A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 16 de mayo de 2016

O ACONTECER POLÍTICO NESTES MESES MERECE UNHA FONDA REFLEXIÓN



Carlos Dafonte

Dende o 20 de decembro do ano pasado, ata que foron convocadas novas eleccións a celebra-lo 26 de xuño, transcorreu un período rico en ensinanzas que non debemos desaproveitar por falla de reflexión.
A grande maioría dos medios de comunicación non foron capaces, como era o seu desexo e posiblemente a consigna recibida dende a propiedade dos mesmos, de forzar un pacto, ben arredor do PSOE ou do PP co obxectivo de reforza-lo bipartidismo, que sufriu un forte retroceso, e ó réxime. E hai que recoñecer que xogaron forte, tentando influír no pensamento da xente afirmando dende o primeiro momento, que non chegar a un acordo sería un fracaso de todos os políticos, “ca cantidade de problemas que están a sufri-los españois”; argumento moi feble, pois viña dicir que o feito de chegar a acordos, ía actuar como o “tónico de fierabrás” e os problemas se foran solucionar só por ese feito. Hoxe para a maior parte das cuestións económicas e das consecuencias que delas se derivan, non temos soberanía para darlles solución; as medidas veñen dadas dende a Unión Europea e case sempre contrarias ós intereses da maioría, e goberne quen goberne, a non ser que se enfronte á troika, ten que concretalas a nivel de estado.

Polo tanto, a rede de medios de información en mans da oligarquía, os seus periodistas e os tertulianos conxunturais, dende o primeiro momento convertéronse en oráculos, interpretadores do “que o pobo español quixo dicir” e deixando á marxe, como se non tiveran importancia algunha os programas electorais presentados, nin a memoria que por parte dos votantes ten o acontecido nos últimos corenta anos, tentaron que se realizara un novo fraude político-electoral, ademais do cometido polo PP pola súa financiación ilegal, e que se chegara a acordos que hoxe en día son moi difíciles, a non ser que algunha das forzas políticas engane a quen a votou.
Pois do mesmo xeito que Ana Botella descubriu que “unha cousa son peras e outra mazás”, se hoxe non hai goberno PSOE-Podemos-IU, é en primeiro lugar pola razón de que nas primeiras eleccións no que o bipartidismo sae debilitado, fortalecelo e mestura-los programas dun partido neoliberal, fiel seguidor das políticas da “troika”, asinante dos tratado de Maastricht e solicitante do voto afirmativo para a Constitución Europea, reformador con alevosía conxuntamente co PP, do artigo 135 da constitución, que aproba reformas laborais e de pensións indecentes, cunha política exterior imperialista, etc, cos de partidos con programas reformistas, non podía ser aceptado pola maioría dos seus votantes. Programa reformista por outra banda, moi difícil de levar adiante na situación actual do capitalismo, na que os mercados e os seus instrumentos, non están dispostos a facer concesión algunha como amosou o caso grego. Partidos reformistas que non tentan desborda-los marcos do réxime, pero a crise do mesmo é tan fonda, que Podemos e IU, sobre todo o primeiro, de non facer unha certa resistencia ó pacto, podería ter para súa imaxe e supervivencia, consecuencias demoledoras, como amosou o referendo feito entre os seus afiliados que non están de acordo con pactos co PSOE. Xa chegarán os tempos de pactar, deberon pensar os seus dirixentes, pero non se pode nin debe saca-la conclusión de que non haberá pactos “progresistas, “reformistas” ou de “esquerdas”; o título se adaptará ás necesidades de quen manda. En Galicia temos una experiencia moi nidia, cando unha parte reducida de EU fixo un “pacto de esquerdas” co PSOE dirixido por Francisco Vázquez, para as eleccións autonómicas de 1997. E esa consigna “pacto de esquerdas” foi repetida dun xeito unánime por todos os medios interesados en comeza-la demolición de IU. ¡¡O PSOE, do que Paco Vázquez era secretario xeral, era de esquerdas!!
En segundo lugar a necesidade de contar cos nacionalistas burgueses periféricos, que en tempos de crise, teñen maiores contradicións que en tempos de bonanza co nacionalismo centralista español, polo que asumiron dende hai un tempo dar un paso adiante esixindo o dereito a decidir como pobo, que nin o PSOE, nin PP, nin C's , o PP bis, están dispostos a aceptar, polo menos na conxuntura actual.
Había outro pacto posible, o de “todos sen careta”, o da dereita toda, a centralista, a progresista e a conservadora, e dicir, PP, PSOE e C’s, o PP bis, que daría estabilidade ó quefacer político por un tempo pero non solucións do xeito que reclama unha parte importante da poboación. Hai que recoñecer que sería hoxe, un suicidio político tanto para o PSOE como para C’s, o PP bis. Polo cal ata que non quede outra solución a “grande coalición” seguirá esperando tempos mellores.

A posición dunha forza de esquerdas nesta conxuntura.
Dende o meu punto de vista, ó mellor trabucado, unha forza de esquerdas que coñece perfectamente que só a loita institucional non conduce a cambios nas estruturas, poucos días despois do 20-D, tiña que lanza-la mensaxe ós asalariados e outras clase e fraccións de clase afectados pola crise, de “novas eleccións para seguir avanzando”, que debía concretarse nunha mobilización popular a todos os niveis, para explicar directamente á veciñanza o que estaba a acontecer e para fortalecer ideoloxicamente e organizar novos sectores e reforzar os xa organizados.
Pero a realidade, deixando claro que dende o meu punto de vista, un dos problemas políticos do estado español é a inexistencia dunha forza de esquerdas, foi que a suposta esquerda, refírome a Podemos e “confluencias” e IU, pecháronse entre as paredes do Congreso dos Deputados, e iniciaron unha frenética carreira de pactos e explicacións nos medios de información da oligarquía, onde era difícil coñecer que é o que pensaban cada un dos interrogados, moitas veces enmascarado todo o debate, por parte dos opoñentes, con medias verdades e falsidades. Co fácil que era, cando a xente modificou o seu voto e atópase envalentonada por dar un paso adiante que a libera do bipartidismo, facer actos polos arrabaldes, as saídas das fábricas, nas prazas dos pobos e cidades e explicarlles o que é evidente, que na democracia liberal, burguesa, onde moi pouco se vai transformar dende as institucións vale o mesmo ter 69 escanos que 53; ou pensan que dando o “surpasso”, é dicir obter mellores resultados que o PSOE, o van a obrigar a darlles un apoio para políticas de enfrontamento ca “troika”?. Que non se fagan falsos cálculos esta suposta esquerda, só haberá política reformista se hai ruptura ca UE e polo tanto co euro, verdadeiro “dogal” sobre a nosa economía. E para esa política de ruptura, o PSOE non vai dar apoio algún.
O que compre hoxe é organizar e debater a fondo cos sectores que están a poñer en cuestión o propio réxime, e non facer o contrario, levar a cabo unha actividade que os leva a pensar que por medio do voto e de acadar determinado número de escanos, se van solucionar os seus problemas; nunha situación como a actual do que se debía discutir, debater e levar á maioría dos votantes que queren modificacións fondas, é de organiza-lo dobre poder ou o contrapoder, como queiramos chamalo, e nesa perspectiva non se debe esquecer o obxectivo estratéxico, a transformación social.
A situación nestes catro meses transformárona, quen non debía facelo, en confusa. Basta un exemplo como son as declaracións dun deputado de Podemos na Comunidade de Madrid, cando en plena discusión con IU para ir xuntos para as próximas eleccións, afirma que Podemos e IU teñen programas e proxectos distintos e que o proxecto de Podemos coincide co que presenta el PSOE para as eleccións, non co do día seguinte das mesmas. O grave das mesmas é que seguro que é un voceiro autorizado, ninguén vai desmentilas, pero tamén que Podemos e IU van pactar sen ter un programa, elemento prioritario para chegar a acordos posteriores.

A situación do PCE e de IU.
Sempre se acusou, para enredar, a IU de ser un proxecto comunista, do Partido Comunista de España. E agora que se concretou o pacto Podemos-IU, algúns dos comentaristas e representantes de partidos reaccionarios, para desvirtualo o que pode significar que vai ter un efecto sobre o electorado evidente, descoñezo as razóns de tanto medo, lanzan a acusación de quitarse a careta e aparecer como o que son, un proxecto comunista.
O problema é o contrario, diante da desaparición na práctica do PCE, do proxecto comunista, do proxecto d@s asalariad@s, do proxecto de esquerdas no estado español, IU se desfai, desintégrase; o PC era a argamasa que permitía o funcionamento dun movemento tan complexo como era IU. Pero si hai algo certo é que dende o comezo da crise,  o PCE foi incapaz de liderar @s asalariad@s en primeiro lugar, e o resto de capas e fraccións de clase afectados e golpeados pola mesma; non tivo alternativa nin mobilizadora nin institucional, cecais por converterse na etapa do PSOE con Rodríguez Z  na presidencia, nun apéndice do mesmo. E nesas circunstancias IU non xogou papel algún, estivo desbordada polos acontecementos e en política non hai baleiros; de producirse, axiña o ocupa outra forza política, neste caso Podemos. Hai bastantes anos analizamos e chegamos á conclusión que o pacto de IU co PSOE, non lle facía desprazarse cara a esquerda, senón todo o contrario, desprazaba a IU cara a dereita e en segundo lugar que un PSOE dominante era a mellor garantía da inexistencia da esquerda no estado español.
Penso polo tanto, que é a política subsidiaria respecto do PSOE levada a cabo por IU nestes anos pasados, a que lle impediu que xogara un papel determinante nesta situación de crise, pero tamén a inexistencia, na práctica do PCE. Por iso neste blog temos a teima, dende hai anos,  da necesidade da creación do partido d@s traballador@s que a moita xente lle pode parece unha cuestión baladí, ou un “mantra” que repetimos constantemente, pero nas sociedades divididas en clases é determinante para establece-lo rumbo político. A clase obreira é a única obxectivamente interesada en poñer fin ó capitalismo, pois o proceso de acumulación realízase como consecuencia da explotación da forza de traballo, da extracción da plusvalía; só conseguirá librarse desta situación poñendo fin ó capitalismo.
A burguesía, as clases medias, teñen construído diferentes partidos, algunhas máis dun, ou expresan os seus intereses a traveso doutros; merece unha reflexión o feito que a maioría dos asalariados, que son sobre as súas costas como a burguesía tenta recupera-la taxa de ganancia, non conten co seu propio partido, que actúe dun xeito independente na defensa dos seus intereses como clase, unha vez que o PSOE pasouse dende o principio da transición “con armas e bagaxes” ó campo do neoliberalismo, e o PCE, parece se atopa en proceso de liquidación. Cas miñas verbas anteriores, non nego a existencia de partidos e organizacións políticas que tentan xogar ese papel, pero dende o meu punto de vista non deixan de ser embrións de algo moito máis forte, que máis cedo que tarde debe acontecer.

En Galicia no mes de maio de 2016


No hay comentarios:

Publicar un comentario