A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 10 de agosto de 2015

A POLÍTICA NO POSTO DE MANDO!



Roberto Laxe
Unha vez pasado o verán, no estado español asistiremos a dous plebiscitos, un así declarado abertamente polos seus convocantes, que son as eleccións catalás de setembro.
Dous meses despois asistiremos a un novo plebiscito, agora a nivel estatal, e cos resultados catalanes sobre a mesa. Un plebiscito entre o "bunker" do PP/Ciudadanos, que defenden a Constitución contra vento e marea (non vai con segundas, ou si?); os "reformistas" do réxime, que queren mudar sen tocar a esencia da constitución, e os que falan, xa dun xeito claro ou ambiguo, da necesidade da romper con ela.

Este é o cadro das discusións entre "agora en común", Mareas, Podemos, etc. etc.; mas sen pór no centro do debate en cal do segundo ou o terceiro bando ubícase cada un. Do primeiro, dou por suposto que ningún esta nel.
Sen avanzar nesta definición é absolutamente imposible pórse de acordo no seguinte, nos códigos éticos ou as formas de organización, pois é a función a que fai o órgano, non o invés.
É posible facer unha outra política no cadro do réxime do 78, ou dito doutra maneira?, que se entende por romper coa Constitución do 78?. Porque esta e a "nai" de todas as discusións, cuxa resolución facilitaría todas as demais.
O réxime do 78 basease en tres pactos fundamentais na Transición, un, os Pactos económicos da Moncloa, o primeiro gran pacto social entre unha clase obreira en ascenso, con grandes loitas e conquistas, e a burguesía, daquela aínda franquista, dous, os pactos autonómicos, onde baixo o lema "café para todos", disólvense as reinvindicacións nacionais de Catalunya, Euskadi e Galiza, chegando ao absurdo de construír unha autonomía en Madrid; terceiro, os pactos constitucionais, que na Constitución do 78 sancionan e "avalan" diante da poboación o continuísmo do franquismo á democracia, nas súas institucións fundamentais, a xefatura do estado e o exercito, garantes da unidade da patria.
Todo isto cunha lei de Punto Final vixente, a Lei Amnistía. Semella que a burguesía "concedera" as liberdades democráticas, a cambio da garantía de que non se investigarán os crimes da ditadura.
Todo isto, nun cadro de revolución en Portugal, Grecia, Vietnam, ... e baixo o influxo da onda do maio do 68. A burguesía española "mudaba todo para non mudar nada" e cumprir o seu soño "europeo", nos 80 entrabamos na CEE (actual UE) e na OTAN, despois do famoso "OTAN de entrada, non". 40 anos despois vemos os resultados deses pactos.
Pois ben,... Se é certo que estas son as catro patas do Réxime do 78, é de lóxica que calquera cambio que se queira facer, se non queremos facer as cousas a medias como aconteceu no 78, ten que toca-las. Do 78 o que temos que resgatar son as liberdades democráticas, ameazadas, e de que maneira, pola Lei de Partidos e a Lei Mordaza. Nada máis!
Alguén concibe que é posible rexeitar as políticas austericidas e de recortes da UE e dos gobernos, sen romper con eles? Alguén cre que é posible o dereito a decidir das nacións baixo unha constitución que o rexeita explicitamente? Alguén cre que é posible unha mellora das condicións de traballo baixo a lóxica infame do pacto social sistemático, inaugurado polos Pactos da Moncloa?.
Sei que son, en moitos aspectos, preguntas "retóricas", mas é preciso facelas en alto para saber do que discutimos, (xa está ben ese mantra, de que "todos sabemos contra o que estamos", por non é certo, cando profundamos resulta que as diferenzas son cualitativas), e ate onde quere chegar cada un.
É unha cuestión de lóxica formal, o primeiro que temos que facer é pormos de acordo no que queremos cambiar, se o goberno do PP por un progresista, dentro do marco da UE e o réxime, "radicalizando a democracia"; se o que queremos é so un grupo parlamentario galego, que só cuestione o réxime nos dias de festa ou na propaganda; ou, se o que queremos é avanzar na ruptura co réxime e na transformación social.
Para a primeira viaxe, chega cun acordo electoral onde se garanta unha maioría social que de o goberno ás forzas que o defendan, e desde aí tomar algunhas medidas progresista (mesmo cunha reforma da constitución, como a derrogación do artigo 135 da Constitución) que "melloren" as condicións de vida do pobo.
Non son precisos grandes acordos políticos, só uns mínimos de "transparencia", "participación" cidadá e "austeridade" na xestión publica. Os grandes temas sociais e políticos que afectan á poboación traballadora, como a Reforma Laboral, o dereito a decidir das nacións ou as privatizacións masivas, ficarían nun "xa veremos", e o réxime ficaría, coa limpeza necesaria, como está: sería a "radicalización da democracia".
A segunda viaxe semellaría mais radical, pois un grupo galego reafirmaría, nun principio, a conciencia nacional galega; nazón "escarallada" en definición dun vello galeguista e gran humanista como foi Isaac Díaz Pardo. "Nación escarallada" polo Estado Español, engadiría eu.
Se ese grupo parlamentario non quixera ficar como un grupo mais no parlamento español, tería que se formular como primeira tarefa traballar por abrir un proceso soberanista na Galiza, que levara inexorablemente á loita polo exercicio efectivo do dereito a decidir do pobo traballador galego que tipo de relación quere manter co resto dos pobos e o rexeitamento desde a raíz das políticas da UE e os gobernos.
Se non é este o obxectivo central dese grupo parlamentario galego, o acordo non sería mais que unha plataforma electoralista, dentro do cadro do Réxime e da UE.
Como a realidade é que a discusión de fondo é xusto a política fronte o réxime e a UE, veñen os problemas. O non haber claridade nas diferencias POLITICAS, todo deriva nun lío entre métodos, persoas e persoeiros, formas de facer "política", e demais.
Cales son as diferenzas políticas entre "agora en común", "podemos" e a "marea"; cal é a posición que cada un ten ante o réxime do 78, o dereito á autodeterminación e a derrogación de TODAS (ABSOLUTAMENTE TODAS) as medidas do PPSOE, co mesmo método que eles utilizaron para impoñelas: o decreto lei. Por moito que un investigue, non son claras; todo perdese nunha ovillo de “castas”, “ferramentas de cambio”, repúblicas federais sen recoñecer abertamente que unha federación só pódese construír a partir da soberanía das nacións que deciden federarse, “todos contra o PP”, e demais xeneralidades.
Hai que retomar o debate onde o deixamos o pasado ano, cando o proceso soberanista catalán estaba no seu punto álxido, cando as Mares de loita contra as privatizacións confluían na Marcha a Madrid o 22M, e cando, a raíz de todo isto, dimitía o vello rei. Como facemos para desenvolver a mobilización que permita abrir de novo as fiestras, que entre o ar novo da loita social e saír dos estreitos marcos da “pelexa” electoral, cinguida sempre as “cenáculos” dos partidos e as organizacións "vellas" e "novas". A clase traballadora fai a súa historia coa súa loita independente e autoorganizada. E isto é mais que retórica, como semella que é para moitos. Algúns propuxemos que o 25X se tivera reconvertido nunha grande asemblea popular, onde a xente da rúa falara; non os dirixentes, non os persoeiros da cultura, mas tamén a poboación traballadora. Tras non facelo, agora todos están a interpretar o que aconteceu o 25X, en vez de terlle dado a palabra directamente a xente. dos partidos e as organizacións.
A xente, a clase traballadora fai a súa historia coa súa loita independente e autoorganizada. E isto é mais que retórica, como semella que é para moitos. Algúns propuxemos que o 25X se tivera reconvertido nunha grande asemblea popular, onde a xente da rúa falara; non os dirixentes, non os persoeiros da cultura, mas tamén a poboación traballadora. Agora todos están a interpretar o que aconteceu o 25X, en vez de terlle dado a palabra directamente a xente.
A política implica xeitos de organizar. Unha política electoralista, da cor que sexa, implica o afastamento da poboación, á que simplemente se lle chama a votar, non a debater e a facer autoorganizadamente o que decida facer. Unha política non electoralista, transformadora, presupón a actividade da poboación traballadora, pois sen ela non é nada; e os obxectivos políticos determinan esta diferenza.
Por iso, para resolver os ovillos das confluencias, é preciso por “a política no posto de mando”, e a partir dos acordos políticos, tomar as decisións correspondentes sobre métodos de actuación e códigos éticos.
En Galiza no mes de agosto de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario