A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 21 de agosto de 2015

A SITUACIÓN POLÍTICA NO ESTADO ESPAÑOL NO CONTEXTO DA ACTUAL SITUACIÓN INTERNACIONAL NO VERÁN DO ANO 2015

Carlos Dafonte

Se tiveramos que establecer unha soa característica da situación mundial na que se vai levar a cabo o próximo proceso electoral no estado español, pola que se pode definir, afirmaría sen ningunha dúbida que o crecemento a nivel mundial dos enfrontamentos, na maioría das áreas xeopolíticas do planeta, das dúas cadeas imperialistas; o que significa poñer nun primeiro plano as contradicións entre as diferentes oligarquías, nun período onde a saída  da crise aínda non ten un horizonte próximo, con elementos moi preocupantes para a paz no planeta.
O enfrontamento prodúcese no eido militar, no económico e no ideolóxico. No primeiro gastando enormes cantidades en cada vez facer armamento máis sofisticado e caro, que se podían empregar doutro xeito. Tentando conseguir vantaxes estratéxicas e xeopolíticas que permitan unha superioridade sobre o adversario, aínda que nunca se chegue a un enfrontamento directo. Creándolles problemas de todo tipo a aqueles que non acepten as condición impostas polo imperialismo liderado polos EEUU e se considera milita no campo contrario

No eido económico, China ademais de se-lo pais que posúe a maior parte da débeda estadounidense, o que converte á primeira potencia no seu debedor, por mor da chamada globalización, converteuse no “obradoiro do mundo” e lugar de asentamento de numerosas empresas do centro capitalista, dende hai uns anos iniciou un proceso de penetración político-económico en áreas do planeta de exclusiva presencia dos EEUU e da UE, como América Latina ou África, onde o rexeite das políticas imperialistas dos USA, foi substituída pola importante colaboración deste “imperialismo de baixa intensidade”, que propicia investimentos máis útiles e vantaxosos xunto cos seus aliados, aínda moi febles, os chamados BRICS, Brasil, Rusia, India e Suráfrica.  Esta competencia leva a una agresiva actividade dos EEUU, acompañada como sempre, dunha presencia maior dos seus exércitos en todas as zonas “quentes” do mundo como pode se-lo Mar de China, América Latina, Europa do leste e África.
Segundo estudaba Michael Klare nun interesante artigo hai uns anos, é a partires de 2010 cando os EEUU redeseñan a súa política militar. En xaneiro de 2012 o presidente Obama establecía a nova estratexia de defensa: reduci-lo tamaño do exército, darlle maior pulo á “ciberguerra” e as “operacións de élite”, poñer fin a algunhas misións de combate, Iraq, Afganistán e centra-la atención do país no Océano Pacífico preferentemente, pero sen esquece-lo resto dos mares. Nesa nova estratexia, en Europa se reducirían os exércitos en presencia.
E para ese fin acordan establecer una zona na periferia marítima de Asia, que abrangue un espazo que vai dende o Golfo Pérsico, Océano Indico, Mar de China e noroeste do Pacífico, onde van a actuar prioritariamente ca presencia cada vez maior da flota norteamericana e toda una serie de pactos con países da zona, Indonesia, Filipinas e Vietnam e o inicio de relacións diplomáticas con Birmania ata ese momento campo exclusivo de penetración china, que tentan illar ó coloso asiático; moi preocupante neste crecemento da tensión nesta área, é o acordo do Parlamento de Xapón aprobando que o seu exército poda levar a cabo misións fora do seu territorio  que foi rexeitado inmediatamente polo goberno de Corea do Sur, un dos aliados máis firmes dos EEUU pero que non esquecen o que significou o imperialismo xaponés e temen una reactivación militar do mesmo. Como pode influír esta decisión sobre as relacións China-Xapón, que parecía que amosaran certo desxeo despois da xuntanza da APEC do mes de novembro en Pekín?. O tempo o dirá, pero de seguro non vai axuda-la distensión na zona. A loita por illar ó adversario é moi importante como amosa toda a serie de conversacións que se deron no marco desta xuntanza da APEC na que participan 21 países que representan o 56% do PIB mundial, cos intentos dos EEUU de chegar a acordos excluíndo a China e a esta, tamén tentándono, pero excluíndo á primeira.
Outro aspecto importante son as conversas para establecer un acordo multilateral de libre comercio, o “Acordo Estratéxico Trans-Pacífico de Asociación Económica” que tenta abrir espazos para os produtos norteamericanos. O acordo P-4, de libre comercio multilateral asinado orixinalmente por Brunei, Chile, Nova Zelandia e Singapur, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2006, e que o presidente Bush tivo interese en ampliar e que con ese obxectivo negocian en completo segredo, Australia, Canadá, EEUU, Xapón, Malasia, México, Perú e Vietnam. Tamén amosaron interese por unirse ó mesmo, Taiwan, Filipinas, Laos, Colombia, Costa Rica e Indonesia.
China non permanece parada diante de todas estas tramas económicas; en 1996 crea xunto con Rusia, Kazaxistán, Kirguizistán, Taxikistán e Uzbekistán a Organización de Cooperación de Sanghai, (OCS) a cuxa xuntanza última, do mes de xullo, na cidade de Ufá, asistiron como observadores Afganistán, Irán, Mongolia, India e Paquisán.
Por outra banda na xuntanza dos BRICS do mesmo mes e na mesma cidade e como consecuencia da utilización no seu beneficio do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional polos EEUU e a UE, crearon o Novo Banco de Desenvolvemento, cun capital inicial de 50.000 millóns de dólares ampliables, e o Fondo de Reserva cuxo capital inicial é de 100.000 millóns de dólares e que ten como obxectivo axudar ós membros do grupo no caso de turbulencias financeiras que lles afecten.
Por último salientar dous documentos, o primeiro do Pentágono de 5 de xaneiro de 2012 que tenta quebranta-la política de defensa china de facer todo o posible, a nivel diplomático, de non permitir a entrada das forzas dos EEUU nas dúas liñas consideradas como estratéxicas, a “verde”, formada pola primeira cadea de illas do Mar de China e a “branca”, que se estende máis aló das Filipinas.
O segundo documento é, “Estratexia militar nacional de EEUU 2015” de recente difusión e enfocado a como conter a China e Rusia.
Para comprender en profundidade estes enfrontamentos, non debemos partir do esquema establecido para a chamada “guerra fría”, a dinámica que enfrontaba a dous bloques con diferente sistemas económicos, e con elo non estou a dicir capitalismo fronte ó socialismo que nunca existiu; hoxe o enfrontamento se da entre bloques económicos capitalistas, e a experiencia destes enfrontamentos son dúas guerras mundiais no século XX. Pero tamén hai que recoñecer que para o imperialismo dos EEUU e a UE, o antigo pasado revolucionario de China e Rusia, e a pesares da súa integración dentro do campo do capitalismo, lles permite establecer un certo xogo de bloques tentando que se esqueza o carácter capitalista do enfrontamento.
A remodelación dunha grande área de importante valor estratéxico.
Oriente Próximo, Medio e norte de África con toda unha serie de conflitos en Afganistán, Iraq, Libano, Palestina, Siria, Libia e Iemen, atópase inmerso nun proceso de reestruturación do que nos EEUU se coñece como o nacemento do “novo oriente próximo”, proxecto do “falcón” Bush que continúa a “pomba” Obama, premio Nóbel da paz, nunha clara demostración de que os intereses da oligarquía norteamericana son defendidos por ámbolos dous partidos. A expresión foi presentada ó mundo en Tel Aviv pola señora Condoleza Rice, secretaria de estado norteamericana en xuño de 2006; e volveu a aparecer cando Israel destruíu unha parte do Líbano, tamén en boca da mesma señora: “O que vemos aquí é, nun senso, o nacemento, os dores do parto, dun Novo Oriente Próximo e todo o que nós facemos e asegurarnos de empurrar para non volve-lo anterior”.
