A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 29 de agosto de 2015

O "POLITICAMENTE CORRECTO", O LADO ESCURO DO ESTADO DE BENESTAR.




 Roberto Laxe

Porqué considéranse provocadoras as declaracións dun machista e racista redomado como D Trump, cando todos e todas sabemos que a sociedade é machista e racista? Non será que o Estado do Benestar ten o seu lado escuro?
O Estado do Benestar é froito das grandes conquistas sociais da posguerra, cando o mundo queda, por dicilo dalgunha maneira, nun empate entre a expropiación da burguesía e o dominio do imperialismo ianqui. Este, a través do Plan Marshall, reconstrúe unha Europa (e non só Europa, grandes zonas de Asia e o norte de Africa están destruídas) devastada pola guerra, e grazas ao reseteo do sistema froito desa devastación, da caída escandalosa do nivel de vida da clase obreira, reducida á miseria máis absoluta, prodúcese unha nova acumulación primitiva de capital que xera unha sobreacumulación de capital.

Dacabalo desta acumulación, e como un intento de frear os avances da expropiación da burguesía (á URSS súmanse China, o leste europeo, Corea, Cuba...), as burguesías imperialistas europeas chegan a un pacto social coa clase obreira a través das súas organizacións maioritarias, os PS’s e especialmente polo seu papel na loita contra o nazismo, os PC’s, liberados estes da presión da III Internacional, disolta en plena Guerra como xesto de boa vontade da burocracia soviética cara ós EE UU e a Gran Bretaña.
Este pacto social permitiu que as migallas dos superbeneficios xerados pola explotación dos traballadores / as e o saqueo das colonias caian en forma de Estado do Benestar, que benefician a sectores amplos da clase obreira europea e norteamericana.
Este estado supón a integración nel de moitos elementos que nos anos da pre guerra estaban en mans das organizacións obreiras, dos seus partidos e sindicatos. As cooperativas de consumo, o apoio aos desempregados e xubilados, as mutuas obreiras e mesmo, as redes de apoio á mocidade e estudo da súa sexualidade (Wilhem Reich e o PC alemán). Posteriormente, no sesenta intégranse as loitas das mulleres, as loitas polos dereitos civís dos negros norteamericanos, etc.
Todo isto é integrado no Estado, nas súas institucións, ... de tal maneira que este perde a súa cara de "grupo de homes armados para a defensa dos poderosos", para se converter nun conxunto de institucións benefactoras, que traballan para "o ben da sociedade", aínda que existan "ovellas negras" provocadoras como o mencionado D Trump.
As fronteiras que definían ao estado como un conxunto de institucións ao servizo do capital, difuminan-se. Mais, ao non avanzar no camiño revolucionario, esta disolución das fronteiras de clase do estado xera unha ideoloxía moi particular, o que se deu en chamar o "politicamente correcto", que desactiva o carácter combativo e reivindicativo desas loitas integrándoas no sistema. Unha ideoloxía por encima das clases sociais, que, por exemplo, une aos republicanos asustados polas “boutades” de Donald Trump cos demócratas e os sectores máis oprimidos da sociedade.
Unha ideoloxía ben utilizada polos medios para conseguir que esa política de disolución das fronteiras de clase trasládese ao conxunto da sociedade, de tal maneira que esta confíe nas institucións do estado para a defensa dos seus intereses. Desta maneira sutil, o capital e os seus ideólogos conseguiron que a clase obreira e os oprimidos confíen en deixa-lo “galiñeiro en mans da raposa”.
E así sucede, mesmo agora que a crise está a destapar a realidade de que o que Donald Trump di non é máis que o que moitos pensan, pero non se atreven a manifestar publicamente. Os Trump do mundo sérvelles para lavarlles a cara ante a sociedade, seguir mantendo esa ficción do "politicamente correcto", e unir tras esa consigna a todos os sectores sociais, para manter a orde social.
Este é o lado escuro do Estado do Benestar, construído como muro para frear a revolución social, e agora que as súas conquistas concretas (nacionalización da sanidade, ensino, servizos sociais, pensións e desemprego) están a ser desmanteladas polo capital, este segue utilizando a ideoloxía do "politicamente correcto" para evitar que a poboación traballadora rompa con eles, recupere o aceno de identidade do movemento obreiro e popular, a súa independencia política e organizativa das institucións do estado burgués. Porque un estado que é desposuído do seu carácter de "institución benéfica" e do "politicamente correcto", queda como o que é: "un grupo de homes armados ao servizo dos poderosos", unha ditadura de clase con formas máis ou menos democráticas. E senón, vexamos a Lei Mordaza


En Galiza no mes de agosto de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario