Roberto Laxe
A crise capitalista, que detonou no 2007,
comeza a ter umha deriva militarista moi perigosa para a humanidade. O
estancamento nos beneficios nas potencias imperialistas, e os primeiros
síntomas de crise e esgotamento nos “emerxentes”, con China á cabeza, demostra
a incapacidade do capitalismo para saír dos círculos pechados de crise,
recesión, empobrecemento social, numha espiral cara baixo, sen ter que recorrer
á cínica definición de Shumpeter da “destrución creativa”.
Limites
obxectivos á saída da crise
A restauración do capitalismo nos estados
obreiros nos 90 supuxo unha achega inxente de forza de traballo cualificada e
materias primas a baixo prezo que abriu un proceso de acumulación de capital
tremendo, do que se beneficiaron non só as burguesías imperialistas, senón as
burguesías nadas do paso da propiedade estatal a mans privadas: dos burócratas
que se converteron en capitalistas. Se esta restauración deuse noutro momento
histórico, coa vitoria de Hitler, ou tras a II Guerra mundial, estas burguesías
serían semicolonizadas, xa polo imperialismo alemán ou, como sucedeu, polo
ianqui, vencedor da II guerra, con Alemaña, Xapón, Francia e Italia destruídas
fisicamente e Gran Bretaña debéndolles até a camisa da raíña.
Con todo non foi así, a restauración foi só unha bomba de oxixeno a un capitalismo, o ianqui, decrépito... Oxixeno que lle permitiu durante uns anos (os 90, até o 2007) aparecer como a única potencia realmente existente. Pero o groso da economía ianqui baséase no que Marx definiu como Forzas destrutivas, aquela forma das forzas produtivas cuxo valor de uso non é aumentar a riqueza social, senón destruíla (o armamento, pero non só, tamén a ciencia e a tecnoloxía ao servizo da industria do armamento ou os mesmos avances na industria do petróleo, o “fracking”, que supoñen un freo obxectivo ao desenvolvemento de tecnoloxías ao servizo do ser humano). Isto convérteos nun estado usureiro de libro, e con Lenin respecto de Gran Bretaña e Francia tras a I Guerra, habería que dicirlles que non alardeen das súas vitorias, posto que a súa incalculable débeda ponos ao servizo dos seus acredores; que son os que lle financian. Son o verdadeiro buraco negro para a humanidade e o seu afundimento só pode traer o caos.
Nestas condicións, quen fai a verdadeira
acumulación de capital (non de diñeiro, non confundamos diñeiro con capital),
pois nin máis nin menos que os novos países, chamados "emerxentes",
con China á cabeza. Da mesma maneira que o imperialismo ianqui creceu grazas
aos investimentos británicos no século XIX, o imperialismo alemán grazas ao
capital francés, tamén o século XIX (Engels en “Sobre o Problema da Vivenda”),
China, co férreo control do PC, desenvolveuse co capital estranxeiro... Se isto
deuse noutro momento histórico, o seu semicolonización sería un feito, non só a
súa conversión nesa categoría das submetropoles: o mundo non está dividido en
países imperialistas, submetropoles e semicolonias, senón en países
imperialistas e colonias; "submetropole" é un concepto estático, un
concepto chicle, que só serve para explicar as inconsecuencias políticas da
reaccionaria lóxica do “inimigo do meu inimigo é o meu amigo”, pois introduce
un intermediario entre a potencia imperialista e a semicolonia; pero que en
realidade nunca xoga un papel independente, o que, ao final, convértelle nunha
verdadeira semicolonia.
Os EEUU foron "emerxentes" a finais
do XIX, xunto con Alemaña, que pasaron de ser semicolonias de Gran Bretaña e
Francia, a ser as grandes potencias imperialistas. Quen lles abriu as portas
foi a decadencia de Gran Bretaña e Francia. O fin da Historia é unha fantasía
de Fukuyama, para xustificar o século americano dos Bush; a realidade é que a
historia segue co seu movemento inevitable de "nacemento, crecemento,
hexemonía, decadencia e morte",... e hoxe os USA están na fase de
decadencia. Como dicía Gramsci, "cando o novo non se desenvolve e o vello
non acaba de morrer, neses claroscuros xorden os monstros". Os
"monstros" baixo o capitalismo son o fascismo (na súa versión árabe,
o wahabismo) e a guerra.
Neste sentido, tras a derriba do caza ruso por
Turquía nacen das entrañas da derrotada revolución siria os monstros (os
refuxiados están, como diría Lenin cando o exercito ruso desertaba en masa en
1917, "votando cos pés", é dicir, abandonando calquera perspectiva
dun triunfo revolucionario en Siria), e o principal non é nin o ISIS ou nin Al
Assad, senón a concentración de contradicións inter capitalistas na zona.
Se admitimos con Clausewitz que a guerra é a
política por outros medios, hai que ver que pintan en Siria os exércitos ou as
intervencións baixo falsa bandeira (como Arabia Saudita); nunha relación non
exhaustiva: rusos, franceses, chineses, iankis, sauditas, israelís, iraniano,
iraquis, turcos, australianos... E cada un cos seus propios intereses. Non
caiamos no xogo do espello do castro -chavismo, que ven a man de os USA en
todos os lados... Ao revés, a todos únelles a derrota da revolución siria e
árabe, pero cada un deles ten os seus propios intereses; defender ás súas
propias burguesías, os seus intereses nacionais, no marco de que o xendarme do
mundo até agora, os USA, non teñen nin un dólar para pagar unha guerra a gran escala;
e iso sábeno todos!
"todos
contra todos" e a saída militar á crise
Esta situación de "todos contra
todos" abre a porta a que cada un se tome a xustiza pola súa man; como a
derriba do avión ruso... que pon a saída da crise no terreo militar. Xa pasamos
a fase económica, de guerra contra a clase obreira mundial, quen desde o 2007
foi incapaz de resistir os embates do capital, viu como nos centros
imperialistas, Europa especialmente, retrocedeu (coidado, aínda poden
retroceder máis, e a iso están), agora entramos na fase política e militar: é
dicir, que fracción nacional da burguesía faise coa parte do león da
superexplotación da clase obreira. Dicía un economista brasileiro José Martins
en “Os Límites do Irracional” que "o capital é xeneticamente internacional,
mentres que a burguesía é xeneticamente nacional", posto que a acumulación
de capital séguese realizando baixo a protección dos estados e as súas forzas
armadas.
Esta contradición é a expresión dun conflito
de fondo, no que as forzas produtivas non están estancadas, senón que nestas
condicións de crises seguen desenvolvéndose baixo a súa expresión destrutiva,
que é o que hoxe determina as relacións sociais de produción capitalista. Estas
relacións sociais de produción maniféstanse nunhas formas xurídicas,
estatais e internacionais (a ONU, o FMI,... dominadas polo euro
norteamericanos) concretas froito de correlacións de forzas delimitadas ao
longo dos últimos anos: a crise do 2007 dalgunha maneira foi para o capitalismo
o que a caída do Muro de Berlín para os estados “socialistas”, a demostración
das súas limites e o seu fracaso para reproducir o sistema. Para reiniciar un
proceso de acumulación de capital básico para a reprodución do capitalismo,
estas formas xurídicas teñen que saltar polo aire, sendo substituídas por
outras que expresen dunha maneira máis precisa a actual correlación de forzas
inter imperialitas, e iso non significa outra cousa que a guerra. Ningunha
potencia abandona o seu papel na historia pacíficamente; hai que botalo.
Esta é a conclusión política: estamos ante a
deriva militar da crise, no camiño dunha reorganización das xerarquías dentro
das potencias imperialistas, que abra un novo proceso de acumulación sobre a
destrución de forzas produtivas (a cínica “destrución creativa” de Schumpeter).
Restaurando
o equilibrio entre as potencias
A restauración do capitalismo nos estados
obreiros non só abriu a reorganización política e sindical do movemento
obreiro, senón que puxo en evidencia as carencias dunhas estruturas de poder
burgués, imperialistas construídas nun período histórico concreto, e que
reflectían unha correlación de forzas concreta, a que salio da II guerra. Pero
ese mundo esta en desaparición.
