A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 27 de enero de 2018

A "DITADURA" DOS XUÍCES: INDEPENDENCIA XUDICIAL E DIVISIÓN DE PODERES?


Roberto Laxe


Hai poucos días, e como agasallo do Nadal, a vice presidenta do goberno fixo unhas declaracións que viñeron confirmar o que é publico e notorio, a independencia xudicial no Estado español é unha entelequia. Dixo, literalmente, que "Rajoy tiña descabezado o soberanismo catalán". En que quedamos sra vicepresidenta, ou son os xuíces os que aplican a lei, ou é o sr Rajoy (e o seu goberno). Polas súas palabras é obvio que os xuíces son os que asinan as sentenzas... que escriben outros. E iso é todo, menos independencia xudicial.


A independencia xudicial, nun estado democrático burgués e na súa teoría política, é parte dun sistema de contrapesos de poder establecendo tres tipos de institucións para xestionalo; o lexislativo, o executivo e o xudicial. O primeiro elabora as leis, o segundo, como o seu nome indica, execútaas e o terceiro serve de control, na dobre dirección, do goberno á cidadanía, desta sobre o goberno a través das garantías democráticas.

Cada un deste tres "poderes" ou xestores encárnase en institucións concretas, parlamentos, gobernos e xuíces, independentes uns dos outros. Fronte á venalidad do poder no sistema feudal, esta estrutura institucional pretendía resolver os conflitos sociais pola vía pacifica.

O feudalismo e os estados absolutistas baseaban a súa riqueza na expoliación do excedente de produción por vía indirecta, a exacción forzosa de impostos e a ocupación militar de novos territorios. A base das súas relacións sociais de produción era a servidume, e o rei non era máis que "primus inter pares"; é dicir, o aristócrata / sr feudal máis poderoso, astuto ou ambas as cousas, que se impuña pola guerra ou a forza sobre os demais aristócratas.

No capitalismo a burguesía como clase inviste a relación; a súa riqueza provén da explotación directa, económica, da clase obreira, e na fase imperialista, pola dominación mundial do capital financeiro. Os traballadores e as traballadoras non son servos de ninguén, senón que venden "libremente" a súa forza de traballo por un salario. A forza mantena a burguesía para conservar o seu papel de clase explotadora, e para defenderse ou competir coas demais burguesías.

Para a burguesía a guerra non é o primeiro recurso para resolver conflitos, senón que "prefire" a paz, "dos cemiterios", en moitas ocasións, pero "paz", e os métodos democráticos para resolvelos. Necesita tranquilidade para mellor explotar á clase obreira, fonte da súa riqueza.

O voto é a súa principal ferramenta. O voto "censitario" é o que inicialmente instituiu-se na Gran Revolución Francesa, onde só podían exercela os homes, libres e propietarios, os burgueses (pequenos, medianos e grandes). A clase obreira, as mulleres e, por suposto, os escravos quedaban excluídos. Só despois de moitas loitas, foise conquistando o sufraxio universal.

A través do voto fan o que os aristócratas facían coa guerra permanente, resolver os conflitos entre as faccións da clase dominante. A independencia xudicial ten como obxectivo inicial intervir nestes conflitos sen decantarse por ningunha das fraccións burguesas... pacíficamente; sen ter que recorrer a "piolines" nin militares.

Pero o Estado español pola súa conformación histórica é unha excepcionalidade no mundo occidental. Unha burguesía nacional moi débil incapaz de facer a súa revolución, e que para afirmarse como clase dominante no Estado recorreu á violencia máis salvaxe do fascismo, xunto cunha aristocracia moi decadente, arruinada e ideolóxicamente putrefacta (o nacional catolicismo), que perviviu pola debilidade da primeira. O desenvolvemento burgués só arraigou en dúas nacións que tampouco foron capaces de constituírse como nacións independentes, Pais Vasco e Catalunya. Galiza neste terreo ten unha especificidade que a fai ser un territorio cualificado por algúns de "colonia interior", unha burguesía cipaia, sumisa ao poder central.

As palabras da Vicepresidenta resumen esta excepcionalidade, a incapacidade do réxime do 78 para establecer uns mínimos democráticos, de independencia xudicial; é a "maldita" herdanza do franquismo. Para os seus herdeiros, o "imperio da lei" aplicada polos xuíces que eles mesmos pon, é o máximo de democracia. Esquecendo que todo réxime, sexa ditadura ou non, baséase no "imperio da lei"? ... da súa Lei.

A "maldita" herdanza do franquismo

O "procés" catalán é a crise do réxime do 78 destapando os seus "pecados orixinais". Non é, como dixo Pablo Iglesias, que haxa "espertado" ao fascismo; senón que froito de como se fixo a Transición, "o dragón" estaba disfrazado nas institucións que herdou, ás que os partidos da "esquerda" dotara dun halo democrático.

O poder xudicial, coa xefatura do estado e as forzas de seguridade, quedaron intactos. Os xuíces franquistas que emitían sentenzas contra antifranquistas tanto nos tribunais ordinarios como os especiais (TOP), que eran parte das "magistraturas de traballo" falanxistas, etc., seguiron nos seus postos. Pero non só foron os xuíces franquistas os que conservaron as súas prerrogativas, senón que a mesma estrutura xudicial, baseado como en toda ditadura na existencia de tribunais especiais, para delitos políticos, mantívose, transformándoa.

O mesmo día (4 de xaneiro de 1977) en que se suprimía o Tribunal de Orde Publico, sucesor do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo, creouse a Audiencia Nacional, para xulgar delitos "especiais" de narcotráfico, terrorismo,... e "determinados" delitos "contra a Coroa ou membros de Gobernos". É, queiran ou non, un tribunal especial, político, incomprensible nunha democracia burguesa, que se basea na unidade xurisdicional.

Posteriormente creouse o Tribunal Constitucional, cuxo obxectivo é garantir a constitucionalidade das actuacións dos gobernos, etc. etc. Con el crearon outro novo tribunal especial, posto que dada a singularidade da Transición Española e a Constitución que xerou, onde se certificou a derrota sufrida pola clase traballadora e os pobos no 36, non pode ter outro carácter que ser outra xurisdición política; destinada á tarefa inquisitorial, non de defender as garantías democráticas, senón de establecer as fronteiras do réxime: do que é "réxime" e o que se sitúa por fóra, por tanto "ilegal" e perseguible pola Audiencia Nacional.

Se a iso sumámoslle que os membros do chamado "goberno" dos Xuíces, o Consello Xeral do Poder Xudicial, son nomeados polo poder lexislativo, 10 o Senado, 10 o Congreso; atopámonos cunha armazón de xurisdicións onde os tribunais especiais, para perseguir delitos políticos, teñen un papel central.

Esta é a "maldita" herdanza do franquismo que fan do réxime do 78 un réxime onde os mínimos democráticos están baixo mínimos, sempre vixiados por uns tribunais herdeiros dun réxime que se baseou na represión indiscriminada. A disolución deses tribunais especiais (TC e Audiencia Nacional), así como a depuración dos xuíces franquistas e neofranquistas, convértese nunha esixencia para poder defender os dereitos da clase obreira e os pobos.

En Galiza, no mes de xaneiro de 2018




No hay comentarios:

Publicar un comentario