A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 12 de enero de 2018

AS ELUCUBRACIÓNS INCONSISTENTES DA "MENSAXE DE ANO NOVO" DE "M.RAJOY

Carlos Dafonte

Estamos dominados polo “pensamento único”; o discurso alternativo ó oficial é moi dificil que apareza na sociedade ca insistencia necesaria para que cre unha tendencia asentada; o debate ideolóxico está moi limitado e non se permite que as alternativas, por outro lado desorganizadas, cheguen amplos sectores sociais. Ven esto a conto pola razón de que hai poucos días o Presidente convocou unha rolda de prensa para destaca-los enormes logros do seu goberno no ano 2017 en materia económica e social. Unha grande cantidade de postos de traballo creados, nunca tantos afiliados á Seguridade Social, un crecemento económico adecuado para proseguir por esa senda trunfal e un só atranco para continuala: os problemas de Cataluña.

Non falou nada nin da pobreza infantil e enerxética que sofren numerosas familias, nin dos desafiunzamentos que se seguen a producir, nin do paro de longa duración de moit@s traballador@s, nin dos fogares onde ninguén traballa, nin do paro xuvenil, nin dos cidadáns e cidadás do estado español que emigraron no último ano, nin da calidade do emprego creado, nin como pensa pagar a enorme débeda pública que acumulamos, nin da desaparición da “caixa da Seguridade Social”, nin da perda de poder adquisitivo das pensións, nin da desigualdade salarial entre homes e mulleres que sitúa ó Estado Español no posto 106 do mundo.
De nada de iso falou “M.Rajoy” na súa intervención que parecía tentar convencernos de ter convertido ó país, nos anos que leva á fronte do goberno, na locomotora económica mundial e un exemplo a seguir para os países do centro do sistema capitalista.
Como non podía ser doutro xeito, os medios de comunicación hexemónicos destacaron a súa comparecencia e moi poucos discutiron os datos e as trampas que os mesmos encerran.
Como non quero que se me trate de pouco obxectivo, prefiro mencionar e poñer a discusión para @s lector@s diferentes informes que apareceron no transcurso dos meses pasados que indican a verdadeira situación na que vive unha parte importante da sociedade no territorio do Estado.
Un elaborado pola Unión Europea, dado a coñecer en novembro, que recolle a revista “Mientras tanto”, que amosa cifras sobre o estado español que contrastan ca irresponsable e que máis parecía propia dun atacado de alucinosis, situación descrita por “M.Rajoy”.
Realidade que nada ten que ver co acontecido nestes meses pasados en Cataluña e moito cas políticas tomadas polo goberno de Zapatero e continuadas polos de Rajoy que indican dúas cuestións fundamentais; en primeiro lugar que as medidas aprobadas nestes anos levan a facer máis desigual e insolidaria á sociedade e en segundo, que pensar que só crecendo se solucionan os problemas é mentira, o fundamental e un mellor reparto da riqueza producida, cuestión que con gobernos oligárquicos e neoliberais, aplicando determinadas políticas, nunca se vai conseguir. O que está por demostrar é que dentro do capitalismo se podan levar adiante outras políticas económico-sociais que permitan hoxe o proceso de acumulación, fundamental para o sistema. Se isto é así, o que debemos plantearnos é seguir pola senda da depauperación da maioría d@s traballadores, como ben formulou Marx hai moitos anos, ou buscar unha alternativa ó mesmo.

Diferentes informes sobre a situación española.
Para facer un balanzo do impacto negativo que sobre as diferentes poboacións tiveron as políticas que se pularon dende as institucións europeas nestes anos de crise, a Comisión Europea puxo en marcha o ano pasado, no mes de marzo, o denominado “Piar Europeo dos Dereitos Sociais” que ten por obxectivo analiza-la situación na que se atopa o “benestar” nos diferentes estados que compoñen a UE, e sexa unha chamada de atención sobre os déficits no mesmo.
Esta iniciativa tivo como resultado a publicación en novembro do ano 2017 do informe “Draft Joint Employement Report 2018”, onde se sinala unha situación “crítica” de España en termos do aumento da desigualdade e a pobreza: o 20% máis rico, gaña 6,6 veces máis que o 20% máis pobre.
O número de mozas e mozos, entre 19 e 24 anos, que abandonan os seus estudos antes de tempo é dos máis altos da UE, o 19%, apuntando a unha mingua global da renda familiar, un 8% menor que no ano 2008, mingua maior que a de Portugal que é do 6%.
Este documento reflite que o 28% da poboación do Estado atópase en risco de pobreza e exclusión e ademais, como as políticas que debía toma-lo Goberno para facer fronte a este gravísimo problema, ou non se toman ou son ineficaces. En calquera caso non se está a cumprir o aprobado polo Consello Europeo en xuño de 2010, que diante da grave situación que padecemos, na chamada “Estratexia 2020”, fixaba para España nese ano, un obxectivo de redución cuantitativa da pobreza entre 1.400.000 e 1.500.000 de persoas; está claro que este obxectivo non se vai cumprir e ó Goberno e a “M.Rajoy”, non lle preocupa en absoluto.
Outro dato moi importante que se destaca no documento de novembro e a tendencia ó alta do número de traballadores pobres, un 13,1 %, que a pesares de traballar un número de horas moi importante non chegan a fin de mes polos salarios de miseria que reciben. Tamén habería que engadirlle a esta situación á modificación á baixa do chamado salario indirecto polo deterioro de dous servizos fundamentais a causa da rebaixa dos seus orzamentos, como son sanidade e ensino.
Os salarios de máis de 4 millóns de familias, non acadan os 8.209 euros anuais e afecta a CCAA como Andalucía con máis do 30% de familias nesta situación, pero tamén por enriba do 30% a Castela A Mancha, Canarias, Extermadura.
Esta realidade convirte nunha falacia o que repite constantemente o goberno e os seus “palmeiros”, ese discurso oficial de que o importante é a suba do PIB e a creación de emprego, aínda que sexa con salarios de miseria e precario, para saír da crise.
Hai outro informe que é anterior, que vai na mesma liña do da UE, o da “Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social” no período 2008-2016 que conclue que nese período produciuse un aumento de 1.788.358 de pobres como resultado da aplicación do “indice AROPE”, que mide a probreza, a baixa intensidade no emprego e a privación material; pois ben no ano 2016 había 13.334.573 persoas, o 28,6 % da poboación en risco de exclusión social, 3,9 puntos máis que no ano 2009 e que confirma os datos da UE.
Con anterioridade Oxfan e UNICEF presentaron un informe hai uns anos, onde se destaca, a partires de datos de Instituto Nacional de Estatística (INE) que a probreza infantil é do 34,4 %, a segunda maior de toda a Unión Europea. Como nesta situación “M.Rajoy” pode pensar que nos vamos a tragar a versión dulcificada que nos dá da realidade deste país rescatado?.

As perspectivas económicas e sociais para os anos próximos non son boas.
O PIB sube cada vez máis pero se da o paradoxo de que as cidadás e cidadáns cada vez son máis pobres e sobre todo as primeiras. A pobreza se está a cronificar. Neste ano pasado segundo o FMI e o Goberno, o crecemento do PIB acadará un record, o volume de negocio do conxunto de nacións e rexións do Estado vai chegar a 1,14 billóns de euros, superando o anterior, no ano 2008 de 1,11 billóns. Pero esta recuperación da macroeconomía non se corresponde cunha mellora en paralelo, como sinala Eduardo Bayona, da microeconomía das familias que se viron afectadas por unha queda sen precedentes, nas condicións laborais e salariais, provocada polas reformas laborais dos gobernos na última década. Os datos oficiais da Axencia Tributaria indican como as rendas do traballo teñen descendido e o aumento das do capital.
Outra contradición que merece ser destacada é que hai máis emprego, pero menos traballo. “M.Rajoy” ten razón cando di que aumentan os contratos e créase emprego, pero minguan as horas traballadas na semá. Para este feito obxectivo resulta clave a precariedade do mercado laboral, onde se encadean máis de oito anos nos que a maior parte da horas traballadas á semá, son resultado dos contratos a xornada parcial, mentres as horas asignadas á xornada completa, aumentaron moi pouco nos últimos tres anos. No ano 2016 traballáronse menos horas á semá que no ano anterior, e no mes de marzo do 2017 traballáronse 609 millóns de horas, 70 millóns menos que no ano 2008.
Eurostat tamén ten unha visión non moi boa do que acontece, dando datos que non confirman as previsións de “M.Rajoy”. Por exemplo no ano 2016 se reduciu en 4 décimas a presión fiscal, ata ficar no 34,1 %, 7,2 puntos por debaixo da presión fiscal da eurozona. Tomáronse toda unha serie de medidas que teñen como resultado a queda da recaudación, que é unha medida política que beneficiou ós máis poderosos, cando somos un dos países máis endebedados do planeta e reducindo a presión fiscal, imos a aumenta-lo déficit estrutural e polo tanto non poderemos mingua-la enorme débeda que esta por enriba do 100% do PIB. E istes anos, era o momento para facelo, cando se producen as condicións para elo, con tipos de interese baixos, unha política monetaria laxa, cambio dólar-euro reducido, prezo do petróleo asequible e un grande número de turistas que compensan a queda do consumo interior. Non debemos esquecer que de toda a UE só dous países, Grecia e España teñen o “deficit descontrolado”. Pois ben o goberno só preocupado pola marcha das grande empresas, de permitirlles maiores beneficios neste “capitalismo de amiguetes”, perde oportunidades de tentar corrixir, en certa medida, a senda que nos leva ó precipicio, e para poder baixa-la presión fiscal ós máis ricos, recortou en prestacións para os desempregados, non aplicando a Lei de Dependencia, segundo datos do Ministerio faleceron dende 2012 máis de 200.000 dependentes que estaban en lista de espera, sen que se lles deran as axudas establecidas pola lei; nin tampouco se entrou a fondo no enorme fraude fiscal nin se corrixiron as listas de espera na sanidade pública e segue a haber un déficit de empregados púbricos no ensino, nin aumentou o suficinte as pensións...
Aínda que non me guste facelo, non é dificil coñecer como terminará o ano 2018: Con menor presión fiscal para @s máis poderosos economicamente, cun aumento cada vez maior da débeda con respecto ó PIB, co déficit fora de control, perdendo cobertura os desempregados, ca banca facendo a súa política especulativa pois coñece que cos cartos de tod@s subsanaremos a súa deficiente xestión, @s pensionistas seguirán perdendo capacidade adquisitiva, as mulleres seguirán discriminadas nos salarios, a caixa da SS seguirá deficitaria e aconsellarán facer planos de pensións privados, as listas de espera na sanidade aumentarán, asi como a pobreza, os dependientes seguirán esperando a aplicación dunha lei que non conta con orzamentos adecuados, os orzamentos na ensinanza se rebaixarán, aumentará o número de mozas e mozos que buscarán emprego fora, seguiremos rescatando ós concesionarios de autopistas e radiais, o debate sobre a reforma da Constitución seguirá paralizado, só alguén moi marxinal afirmará que a UE e a eurozona non son espazo democráticos...e un bo día “M.Rajoy” convocará unha rolda de prensa, cara a finais de ano, nos “felicitará as pascuas” e asegurará que todo marcha moi ben e que “España é un gran país”. Imolo permitir?.

En Galicia no mes de xaneiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario