A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 23 de noviembre de 2015

SOBRE OS ATENTADOS DE PARÍS



Carlos Dafonte

Os políticos das principais potencias do mundo, ó servizo das súas oligarquías, din despois dos brutais atentados de París, declararlle a guerra ó Estado Islámico.
Ou é un caso de estupidez, de confusión, de ofuscación ou son uns cínicos; eles, os de agora, os seus antecesores nos cargos que ocupan, e os antecesores dos seus antecesores, o imperialismo para dicilo con claridade, hai moito tempo que teñen declarada a guerra ós pobos do mundo. O que cambiou é que hoxe hai organizacións capaces de leva-lo terror as cidades dos centros imperialistas, como resposta ás agresións a países que eles consideran irmáns por ser musulmáns.

O acontecido en París, e antes en Londres, Madrid ou en calquera lugar que se teña producido ou cando se produza, ten que ser obxecto de condena, sen ningún tipo de dúbidas, pero a miña condena nunca vai ser igual, nin nos mesmos termos que a que fai un imperialista; eles tentan desvincular o que fan en determinadas áreas do planeta co que acontece despois nos seus países, neste caso Francia, e  non nos debemos deixar enganar pola campaña dos medios e as mentiras de determinados políticos cando nos din que os yihadistas o que queren cas súas accións é “poñer fin ó noso modo de vida”; non creo que pensen nelo cando cometen os seus atentados, o que queren é converter as nosas cidades no seu campo de acción como resposta ás brutalidades que o imperialismo comete a cotio en Palestina, Iraq, Siria, Iemen, Malí ou Libia, só por citar determinados países que atópanse hoxe nas primeiras páxinas dos medios informativos. As accións do imperialismo traen consigo a reacción destas organizacións, aínda que os gobernos dos países da UE nunca o recoñecerán, pois non están dispostos a ser considerados os culpables do sufrimento popular que os atentados e a violencia producen. Caso que pode ser un exemplo foi o atentado contra dos trens en Madrid, que o PP nunca asumiu que fora a resposta brutal, salvaxe, á fotografía das Azores e a intervención na invasión e a destrución de Iraq.
Pola mesma razón chaman a unidade, nun intento de afoga-las voces discordantes e ás que denuncian a realidade dos feitos. É un xeito de somete-la poboación a aceptar un “discurso único” do que  sacan sempre conclusións da necesidade de seguir intervindo en determinadas áreas do planeta e de recortar dereitos e liberdades no interior do país para combater a violencia, cando a realidade é que para os que están dispostos a morrer, ningunha lei ten un carácter disuasorio e seguir cas agresións só consigue que máis yihadistas se sumen á campaña de terror.
Estanse a enfrontar dous fanatismos, o que tenta implantar un estado rexido pola súa particular idea do islam e que utiliza a fanáticos para levar o terror, xa que pensan que matando infieis e morrendo no acto de facelo teñen gañada a felicidade eterna, e os que tamén están dispostos a matar dun xeito horrible, empregando napalm, bombas de fragmentación e munición enriquecida con uranio e todo tipo de armamento sofisticado sen importarlle se vai afectar á poboación civil, para levar adiante o seu devezo fanático de someter a todos os pobos as súas directrices e facerse cos recursos do planeta.
O curioso é que os países imperialistas e os seus aliados armaron, e o seguen a facer, ós extremistas relixiosos cando serven ós seus obxectivos, en Afganistán por exemplo, contra o exército soviético que entrou reclamado polo goberno lexítimo do país, ou en outro momento ós talibáns; como non lembrar a imaxe do presidente Reagan rodeado dos xefes talibán na Casa Branca ós que chamaba “os loitadores pola liberdade”. E máis recentemente, as fotografías da xira do senador MacCain, como representante dos EEUU e o seu presidente, e as xuntanzas que levou a cabo ca “oposición moderada”, iso dicían os medios de comunicación, en Siria, entre os que se atopaba o personaxe que meses máis tarde converteuse no “califa” do Estado Islámico. Que pactaron? Quen lles subministrou o armamento e os medios necesarios para facerse co dominio de extensos territorios en Siria? Tamén se programou poñer fin á rebelión popular contra ó réxime sirio, utilizando medios extraordinariamente violentos, por parte de sectores máis radicais do islamismo?.
Hai que recoñecer que o taboleiro político, relixioso e social desa zona é particularmente complexo, resultado do reparto que dous países imperialistas Francia e Grande Bretaña, fixeron dos territorios do Imperio Otomano poucos anos antes da súa derrota e desmembramento despois da I Guerra Mundial. Polo tratado de Sykes-Picot entre eles repartíronse os territorios e as súas zonas de influenza sen importarlles que se constituían países sen ningún tipo de homoxeneidade e as veces xuntando baixo un mesmo estado inimigos irreconciliables, como é o caso dos chiitas e sunnitas e para complicar máis as cousas, establecendo no mesmo territorio a kurdos que viron frustradas as súas aspiracións de constituír un estado e quedaron divididos entre Turquía, Irán, Iraq e Siria, algo fora de toda lóxica como non fora a dos imperialistas da época.

O IMPERIALISMO ELEMENTO FUNDAMENTAL DO PULO DO ISLAMISMO.
Este pulo do islamismo xorde, sen entrar nun antecedente moi importante como é a creacións dos Irmáns Musulmáns na década dos anos vinte do século pasado ca aspiración de constituírse en partido supranacional, do apoio dos EEUU, Grande Bretaña e Pakistán ó  movemento islamita radical encabezado por Osama ben Laden para expulsar ós soviéticos de Afganistán. A base “teórica” desa intervención era a de que un país de ateos, atacaba a un país musulmán. Ca retirada dos soviéticos e a volta a casa de milleiros de combatentes, muhaidines, de máis de sesenta países, constituíronse as primeiras estruturas de Al Qaeda, que axiña se enfrontan ós imperialistas, despois da Declaración do 23 de febreiro de 1986 onde se formula que occidente é inimigo do islám.
Outro erro importante do imperialismo foi a segunda intervención en Iraq, despois da destrución das torres xemelgas en Nova Iorque e a “guerra ó terrorismo” declarada por Bush fillo, que pon fin ó réxime do Baaz encabezado por Sadam Houssein, algo que non se fixo en tempos de Bush padre, na chamada “primeira guerra do Golfo”, cuxo gabinete tiña bastante maior capacidade de análise que o do fillo, posiblemente, e espero que se albisque a ironía, pola influenza do “estratego Aznar”.
Esta situación tivo como resultado que a clase hexemónica de Iraq, constituída fundamentalmente por sunnitas e o estado que actuaba ó seu servizo fose destruído, os sunnitas desprazados de todos os postos que ocupaban no exército, funcionariado, universidades, etc, e substituídos polos chiitas que son maioría. Pois ben, o espiñazo do Estado Islámico esta formado polos sunnitas iraquís, os do antigo Baaz, un partido laico que debe aproveitar dun xeito moi eficaz a realidade de como golpea a crise económica nos arrabaldes das grandes cidades de occidente, onde viven maioritariamente antigos emigrantes, cuxos fillos ou netos non teñen horizonte algún, discriminados a pesares de haber nacido no país polo seu cor de pel, nome e relixión, que se senten atraídos pola construción dun novo estado e dunha nova sociedade baseada no igualitarismo.
A presenza dos sunnitas iraquís no EI explica a rendición sen combate de numerosas unidades do exército iraquí con todo o armamento e o xeito tan fácil de facerse cos territorios de maioría sunnita en Iraq e tamén as dificultades para derrotalos, pois contan co apoio do 40% da poboación.
Por outra banda o Estado Islámico recolle tamén a frustración de numerosos sectores sociais de países maioritariamente musulmáns, que perciben que moitos anos de dominación do que se pode considerar “occidente” leva á miseria, á explotación dos seus recursos en beneficio de multinacionais foráneas e á la corrupción máis absoluta dunha “clase dirixente” posta no poder polas potencias neocolonizadoras.
Dáse pois nesa zona un cóctel explosivo formado polo enfrontamento secular entre chiitas e sunnitas, os primeiros apoiados por Irán e os segundo polas monarquías do Golfo e Arabia,  pero non sempre foi así, pois Sadam, sunnita, era inimigo das monarquías e de Irán e agora as monarquías apoian ó Estado Islámico e Turquía, país que pertence á OTAN, lle compra o petróleo a baixo prezo e permite ós seus combatentes pasar polo seu territorio, para enfrontarse ós kurdos sirios. Sobrevoando por enriba de todo isto unha rebelión popular contra o réxime sirio e o tema sempre presente do petróleo e o seu control.
Por outra banda o imperialismo xoga a varias cartas en Siria, apoia ós kurdos contra o réxime e contra o EI e tamén ás monarquías do golfo que apoian ó EI, posiblemente pola razón de que Obama segue a senda da creación do “Novo Oriente Próximo”, proxecto da época do segundo dos Bush, que explicou varias veces en público Condoleza Rice.
Nesas circunstancias tamén aparecen con máis forza  procesos de liberación nacional como o dos kurdos e enfrontamentos entre diferentes etnias e relixións, drusos, maronitas, iaziríes e a intervención última de Rusia, xogando o papel de “grande potencia” e tentando preservar a súa base estratéxica en Siria, a única con saída ó Mediterráneo. Teño tamén a impresión, que na situación de derrota dos EEUU despois das súas aventuras en Afganistán e Iraq, Francia tenta facerse co papel da “grande potencia” no Mediterráneo en momentos en que China e EEUU están penetrando en África dun xeito moi decidido.
A “guerra ó terrorismo” xa a declararon nas Azores Bush, Aznar, Blair e Durao Barroso e hai que recoñecer que a situación empeorou; só con bombas e intervencións militares non se vai solucionar nada como tamén se amosou despois da intervención en Libia aventura militar pulada polo presidente francés Sarkozy cuxo resultado é unha fronteira sur da UE máis insegura, inseguridade que tamén se estendeu os países veciños e o Sahel; o problema é político e hai que resolvelo con medios políticos, preferentemente.

A SITUACIÓN PARTICULAR DE FRANCIA
Francia viviu hai uns anos verdadeiras insurreccións en barriadas onde se asentaban franceses de “segunda clase”, fillos ou netos de emigrantes, pero franceses. Aqueles acontecementos deberon ser entendidos como un síntoma de que algo non andaba moi ben; pero o único que fixeron os gobernos do momento e os posteriores, foi utiliza-la policía e esquece-los temas da igualdade, liberdade e fraternidade; os gobernos, tanto dun cor como doutro, que actúan sempre igual, prefiren seguir a manter unha política intervencionista moi activa en Oriente Próximo e Medio e o Sahel, moi custosa e que vai ter unha resposta violenta dentro do país por parte de sectores marxinados, á alternativa de reforza-la educación, a integración de amplas capas da sociedade que sendo franceses non se senten como tales, que tampouco son islamitas radicais, como indica o perfil dos detidos e inmolados, pero que son presa fácil para unha propaganda ben construída que os conduce ó seu sacrificio e cara a barbarie. Francia ten un grave problema interno cunha parte importante da poboación que contribuíu ó desenvolvemento do capitalismo francés, unhas veces traballando nas colonias e a partires do fin da II Guerra Mundial na metrópole, cuxos fillos e netos non teñen perspectiva algunha dunha vida integrada no país e buscan a súa identidade na relixión maioritaria dos países de procedencia dos seus devanceiros e asumen como propios os enfrontamentos que Francia mantén cos países de maioría musulmá. Antes de pensar en destruír ó EI e meterse nun novo conflito de difícil saída, Francia debía decatarse de ter unha “fronte interna” moi perigosa que non vai solucionar só con medidas de forza dentro e fora; os que cometeron os atentados eran franceses, segundo os servizos secretos o autor intelectual tamén o era, o mesmo que os que atentaron contra a revista satírica hai uns meses; non son terroristas vidos de fora, nin que reciban ordes do exterior, os fabrica a propia sociedade francesa.
E se o imperialismo quere poñer fin a expansión do islam máis extremista que se lle enfronta, non debe xerar máis morte e afán de vinganza, debe destruír a súas fontes de financiación, a venda de armas, acosar os países que lle axudan, aínda que sexan os seus aliados e acabar cos paraísos fiscais, que branquean e converten o “diñeiro sucio” en diñeiro legal. Pero isto último é moi difícil, pois como xa se estudiou e documentou, unha parte importante deste diñeiro do crime, unha vez branqueado, entra nas economías dos estados imperialistas, sobre todo nos EEUU, e as axuda a manterse a flote.

En Galicia no mes de novembro de 2015
  

No hay comentarios:

Publicar un comentario