A realidade hoxe, é que o mundo multipolar é
un feito, como o é, tamén, que a crise crónica do capitalismo desde os anos 70
segue sen resolverse; a solución neoliberal dos 80/90 exploto no 2007; e a
resolución das contradicións desta nova realidade, desta nova correlación de
forzas, só teñen unha vía, a loita encarnizada polo poder, a vía militar. O seu
alcance, se vai ser sobre “guerras de baixa intensidade”, “baixo bandeira
allea” ou unha guerra aberta, non a coñecemos; pero o que se podemos afirmar é
que a tendencia á guerra, á súa internacionalización, vai ser máis aguda, a medida
que os EEUU perdan o seu papel preeminente o mercado mundial: ningunha potencia
abandona o terreo de xogo sen resistencia!.
Enfrontar, desde o punto de vista da clase
obreira mundial, esta deriva militar -coa súa correlato interno de cernar as
liberdades democráticas e conquistas sociais- é o que ordena as loitas actuais,
que deben ter no seu frontispicio: NON ÁS GUERRAS IMPERIALISTAS!.
O programa da revolución socialista sitúanos,
de novo, ante o reto da mobilización da clase obreira e os pobos contra a
demencia do imperialismo, que coa súa decadencia ameaza con levar a humanidade
ao caos.
En pleno século XXI a palabra de orde de
PROLETARIOS DE TODOS OS PAISES, UNIDE-VOS, ten un obxectivo concreto; acabar
dunha vez por todas co perigo que para a humanidade supón a persistencia das
relacións sociais de produción capitalistas, na súa vertente máis decadente, o
imperialismo esta consigna converte en concreto, e absolutamente necesario, a
loita pola revolución socialista; pola TRANSFORMACIÓN SOCIALISTA DA SOCIEDADE.
As
forzas contrarrestantes: o aspecto subxectivo
A primeira vez que a humanidade, e a clase
obreira, enfrontouse a unha reorganización das xerarquías imperialistas foi
baixo as bombas da I Guerra Mundial, e fixérono coa inxenuidade dun movemento que,
como se di habitualmente, “non tocara poder”. A clase obreira, o marxismo, a
pesar de toda a forza que tiña a II Internacional, especialmente o SPD alemá,
non fixeran ningunha experiencia de poder obreiro.
A realidade actual é a inversa, a clase obreira,
durante 70 anos, mantivo estados sen relacións sociais capitalistas, os
chamados estados obreiros. Por causas internas xa analizadas por Trotski e o
trotskismo, eses estados ou ben dexeneraron en verdadeiras caricaturas
burocráticas, ou ben naceron directamente burocratizadas. O seu illamento e
sobre todo o freo da revolución nas potencias imperialistas, fixeron que esa
burocratización transformara-se en restauración do capitalismo.
Esta restauración permitiu descubrir que tras
os estados non capitalistas, chamados “do socialismo realmente existente”, non
existía socialismo, senón unhas ditaduras burocráticas que, aínda mantendo as
relacións de produción non capitalistas, divorciáronse delas, tanto no
económico, como o social e o político, de tal maneira que todas as súas
decisións, influídas pola conservación da orixe dos seus privilexios, a xestión
do estado obreiro, profundaban cada vez máis no abandono do carácter non
capitalista das relacións sociais de produción.
A burocracia atopábase no pico dunha
contradición, por unha banda os seus privilexios procedían do control cada vez
máis férreo do aparello do estado obreiro; por outro, a presión imperialista
para recuperar para o mercado mundial a forza de traballo que eses estados
furtaba, debilitábaa. A burocracia sabía que non podía estender a revolución,
porque iso segáballe a herba debaixo dos pés, pero non podía permitir que o
imperialismo gañase posicións, porque tamén perderían a súa posición que lles
daba privilexios.
A crise do 72/73 obrigou ao imperialismo, co
ianqui á cabeza, a pasar á ofensiva. A manifestación da caída da taxa de
ganancia que foi esa crise, púxolles ante a necesidade de facer
“luxemburguismo”, é dicir, unha das forzas contrarrestantes da caída da taxa de
ganancia, a ampliación do comercio mundial... a mercados non capitalistas, e
iso supuña, entre outras, acabar coa política de contención cara á URSS e os
estados obreiros. A ofensiva chamouse “guerra das galaxias”, un inxente gasto
militar que impuxo á URSS unha contrapartida financeira, arruinándoa e levándoa
á crise e a implosión.