Hoxe é unha “folla de ruta militar”anglo-israelo-estadounidense, un proxecto cuxa creación debe ser resultado do “caos construtivo” en toda a rexión e que servirá para a creación dun novo mapa, que pasaba nun primeiro momento, pola destrución de aqueles países que sobrevivían ó marxe dos ditados dos que marcan a “folla de ruta”, sen importarlles que o “caos construtivo” teña xerado toda unha serie de tensións na zona e axudado á aparición de determinadas forzas, como o Estado Islámico ou os Talibáns, que lle garanten ó imperialismo liderado polos USA, continuar a súa intervención directa, baixo a tapadeira da “loita contra o terrorismo” e continuar así a carreira armamentista e o reforzamento de Israel como xendarme da zona. Pero en Iraq aprenderon que ó marxe do custo da súa aventura, máis de tres billóns de euros, tamén que non son capaces de manterse militarmente nun conflito de longa duración, polo que a súa nova estratexia será a utilización de tropas de élite equipadas con “drons” de combate e material militar de última xeración. O obxectivo a creación de pequenos espazos con categorías de estados, homoxéneos a nivel étnico, pero febles a nivel económico e ante o poderío israelita, o que se coñece como o “mapa do xeral Peters”, que necesitarían a protección dos EEUU para a súa subsistencia.
Este Novo Oriente Próximo tamén sería a panca de control do que os estrategos rusos consideran o “ventre brando” da Federación Rusa, o que Brzezinski chama no seu célebre libro “ O taboleiro Mundial” os Balcáns Euroasiáticos, cuxos compoñentes son o Cáucaso, é dicir Azerbaixan, Xeorxia e Armenia e Asia Central, Kazastán,Uzbekistán, Kirguizistán, Taxikistán, Turkmenistán, Afganistán e Paquistán.
O continente africano e as perspectivas de intervención imperialista.
Nesta perspectiva por parte dos EEUU, de recuperar zonas de influenza, atópase o traslado do AFRICOM, o centro de mando e control das operacións militares en África á base de Morón, desde Alemaña e o establecemento no territorio español dun continxente de marines, dise que 3000, e máis de corenta avións de combate; pero como no caso das armas nucleares nas bases de utilización norteamericana, os gobernos do estado español non teñen control algún; algúns analistas consideran que esta medida pode ter moito que ver co apoio político norteamericano ó actual goberno no seu conflito con Cataluña; por outra banda continúa o asentamento nos últimos anos en territorio africano dunha enorme cantidade de bases con militares norteamericanos.
En xaneiro de 2013, o ABC diario nada sospeitoso se ser antiimperialista, informaba que en dous meses se iniciaría o adestramento por parte de tropas estadounidenses de exércitos locais en 35 países do continente; sería levado a cabo pola Segunda Brigada da Primeira División de Infantería, la coñecida como “Brigada Daga” destacada en Fort Riley, Kansas. No mesmo artigo afirmábase que dende o ano 2007 os EEUU construían unha ducia de bases aéreas nese continente para o establecemento de avións non tripulados.
Informacións posteriores en outros medios, indicaban o enfado dos estadounidenses e franceses que teñen bases en Djibuti, controlando o acceso ó canal de Suéz, no estreito de Bab el Mandeb, pola inmediata construción no país, cunha mellor situacións estratéxica, dunha base china cuxas empresas levan adiante numerosas obras de infraestruturas no país. Non hai que esquecer que a de Djibuti é a maior base norteamericana en África, a de Camp Lemonnier, onde tamén hai continxentes militares de Israel.
Ó amparo da loita contra a enfermidade do ébola, no 2014 os EEUU acadaron o permiso para establecer un posto de mando en Liberia, onde no menos de 3000 militares estarán presentes así como el establecemento dunha ponte aérea.
Si a todo o anterior engadímoslle que en máis dunha ducia de países hai presenza militar de Francia e tamén importante, española e que os chinos van a enviar un continxente de preto de 1000 a Sudán para defende-los seus intereses petrolíferos, afectados pola política estadounidense de agresión contra o goberno do país, o reforzamento da base de Morón e a súa utilización para agredir a pobos africanos, ou tomar partido en guerras civís, nos pode facer ser un branco para toda unha serie de grupos que practican a violencia indiscriminada contra a poboación civil.
O continente africano estase preparando para ser un campo abonado para toda unha serie de enfrontamentos armados que levarán máis destrución, miseria e fame a un continente onde só na chamada “guerra do Congo” morreron máis de cinco millóns de persoas, diante da indiferenza dos medios de comunicación da UE e do que se coñece como “occidente”. As súas multinacionais estaban moi implicadas e o seguen estando, no saqueo desta rexión.
O proceso de cambio e integración en América Latina, perde pulo.
Dende hai uns anos abriuse un proceso en América Latina, estimulante polo que representaba de enfrontamento co imperialismo norteamericano o que permitía a mellora das condicións de vida de amplas masas ata ese momento marxinadas, sectores indíxenas moi importantes en Bolivia e Ecuador, por exemplo, e fronte os organismos de drenaxe da riqueza que acostuman a impor os EEUU, os tratados multi ou bilaterais, xurdiu o ALBA, MERCOSUR e UNASUR con toda unha serie de proxectos de integración en infraestruturas e intercambio entre diferentes países, máis xusto. Dende o primeiro momento o imperialismo USA tentou poñer fin a este proceso no seu “patio traseiro”, apoiando diferentes golpes de estado en Venezuela, desprestixiando todo o o que se levaba a cabo, facendo crer que os novos réximes son antidémocráticos cando a realidade é que o dos EEUU non superaría a comparación con calquera dos novos establecidos en América Latina; e xa non digamos ós que eles protexen, Colombia e México, onde o asasinato de periodistas, sindicalistas e líderes sociais atópase á orde do día.

Pero hai que recoñecer que o acoso do imperialismo, que nunca hai que subestimar, e os erros propios, corrupción, falla de decisión política para someter ós sectores capitalistas nacionais, falla de liderado, etc ten producido en Venezuela e Brasil, os dous principais garantes do proceso e financiadores de importantes proxectos de integración, serias dificultades que poñen en cuestión a continuidade do mesmo. En Brasil os erros propios, que radicalizan a sectores da poboación en dificultades económicas e outros que pensaban unha resposta distinta por parte do partido no goberno, pero tamén o acoso dos grupos oligárquicos, está a crear unha situación moi difícil que pode chegar a unha revogación da propia presidenta ou un golpe de estado. En Venezuela a falla de produtos como consecuencia dunha política de desabastecemento dos sectores contrarios ó novo réxime, como aconteceu no Chile de Allende, as posicións golpistas da oposición apoiada polos EEUU e países da UE, entre eles España, sen fisuras entre PP e PSOE, a queda do prezo do petróleo, que algúns analistas pensan que é ficticia e unha medida contra o país e Rusia, os que se ven máis afectados, esta a crear unha situación que penso non se vai solucionar cas eleccións próximas, cuxos resultados, de perder a oposición golpista non van ser recoñecidos e serviran para propagar un maior descrédito do país a traveso dos medios ó servizo do capital e de gaña-la oposición, todos os avances sociais e de reparto mellor da riqueza producida, veríanse paralizados.
Neste contexto hai que analiza-lo establecemento de relacións diplomáticas Cuba-EEUU e a visita do papa a dous países importantes da “nova América Latina”, Bolivia e Ecuador. É sorprendente que os EEUU aceleren o inicio de relacións diplomáticas , despois de que hai dous anos Putin, afirmase nun medio de comunicación que se iniciaran as conversas co goberno cubano para restablece-la base rusa en Lurdes, en tempos base da URSS e por outra banda a visita do papa a dous países díscolos co imperialismo para falarlles de prudencia, mesura e toda outra serie de “virtudes” cristiás, esta na liña de evita-los enfrontamentos co poderoso do norte; debía ir a predicar estas “virtudes”, ós que gobernan, por exemplo, en Guatemala e Honduras onde os gobernos actúan ó servizo do capital máis espoliador e sanguinario, ou a México esa “democracia” mendaz que asasinou nos últimos dous anos a 45 periodistas e, baixo os titulares de crimes do narcotráfico, esconden os crimes de estado.
