
Aínda ten que soportar o pobo cubano un ominoso bloqueo económico-comercial por parte do imperialismo, contrario a toda regra de libre comercio que di defender, que non só afecta a Cuba e o seu pobo, senón a empresas e países que tentaran comerciar ca illa rebelde e revolucionaria. O embargo, que co paso do tempo se foi endurecendo, costoulle ós cuban@s preto de 120.000 millóns de dólares, dificultades económicas e o éxodo de moit@s cubanos que preferiron marchar que manter a dignidade e aguantar as consecuencias do enfrontamento cos veciños do norte. Este enfrontamento tivo outras consecuencias, por exemplo a masiva propaganda contra o sistema cubano en todo o mundo pero tamén no interior por medio de numerosas cadeas de radio e TV que se escoitan e ven en Cuba  e que, en medio das dificultades, minaban a resistencia de moitos non comprometidos co proceso revolucionario. Tamén durante estes anos, os EEUU tentaron por todos os medios de crear unha especie de “oposición interior” sen éxito algún, pero que serviu para que en lugares como o estado español, os partidos servís cos EEUU e os máis reaccionarios, nos presentaran a esta “oposición” como algo real, con predicamento dentro da illa, cando en realidade é que, a maioría d@s “opositor@s” non teñen apoio e só contan co da oficina comercial dos USA e cos cartos que a mesma lles daba, para vivir como “opositores”.
Cuba, a pesares do enorme potencial de todo tipo do seu inimigo, ganoulle a batalla  desde o ano 1959 ós EEUU, pagando un alto prezo, é certo. O establecemento de relación diplomáticas anunciado estes días, séndoo é o menos importante; en todas as actividades internacionais do imperialismo para someter a determinados  países, sempre Cuba estaba enfronte practicando o internacionalismo  e ata como no caso de Angola, enviando un poderosos exército que derrotou ó exército do invasor surafricano, o exército  do “aparheid” e posibilitou a queda daquel nefando réxime, que contaba, como non podía ser doutro xeito, ca axuda do imperialismo. Cuba foi solidaria con todos os movementos que loitaban contra as sanguentas ditaduras que os EEUU impuñan como defensa dos seus intereses xeoestratéxicos e empresariais en calquera lugar do mundo, tamén foi o máis implacable crítico contra esas políticas en todos os foros internacionais e como no caso do seu bloqueo conseguiu que na Asemblea Xeral da ONU, o imperialismo quedara completamente illado e só conte para mantelo, co apoio de Israel e dun estado dunha pequena illa do océano Pacífico. Desde o primeiro momento da súa irrupción no escenario político, a revolución cubana foi un exemplo para os diferentes pobos latinoamericanos e a confirmación de que era posible, ó marxe das intencións do imperialismo, poder satisfacer as necesidades dos pobos e que era o poderoso “veciño do norte”, o principal impedimento para que iso acontecera.
O longo da historia da revolución pódense establecer dous momentos críticos vividos polo proceso: a invasión de Praia Girón en Badía de Cochinos, cando centenares de cubanos partidarios da ditadura recén derrocada e apoiados polo imperialismo conseguiron poñe-lo pe na illa e en segundo lugar a queda da URSS e os países do leste de Europa e a restauración nos mesmos do capitalismo. O primeiro episodio saldouse ca derrota dos desembarcados o que posiblemente tamén tivo relación co asesinato do presidente Kennedy, que non prestou todo o apoio a unha invasión que fora organizada na época da presidencia de Eisenhower o que concitou o enfado da mafia que esperaba recuperar os seu cuantioso patrimonio na illa, o do exilio máis reaccionario e os grupos económicos ligados ó complexo militar industrial  que consideraban entreguista a política de “boas relación” coa URSS, que iría en detrimento da súa produción industrial-armamentista.
A queda da URSS e de todo o seu circundo na Europa do leste, afectou gravemente á sociedade cubana que se estaba a construír dende facía trinta anos. Non só a nivel de que se cortaron os investimentos en capital, tamén as transferencias en tecnoloxía e sobre todo que Cuba e a súa revolución quedábase sen o apoio militar-estratéxico que significaba a outra grande potencia nun mundo bipolar. É certo que no ano oitenta a URSS fixolle chegar á dirixencia cubana a mensaxe de que non contaran coa súa axuda en caso de enfrontamento cos EEUU, segundo desvelou Raúl Castro a principios dos anos noventa, o que trouxo a transformación da estratexia defensiva que se baseaba nun exército numeroso, forte e altamente tecnificado a outro baseado no concepto dun “exército de todo o pobo”,  capaz de permiti-la resistencia popular fronte a un inimigo moi superior. Tamén que a partires de ser elixido Gorbachov e o incio da “perestroika”, Cuba soubo captar a mensaxe de que se o seu protector atopábase iniciando un proceso de rendabilidade e eficiencia da súa economía, de competitividade dentro do mercado mundial, e que serían recortados os subsidios internos e as axudas ó exterior, polo que se iniciou un proceso de modificación das súas estruturas económicas que ata ese momento estaban moi cinguidas ó COMECON.
Nos anos anteriores ó mesmo, e grazas a axuda soviética e a intelixencia dos cubanos, o igualitarismo, o pleno emprego, a tecnificación da agricultura estatal,  o gasto moi importante en ensinanza, sanidade e seguridade para os anos finais da vida d@s cuban@s, a construción de grandes infraestruturas e aproveitamento dos recursos propios, a investigación en biotecnoloxía, se converteron nun feito indiscutible que mellorou a vida da poboación e permitiu manter a solidariedade internacionalista con numerosos pobos de calquera parte do mundo. A queda da URSS levou a toma de decisións que máis tarde se consideraron erros, que retrasaron a toma de medidas que permitiran que o proceso revolucionario volverá a satisface-las necesidades do seu pobo traballador. Eses erros levaron a episodios como os dos balseiros, que deu unha imaxe de Cuba moi negativa.
Tampouco hai que esquecer que neses anos de serias dificultades o imperialismo pensou que Cuba non sería capaz de sobrevivir e endureceu aínda máis o bloqueo coa Lei Torricelli de 1992 e o Acta Helms Burton de 1996.
Coñecemos as enormes dificultades dunha revolución illada no mundo; a rusa de 1917 sufriu un proceso similar e en tempos de Lenin iniciaron o que se coñeceu como Nova Economía Política (NEP), que consistiu en privatizar certas empresas e a existencia dun mercado, sempre baixo control da sociedade, para saír das enormes dificultades creadas pola guerra civil e a agresión imperialista; pois ben un proceso similar, iniciou Cuba con reformas de dous tipos: o que podíamos chamar un axuste financeiro ca implantación dun sistema de impostos, recortes de subsidios, redución do déficit fiscal, libre circulación do dólar, suspensión de gratuidades, etc e cambios estruturais, cooperativizando a agricultura estatal, autorización do traballo por conta allea, apertura da economía ó investimento de fora, lei sobre o empresariado, lei inmobiliaria, étc, que lle permitiron á revolución, posiblemente dando un paso atrás, sobrevivir nas súas difíciles condicións e axudar a outros países, Venezuela, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, a inicia-lo proceso de integración latinoamericana que se concreta no ALBA, UNASUR e outros organismos, que xa non actúan ó servizo do imperialismo ianqui e son alternativa ós organismos polo imperialismo creados para seguir a explotar e manter na miseria á maioría dos pobos de América latina, como os Tratados de Libre Comercio.
A doutora en Ciencias Económicas británica Emily Harris, investigadora no Instituto das Américas na University College de Londres e dende setembro de 2014 en Washington como investigadora principal do “Banco Interammericano de Desarrollo” publicou un artigo moi documentado nunha revista británica sobre os últimos anos da economía cubana e afirma que en Cuba, despois da queda do proxecto do chamado “socialismo real”, se escolleu un camiño distinto da “restauración do capitalismo” como os antigos membros do CAME, con resultados sorprendentes. É certo que tardouse unha década en acadar de novo a renda nacional de 1990, pero a partires do ano 2000 ata o 2013, ten aumentado nun 40%, mentres que os países que escolleron a vía capitalista atópanse cuns niveis de pobreza moi grandes. Ademais en Cuba, nesa década de moitas dificultades, elementos moi importantes para unha sociedade que se preze de traballar polo ben común, seguíronse a manter, por exemplo no ano 1990 a taxa de mortalidade infantil era do 11 por 1000 e a pesares das enormes dificultades no ano 2000 rebaixárona ó 6 por 1000, moito mellor que a dos antigos países de “socialismo real” que buscaran a protección da Unión Europea; e no ano 2013 conseguiron situala no 5 por 1000, mellor que nos EEUU. Pero ademais nese mesmo período de gravísima crise económica a esperanza de vida subiu de 74 anos a 78, mentres que nos países anteriormente citados baixou de 69 anos a 68 a causa da pobreza manifesta.
Para Harris son varias as conclusións ás que chega sobre a situación da economía cubana:
En primeiro lugar que foi capaz  de manter unha rede de protección social durante á crise en agudo contraste con outros países do chamado “socialismo real”.
En segundo lugar e moi ligado ó anterior, algo que os medios contrarios a Cuba e unha parte dos partidos servís co imperialismo, tentan esconder, o proceso de ampla consulta popular de todas as decisións, sobre todo nos momentos máis agudos da crise, ó principio no proceso de estabilización, e no novo de “axuste” dende a chegada á presidencia de Raúl Castro.
En terceiro lugar, grazas o control sobre os salarios e os prezos durante o período inicial de choque e da recuperación, foille posible restaurala estabilidade moi axiña, controlando a espiral inflacionaria. Este control posibilitou unha economía informal florecente, que limitou a diferenza de ingresos dentro da “economía formal”. Aparece así unha especie de “dobre vía” parecida á de China, onde conviven o “camiño planeado” e o do “mercado”
En cuarto lugar, o estado seguiu controlando o proceso de reestruturación económica, o que lle permitiu canaliza-los recursos en divisas para determinadas industrias, logrando unha notable recuperación dos ingresos en divisas en relación o capital dispoñible.
En quinto lugar considera Emily Harris que rexeitando a corrente tradicional levada a cabo polos chamados países de “socialismo real”, de transición ó capitalismo, Cuba avanza polo proceso que un funcionario cubano denominou “evolución permanente”, proceso sen rixideces, sensible ás condicións de Cuba, un camiño inexplorado que esta por ver onde leva. A realidade é que os costos sociais son menores que nos países onde se aplicaron “todas as receitas” de restauración do capitalismo, as receitas da chamada “troika”.
Hai na sociedade cubana e no Partido Comunista unanimidade sobre as medidas que hai que tomar hoxe, o camiño a seguir? Creo que non, e cando digo isto me lembro de que hai moitos anos, na década dos sesenta do século pasado, lin un libro escrito por Zbigniew Brzezinski e Samuel Huntington, o primeiro asesor de todos os presidentes dos EEUU nas últimas décadas e Secretario de Estado con Carter, onde formulaban, entre outras, a tese de que se daban máis diferencias dentro do Partido Comunista da Unión Soviética que entre os dous partidos dos EEUU, o demócrata e republicano. Cousa inimaxinable para aqueles que pensan que a existencia dun só partido non pode ser considerado un sistema democrático e si o é pola existencia de dous aínda que os dous representen ós ricos, os poderosos. En Cuba non se presenta ós procesos electorais o Partido Comunista, fano persoas individuais e como veremos, as diferencias entre moit@s d@s que se presentan poden ser moi importantes. @s votantes poden elixir entre variadas opcións.
Son variadas tamén as correntes que existen en Cuba sobre o camiño a seguir xunto ca maioritaria que se está a levar adiante; desde a que formula a necesidade de avanzar decididamente cara o capitalismo nun proceso parecido ó acontecido nos países de “socialismo real”; á que se considera inmobilista apoiada por sectores burocráticos e tecnocráticos que cualifica de burguesa a opción actual e centra toda a saída nun proceso de estatalizar todo o proceso, ou a que considera esencial non quedar illados e polo tanto a necesidade de exporta-la revolución para acada-lo “socialismo universal” e por último, a que fai fincapé en levar adiante unha política revolucionaria e  de autoxestión, segundo parece defendida esta posición por intelectuais comunistas. Como se ve unha importante variedade de alternativas, algunhas penso, antagónicas con outras.
Pois ben nesta situación, os EEUU consideran que ca táctica actual non conseguiron os seus obxectivos estratéxicos de derruba-lo goberno cubano e poñer fin o proceso emprendido hai 56 anos, polo que modifican a táctica, sen modificar en principio o bloqueo nin o seu obxectivo estratéxico; seguro que consideran que formalizando un intercambio diplomático a alto nivel, como apunta Guillermo Almeyra, a súa actuación vai ser máis eficaz nos seus obxectivos de crear unha oposición con verdadeira base social, onde participen algúns destes sectores máis arriba sinalados ou sectores corruptos do réxime ou os que se beneficiarán da circulación dos dólares; pero tamén para que haxa maiores posibilidades para o funcionamento das súas ONG’s financiadas pola CIA; tampouco se debe descarta-lo maior peso que pode ter a igrexa católica. Polo tanto os perigos para Cuba seguen a ser importantes, espero que como nestes 56 anos, sexa capaz de sortea-los próximos atrancos e seguir a dar solución ós numerosos problemas que teñen @s traballador@s cubanos.
En Galicia no mes de xaneiro de 2015  




No hay comentarios:

Publicar un comentario