A incapacidade da burocracia para enfrontar
dunha maneira revolucionaria esta ofensiva, fixo que se pasasen, con armas e
bagaxes, ao capitalismo. Até ese momento, o crecente conservadurismo da
burocracia leváralle a adoptar medidas que favorecían a restauración, pero
sempre conservaban os resortes do poder, posto que de quitalos suicidábase. A
ofensiva imperialista neoliberal dos 80 rebenta estes freos e controis, e a
incapacidade interna das burocracias para resolver as necesidades das masas,
levounas a levantamentos populares.
A burocracia actuaba como a aristocracia ao
final da súa existencia como clase, como sector social reaccionario calquera
medida a que adoptase transformábase no seu contrario e só beneficiaba ao seu
inimigo. A aristocracia ao unificar os estados absolutistas, creo o marco
xurídico para o desenvolvemento do mercado nacional e da burguesía. A
aristocracia mantiña o poder do estado, pero nas súas entrañas nacían as
relacións sociais capitalistas; ata que a burguesía non puido máis, e rebentou
como unha casca de noz as formas estatais feudais.
Nos Estados Obreiros sucedeu algo semellante.
A burocracia, como sector social reaccionario, non quería estender a
revolución, pero como sector dominante, necesitaba dos aparellos estatais
xurdidos da expropiación da burguesía. O carácter pequeno burgués da burocracia
manifestábase nesta contradición, non tiña un proxecto social propio, ou era
obreiro ou era burgués. A crise e a ofensiva imperialista decidíronos: serían
burgueses. Até ese momento, o aparello do estado obreiro servíralles, a partir
dese momento, deixa de servirlles.
É importante sinalar esta contradición, porque
a burocracia divídese, entre os máis ligados ao aparello burocrático e os que
toman a determinación de pasarse ao bando burgués con armas e bagaxes. Até este
momento a todos o marxismo xunto coas conquistas da expropiación da burguesía
(carácter colectivo e de clase desas conquistas), servíralles como “aval”
ideolóxico para o seu control estatal. Son os sectores ligados ao aparello do
estado en crise aberta, os que seguen defendendo ese “aval”, fronte a unhas
masas que se levantan contra as consecuencias desa crise mentres o outro sector
da burocracia apúntanse ao desmantelamento da propiedade estatal, para a súa
venda a mellor ofertante.
A derrota dos primeiros, o desmantelamento dos
estados burocratizados e a posterior restauración do capitalismo, que non foi
un proceso nin lineal nin mecánico, nin moito menos pacifico (custo centos de
miles de mortos, e a volta da guerra ao corazón de Europa, os Balcáns), fixo
que o aspecto confuso na conciencia da clase traballadora tivese un carácter
determinante, tiraron “o neno (o marxismo e a conciencia de clase que daba ter
estados “socialistas”) coa auga sucia (a burocracia stalinista en todas as súas
variantes, desde o maoísmo ata o castrismo)”.
Tan determinante foi esa confusión que chega
até hoxe. Dúas xeracións educadas no neoliberalismo imposto tras a restauración
teñen interiorizadas os peores aspectos teóricos e políticos para enfrontar a
crise, como di un escritor español, Isaac Rosa, a súa xeración (a educada nos
90/2000) enfronta a crise coas ferramentas teóricas equivocadas. E isto é
froito, ten a súa orixe, na confusión xerada polo “descubrimento” de que tras o
Muro de Berlín non había socialismo, senón réximes non capitalistas
profundamente dexenerados.
A experiencia teórica e política destes 20
anos poden se resumir en poucas palabras, desconfianza na loita de masas, tras
as derrotas dos anos 90, individualismo nas respostas e rexeitamento da
organización política, todo elo cociñado na disolución das fronteiras de clase
(“todos somos clase media”) e no que algúns chamamos “reacción democrática”; é
dicir, recoñecemento expreso de que a democracia capitalista non ten
alternativa, o que significa reconducir a resposta social aos marcos dos
réximes “realmente existentes”.
É o aspecto subxectivo, a conciencia que a
clase traballadora e os activistas teñen de si propios, o principal limite
obxectivo para conquistar umha saída realmente revolucionaria á crise
capitalista e a cínica “destrución creativa”.
Galiza, no mes de decembro de
2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario