A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 16 de noviembre de 2015

QUE FEIJOO NON SE EQUIVOQUE: QUEIRA OU NON GALIZA NAZÓN.



Roberto Laxe

Feijoo, tentando barrer para a súa casa, ironizou coa presenza do ex Xefe do Estado Maior na listaxe de Podemos -se non me equivoco, non falamos dun xeneral de a pé, senón o terceiro na cadea de mando do exercito no seu momento: primeiro, o rei, segundo, o ministro de defensa, terceiro, o Xefe do Estado Maior- , dicindo "benvidos a España", referíndose, obviamente, a ANOVA e a Beiras, no concreto.
Feijoo fai ben en sacar a relucir as incongruencias da organización que, cando se constituíu AGE, situou o problema político no centro: Beiras foi o primeiro político institucional que recoñeceu a situación de "emerxencia social e nacional", e chamou á ruptura co réxime do 78. Para iso, e utilizando a Castelao e Bóveda, fronte ás criticas que lle fixeron desde o BNG, argumentou que nunha situación de "emerxencia", eles tamén pactaron coa Fronte Popular do Estado Español.

Fai pouco, nunha entrevista feita en Catalunya reafirmábase nesta liña, dicindo que se vivira en Catalunya votaría ás CUP.
Ate aquí, e dentro das diferenzas, todo correcto... Entón que demo fai "avalando" unha candidatura que acepta a OTAN, que respecta as bases ianquis, que admite a educación "concertada", que non cuestiona a relixión nas aulas, que leva meses manobrando para evitar que na Galiza houbera unha candidatura de esquerdas, ... Que xa non fala nin do réxime nin da monarquía.
É moi difícil entender que toda a teoría que deu orixe a AGE, apoiada en Castelao e Boveda, dera como resultado un pacto cunha organización do réxime como é Podemos.
Onde queda a situación de "emerxencia social e nacional", onde queda a ruptura co réxime, onde queda o voto ás CUP,... Que pasa, amigos e amigas de ANOVA; que pasa amigo Beiras, Galiza non ten dereito a ter unha organización rupturista, anticapitalista?
A candidatura promocionada por IuP, aínda que o BNG defenda a ruptura co Réxime, faino, como diría o outro, "os dias de festa"; porque o seu verdadeiro eixo é o do "grupo parlamentar" que agrupe a sectores da dereita burguesa galega (Coalición Galega, Terra Galega, e, ate un punto Compromiso por Galiza), nun acordo nacional sen un sentido anticapitalista, senón só nacional.
Esta candidatura non resposta aos interese da clase traballadora, senón a pon ao servizo de esos sectores da burguesía galega cara a conseguir un "lobbi" de presión no parlamento que saía das eleccións do 20D. Non ten no seu ADN a loita independente da clase traballadora, senón que esta subordinase a eses interese, que lle son alleos e contraditorios: a burguesía galega, aínda que sexa nacionalista, non deixa de seren propietarios de medios de produción, o que inclúe a forza de traballo contratada por eles.
Isto supón poñer á CIG, a organización sindical mais combativa da Galiza, ao carón de burgueses como os de Coalición Galega, Terra Galega ou Compromiso por Galiza, para construír umha nazón... Burguesa ou obreira. Que nazón queren construír?
Nesta tesitura, a clase traballadora galega, como ven sendo desde fai moito anos, fica orfa de organización política: uns pactando con versión PSOE.2, tan centralista como el, outros, pactando con burgueses galegos incapaces de recoñecer que só rompendo con "España" pódense desenvolver como clase dominante.
Nesta tesitura, os que consideren que existe unha terceira vía ha que xuntarse para retomar o fío vermello das experiencias da loita obreira galega (e internacional), do 72 e das folgas da transición; das 11 folgas xerais de estes anos de “Réxime do 78”, das loitas estudantís contra a LOU ou Nunca Máis. Que parta do feito de que na Galiza o 70% da súa poboaciòn activa é asalariada, son obreiros e obreiras, traballadores do naval e o metal, do mar, do comercio e a administración publica, da téxtil e da madeira... e que como clase teñen os seus interese propios, diferentes dos ex Xefes do Estado Maior e dos burgueses galegos, e unha alternativa propia, o anticapitalismo e o socialismo.
Feijoo equivocase se pensa que co xiro de ANOVA a loita polos dereitos nacionais da Galiza desaparece, 40 anos de franquismo con toda a súa represión non conseguiron domar á clase traballadora galega, e non o vai facer o amigo dos narcotraficantes. O invés, o xiro de ANOVA, e a política interclasista do BNG, clarifican a escena política e deixan a porta aberta ao xurdimento dunha organización verdadeiramente anticapitalista, socialista, na Galiza, que teña como eixo a loita contra o réxime do 78, que visualice a loita política mais alo do simple calculo electoralismo e o xogo de tronos polas listaxes, a ver quen encabeza as listaxes, sen que exista un debate político e programático de fondo.
Abrir o melón desta discusión e a organización de todas aquelas persoas que rexeitan os acordos cupulares e electoralistas dos últimos meses, poñendo no centro a mobilización social, a súa autoorganización e a súa coordinación, como único método de loita ao que se subordinan todos os demais, como as candidaturas electorais, é o que ha que facer.
Contactar, debater, coordinar e intercambiar experiencias é un primeiro paso para superar o fracaso, real, dunha confluencia que "entre todos mataron, e ela soa morreu".

En Galiza no mes de novembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario