A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 6 de noviembre de 2017

O PROCÉS ENTRA NA ETAPA DEFINITIVA

Carlos Dafonte.

O conflito entre as institucións lexítimas de Cataluña e as forzas que apoian ó réxime, iniciou hai días unha nova etapa. Despois da suposta declaración da República e da independencia e digo suposta, pola razón de que nin quen a levaron a cabo, o Parlament, nin a cidadanía sobre as que ía ter unha maior repercusión, actuaron como se o feito se producira; non se aprobaron os decretos que debían estar preparados para a ocasión nin se arriou a bandeira do estado español. Como resposta prodúcesee a aplicación por parte do Goberno presidido por Rajoy, co apoio do Psoe e Ciudadanos, do artigo 155 que por non estar desenvolvido nin por lei nin reglamento, se pode estar aplicando cun alto grao de arbitrariedade; circunstancia que non ten moita importancia nin consecuencias xurídicas neste réxime, por esta-lo Órgano do Poder Xudicial, Tribunal Constitucional e Supremo así como a Fiscalía Xeral do Estado controlados polos partidos que tiveron o poder en todos estes anos desde a aprobación da Constitución e que nomean ós seus diferentes membros.

Esta situación xa moi complexa se viu agravada pola orde de prisión para o Vicepresident e sete Consellers de carácter incondicional, que vista a gravidade do feito xustifica, senón o estaba antes do auto da xuíza señora Lamela, que o President e catro Consellers se marcharan para a capital da UE para preservar así a parte das institucións intervidas polo Goberno e os seus aliados e poder levar adiante unha campaña de denuncia do que está a acontecer no Estado Español; que non é só a represión sobre os independentistas de Cataluña, tamén as modificacións no Código Penal, a Lei chamada “mordaza” e a utilización do Fiscal Xeral e o “tribunal especial” chamado Audiencia Nacional en miña opinión non para “facer xustiza”, senón con ánimo de vinganza para quen se opoña ó réxime. Unha especie de “aviso a navegantes”.

Unha etapa definitiva.
O encarceramento dos membros do Govern debe levarnos a diversas reflexións. En primeiro lugar si a Audiencia Nacional debe xulgar os presuntos delitos cometidos polos encausados. Este tribunal, herdeiro do Tribunal de Orde Público da época de Franco, entendo actúa contra delitos de terrorismo e narcotráfico, etc pero non para estes específicos de carácter político, pero en calquera caso conculca o establecido na Constitución de que toda persoa ten dereito a ser xulgado por un xuíz natural, non especial. Pero non debemos tampouco esquencer que é un Fiscal Xeral, nomeado polo goberno do PP, quen presenta a querela, e a xuíza acepta cando o que opinan numerosos xuristas é que debía renunciar e pasa-lo caso a un Tribunal ordinario e de Cataluña. Fiscal Xeral reprobado polas Cortes que en calquera outro país con democracia plena, debía ser cesado polo Goberno.
Unha segunda, é que posiblemente o Tribunal Supremo que ten que xulga-los membros da mesa do Parlament por estara “aforados”, non formule a cuestión como “rebelión”, o que se pode considerar como unha rectificación ó propio Fiscal Xeral o que debe ter unha inmediata repercusión sobre a situación dos presos políticos.
Puido o President frea-la aplicación do artigo 155, convocando eleccións autonómicas para decembro?. As opinións son contraditorias; abrumadoramente hai sectores dos medios hexemónicos que din que si, nun intento por facerlle cargar ó Govern con toda a responsabilidade dos acontecementos posteriores, pero outros opinamos o contrario, era lóxico que para facelo se obtiveran garantías de que de convocalas e disolve-lo Parlament, o PP, Psoe e Ciudadanos, non aplicarían o artigo 155; eran as garantías que lle exixía o Govern e que o Pp e os seus aliados non quixeron ofrecer. Sen garantías non as convocaron e como se pode apreciar garantías de actuar con xustiza e non cun sentimento de vinganza, moi poucas.
Centos de miles de persoas celebramos, en Cataluña dun xeito máis manifesto, tamén no resto do Estado, esta pseudo-proclamación da república que, se queira admitilo así ou non, é un novo cravo no féretro do réxime. Os anteriores, o comportamento da monarquía que levou a un rei a abdicar, a corrupción sobre todo no PP pero tamén no Psoe, a crise económica, o xeito como se gastou o diñeiro de tod@s en salva-los máis poderosos, a miseria en que as políticas neoliberais aplicadas inciden sobre unha parte da poboación, o 15 M e a denuncia do bipartidismo, o célebre “non nos representais”, o rescate da economía, sinatura do memorando e a intervención dos chamados “homes de negro”...
Como afecta ó réxime esta declaración e todo o procés, é algo que moita xente de esquerda non analiza e ante o que se pode considerar “unha chirigotada” que abre un período de incerteza, chaman a volver á orde establecido pola Constitución e as leis do réxime. Estas xentes se sitúan como defensoras do actual réxime e eu creo que ninguén que se considere de esquerdas pode defendelo, e no caso de Cataluña, por moitos agravios que os independentistas teñan feito as xentes da esquerdas, e os fixeron sobre todo aplicando políticas neoliberais e de austeridade determinadas pola “troika”, iso non debe levarlles a tomar posicións cercanas ó outro bando, os do 155, os do encarceramento por ideas e por accións que, en calquera caso, non se poden cualificar como se fixo por parte do Fiscal Xeral de “rebelión”, os que aplican sistemáticamente as mesmas políticas que os independentistas catalás.

A campaña contra as liberdades das nacións, en marcha
Os medios hexemónicos teñen unha consigna clara, non informar, senón desprestixia-lo proxecto soberanista centrándose na figura de Puigdemont en base a súa dobre estratexia, xudicial e política e levala a cabo desde Bruxelas a capital da UE e un dos centros políticos mundiais. Esa actitude se lle reprocha con numerosos insultos, cobarde, insolidario, que pola súa culpa atópanse presos @s outr@s compoñente do Govern etc.O único que amosan é a preocupación do réxime por esa dobre función que o Govern planificou, mártires na cadea por unha banda, denuncia política e argumentario por outra. Esquencen que é o President, cesado pola aplicación do artigo 155 da Constitución utilizado de “calquera xeito” e que no corazón da UE ten un labor político moi importante que levar a cabo, denunciar sistemáticamente o que está a acontecer no Estado Español en relación ás liberdades e os recortes das mesmas, a incapacidade do PP para negociar, deixando empodrecer ó longo destes anos un problema como o de Cataluña que si se atopa nese estadio é resultado da concepción neofranquista que o PP ten de España como Estado e que se aprecia, non se vai solucionar ca convocatoria e a celebración de eleccións o 21 de decembro.

O futuro pasa polas próximas eleccións?
Cataluña é unha nación articulada durante moitos anos arredor do “catalanismo”, onde tod@s tiñan o seu espazo, naceras alí ou non, agás casos excepcionais como o de Albiol, máximo dirixente do PP que se apresentou en Badalona e gañou a alcaldía cun programa xenófobo; pero pouco a pouco, e penso pola incapacidade para comprende-la situación e pensar que todos os problemas se resolven pola vía autoritaria, o que hoxe en día articula a unha grande parte dos catalás é o “independentismo”, digamos lembrando a Lenin “fase superior do catalanismo”. Por iso o PP non entende e parece que PSOE e Ciudadanos tampouco, o PSC debía entendelo, que non toda a sociedade que se mobiliza é independentista, pero é catalanista e ten un enorme respeto polas súas institucións e si pensaron que permitindo, si permitindo, que o Fiscal Xeral presente esa querela, xusto na Audiencia e a determinada xuíz, consiguen o efecto contrario de desmantelar o bloque que gañou as eleccións no 2015, posiblemente lle agregue novos votantes e o afortale.
Ós independentistas lle deron feito o programa, “a loita polas liberdades democráticas, a amnistía”, etc e o bloque do 155 que vai a presentar, máis Estatut, menos autonomía, castelaniza-los nen@s, programa dun Ministro de Educación...?
Que vai face-la esquerda, se existe en Cataluña? Aliarse con algún deste dous bloques? Coido que as xentes de esquerda deben presentar un programa no que estexan presentes como mínimo, a defensa dos valores republicanos, a loita contra as políticas neoliberais e de recortes, a defensa das liberdades e a apertura dun proceso constituinte.
Pero tamén é moi importante, do mesmo xeito que desde o Goberno e os seus aliados lle preguntaban a Puigdemont se declarara a independencia ou non e lle exixía unha resposta sinxela, un “si” ou un “non”, lle exixamos ó PP e tamén ós seus aliados na aplicación do 155, se están dispostos a acepta-lo resultados do día 21 de decembro; é moi fácil contestar, só teñen que dicir “si” ou “non”, pero que se expliquen, pois non está nada claro.
En calquera caso os independentistas se gañan as eleccións e teñen maioría absoluta teñen dúas opcións, seguir cara adiante dando por bo todo o actuado, ou rectificar e volver a propoñer unha negociación. O PP seguir co art 155, utilizando a violencia e escondéndose detrás do Fiscal Xeral ou aceptar agora sí, a negociación para atopar vías de encontro.

En Galicia no mes de novembro de 2017.

No hay comentarios:

Publicar un comentario