A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 16 de agosto de 2016

NO CAMIÑO, CARA Ó 25 DE SETEMBRO



Carlos Dafonte.

Feijoo adianta as eleccións para evitar que “as mareas” se poidan organizar adecuadamente; no fondo é un acto de febleza, lles teme, pensa que poden ter un avance considerable e sobre todo, aínda que non lle gañen as eleccións, lle poden facer perder a maioría absoluta e levar a cabo o tan comentado “sorpasso” sobre o PSOE, o que complicaría bastante a situación nunha etapa de especial debilidade do réxime.
Representan “as mareas” unificadas, despois da asemblea de Vigo, unha forza socialista, unha alternativa ó capitalismo e polo tanto é de esperar un enfrontamento ca maquinaria do euro, da troika, da débeda, da OTAN, co réxime? Estará disposta esta “marea” a enfrontarse á explotación da forza de traballo, é dicir, ós salarios de miseria, ás políticas de austeridade, ós contratos lixo, e o que significan as reformas laborais do PSOE e do PP?

Coñecemos que se levantou a casa polo tellado, comezouse elaborando regulamentos de Eleccións Primarias, Códigos Éticos e afirmouse moito que “¡¡¡Hai Marea!!!”, pídese que a xente se inscriba dun xeito individual no que vai ser un partido instrumental, hai candidato á presidencia da Xunta, pero non temos o máis importante, a “carne e o sangue” dese esquelete, o PROGRAMA, as respostas ás preguntas máis enriba formuladas.
Se lles exixe @s futur@s afiliad@s ó partido que dean un salto no baleiro e que se inscriban sen ter o máis importante, o que o debe diferencialo do resto das organizacións que van competir polos votos e os escanos, unha alternativa clara ás políticas levadas a cabo polo PP a nivel de estado durante estes catro anos, que en Galicia Feijoo impón aínda que non beneficien ós sectores produtivos e servizos tan importantes como sanidade e educación, e que conectan cas aplicadas polo PSOE na etapa de Rodriguez Zapatero na presidencia do goberno; é dicir as que impón a troika para que a saída da crise se produza dun xeito que beneficie ós máis poderosos económicamente e que o movemento obreiro non poida recuperarse en moitos anos, como unha forza fundamental no proceso de loita de clases e polo tanto, de cambio.
Ademais o Programa é básico para unha organización instrumental que se debe formar con moitos devezos diferentes; debía xoga-lo papel de se-la argamasa que unificase criterios; que fose elaborado pola maioría dos que se senten parte do proceso de cambio e servise para establece-los límites a todos os candidatos; e se a súa elaboración non se considerou fundamental algo non vai ben nese proxecto.
Quen pense que ó PP se lle derrota só con Eleccións Primarias abertas e Códigos Éticos esta trabucado, non ten feito unha análise moi realista da situación en Galicia, do que pensa unha parte importante da sociedade e da potencia do PP como organización.
Pero quen considere tamén, que se pode gañar as eleccións nunha sociedade desmobilizada e chegar ós 15 días de campaña a explicar o que todos van a explicar, PSOE e BNG, que hai que derrota-lo PP, que todos xuntos o podemos conseguir, pero sen que haxa unha alternativa clara que se teña levado con anterioridade á sociedade, alternativa mobilizatoria que implique que sectores importantes da sociedade deixen de ser “espectadores da acción” e se convertan en protagonistas da súa propia liberación, tamén esta trabucados.
Entendo que a explicación sobre a situación política, económica e social, hai que levala ata o fondo; a crise actual non é resultado de “malas políticas” e as receitas que aplican PP e PSOE, así como a antiga Converxencia i Unió e Esquerra Republicana en Cataluña, son a resposta dun sector da burguesía á crise. O que debe diferenciar a unha forza transformadora de outra que non o é, é que a primeira vai ó “fondo” da cuestión: a crise é sempre resultado dos procesos internos do sistema no que vivimos, son inevitables no capitalismo, produto das contradicións xeradas no  proceso de acumulación. Os outros nesta cuestión aseveran que a crise é resultado de “malas políticas”, as neoliberais, ocultan que estas son a saída que o capitalismo promove para supera-la crise, pero non son a xénese da crise, a crise é resultado das contradicións propias do sistema.
Os que falan de que foron as “malas políticas” as que nos levaron a esta situación, e prestixiosos Premios Nobel de Economía, que son citados constantemente apúntanse a esta análise; o que nos veñen a dicir é que dentro do capitalismo se poden facer outro tipo de políticas, as “boas”, que non leven á crise ó sistema económico e a sociedade e  que pola a súa aplicación, non teñan que sufrir sempre as maiorías sociais os efectos das mesmas, cuestión que non é certa. Sempre que o capitalismo sexa o modo de produción dominante nunha formación social, o que quere dicir que a burguesía é a clase dominante, haberá crise e serán os traballadores e outras clases explotadas quen a sufran con maior virulencia.
O capitalismo nesta situación ten a tendencia máis acusada á concentración do mesmo e a centralización, e neste senso o PP en Galicia foi un fidel instrumento ó servizo do capital, disposto a sacrifica-la poboación sobre a que di gobernar,  en beneficio dos estados do centro do sistema; comezando polas propias necesidades do capital español. Por iso a súa estratexia de rebaixa-lo teito autonómico e todo canto serva para reafirmarnos como un pobo diferenciado, como unha nación sen estado.
Polo tanto unha forza transformadora nun momento como o actual, cando formule un programa e o presente á sociedade, que non nego que debe ser reformista, tería pouca aceptación un programa que formulara o avance cara ó socialismo xa, o que non pode facer é non debater na sociedade que é necesario superar o sistema económico actual pois é o único xeito de que @s traballador@s asalariados e outras capas oprimidas da sociedade, a maioría social, a que produce a riqueza, comecen a liberarse da explotación.
Pero tamén para derrota-lo PP necesítase unidade, en primeiro lugar programática, e neste senso podemos preguntar, tod@s @s que integran A Marea pensan o mesmo sobre os problemas que sofre o pobo traballador galego e o xeito de solucionalos?; en segundo orgánica,  parece ser que se legalizou un “partido instrumental” cun prazo para a inscribirse; tod@s @s que van votar nas primarias fixérono no tempo establecido? E, alguén pode ter confianza en moitas das persoas que se presentan?. Cando un vota candidatos de partidos, coñece os seus programas, as actuacións nos diferentes ámbitos da vida política, social, institucional, ideolóxico, pero no caso de primarias abertas a unha parte dos candidat@s non se lles coñece pola súa actividade política, social, etc, se lles vota por “cuestión de fe”, sen coñecer moitas veces o que verdadeiramente pensan ou como actuaron no seu pasado. En terceiro de acción, unha vez conseguidos os resultados o día 25, hai que actuar e polo tanto dende hoxe @s votantes deben coñecer, segundo os resultados acadados, as alianzas que se van establecer no caso de que A Marea poda gobernar.
Se non hai “sorpasso” sobre o PSOE e posibilidade de goberno, vaise apoiar un candidato á presidencia da Xunta dese partido? Vaise reedita-lo bipartito, de nefasto recordo? Pénsase que no caso contrario o PSOE apoiaría políticas que enfrontasen co goberno central e a troika?.
Paréceme que neste proceso perdeuse moito tempo en cuestións secundarias e deixouse o principal para última hora; e as presas nestas cuestións nunca foron boas.

En Galicia no mes de agosto de 2016.






No hay comentarios:

Publicar un comentario