A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 24 de diciembre de 2015

SAE "TOCADO" O BIPARTIDISMO DO 20 DE DECEMBRO?. E AS POLÍTICAS NEOLIBERAIS?.



Carlos Dafonte.

Deixamos atrás o 20 de decembro cos resultados electorais producidos e mentres en todos os medios de comunicación dedícanse ó mercadeo de sumar e restar escanos para a formación de posibles gobernos, nunha actividade enganosa que tenta influír na sociedade sobre como se debe formar, facéndolle crer que non ten importancia algunha nin o programa, nin a ideoloxía, nin a historia próxima, nin a clase ou fracción de clase que cada organización representa, o que creo prudente é establece-los alicerces dun posible goberno que non debe ser outra cousa que o programa que pode presentar á sociedade.
No exercicio espurio de sumar escanos, algunhas direccións de programa tanto de televisións privadas como públicas, chegaron a sumar o PSOE, Podemos, IU, PNV, Bildu, Esquerra Republicana, Democracia e Llibertat e Coalición Canaria, para a formación dunha maioría parlamentaria que denominaban de “esquerdas”, cando a realidade que interesa é outra, e nunha primeira aproximación, dende o punto de vista dos traballadores asalariados, que son a grande maioría da sociedade, deben analizar se o retroceso do bipartidismo e a aparición de novos partidos na escena política, vai significar tamén un retroceso das políticas que se coñecen co nome xenérico de neoliberais que son as que agreden ás maiorías sociais, pero sobre todo o fan a quen ten que vender a súa forza de traballo por un salario.

E hai que dicir que aínda que o bipartidismo retroceda, os partidos e organizacións que defenden ese tipo de políticas económico-sociais, cando se atopan controlando as institucións do estado, as levan adiante, e van ser moi maioritarias no próximo Congreso dos Deputados e contará ademais o PP, con maioría absoluta no Senado que lle permitirá bloquear calquera tipo de iniciativa. Con diferentes matices PP, PSOE, Ciudadanos, Democracia e Llibertat, a antiga Converxencia Democrática de Catalunya, PNV e ERC, ben desde as institucións da Administración Central ou dende diferentes Administracións Autonómicas e Locais, as defenderon e as levaron adiante en complicidade ca Unión Europea, centro de poder da oligarquía. Polo tanto falar de posibles pactos de siglas e cualificar o que pode encabeza-lo PSOE de “esquerdas”, é unha trampa máis para seguir a manter o bipartidismo e a moitos partidos sometidos e subsidiarios dos dous grandes.
Dende o meu punto de vista, outra pregunta importante a facerse é a de que co panorama político que saíu do proceso electoral, cales son os intereses da oligarquía española?. E creo que non é unha pregunta fora de lugar, tendo conta que a quenda de partidos que se produciu dende a desaparición da UCD do goberno, a alternancia entre PSOE e PP, tiveron como obxectivo fundamental servir a esta minoría que controla, sen presentarse ás eleccións directamente, a actividade política como medio para defende-los seus intereses económicos. Minoría moi poderosa economicamente que posúe a maioría dos medios de comunicación que crean opinión e que curiosamente, pensando na creba do bipartidismo, potenciaron ós substitutos do mesmo, Podemos e Ciudadanos.
Con anterioridade xogaron a baza de UPyD, o obxectivo era crear un partido bisagra que permitira a gobernabilidade sen contar cas burguesías das nacionalidades, en plena crise as contradicións interburguesas póñense de manifesto, e fracasado este intento, e fronte o desmoronamiento do proxecto de alternancia PP-PSOE, preferiron a creación controlada das dúas “forzas emerxentes”, cara a onde irían os votos que perderan as forzas do bipartidismo, a que se puidera marchar dun xeito descontrolado cara a outras opcións. Xunto ó anterior había ademais a necesidade de garantir que todo este proceso se producira nunha situación de “paz social”. É importante constatar que Podemos, a quen se considera da extrema esquerda, só mobilizou para que se vira a súa propia forza, para que a oligarquía os tivera en conta, pero non para facer avanzar e consolidar un proxecto de masas como eran, por exemplo, as “marchas pola dignidade”.
Só así podo entender a presencia constante de Podemos e Ciudadanos na longa precampaña electoral nos medios informativos da oligarquía, o que lles permitiu acceder a numerosos sectores sociais cun discurso ó principio moi radical, que foron modificando co paso do tempo e que nada ten que ver, no caso de Podemos, co que desenvolveron na campaña e na precampaña máis inmediata; e como estes mesmos medios, deseñaron a propia campaña “a catro”, para que os votos se trasvasaran entre estas forzas políticas controlando que non marcharan cara a outros proxectos.
Se a operación lles saíu ben tamén é resultado de que as forzas da esquerda, as que din querer cambios e transformacións sociais e económicas de carácter estruturais, non foron capaces nunha situación favorable como foi a crise e a agresión do PP e PSOE contra @s traballadores asalariados e contra a clase obreira, de dar unha alternativa de loita e de proxecto de liberación; unha corroída pola enfermidade do institucionalismo, os pactos constantes co PSOE na etapa da presidencia de Rodríguez, o pacto de goberno en Andalucía, o abandono da teoría revolucionaria, e a incapacidade para rachar cas políticas impostas polas burocracias sindicais, e outras polo sectarismo que as afastan das masas e as deixan incapaces de actuar sobre os cambios que o capitalismo vai introducindo nas sociedades.
Nesas circunstancias os intentos desesperados de IU-PCE de chegar a un pacto con Podemos, estaban destinados ó fracaso e ademais permitiron constatar a debilidade orgánica e política dunha forza que en tempos representou unha verdadeira alternativa programática e mobilizatoria ó bipartidismo imperante.
Pero non todo se atopa baixo control; a oligarquía controla despois das eleccións á grande maioría dos partidos a traveso dos cretos bancarios que reciben para os procesos electorais e dos medios de comunicación; si se portan ben se lles perdoan, senón hai que pagalos nos prazos establecidos; ós que a benefician cas súas decisións  saen nos medios, os que non o fan, non saen, inclusive se lles poden montar campaña que os desprestixien. Pero o caso de Podemos é un pouco especial; segundo din non piden cretos á banca o que lles permite un certo espazo de manobra e en segundo lugar, tampouco controla a todos os deputados que din ter acadado, polo menos en Galicia, Cataluña e a Comunidade de Valencia, polo que atópanse cunha certa debilidade para negociar ese enganoso “pacto de esquerdas”, que algúns medios tentan impor. A pesares de todo, Podemos está en condicións, se quere, de ser unha forza dinamizadora. Pero para elo ten que recupera-la rúa e deixar de pensar que todo se consigue no marco institucional e pactando, máxime cando a outra parte do pacto son os sectores máis poderosos da sociedade que tentarán por todos os medios que o réxime non sexa modificado.
O panorama de despois das eleccións é moi complexo.
A situación política é complexa, reflicte á da propia sociedade que non cre que nos atopemos no camiño de saída da crise para a maioría; polo tanto hai enormes intereses en pular ese concepto da acción política como pacto, acordo, e o primeiro que debemos preguntarnos é para que política se debe levar adiante este pacto, para reforza-los servizos públicos?, para subi-lo salario mínimo e as pensións?, para que os ricos e as grandes empresas paguen os impostos que lles corresponde ou para evadir impostos grazas as SICAV e beneficiarse de  reducións, que non teñen as pequenas e medias, e si as grandes empresas?, para unha efectiva política de persegui-lo grande fraude fiscal?, para frea-as privatizacións das empresas públicas que producen beneficios?, para poñer fin a existencia do Senado e as Deputacións?, para modifica-la lei electoral?, para deixar sen efecto as modificacións aprobadas polo PP e PSOE no artigo 135 da Constitución?, para recoñecer a plurinacionalidade do estado español?, para abrir un debate sobre a nosa permanencia no euro e na UE que nos priva da soberanía e nos sitúa como un país de segunda fila?; e así poderíamos seguir...pero as políticas de pactos que promoven os medios é para impoñer un certo “sentido común” que non é outra cousa que o xeito de pensar dos máis poderosos. Polo tanto hai outro xeito de ver a acción política nas institucións, a defensa sen concesións do programa que os que votaron queren que se leve adiante. Para facer o que lles da a gana despois da eleccións, xa están os partidos burgueses.
Aínda que os que levan a cabo as políticas neoliberais teñen abafadora maioría nas Cortes, a creación de goberno non é tarefa fácil por entrar en xogo os personalismos e a cultura de partido, a non ser que a oligarquía, no caso de que non haxa acordos nun tempo prudencial, prema con todos os seus instrumentos, que son moitos, ós dous partidos maioritarios. Nesas circunstancias, ata a “grande coalición” tipo Alemaña, se pode dar.
A presión, e que a unha grande parte dos partidos non lles interesan unhas novas eleccións. Só ó PP e Podemos pódenlles interesar; o primeiro pola razón de que parte do seu electorado que marchou cara a Ciudadanos, regresaría dada a inestabilidade política que a súa marcha produciu e Podemos pois é consciente de que seguiría “mordendo” no electorado do PSOE, que acadou os peores resultados dos últimos trinta e oito anos estando nunha posición favorable, na oposición, pero sobre todo pensando no medio millón de votos de IU-Unidade Popular que non obtiveron representación e que podían marchar claramente cara a Podemos.

En Galicia prosigue o avance de forzas populares que debe culminar nas eleccións autonómicas.
Os resultados en Galicia son moi importantes para as candidaturas de En Mareas, seis deputad@s e dous senador@s so entraba nos cálculos d@s máis optimistas.
O camiño rozouno AGE, e a pesares dos seus erros e  vacilacións, en Galicia grazas a súa actitude de cara a estas pasadas eleccións, tamén con erros políticos importantes, ábrese unha perspectiva de derrota-lo bipartidismo; o PSOE nunhas eleccións que sempre lle foron favorables quedou relegado á terceira forza, e En Mareas nas cidades importantes de Galicia, Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Compostela, Ferrol, Vilagarcía, Betanzos, é a segunda forza e nalgúns casos disputándolle a maioría ó PP por curto número de votos, pero é a primeira forza en Vigo, Redondela, Cangas, O Grove, Narón, Cambre, Fene..
Outro elemento a ter en conta é a queda do BNG-Nós que non vai ter representación nas Cortes e que é desprazado á quinta posición superado por Ciudadanos. Ten que abrir unha fonda reflexión sobre as causas desta derrota, que dende o meu punto de vista ten bastante que ver co abandono da rúa, o centrarse preferentemente no problema nacional afastándoo do drama social que representa a crise e non ser capaces de comprender a necesidade que para moitos dos seus votantes era o tema da unidade.
Espero que para as eleccións autonómicas próximas sexa capaz, dende a súa singularidade, de sumarse á marea que vai tentar ter maioría en Galicia ó marxe do bipartidismo.

En Galicia no mes de decembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario