A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 4 de diciembre de 2015

DE NOVO O DEBATE SOBRE O "ESTANCAMENTO SECULAR" DA ECONOMÍA CAPITALISTA.



Carlos Dafonte

Aínda que Rajoy, o PP e algúns dos partidos do réxime, os que o manteñen en pe, falen con moita desenvoltura da recuperación da economía española e mundial, cecais para non cargar, de cara o día 20, ca responsabilidade do que están a sufrir a maioría dos traballadores do estado español, a burguesía mundial atópase moi preocupada pola situación económica e os perigos dunha nova recesión planetaria. E non atopan explicación da razón pola que non acontece que despois da dura recesión e das medidas tomadas non se produza un período de forte crecemento.  Habería que preguntarlles que foi dos acordos do G-20 ampliado celebrado en Washington en novembro de 2008, onde acordaron “reforma-lo capitalismo”, maior control dos mercados, esixirlles transparencia, mellorala rendición de contas do sistema, reforma-las institucións financeiras internacionais, entre toda outra serie de medidas e acordos aprobados naqueles momentos de medo.

Algúns sectores falan da “terceira onda” da crise, a primeira foi en EEUU, a segunda na UE e a eurozona que pouco faltou para tirala abaixo e a terceira, segundo o documento elaborado por Goldman Sachs e nun senso parecido se expresa o Deutsche Bank, é a dos países emerxentes, nos que grazas as ondas anteriores, se levaron a cabo enormes investimentos que ocultaron as súas dificultades económicas. Similar preocupación manifestou o economista xefe do Banco de Inglaterra Andrew Haldane.
O FMI no seu informe do mes de abril do presente ano, manifestou que “O crecemento potencial das economías desenvolvidas e emerxentes ó longo destes últimos anos, minguou. Nas economías desenvolvidas esta mingua comezou a principios dos anos 2000 e viuse agravada pola crise financeira mundial. Nas economías emerxentes, pola contra, non comezou ata o estalido da crise”. Contén ademais o devandito informe un mal presaxio que establece serias dificultades económicas para os próximos anos: “O crecemento da produción potencial pode aumentar lixeiramente nas economías avanzadas(...) pero, a medio prazo, se vai situar por debaixo das taxas anteriores á crise. Nas economías emerxentes, continuará baixando”.
A realidade é testana, e despois de moitos anos de crise, non se ve unha saída clara da mesma, agás as elucubracións de Rajoy e o PP; a Unión Europea ten enormes problemas, pola densidade da súa débeda, por ser moi dependente das exportacións e o desequilibrio comercial entre Alemaña e o resto da eurozona, que segundo expertos, pode levar a unha nova recesión.
Se sumamos a contracción económica de Brasil e Rusia, a desaceleración da economía China, que Xapón non atopa unha saída para o proceso deflacionario, que os chamados países emerxentes teñen graves problemas e que hai un perigo evidente na “normalización” da política monetaria dos EEUU, é dicir que se suban os tipos de interese, todos estes elementos e supoño que algúns máis, levaron hai uns días ó diario burgués por antonomasia de carácter económico, a sentenciar que neste período de crise, se deran dúas grandes noticias, unha “boa” e outra “mala”; a primeira que se evitara a catástrofe mundial sobre a base da baixada dos tipos de interese e a mala, moi relacionada ca anterior, que os gobernos e os bancos centrais, xa non tiñan medidas para enfrontarse a outra recesión.
E unha nova recesións non é descartable a causa das realidades máis arriba mentadas. E sentenciaba, subir os tipos de interese cos salarios polo chan e a inflación baixa, leva irremisiblemente a unha nova recesión.
Vista a situación, economistas burgueses como Larry Summers, antigo Secretario do Tesouro norteamericano, levan un tempo desenterrando xunto con outros, a vella tese de Alvin Hansen do “estancamento secular” elaborada na recesión dos anos trinta do século pasado, que xerou unha célebre controversia con Schumpeter. A realidade era que a recuperación iniciada no ano 1933, cúrtase radicalmente catro anos máis tarde sen que os economistas tiveran claras as causas e cando todo indicaba que o New Deal , a aplicación de determinadas receitas de Keynes do que Hansen era o máis destacado discípulo nos EEUU, conseguira supera-la situación de crise xeneralizada iniciada en 1929.
Hansen defendía, para comprender esta segunda recesión, que a economía capitalista desenvolvida tiña unha enorme capacidade de aforro a causa da súa estrutura corporativa, así como a desigual distribución dos ingresos persoais. Pero se non hai adecuadas oportunidades de investimento rendible, dicía, este aforro non se traduce na formación de capital o que permite un crecemento sostible, senón en menores ingresos, desocupación masiva e depresión crónica, situación que Hansen define co termo estancamento.
As causas da mingua de oportunidades de investimento había que buscalas segundo Hansen, en toda unha serie de problemas que se viñan producindo desde algúns anos antes; en primeiro lugar a fin da expansión xeográfica, interpretada nun senso global moi amplo; en segundo lugar a queda da taxa de crecemento da poboación; en terceiro unha tendencia por parte das novas tecnoloxías a usar menos capital.
Todos estes cambios facían que non existise unha importante demanda de investimento o que se traducía en que a grande capacidade de aforro do sistema producía o estancamento. Desta situación os EEUU van a saír co inicio da II Guerra Mundial, que permitirá unha etapa de expansión capitalista e non permitiu que a tese de Hansen se puidera confrontar ca realidade.
Schumpeter pola súa parte consideraba á teoría de Hansen como equivocada e afirmaba que o importante non era descubrir as causas da recesión dos anos trinta, senón coñecelas causas da curta recuperación que se iniciara en 1933 e que finalizou catro anos máis tarde y que esta situación era resultado de que moitos funcionarios aplicaban a lexislación do New Deal dun xeito anticomercial; existía en Norteamérica, aseguraba a causa do crac do 29, un ambiente “antinegocios”.
Larry Summers hoxe, xunto con outros economistas pregúntanse como tendo en conta os baixos intereses, os capitalistas non invisten, chegando a afirmar, aínda que dun xeito retórico, de que si o que pretenden é cobrar por investir.
Varias son as razóns, algunhas coincidentes con Hansen, que considera Summers levan a esta situación de estancamento. En primeiro lugar a mingua do crecemento da poboación, onde nos países centrais cada vez mingua máis a taxa de nacemento e @s xubilad@s, @s que non hai perspectiva de sacarlles plusvalor no futuro, aumentan. En segundo o cativo crecemento tecnolóxico pola nula capacidade da economía de absorve-lo conxunto de innovacións e polo tanto, forxar revolucións tecnolóxicas como en tempos pretéritos, aínda que se converteran en burbullas. En terceiro lugar, a mingua dos prezos dos bens de capital; sobre todo os de tecnoloxía informática, o que contribuiría a unha cativa acumulación ampliada ó investimento de capital. En cuarto lugar o incremento das desigualdades; cada vez os ricos son máis ricos e os traballadores máis pobres, dándose o paradoxo que o traballo asalariado non te libra da miseria, o que actúa dun xeito moi nidio sobre a demanda; a Lei de Say que foi demolida por Marx, dicía que en economía “toda oferta crea a súa propia demanda”. Summers considera que habería que cambiala pola “falla de demanda crea a falla de oferta”, ou dito de outro modo, “o estancamento secular xerará máis estancamento”.
Coñecendo un pouco da historia do capitalismo mundial e o papel xogado pola guerra como elemento básico para supera-los momentos de crise, a segunda guerra mundial é un exemplo moi claro, podemos establecer que con cada previsión de estancamento os estadounidenses conseguiron levar adiante conflitos armados que permitiron darlle un pulo moi importante á fabricación de armamento, Corea, Indochina, e no momento do afundimento das empresas tecnolóxicas, a de Iraq.
Non tentará o imperialismo saír da situación de crise, supera-la situación de estancamento actual,  cunha nova “guerra contra terrorismo”?.
Guerra e Tratado de Libre Comercio UE-EEUU, son entre outros, elementos esenciais para saír do “estancamento” no que segundo os economistas burgueses se atopa a economía; pero non pensemos que de levarse a cabo este programa, a recuperación económica de producirse, vai beneficiar a toda a sociedade; para a maioría o sufrimento e a explotación; para a minoría, para beneficio de quen se goberna, o aumento da súa riqueza.

En Galicia no mes de decembro de 2015.


1 comentario:

  1. Articulo moi completo, sin duda. No que se analizan as causas do estancamento económico ampliamente. Insistir no efecto da desigualdade creciente , unha das causas estudiadas por Summers. Na miña opinón, esa es precisamente a 'causa raíz' do estancamento en curso (para nada secular). O seu efecto na disminución da demanda, primeiro, e decisivo.De esa raiz, nacen y se desarrollan as outras causas: población menguante, tecnoloxia a baixa, etc. Dito de modo simple: ¿porque crece a desigualdade?. Pois, porque élites ecónomicas levan 3 décadas decidindo que e o moxo máis rápido y fácil de acumular riqueza e quitandolla aos que xa a teñen y no poden facer nada por impedilo (clase obreira). D. Fincher lle chama acumulación por desposesión. ¿Desde cando se produce ese tipo acumulación nos últimos tempos? Desde que élites perderón o medo. Desde a caida do Muro. A secuencia e imparable: venta de empresas públicas, destrucción Estado Social, despidos, rebaixas salarios y condiciones laborais,etc... O estancamento terminará cando as élites volvan a ter medo (ou desaparezcan). Saludos

    ResponderEliminar