O retroceso en Europa das liberdades e dereitos.
Á preocupación lóxica porque a Unión Europea apoiase hai un tempo un golpe de estado contra o presidente constitucional de Ucraína, ca participación de sectores claramente de ideoloxía nazi, e a resposta contundente de Rusia facéndose co control de Crimea e o inicio da guerra civil que enfrontou ós golpistas ca poboación maioritaria rusa do leste do país, hai que engadir o avance da extrema dereita xenófoba e racista nos países nórdicos, o último episodio é o de Dinamarca, antano gobernados pola mal chamada socialdemocracia, cuxas políticas neoliberais dos últimos anos, tiveron como consecuencia a despolitización de amplas masas de traballadores e aplanou o camiño para a chegada ás institucións da extrema dereita. Significarán os seus gobernos un ataque sistemático contra o estado de benestar existente? Posiblemente nunha primeira etapa só se levarán a cabo recortes contra os que “non son do país”, xente chegadas de fora e os seus descendentes, pero a medio prazo de persisti-la crise sistémica, tod@s se van ver afectad@s. Estes dous acontecementos deixaban as claras as transformacións que se están a levar a cabo na UE que se confirman no “caso grego”, as negociacións sobre a crise do país e os xeitos de saír da mesma.
No caso de Grecia amosáronse dende o meu punto de vista dúas cuestións salientables. En primeiro lugar a Unión Europea amosou o seu carácter oligárquico e antidemocrático. Oligárquico porque todas as saídas que lle permitían a Grecia eran, non para solucionar os problemas sociais e económicos do pobo traballador grego, senón para salva-la oligarquía grega, pero sobre todo garantir salva-la oligarquía financeira alemá e francesa cuxos bancos están atrapados por unha política aventureira, que non valoraron ben os riscos en momentos de euforia e de expansión ficticia da economía, pois toda expansión da economía especulativa acaba sempre na explosión da burbulla que crea. E antidemocrática pois viuse dun xeito nidio que a democracia non rexe nesta UE, onde un organismo que ninguén creou, o chamado Eurogrupo, formado polos ministros de economía dos diferentes países, acorda decisións que van a afecta-los que, no caso de Grecia manifestaran mediante referendo a súa postura contraria as políticas de institucións non representativas e chega a impor a limitación da actividade lexislativa do propio país; un verdadeiro golpe de estado. E despois dese golpe de estado unha parte maioritaria de Syriza, traizoou o mandato popular e pregouse ó que estableceu a oligarquía.
Un segundo aspecto, ten que ver co carácter das forzas políticas “emerxentes” que se está a producir en algúns países da UE. Non nos enganemos, son forzas de carácter reformista que non van a ir máis aló do enfrontamentos verbal co sistema e propor algunhas reformas ca ilusión de que este funcione mellor, se produza unha distribución máis equitativa da riqueza producida polos asalariados, pero nada máis; e con eses vimbios pouco se pode conseguir contra os mecanismos institucionais postos en funcionamento pola oligarquía. Pero hai que recoñecer que “enganchan” a moita xente, ca súa perspectiva electoralista, de negociación ca oligarquía para que as cousas melloren e para elo propoñen cousas que o corpo electoral ve normal, mellora na sanidade, e todo tipo de servizos, expulsa-los corruptos, afasta-los partidos do réxime, a casta. Esíxenlle pouco á xente, só votarlles, pero xogan un papel moi importante, facer de tapón para ter entretida á sociedade, que pense que con esas propostas e votándolles, chega para que se produza o cambio, afogar outro tipo de saídas. A realidade é que a oligarquía non está, neste ciclo económico, disposta a ningunha renuncia; é máis, considera que pode infrinxir unha derrota importante @s traballador@s e modificar no seu favor as sociedades chamadas do “benestar” é dicir, privatizar todo tipo de servizos e recortar todo tipo de dereitos.
A Unión Europea é inmodificable, pensar que se pode conseguir unha “UE máis social”, slogan que escoitamos constantemente na nosa contorna, modificando a actual, é unha quimera, imposible. A edificación doutra Europa, ó servizo dos traballadores, só se levantará sobre os escombros da actual. Que se ten convertido nunha cárcere para os pobos.
Pero unha pregunta debe xurdir inmediatamente da constatación anterior, por que as forzas revolucionarias neste período de crise, non foron capaces de presentar unha alternativa que aglutinase a todos cantos foron afectados pola mesma?. A resposta non pode ser que as forzas dos reformistas é moi grande, que os medios de comunicación ...creo que é necesaria unha reflexión a fondo sobre o que acontece e as limitacións que existen para a construción, orgánica e programática desa necesaria alternativa.
No estado español, non por moito repetir unha mentira se vai converter nunha verdade.
Unha grande mentira recorre os territorios do estado español neste período preelectoral: que a crise esta superada, que entramos nun novo ciclo económico de estabilidade e crecemento sostible o que producirá emprego de calidade, indefinido, étc, étc, étc. O discurso do que é adicto o Partido Popular. Todos os partidos e organizacións políticas, os do arco parlamentar e os “emerxentes” prepáranse para o veredicto que van se-las eleccións ás Cortes do mes de novembro, despois de pasa-la revalida das autonómicas e municipais do mes de maio e o exame das catalás de setembro, envoltas no falso debate de se son plebiscitarias a favor da independencia, ou non. Todas o son, dígase explicitamente ou non, sempre teñen ese carácter, sobre todo para quen controla as principais institucións, Cortes e Goberno.
Tamén debe estar claro que votar como se fixo todo este tempo, ou a favor do PSOE ou do PP, era tamén un plebiscito a favor da monarquía, dunha falsa “unidade de España”, das políticas neoliberais, do goberno da oligarquía na sombra, da corrupción, e toda outra serie de aspectos. En novembro vai haber un plebiscito sobre a política do PP, sobre os recortes de liberdades, sobre, aínda que Rajoy non teña coñecemento de que o somos, son as súas verbas referíndose a Grecia, “un país inviable pois o é o que ten unha débeda do 100% do PIB”. Trabucouse, o país heleno ten o 180 % do PIB pero o estado español, grazas as políticas oligárquicas do PP, de aceptar débedas privadas, supera por pouco o 100% do PIB de débeda pública, a todas luces impagable. Tamén van ser un plebiscito sobre a corrupción estrutural no seu partido e nunha parte importante das institucións que o bipartito domina; dende o cobro en “negro” de moitos dirixentes ás numerosas tramas, Gurtel, ERES, Púnicas, cursos de formación, Pokemon, Campeón, Brugal, tarxetas de Bankia, o saqueo das Caixas, etc e tantas outras, menos importantes pero todas elas ó final financiadas con cartos públicos. Plebiscito tamén sobre a reforma laboral e as consecuencias da mesma para a maioría dos traballadores asalariados, recortes sociolaborais, baixada de salarios, precarización do emprego, ataque contra a negociación colectiva, en resumo máis poder para os empresarios deixando ós explotados en maior desamparo para vende-la súa forza de traballo. Podería continuar pero deixo só esas pinceladas que me parecen suficientes.
Pero tamén plebiscito para a oposición, polo que unha parte da mesma, tenta supera-la súa actuación destes anos de lexislatura do PP, contratando grupos de expertos que van redactar programas que solucionen os problemas que padece a sociedade española, propoñendo reformas constitucionais, en resumo dicindo que vai facer agora todo o que non fixo, ou o contrario do que fixo, cando estivo no goberno, que foron moitos anos dende que desapareceu a ditadura. En novembro, cos votos, hai que dicirlle con claridade a “esta oposición”, que eles son parte do problema e non a solución.
Hai outra oposición que consciente de non haber cumprido co papel que podía xogar neste período de crise, tendo unha postura máis comprometida ca loita nas rúas, explicando as raíces da crise, organizando á xente para a loita, denunciado con maior forza que se cargue a crise sobre as costas da maioría da sociedade, e preferentemente sobre as d@s asalariad@s de onde obteñen a maioría dos seus votos, pensando que os resultados de novembro poden ser malos, tente operacións de camuflaxe como a creación de candidaturas de Unidade Popular, sen facer unha reflexión fonda sobre o acontecido e o que teñen que modificar. De concretarse esta alternativa, vai significa-la desaparición de IU, que non tería maior importancia se con elo non se soterrase a perspectiva da loita de clases na política española, substituída polo “cidadanismo”. Unha ideoloxía moi afín á burguesía que establece que unha cidadanía mobilizada pode acadar sen grande costo social e sen violencia, dos que hexemonizan o poder, maiores espazos de participación e liberdade. As clases sociais non existen, a clase obreira se foi diluíndo, os partidos tampouco teñen razón de ser dado que todos os proxectos históricos de emancipación fracasaron, a revolución non é posible; a xente debe organizarse nos barrios, ONG’s, centros sociais...Eses son os alicerces do “cidadanismo”.
Se candidaturas deste tipo son vistas por unha grande parte de sectores sociais como unha necesidade, entendo que dun xeito equivocado, hai que dar a batalla para que a súa formación e presentación se produza nunha batalla ideolóxica arredor da configuración dun programa que propoña solucións para os graves problemas que sofre a maioría do país, onde non poden estar ausentes puntos como a saída do euro, que é unha soga no pescozo dos febles que permite extraer ós elos máis fortes da cadea imperialista as maiores rendibilidades, a reestruturación da débeda, a saída da OTAN e de todo o armazón militar que nos obriga a gastos enormes en armamento e presencia en numerosos países, que se camuflan un ano tras outro con habilidade polo goberno da quenda; a socialización da banca e das empresas estratéxicas que non compren co seu labor social e mediante as que a oligarquía faise ca riqueza do país; defensa e mellora dos servizos públicos fundamentais como sanidade, educación e transportes, poñendo fin ás numerosa obras faraónicas emprendidas, como o AVE, que non articula o territorio e menos co mesmo carácter radial co que se construíu o tren no século XIX, comprensible naquel momento en que o estado español era unitario pero non na actualidade no que se produciu un proceso descentralizador; compromiso de loita contra a aprobación do Tratado de Libre Comercio que negocian en segredo a UE e os EEUU; a apertura dun proceso constituínte que devolva ó pobo a soberanía, confiscada na Constitución do ano 1978.
Todo o anterior indícanos que vivimos un proceso de reestruturación no que é necesario intervir para sentar os alicerces de novas organizacións, novos proxectos e novos programas.
Hai que recoñecer que a campaña comezou do peor xeito posible por parte do PP; do xeito máis corrupto e caciquil; tentando merca-lo voto d@s eletor@s, dándolles cartos por medio dunha suba de miseria ós xubilados e funcionarios e como a economía “vai moi ben”, rebaixando o IRPF, unha baixa que beneficia sobre todo ós máis poderosos economicamente e que non vai solucionarlle problema algún ó resto que se vexa beneficiado.
O PP antes de tomar estas medidas debía explicar ben como nun país que non cumpre cos niveis de déficit orzamentario establecidos pola UE e que é “inviable” segundo Rajoy, debido a súa enorme débeda pública pode facer fronte o pago da mesma e si é certo que a partires do 1 de xaneiro do ano que ven, somos avalistas das débedas de bancos, caixas e empresas por un monto de 1 billón 600 mil euros e que en caso de non pagar, como Grecia, temos que responder co patrimonio “nacional”, o de todos os habitantes do estado. Debía explicar Rajoy, xa que ten moitas ganas de falar nesta precampaña, se a loita contra a corrupción vai consistir en que os presuntos corruptos do PP se xunten con ministros para explicarlle a súa situación.
O PP nas eleccións de novembro, aínda que non haxa alternativas fiables debe ser co PSOE os grandes derrotados nos próximos eventos electorais.
En Galicia, en ausencia doutra perspectiva, é necesaria unha confluencia reformista para facer fronte ó bipartidismo.
Todos os datos actuais, tanto micro como macroeconómicos desmenten ó presidente Núñez Feijoo e o seu goberno. Non estabamos mellor preparados para enfronta-la crise que no resto das Comunidades Autónomas, e o seu goberno leva paralizado, incapaz de tomar medidas durante varios anos. A explicación é clara, acepta o que se fai en Madrid aínda que polas nosas característica, fagan, a unha parte da poboación galega, sufrir máis que á do resto do estado agás Andalucía e Extremadura.
Esta situación de parálise institucional e política non só afecta ó PP senón que tamén ós partidos e organizacións da oposición o que permitiu que nas pasadas eleccións municipais apareceran diversos movementos que entroncan co Nunca Máis, o NON Á GUERRA e o 15-M, de repulsa da situación socio-económica, política, do propio réxime, que se concretaron nas diferentes candidaturas, con compoñentes moi diversos, que tiveron un éxito salientable acadando as alcaldías de Compostela, A Coruña e Ferrol entre as grandes cidades e algúns outros alcaldes e concellais en municipios de toda a xeografía galega. Coñécense a estas candidaturas co nome xenérico de “mareas” que se atopan fronte u reto histórico a nivel de participación electoral, outra cosa son os retos que teñen que solucionar a nivel municipal @s elixid@s nestas listas, que facer? de cara as eleccións xerais do novembro próximo e as Autonómicas en Galicia do ano que ven.
En primeiro lugar teremos que preguntarnos se “as mareas” son algo máis que os membros electos o día 24 de maio, se detrás destes hai unhas organizacións estables capaces de dar respostas e representar hoxe, os devezos dun electorado que apostou, nunha parte importante tamén, por un cambio non só municipal, senón de réxime, por un xeito distinto de entende-la acción política, por poñe-la economía ó servizo da maioría, por protexer ós asalariados, á clase obreira, os únicos que crean a riqueza e atraelos cara a ese proxecto, que o consideren como propio, por conseguir que a democracia sexa plena, buscando o xeito de que os representantes elixidos podan ser controlados e revocados no caso de non cumprir co prometido, por rachar ca democracia liberal, que só se atopa interesada en poñer atrancos ó exercicio da soberanía popular.
E chegados este punto é necesario facer unha reflexión sobre a Alternativa Galega de esquerdas(AGE), cuxo nacemento e resultado electoral nas anteriores Eleccións galegas, despertaron enormes expectativas non só en Galicia senón a nivel de estado; como aglutinadora de todo un sentimento de rexeite , de cabreo de moit@s elector@s contra o xeito de facer política e o propio réxime; pero pronto aquel sentimento de euforia foi minguando ó non dar AGE un paso máis e supera-la alianza parlamentar.
Pero de todos os xeitos, a súa existencia, permitiulle capitalizar unha parte dos movementos antisistema e que Podemos non acadara a forza que ten noutras comunidades autónomas. A aparición das “mareas” nas pasadas eleccións municipais representan o seu fracaso e o seu corto percorrido.
Con todos os datos que temos sobre o taboleiro político galego, é posible darlle un golpe ó bipartidismo e ás políticas neoliberais que leva adiante, e aínda que a algúns non nos guste, hai que recoñecer, que hoxe só o reformismo é capaz de facelo.
Pero os que temos outro pensamento e unha estratexia diferente, a medio e longo prazo, non debemos fica-lo marxe do proceso que se está a producir. Debemos participar e dentro do posible, orienta-lo proceso nas seguintes cuestións; en primeiro lugar na elaboración do programa; en segundo lugar en acada-la máxima unidade entre as forzas que loitan contra o bipartidismo e o neoliberalismo e en terceiro lugar a firmeza contra o bipartidismo como fundamental alicerce do réxime.
En Galicia no mes de agosto de 2015




No hay comentarios:

Publicar un comentario